Había unha vez, hai moitos anos, un león chamado Kandinga. Era o león máis poderoso e tamén o máis malvado. A súa maldade era tal que chegou a devorar os seus amigos para saciar a fame. Por iso, quedou só. Os seus amigos, a súa muller e os seus fillos abandonárono.
Un día, mentres Kandinga durmía á sombra dun baobab, apareceu a lebre, que, ao velo en tan penoso estado, díxolle: –Que che pasa, amigo Kandinga? Véxote triste e fraco. –Si, estás no certo. Levo dúas semanas sen comer –contestou o león. –Que raro! –replicou a lebre–. Ti es o Rei de toda a xungla. Non entendo por que che falta comida. –Tes razón! –contestoulle Kandinga, adulado–. Pero coa miña sona, en canto me ven os demais animais, foxen correndo. Eu xa non son o veloz cazador que fun na miña xuventude; agora vou vello, teño sarna, reuma e non me movo coma antes... –Non te preocupes, Kandinga –díxolle a astuta lebre para acougalo–. Se queres, pódoche axudar a cazar. Traereiche aquí mesmo todos os animais que desexes. Só terás que cazar dous ou tres deles e teremos carne dabondo. Mais tes que prometerme que a compartirás comigo.