1
A conserveira Paradise En Ayemenem, maio é un mes caloroso e melancólico. Os días son longos e húmidos. O río achícase e os corvos negros fár tanse a comer nas mangas coloridas que colgan das árbores quedas, dun ton verde poeirento. As bananas vermellas maduran. As xacas rebentan. Uns moscóns disolutos zoan sen rumbo no aire afroitado. Logo, quedan sen sentido ao bater contra os cristais limpos dunha xanela e espichan, atordados en toda a súa voluminosidade baixo os raios do sol. As noites son claras, pero están anegadas de galbana e dunha expectación taciturna. No entanto, a comezos de xuño, estala o monzón do suroeste e inícianse tres meses de vento e de auga con breves episodios dun sol intenso e refulxente que as nenas e os nenos, cheos de entusiasmo, tentan aproveitar para xogar. A tonalidade do campo transfórmase nun verde obsceno. Os lindes esvaécense ao prenderen e xermolaren as sebes de man dioca. As paredes de ladrillo póñense da cor verde da carriza. As pementeiras gabean polos postes da luz. As enredadeiras silvestres irrompen nos terrapléns de laterita e espállanse polos
11
camiños asolagados. As barcas navegan polos bazares. Nos charcos que enchen as fochas das estradas indias, responsabilidade do Servizo de Obras Públicas, aparecen peixiños. Cando Rahel volveu a Ayemenem, chovía. Uns fíos prateados e oblicuos daban lategazos ao impactar contra a terra solta e levantábana coma se fosen disparos. A casa vella do outeiro lucía o tellado de dúas augas, cunha pronunciada pendente, coma se se tratase dun sombreiro apoiado nas orellas. As paredes, con vetas de carriza, tornaran moles e curváranse un pouco por mor da humidade que ascendía do solo. O xardín salvaxe e descoidado estaba ateigado dos murmurios e das carreiras de pequenos seres. Entre a maleza, unha cobra rateira fregábase contra unha pedra relucente. Unhas esperanzadas ras boi amarelas cruzaban o estanque cuberto de verdello na procura dunha parella. Unha mangosta enchoupada atravesou nun abrir e pechar de ollos a pista da entrada, que estaba soterrada baixo follas. A casa parecía baleira. As portas e as xanelas estaban pechadas. O soportal da entrada, deserto. Nel non quedaba moble ningún. A pesar de todo, o Plymouth azul celeste con aleróns cromados aínda estaba aparcado fóra, e Nena Kochamma seguía vivindo no interior da vivenda. Era a tía avoa máis nova de Rahel, a irmá pequena do seu avó. En realidade, chamábase Navomi, Navomi Ipe, pero todo o mundo lle chamaba Nena. Convertérase en Nena Kochamma cando tivera idade para ser tía. Así e todo, Rahel non fora alí para visitala a ela. Nin a sobriña nin a tía avoa pequena se enganaban con falsas ilusións. Fora para visitar o seu irmán, Estha. Eran xemelgos fraternais. Os médicos chamábanlles «dicigóticos». Naceran de óvulos independentes
12
que foran fecundados ao mesmo tempo. Estha (Esthappen) leváballe dezaoito minutos. Estha e Rahel nunca se pareceran moito, así que xamais, nin sequera cando eran unhas minchas cos brazos fracos, co peito liso, cos intestinos asolados de lombrigas e cun topete ao máis puro estilo de Elvis Presley, suscitaran o típico «Quen é quen?» ou «Cal é cal?» entre parentes con sorrisos esaxerados nin entre os bispos sirios ortodoxos que tan a miúdo visitaban a casa de Ayemenem para pedir donativos. A confusión mantíñase nun plano máis íntimo e secreto. Naqueles primeiros anos amorfos nos que a memoria non fixera máis ca empezar, nos que a vida estaba chea de Comezos pero non había ningún Final, e nos que Todo era Para Sempre, Esthappen e Rahel pensaban en si, no seu conxunto, como «Eu», e en cada cal por separado, individualmente, como «Nós». Coma se fosen unha rara especie de irmáns siameses, separados dende o punto de vista físico pero con identidades compartidas. Agora, anos despois, Rahel lembra que unha noite espertou rindo polo divertido soño de Estha. Tamén alberga outros recordos que non ten dereito a gardar. Acórdase, por exemplo (malia non estar presente durante o sucedido), do que lle fixo a Estha o Home da Laranxada e da Limoada nos cines Abhilash. Recorda o sabor dos bocadillos de tomate, os bocadillos de Estha, os que comeu Estha no tren correo rumbo a Madrás. E estas miudezas non son máis ca as pequenas cousas. De todos os xeitos, agora pensa en Estha e en Rahel como Eles, porque, por separado, xa non son o que eran nin o que pensaban que serían.
13
Xa non queda nada diso. Agora, as súas vidas teñen un tamaño e unha forma. Estha e Rahel teñen cadansúa vida. Nos seus horizontes individuais apareceron Divisións, Fronteiras, Lindes, Raias e Límites coma unha banda de trasnos. Criaturas pequeneiras con sombras alongadas, de patrulla polos Difusos Confíns. Debaixo dos ollos asentáronselles unhas sutís medias lúas, e xa chegaron á idade que tiña Ammu cando morreu. Trinta e un. Non son vellos. Nin novos. Así e todo, teñen unha idade na que a morte é factible. Estha e Rahel por pouco nacen nun autobús. O coche no que Baba, o seu pai, levaba a Ammu, a súa nai, ao hospital de Shillong para dar a luz avariouse na sinuosa estrada que atravesaba as plantacións de té de Assam. Saíron do coche e pararon un autobús de Transporte Público acugulado de xente. Unhas cantas persoas que ían sentadas, movidas por esa estraña compaixón que sente a xente moi pobre pola que, en comparanza, ten unha vida acomodada, ou quizais porque viron o embarazadísima que estaba Ammu, fixéronlle sitio á parella e, durante o resto da viaxe, o pai de Estha e de Rahel tivo que termar da barriga da súa nai (cos bebés dentro) para impedir que se abanease dun lado para o outro. Iso foi antes de que se divorciasen e de que Ammu regresase a Kerala. Segundo Estha, se nacesen alí, poderían viaxar de balde en bus durante o resto das súas vidas. Non estaba claro de onde sacara esa información nin por que sabía ese tipo de cousas, pero os xemelgos albergaron durante anos un lixeiro resentimento
14
cara ao seu pai e á súa nai por roubarlles unha vida enteira de viaxes gratuítas en autobús. Tamén crían que, se morrían nun paso de peóns, o Goberno había sufragar os seus funerais. Tiñan a firme impresión de que esa precisamente era a finalidade dos pasos de peóns. Funerais de balde. Emporiso, como era de esperar, en Ayemenem non había ningún onde puidesen morrer; é máis, nin sequera os había en Kottayam, a vila máis próxima, aínda que si que tiñan visto algún pola fiestra do coche de camiño a Cochín, que estaba a dúas horas de alí. O Goberno nunca sufragou o funeral de Sophie Mol, porque ela non morreu nun paso de peóns. A cerimonia celebrouse na igrexa vella de Ayemenem, que lucía unha nova capa de pintura. Era a curmá de Estha e de Rahel, a filla do seu tío Chacko. Fora alí de visita dende Inglaterra. Cando morreu, Estha e Rahel tiñan sete anos. Sophie Mol estaba para facer os nove. Enterrárona nun cadaleito especial de tamaño infantil. Forrado de satén. Con lustrosas asas de latón. A nena xacía na caixa, cos seus pantalóns de campá amarelos de tecido sintético, cun lazo no pelo e con aquela mochila «Made in England» á última moda que tanto lle gustaba. Tiña o rostro pálido e engurrado coma os dedos dun dhobi de estar tanto tempo na auga. A congregación reuniuse derredor do cadaleito, e a igrexa amarela encheuse duns cantos tristes e inflamados coma unha gorxa. Os sacerdotes, con barbas rizas, puxéronse a abalar botafumeiros colgados de cadeas e non lle sorriron en ningún momento á rapazada como farían se fose un domingo normal.
15
As candeas alongadas do altar estaban tortas. As chatas non. Unha señora que se facía pasar por unha parente afastada (a quen ninguén recoñeceu) pero que se deixaba ver a miúdo nos funerais, de carón dos cadáveres (unha adicta aos funerais?, unha necrófila latente?), botou auga de colonia nunha boliña de algodón e, cun ademán devoto e lixeiramente desafiante, pasoulla a Sophie Mol pola testa. Sophie Mol ulía a auga de colonia e a madeira de cadaleito. Margaret Kochamma, a nai inglesa de Sophie Mol, non deixaba que Chacko, o pai biolóxico da cativa, lle pasase o brazo polos ombreiros para consolala. A familia estaba toda apiñada. Margaret Kochamma, Chacko, Nena Kochamma e, á súa beira, a súa cuñada, Mammachi, a avoa de Estha e de Rahel (e tamén de Sophie Mol). Mammachi estaba practicamente cega e sempre levaba lentes escuras cando saía da casa. As bágoas escorregábanlle dende detrás delas e tremíanlle na queixada coma se fosen pingas de chuvia no bordo dun tellado. O seu sari marfileño amidonado facíaa parecer pequena e enfermiza. Chacko era o único fillo de Mammachi. Á vella causáballe tristura o seu propio dó, pero o do seu fillo desolábaa. Aínda que a Ammu, a Estha e a Rahel se lles permitiu asistir ao funeral, tiveron que poñerse á parte do resto da familia. Ninguén lles dedicou nin unha mirada. Na igrexa ía calor, e os bordos brancos das calas rechumíronse e encaracoláronse. Unha abella morreu dentro dunha flor do cadaleito. A Ammu tremíanlle as mans, e o seu libro de cánticos secundaba o estremecemento. Tiña a pel fría. Estha, medio durmido e cos ollos doridos e refulxentes coma o cristal, non saía do lado dela e apertaba a súa candente
16
meixela contra a pel núa do brazo trémulo co que a súa nai agarraba o libro de cánticos. En cambio, Rahel estaba ben esperta e mantíñase alerta dun xeito implacable, malia que se sentía fraquear por mor do esgotamento que lle estaba provocando a batalla contra a Vida Real. Reparou en que Sophie Mol estaba consciente no seu funeral. A rapaza ensinoulle a Rahel Dúas Cousas. A Primeira Cousa foi a alta cúpula da igrexa amarela, que tamén se pintara había pouco e que Rahel nunca se parara a contemplar dende dentro. Estaba pintada de azul, coma o ceo, cunhas nubes pasaxeiras e cuns avións de reacción diminutos e sibilantes, seguidos de ronseis brancos que se entrelazaban coas nubes. Tamén é certo (é de xustiza mencionalo) que lle sería máis doado reparar nesas cousas se estivese tombada nun cadaleito e mirando cara a arriba ca alí sentada nos bancos, arrodeada de cadrís tristeiros e de libros de cánticos. Rahel pensou na persoa que se molestara en subir alá con latas de pintura (branca para as nubes, azul para o ceo e prateada para os avións), con pinceis e con disolvente. Imaxinou alí arriba un home, alguén coma Velutha, espido e resplandecente, sentado nunha táboa, colgado da estada instalada na elevada cúpula da igrexa, pintando avións prateados nun ceo azul eclesiástico. Pensou no que pasaría se rompese a corda. Imaxinouno caendo, coma se fose unha estrela escura do ceo que el mesmo creara. Imaxinouno tirado sobre o chan quente da igrexa, aniquilado, namentres un fío de sangue escuro lle escapaba do cranio, coma un segredo.
17
A aquelas alturas, Esthappen e Rahel xa aprenderan que o mundo tiña outras maneiras de aniquilar os homes. Xa sabían como ulía cando iso pasaba. Era un cheiro doce vomitivo. Coma rosas vellas na brisa. A Segunda Cousa que Sophie Mol lle mostrou a Rahel foi a cría de morcego. Durante o servizo do funeral, Rahel observou como un pequeno morcego negro agatuñaba polo caro sari para funerais de Nena Kochamma, valéndose dunhas garras encurvadas coas que se enganchaba con delicadeza ao tecido. Cando chegou ao lugar entre o sari e a blusa, a súa ondulación da amargura, o seu ventre nu, Nena Kochamma soltou un berro e púxose a mallar no aire co libro de cánticos. Entón, detívose a melodía para darlle paso ao «Quefoi? Quepasou?» pertinente, acompañado do peludo zoar dunhas ás e das correspondentes sacudidas do sari. Os tristes sacerdotes deron en pasar os dedos, adornados con aneis de ouro, polas súas barbas rizas, coma se, de súpeto, estivesen cheas de teas tecidas por unhas arañas ocultas. A cría de morcego botou a voar cara ao ceo e converteuse nun avión de reacción que non deixou ao seu paso ningún ronsel entrelazado. Rahel foi a única que reparou no pinchacarneiro secreto de Sophie Mol no cadaleito. Despois, retomouse a triste melodía e cantouse o mesmo verso triste dúas veces. Así, a igrexa amarela volveuse encher de voces inflamadas coma unha gorxa. Cando baixaron o cadaleito de Sophie Mol para metelo no burato do pequeno camposanto que había detrás da igrexa,
18
Rahel sabía que aínda non estaba morta. Sentiu (polos oídos de Sophie Mol) os suaves sons da lama vermella e os fortes da laterita laranxa que estragaba o puído lustroso do cadaleito. Sentiu os ruídos xordos a través da madeira puída da caixa, a través do seu forro de satén. As voces dos tristes sacerdotes amortecidas pola lama e pola madeira. Nas túas mans, Pai de bondade, confiamos a alma da nosa nena, que nos marchou, e entregámoslle o seu corpo á terra; a terra á terra, as cinzas ás cinzas, o po ao po. Baixo a terra, Sophie Mol berraba e esgazaba o satén cos dentes. Porén, os berros non se oen a través da terra e da pedra. Sophie Mol morreu porque non podía respirar. O seu funeral matouna. O po ao po ao po ao po ao po. Na súa lápida poñía: «Unha raiola de sol que nos iluminou moi brevemente». Máis tarde, Ammu explicoulles que «Moi Brevemente» quería dicir «Moi Pouco Tempo». Tras o funeral, Ammu volveu levar os xemelgos á comisaría de Kottayam. Xa coñecían o lugar. Botaran alí boa parte do día anterior. Como prevían o forte e penetrante fedor a mexo rancio que impregnaba as paredes e os mobles, apertaron ben as ventas do nariz antes de que comezase o cheiro. Ammu preguntou polo xefe da policía e, cando a levaron ao seu despacho, contoulle que se cometera un erro terrible e que quería facer unha declaración. Pediu ver a Velutha.
19
Os bigotes do inspector Thomas Mathew rebulían coma os do amigable maraxá que simbolizaba a compañía Air India, pero a súa mirada desprendía malicia e cobiza. –É un pouco tarde de máis para que me veña con estas, non lle parece? –protestou. Falaba o rudo dialecto do malaialam propio de Kottayam. Mentres ladraba, fitaba os peitos de Ammu. Díxolle que a policía xa sabía todo canto tiña que saber e que na comisaría de Kottayam non se lles tomaba declaración a veshyas nin á súa prole ilexítima. Ammu respondeulle que xa se vería. O inspector Thomas Mathew rodeou o escritorio e achegouse a Ammu coa porra. –Se eu estivese no teu lugar –ameazouna–, marcharía para a casa caladiña. Logo, deulle uns golpiños nos peitos coa porra. Con suavidade. Pim, pim. Coma se estivese escollendo mangas dunha cesta. Sinalando as que quería que lle empaquetasen e entregasen. O inspector Thomas Mathew parecía saber con quen podía meterse e con quen non. Os policías teñen ese instinto. Detrás del, un taboleiro vermello e azul rezaba: Paciencia Obediencia Lealdade Intelixencia Cortesía Insistencia Amabilidade
20
Cando saíron da comisaría, Ammu estaba chorando, así que Estha e Rahel non lle preguntaron que quería dicir veshya. Nin tampouco ilexítima. Era a primeira vez que vían chorar a súa nai. Non saloucaba. A súa cara permanecía impertérrita, pero as bágoas anegábanlle os ollos e esvarábanlle polas ríxidas fazulas. Ao vela así, os xemelgos gañaron medo. As bágoas de Ammu facían que parecese real todo o que até daquela semellara irreal. Volveron a Ayemenem en autobús. O revisor, un home enxoito que ía vestido de caqui, dirixiuse á familia agarrándose ás barras do autobús. Apoiou as osudas cadeiras no respaldo dun asento e apertou o perforador de billetes cara a Ammu. «Onde van?», semellaba dicir o clic. A Rahel chegáballe o cheiro do feixe de billetes de autobús e o olor acre das barras de aceiro do vehículo que desprendían as mans do revisor. –Está morto –bisboulle Ammu–. Mateino. –A Ayemenem –dixo Estha enseguida, antes de que o revisor perdese os nervios. O neno colleu o diñeiro da carteira de Ammu. O revisor deulle a el os billetes. Estha dobrounos con tento e gardounos no peto. A continuación, rodeou cos brazos miúdos a súa ríxida nai, que se desfacía en lágrimas. Dúas semanas despois, Devolveron a Estha. Ammu tivo que mandalo de volta co seu pai, que naquel entón xa deixara o seu solitario traballo nas plantacións de té de Assam e se mudara a Calcuta para traballar nunha empresa que producía negro de carbón. Casara de segundas, deixara a bebida (máis ou menos) e só tiña recaídas de cando en vez. Estha e Rahel non se viran dende aquela.
21
Entón, vinte e tres anos despois, o seu pai acababa de volver Devolver a Estha. Mandárao de volta a Ayemenem cunha maleta e cunha carta. A maleta estaba chea de roupa nova e elegante. Nena Kochamma amosoulle a carta a Rahel. Estaba escrita cunha letra inclinada, feminina, de escola de monxas, pero a sinatura que aparecía ao final era a do seu pai. Polo menos, o nome era o del. Rahel non sabería recoñecer a súa sinatura. Na carta poñía que el, o seu pai, deixara o traballo do negro de carbón e ía emigrar a Australia, onde conseguira un posto de xefe de seguridade nunha fábrica de cerámica, e que non podía levar a Estha. Desexoulle o mellor a toda a xente de Ayemenem e dixo que iría facerlle unha visita a Estha se algunha vez volvía á India, o cal, segundo explicou, era bastante pouco probable. Nena Kochamma comentoulle a Rahel que podía quedar coa carta se quería. Rahel meteuna outra vez no sobre. O papel amolecera e dobrábase coma unha tea. Esquecera o húmido que podía chegar a ser o aire de Ayemenem na época do monzón. Os armarios renxían, inchados. As fiestras pechadas abríanse de golpe. Os libros amolecían e ondulábanse entre as tapas. Ao serán, comezaban a aparecer de repente, igual ca as ideas, uns insectos estraños que se inmolaban nas febles lámpadas de 40 W de Nena Kochamma. Ao día seguinte, os seus cadáveres crocantes e incinerados estaban esparexidos por todo o chan e polos peitorís das ventás, e, até que Kochu Maria os varría e os quitaba do medio co seu recolledor de plástico, o aire cheiraba a Algo Queimándose. A Chuvia de Xuño non cambiara.
22
O ceo abríase e a auga empezaba a caer a cachón: reconquistaba o reticente pozo vello, cubría de carriza verde o cubil sen cochos e bombardeaba os serenos charcos da cor do té como bombardea a memoria as mentes serenas da cor do té. A herba lucía unha cor verde húmida e semellaba compracida. As miñocas, felices e moradas, rebuldaban na lama. As verdes ortigas abalábanse. As árbores inclinábanse. A unha certa distancia de alí, Estha camiñaba pola beira do río, exposto ao vento e á chuvia, sumido na repentina e tormentosa escuridade daquel día. Levaba unha camiseta da cor que teñen os amorodos ao esmagalos, a cal tornara máis escura por mor da molleira, e sabía que xa chegara Rahel. Estha sempre fora un rapaz calado, así que ninguén sabía dicir con ningún tipo de precisión o momento exacto (nin o mes nin o día, nin sequera o ano) en que deixara de falar. O caso é que deixara de falar de todo. En realidade, non houbera ningún «momento exacto». A cousa fora indo cada vez a menos até que pechara o negocio. Un silenciamento practicamente imperceptible. Coma se simplemente quedase sen conversa e non tivese nada máis que dicir. Así e todo, o silencio de Estha nunca fora incómodo. Nunca fora molesto. Nunca fora escandaloso. Non era un silencio de acusación nin de protesta, senón máis ben unha especie de estivación, un letargo, o equivalente psicolóxico ao que fan os peixes pulmonados para sobrevivir durante a estación seca, coa única diferenza de que, no caso de Estha, parecía coma se a estación seca fose durar para sempre. Co paso do tempo, adquirira a habilidade de fundirse co ambiente do lugar onde estivese (con estantes, con xardíns,
23
con cortinas, con portas, con rúas…) a fin de parecer inanimado, case invisible para o ollo profano. Ás persoas descoñecidas adoitaba levarlles un bo anaco reparar na súa presenza, mesmo que se atopasen na mesma estancia ca el. Aínda lles levaba máis tempo darse conta de que nunca falaba. Había quen nunca chegaba a fixarse nese detalle. Estha ocupaba un espazo moi pequeno no mundo. Logo do funeral de Sophie Mol, cando Devolveron a Estha, o seu pai mandouno a unha escola para varóns en Calcuta. Non era un alumno excepcional, mais tampouco ía atrasado nin había nada que se lle dese particularmente mal. «Estudante medio» ou «Rendemento satisfactorio» eran os comentarios que acostumaba escribir o profesorado nos seus informes anuais de progresos. «Non participa nas Actividades de Grupo» era outra queixa habitual. Malia que nunca se especificaba que quería dicir exactamente «Actividades de Grupo». Estha rematou o colexio cuns resultados mediocres, pero negouse a ir á universidade. En troques, deu en facer os labores da casa, algo que ao principio lles causou bastante incomodidade ao seu pai e á súa madrasta. Era coma se, ao seu xeito, tentase gañar o seu propio sustento. Varría, fregaba e lavaba toda a roupa. Aprendeu a cociñar e a mercar verduras. Pouco a pouco, fórono coñecendo as vendedoras e os vendedores do bazar, que permanecían sentados detrás de pirámides de verduras brillantes e lustrosas, e atendíano a el entre o barullo da demais clientela. Dábanlle latas enferruxadas para que metese nelas as verduras que ía collendo. El nunca lles releaba. E nunca o estafaban. Unha vez pesadas e pagadas as verduras, metíanllas na cesta de plástico vermello que usaba
24
para facer a compra (as cebolas no fondo, as berenxenas e os tomates arriba) e sempre lle regalaban unha ramiña de coandro e unha presa de chiles verdes. Estha levaba as verduras para a casa no abarrotado tranvía. Unha burbulla silandeira que flotaba nun mar de balbordo. Á hora da comida, se quería algo, levantábase e servíase el mesmo. Cando chegou o silencio, este permaneceu e despregouse dentro de Estha. Saíalle pola cabeza e envolvíao nos seus brazos pantanosos. Arrolábao ao ritmo dun ancestral latexo fetal. Enviaba os seus silandeiros tentáculos con ventosas, que avanzaban paseniño polas entrañas do seu cerebro, absorbían as lombas e os vales da súa memoria, e escorrentaban frases de vello, sacudíndollas da punta da lingua. Despoxaba os seus pensamentos das palabras que os describían e deixábaos depenados e nus. Impronunciables. Paralizados. Así, para calquera que o observase dende fóra, posiblemente apenas existisen. Ao longo dos anos, Estha foise apartando do mundo devagar. Afíxose ao desacougante polbo que vivía no seu interior e que lanzaba unha tinta tranquilizante a chorro sobre o seu pasado. Pouco a pouco, o motivo do seu silencio foise agochando até quedar sepultado en algures, nas profundidades dos pregos balsámicos daquela realidade. Cando Khubchand, o seu querido can mestizo de dezasete anos (que xa quedara cego, perdera o pelo e padecía incontinencia) decidiu protagonizar unha morte miserable e interminable, Estha coidou del até o calvario final, coma se a súa propia vida dependese dalgún xeito diso. Nos seus derra deiros meses, Khubchand, que tiña a mellor das intencións pero a menos fiable das vexigas, arrastrábase até a trapela da
25