Skip to main content

O corazón do negror

Page 1

O coraz贸n do negror


Título orixinal: Heart of Darkness, 1899 do texto orixinal: Joseph Conrad © da tradución: Eva Almazán, 2009 © desta edición: Faktoría K de Libros, 2009 Urzaiz, 125 baixo – 36205 Vigo faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com Ilustración e deseño de portada: Marc Taeger Corrección: Martín Luna e Laura Almazán Directores de colección: Xosé Ballesteros e Silvia Pérez Tato Primeira edición: abril, 2009 Impreso en C/A Gráfica, Vigo ISBN: 978-84-96957-62-6 DL: PO 148-2009 Reservados todos os dereitos

Esta obra recibiu a axuda da Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, na convocatoria de axudas para o ano 2008.


O coraz贸n do negror Joseph Conrad

Traducido por Eva Almaz谩n


I

A Nellie, unha iola de cruceiro, borneou sobre a áncora sen o menor tremor das velas e quedouse. A marea abalara, o vento estaba case en calma e, ao dirixirse río abaixo, o único que podía facer era seguir onde estaba e agardar polo devalo. A foz do Támesis abríase ante nós tal que o principio dun canal interminable. No horizonte o mar e o ceo soldábanse sen xuntura, e no espazo luminoso as velas bronceadas das gabarras movidas pola marea parecían conformar encarnados acios inmóbiles de lonas agudas, con escintileos de espichas vernizadas. Unha bruma pousábase nas marxes baixas que escapaban cara ao mar en planura fuxidía. O aire era escuro por riba de Gravesend, e aínda máis atrás parecía condensado nunha penumbra melancólica que pendía, inmóbil, sobre a cidade máis grande, e máis grandiosa, do mundo. O director de tripulacións éranos capitán e anfitrión. Os catro contemplabamos con afecto o seu lombo mentres el perdía a vista no mar, de pé na proa. Nada daba en todo o río a metade de estampa náutica ca el. Parecía un práctico, que para o home de mar é a confianza personificada. Custaba comprender que o seu facer non se desenvolvía no esteiro luminoso, senón ás súas costas, dentro da penumbra que sobre alí pendía. Entre nós tendíase, como xa contei nalgures, o vencello do mar. Amais de manter ligados os nosos corazóns durante

7


as separacións longas, obraba que tolerásemos os contos –e mesmo as conviccións– dos outros. O avogado, o mellor dos vellos compañeiros, gozaba, en razón dos seus moitos anos e das súas moitas virtudes, do único coxín da cuberta e descansaba sobre o único farrapo. O contable xa sacara un xogo de dominó e enredaba arquitectonicamente cos ósos. Marlow estaba sentado na popa, coas pernas cruzadas, apoiado contra o mastro de mesana. Tiña as fazulas afundidas, a cute amarelecida, o lombo dereito, a fasquía ascética, e cos brazos caídos, as palmas das mans para fóra, parecía un ídolo. O director verificou que a áncora enganchara ben, dirixiuse á popa e sentou canda nós. Intercambiamos un par de palabras preguizosas. Despois fíxose o silencio a bordo do veleiro. Por un ou outro motivo non emprendemos a partida de dominó. Sentiámonos meditabundos e sen ánimo para nada que non fose a plácida contemplación. O día acababa nunha serenidade de brillantez queda e exquisita. A auga refulxía pacífica, o ceo sen mácula era unha inmensidade benigna de luz impoluta, a mesma néboa da marisma essexiana semellaba unha tea vaporosa e radiante, colgada das elevacións boscosas do interior para pregarse nas beiras baixas en dobras diáfanas. Só a penumbra que no poñente se pousaba sobre os treitos máis altos sombreaba por momentos, coma se a enfurecese a aproximación do sol. E por fin, no seu descenso curvo e imperceptible, púxose o sol, e de refulxente branco pasou a un vermello mate sen raios nin calor, coma se estivese a piques de se apagar de repente, aniquilado polo contacto con aquela penumbra que pendía sobre unha aglomeración de homes. Decontado sobreveu unha mudanza das augas, e a serenidade perdeu brillantez e gañou profundidade. O vello río, no

8


seu treito largo, descansaba calmoso no declinar do día tras eras enteiras de lle prestar bo servizo á raza que habitaba as súas orelas, aberto na dignidade plácida dunha pasaxe que conducise aos confíns máis remotos da terra. Contemplabamos a corrente patrucial non baixo o rubor vívido dun día breve que chega e parte para sempre, senón á luz augusta de lembranzas perdurables. E certamente nada hai máis doado para o home que, como di a expresión, «seguiu o mar» con reverencia e afecto ca evocar o grande espírito do pasado no curso baixo do Támesis. A corrente da marea abala e devala no seu servizo infatigable, cargada de recordos dos homes e navíos que levara ao descanso do fogar ou ás batallas do mar. Coñecera e servira a totalidade dos homes de quen se gaba a nación, de sir Francis Drake a sir John Franklin, cabaleiros todos, con ou sen título, os grandes cabaleiros andantes do mar. Sustentara todos os navíos cuxos nomes son alfaias que relampan na noite dos tempos, desde o Golden Hind en retorno cos flancos rotundos cheos de tesouros, para ser visitado pola maxestade da raíña e concluír así a colosal historia, ao Erebus e ao Terror, de camiño ás súas conquistas, para non regresar xamais. Coñecera os navíos e os homes. Partiran de Deptford, de Greenwich, de Erith, aventureiros e colonos; barcos de reis e os barcos de homes do comercio; capitáns, almirantes, os escuros «interlopos» do tráfico de Oriente, e os «xenerais» comisionados das frotas das Indias orientais. Buscadores de ouro ou cazadores de fama percorreran todos aquel río, levando a espada, e con frecuencia a tea, mensaxeiros da forza que habitaba a terra firme, portadores dunha chispa do lume sagrado. Que grandeza non aboiara na baixamar daquel río para penetrar no misterio dunha terra ignota? Soños de homes, sementes de comunidades nacionais, xermes de imperios.

9


O sol ocultouse; o anoitecer caeu sobre da corrente e comezaron a prenderse luces ao longo da beira. O faro de Chapman, trípode alzado nun lameiro, brillaba con forza. As lámpadas dos barcos avanzaban na pasaxe, un gran trasfego de luces en ascenso e en descenso. E máis ao oeste, máis arriba, o sitio da urbe monstruosa aínda aparecía en forma de marca ominosa no ceo, unha penumbra que pendía á luz do sol, un resplandor refulxente baixo as estrelas. –E tamén este –falou Marlow de súpeto– foi un dos lugares escuros da terra. Era o único de nós que aínda «seguía o mar». O peor que podía dicirse del era que non representaba a súa clase. Era home de mar, mais tamén home errante, cando a maioría dos homes de mar levan, se se me permite expresalo así, unha vida sedentaria. Os espíritos deses homes teñen querenza polo fogar, e ese fogar vai sempre con eles: o barco; de igual xeito, sempre os acompaña a patria: o mar. Os barcos son moi semellantes entre si, e o mar é sempre o mesmo. Na inmutabilidade do seu contorno ven desfilar por diante deles as costas estrañas, as caras estrañas, a cambiante inmensidade da vida, veladas non por unha sensación de misterio, senón por unha ignorancia levemente desprezativa, pois non hai nada misterioso para o home de mar fóra do propio mar, que manda na súa existencia e é tan inescrutable coma o destino. No demais, tras as horas de labor, un paseo improvisado ou unha pándega fortuíta na beiramar abonda para revelarlle o segredo dun continente enteiro, e polo xeral descobre que non paga a pena ser sabedor del. Os contos dos homes de mar posúen unha simplicidade directa, todo cuxo significado se contén na casca dunha noz regañada. Mais Marlow non era típico (se se exceptúa a súa tenden-

10


cia a contar contos) e para el o significado dun episodio non se achaba no interior, a modo de miolo, senón no exterior, envolvendo a historia que o facía distinguible soamente como unha luz saca unha néboa, tal que un deses halos que ás veces fai visibles a iluminación espectral do luar. A súa observación non sorprendeu en absoluto. Era moi propia de Marlow. Aceptouse en silencio. Ninguén se deu ao traballo de rosmar sequera, e ao cabo el falou con pausa: –Estiven a pensar en épocas antiquísimas, cando chegaron por primeira vez os romanos, hai mil novecentos anos, estoutro día... Desde entón non deixou de saír luz deste río. Cabaleiros, dicides? Si, pero coma un alustro que percorre unha chaira, coma un estralo de relampo nas nubes. Vivimos nese tremelucir, e queira que dure mentres este vello mundo dea voltas! Mais onte había aquí escuridade. Imaxinen o que sentía o comandante dunha fermosa... (como lle chamaban?)... trirreme do Mediterráneo cando de improviso lle ordenaban pór rumbo ao Norte, o levaban por terra a toda présa ata a outra punta das Galias, o puñan ao mando dunha desas naves que os lexionarios, e vaia xente habelenciosa debían ser todos eles, polo visto construían por centos, e nun par de meses, se damos creto do que lemos. Imaxíneno aquí, na mesmísima fin do mundo, un mar da cor do chumbo, un ceo da cor do fume, unha embarcación tesa coma unha concertina, e a remontar este río con provisións, con ordes, ou o que for. Areeiros, trollos, fragas, bárbaros, pouco ou nada que levar á boca o home civilizado, nada para beber fóra da auga do Támesis. Aquí non había falerno, non había desembarco. De cando en vez, un campamento militar perdido no medio do nada coma unha agulla nun feixe de herba curada, frío, néboa, temporais, pestes, exilio, e morte,

11


a morte a axexar no aire, na auga, no mato. Aquí debían morrer coma moscas. Pero si, si cumpriu. E cumpriu de sobra, sen dúbida ningunha, e sen sequera ter que lle dedicar á misión demasiados pensamentos, excepto anos despois, e iso para xactarse das que pasara nos seus tempos, talvez. Tiñan virilidade abonda para se enfrontar á escuridade. E quizais aquel home se animaba ao ter o ollo posto na posibilidade dun ascenso que o levase á frota de Rávena, indo e vindo días, se tiña bos amigos en Roma e sobrevivía ao clima espantoso. Ou pensen nun cidadán novo, decente e togado, talvez demasiado amigo dos dados, xa saben, que chega ao rabo dalgún prefecto, ou publicano, ou comerciante incluso, para emendar as súas fortunas. Desembarca nun lameiro, atravesa a fraga a pé, e nalgún posto do interior percibe que o estado salvaxe, o estado salvaxe en puridade, o ten arrodeado, toda esa existencia misteriosa do salvaxismo que buliga na fraga, nas selvas, no corazón dos homes salvaxes. E tampouco hai iniciación para tales misterios. Ten que vivir no medio do incomprensible que é tamén detestable. E ao tempo hai unha fascinación que se apodera del. A fascinación da abominación, saben? Imaxinen os arrepentimentos crecentes, as ansias de escapar, o noxo impotente, a rendición: o odio. Fixo unha pausa. –Pero non –proseguiu, erguendo un brazo desde o cóbado, a palma cara a fóra, de modo que naquela postura de pernas cruzadas adoptaba a pose dun buda que predicase con indumento europeo e sen flor de loto–. Non: ningún de nós había albergar exactamente esas sensacións. A nós redímenos a eficacia, a devoción á eficacia. Mais aqueles rapaces non valían moito, a dicir verdade. Non eran colonizadores, por

12


administración tiñan unha rapina e pouco máis, sospeito. Eran conquistadores, e para iso chega e abonda a forza bruta, nada do que fachendear, cando se ten, porque a forza propia é un simple accidente xurdido da debilidade allea. Botaban man do que podían nun coller por coller. Non pasaba de roubo con violencia, homicidio con agravantes a grande escala, eran homes que se lanzaban ás cegas, como é propio de quen se enfronta a unha escuridade. A conquista da terra, que en primeiro lugar significa arrincárllela a aqueles que teñen unha cor diferente ou un nariz un chisco máis romo ca o noso, non é cousa agradable cando se analiza demasiado. Só a redime a idea. Unha idea subxacente; non un finximento sentimental, senón unha idea; e unha crenza altruísta nesa idea, algo que podemos erixir, ante o cal prostrarnos e ofrecer un sacrificio... Calou. As lapas esvaraban pola superficie do río, lapiñas verdes, vermellas, brancas, a perseguirse, a adiantarse, a xuntarse, a entrecruzarse, para logo separarse amodo ou axiña. O tránsito da urbe continuaba sobre o río insomne baixo a crecente profundidade da noite. Seguimos a contemplar, en paciente espera; non había máis que facer mentres non cambiase a marea; pero ata que dixo, tras un longo silencio, e con voz vacilante: –Supoño que recordarán, compañeiros, que nunha ocasión fun mariñeiro de auga doce por un tempo –non soubemos que o noso destino, antes de o mar comezar a baixar, era escoitar unha das experiencias inconcluíntes de Marlow–. Non os quero enfastiar con aquilo que lle aconteceu á miña persoa –comezou, demostrando con tal observación o defecto de moitos anecdotistas que tantas veces adoitan ignorar cal sería a parte favorita do público que atende–,

13


mais para comprender o efecto que exerceu sobre min terán que saber como cheguei alá, o que vin, como remontei aquel río ata o lugar en que encontrei de primeiras aquel pobre home. Era o punto de navegación máis distante e foi o punto culminante da miña experiencia. Pareceu, en certo modo, proxectar unha sorte de luz sobre todo canto me circundaba, e dentro dos meus pensamentos. E tamén tivo boa parte de sombra, e foi penoso, nada fóra do ordinario en sentido ningún, nin tampouco demasiado claro. Non, non demasiado claro. E mais pareceu proxectar unha especie de luz. »Daquela, como recordarán, eu acababa de regresar a Londres tras botar moito tempo no Índico, no Pacífico, nos mares da China, unha boa dose de Oriente, por volta de seis anos, e dedicábame a lacazanear, a molestalos a vostedes, compañeiros, no seu traballo, e a invadirlles a casa, coma se me movese a misión divina de os civilizar. Foi agradabilísimo durante unha tempada, mais ao cabo é certo que anoxei o folgar. Comecei entón a buscar barco, diría que o traballo máis difícil do mundo. Mais os barcos non querían saber nada de min. E tamén anoxei esoutro xogo. »O caso é que, de mociño, me apaixonaban os mapas. Pasaba horas enteiras mirando para América do Sur, ou África, ou Australia, a perderme en todas as glorias da exploración. Daquela había na terra moitos espazos baleiros e, cando nun mapa vía algún que parecese particularmente suxestivo (tamén é certo que todos o parecen), puña o dedo enriba e dicía: «De grande hei ir alí». Recordo que un deses lugares era o Polo Norte. Ben, aínda non estiven nel e hoxe xa non hei tentar estar. Perdeu o encanto. Outros lugares estaban dispersos polo Ecuador e en toda clase de latitudes de ambos os hemisferios. Cheguei a estar nalgúns deles e... Ben, diso

14


non imos falar. Pero seguía habendo un, o máis grande, o máis baleiro, por así dicilo, que me tiña eslumecido. »Certo: para entón xa non era un espazo baleiro. Desde a miña infancia foran debuxando nel ríos, lagos e nomes. Deixara de ser un espazo baleiro de delicioso misterio, un oco branco en que un neno cifraba os seus soños máis gloriosos. Convertérase nun lugar de escuridade. Mais nel había un río en concreto, un río grande e poderoso que se vía no mapa, que lle imitaba a unha inmensa serpe desenrolada, coa cabeza no mar, o corpo relaxado nunha ampla curva descrita sobre un vasto territorio, e a cola perdida nas profundidades da terra. E ao contemplalo nun escaparate, o mapa fascinoume como unha serpe fascinaría un paxaro, un paxariño parvo. Recordei entón que había un gran consorcio, unha compañía que comerciaba naquel río. «Que raio», pensei para min, para comerciar teñen que valerse dalgún tipo de nave en semellante cantidade de auga doce: barcos de vapor! Quen me impedía tratar de me colocar ao mando dun? Continuei a marcha por Fleet Street, pero non logrei sacar a idea da cabeza. A serpe engaiolárame. »Han de saber que era un consorcio continental, aquela sociedade mercantil, pero eu teño moitos parentes con residencia no continente, porque é barato e menos horrible do que parece, ou iso din eles. »Pésame admitir que empecei a aburalos. Xa aquilo constituía para min unha novidade. Non estaba afeito a conseguir as cousas por aquela vía, como imaxinarán. Sempre alcanzaba pola miña conta e polos meus medios as metas que me propuña. Se alguén chegase a contarme que eu ía actuar así, non daría creto; mais o caso era que, xa ven, se me metera na cabeza a idea de que tiña que ir a aquel lugar fose

15


como fose. Así que os importunei. Os señores dicían «Home de Deus!» e non facían nada. E entón, quen o había dicir?, probei coas señoras. Eu, Charlie Marlow, puxen as mulleres a traballar... para atopar traballo! Santo ceo! En fin, como ven, estaba dominado por aquela teima. Unha tía miña era unha alma cándida chea de entusiasmo. Escribiu: «Será todo un pracer. Estou disposta a facer calquera cousa, por ti o que faga falta. É unha idea marabillosa. Coñezo a esposa dun persoeiro moi notable da Administración e tamén un señor que ten moita influencia con...», etcétera. Estaba decidida a non reparar en molestias para colocarme de capitán dun vapor fluvial, se tal era a miña ilusión. »Déronme o posto, sobra dicilo, e decontado. Polo visto a compañía acababa de saber que un dos seus capitáns resultara morto nunha liorta cos nativos. Aquela era a miña, e esporeoume aínda máis, se cabe, a partir. Ata moitos meses despois, cando fixen o intento de me facer cargo do que quedaba do cadáver, non souben que a pelexa orixinal estralara por desavinzas a conta dunhas galiñas. Si, de dúas galiñas negras. Fresleven, así se chamaba o tipo, danés, el, quedara coa sensación de que o prexudicaran nalgún aspecto da transacción, de modo que fora á terra e dera en mallar no xefe da aldea cun pau. Non, non me sorprendeu en absoluto oír aquilo e que ao mesmo tempo me contasen que Fresleven fora o espécime máis educado e máis tranquilo que xamais houbera no xénero humano. Sen dúbida o era, pero xa levaba un par de anos alí, comprometido coa nobre causa, saben?, e a bo seguro sentiu por fin a necesidade de facer valer a súa autoridade dalgún modo. Por tal razón mallou no negro vello sen piedade ante os mesmos ollos dun gran número dos seus conxéneres, que observaban petrifica-

16


dos, ata que un home, o fillo do xefe, segundo me contaron, desesperado ao oír os laios do vello, fixo ademán de botarlle unha lanza ao branco, e sobra dicir que o traspasou sen dificultade entre as espádoas. A seguir a poboación ao completo internouse na selva, seguros de que ían acontecer toda clase de calamidades, mentres o vapor que capitaneaba Fresleven, pola súa vez, escapaba tamén embargado polo pánico, e comandado polo mecánico segundo teño entendido. Despois diso parece ser que ninguén se preocupou de recobrar os despoxos de Fresleven ata que cheguei eu e ocupei o seu posto. Eu, en cambio, non fun capaz de deixalo estar, mais cando por fin tiven ocasión de coñecer o meu predecesor, a herba que lle crecía polo medio das costelas era tan alta que ocultaba os ósos. Estaban tal cal. Ninguén tocara o ser sobrenatural tras a caída. E a aldea quedara abandonada, bocas negras abertas nas casopas medio podrecidas, todas elas escoradas no interior dos valados caídos. A calamidade chegara ben chegada, en efecto. A xente esvaecérase. Un terror cerval escorrentáraos en todas as direccións, homes, mulleres e nenos botaran a correr pola matogueira e non volveran xamais. Ignoro tamén o que foi das galiñas. Inclínome a crer que se apropiou delas a causa do progreso, non sei por que. Con todo, tan edificante asunto foi o que me valeu a colocación antes aínda de comezar a concibir esperanzas de obtela. »Bulín coma un demente para o preparar todo e en menos de corenta e oito horas estaba a cruzar o Canal para presentarme ante os meus patróns e asinar o contrato. Nunhas poucas horas acheime nunha cidade que sempre me recorda un sepulcro encalado. Un prexuízo, sen dúbida. Localicei sen dificultade as oficinas da compañía. Era o negocio máis

17


importante da cidade e obxecto de xactancia para todos con quen dei. Pensaban dirixir un imperio ultramarino e facerse de ouro a poder de comerciar. »Unha rúa estreita e deserta, moi avesía, casas altas, innúmeras fiestras con persianas, un silencio sepulcral, herba a agromar entre as laxes, impoñentes arcos á dereita e á esquerda para a entrada de coches, inmensos portais de dobre folla en pesado entornamento. Coeime por unha desas fendas, subín por unha escaleira varrida e sen adorno, máis árida ca un deserto, e abrín a primeira porta que atopei. Dúas mulleres, unha gorda e a outra fraca, facían calceta con la negra sentadas en cadansúas cadeiras de asento de palla. A fraca ergueuse e veu directa a min, sen deixar de tecer e coa mirada baixa, tanto que, ata que eu empecei a pensar en me facer a un lado para a deixar pasar, como se faría cunha somnámbula, ela non se detivo e levantou a vista. Levaba un vestido máis simple ca a funda dun paraugas e xirouse sen dar palabra para que a seguise a unha sala de espera. Identifiqueime e mirei en volta. Unha mesa de piñeiro no centro, cadeiras correntes arrimadas contra as paredes, nunha punta un mapa grande e de cores vivas, marcado coa policromía dun arco da vella. Apreciábase gran cantidade de vermello, unha visión sempre benvida porque indica que na zona se está a traballar de verdade, unha barbaridade de azul, algo de verde, algún retrinco laranxa e, na costa oriental, unha mancha violeta en indicación do lugar en que os alegres pioneiros do progreso dan conta da bendita lager. Mais eu non me dirixía a ningunha daquelas cores. O meu destino era a amarela. No medio e medio. E alí estaba o río, fascinante, letal, coma unha serpe. Ouh. Abriuse unha porta, asomou unha cabeza de cabelo branco e aspecto secretarial, mais con expresión compasiva,

18


e un índice enxoito indicoume cun aceno que penetrase no santuario. A luz era débil e un escritorio pesado achaparrábase no centro. Ao outro lado de tal estrutura materializábase unha impresión de obesidade pálida e enlevitada. O xefe en persoa. Apenas debía pasar dos cinco pés e medio, ou iso calculaba eu, e tiña da súa man incontables millóns. Estreitoume a man, paréceme, rosmou con vaguidade, aprobou o meu francés. Bon voyage. »En cuestión de corenta e cinco segundos estaba de volta na sala de espera co secretario compasivo que, con gran desolación e dó, me deu a asinar non sei que documento. Creo que entre outras cousas me comprometía nel a non divulgar segredos profesionais. Ben, non pretendo divulgar ningún. »Empecei a sentir certo desacougo. Saben vostedes que non estou afeito a tales cerimonias, e naquela atmosfera respirábase un mal agoiro. Era coma se acabasen de me facer partícipe dunha conspiración, non lles sei, algo que non acababa de ser de lei, e agradecín poder saír de alí. Na sala exterior as dúas mulleres tecían na la negra con frenesí. Decontino chegaban visitantes e a moza non deixaba de ir de aquí para alá e facelos pasar. A vella non se movía da cadeira. Apoiaba as planas zapatillas de pano contra un braseiro e tiña un gato no colo. Levaba un invento branco e amidonado na cabeza, tiña unha verruga nunha meixela e uns anteollos de montura prateada escorregados ata o bico do nariz. Botoume unha mirada por riba das lentes. Desacougoume a placidez rápida e indiferente desa mirada. Dous mozos de expresión pánfila e xovial seguían o rumbo da nova, e a vella botoulles a mesma mirada rápida de sabedoría indolente. Daba a impresión de sabelo todo sobre eles e sobre min. Apoderouse de min un arrepío. A vella antollábaseme sinis-

19


tra e agoirenta. Moitas veces, xa moi lonxe daquel lugar, había pensar naquelas dúas gardiás da porta da escuridade, a teceren la negra coma se houbese servir de pano mortuorio, unha a guiar, a introducir arreo no ignoto, a outra a escudriñar as faces xoviais e aparvadas con ollos vellos e displicentes. Ave, vella tecelá de la negra, morituri te salutant. Non moitos daqueles a quen ela miraba volvían vela; nin a metade deles, non, nin de lonxe. »Aínda quedaba pasar polo médico. »–Puro trámite –aseguroume o secretario con aire de condoerse inmensamente comigo en todas as miñas coitas. »Conforme ao dito, un mozo co sombreiro sobre a cella esquerda, algún pasante, supoño, debía de haber pasantes no negocio, por moito que o edificio estivese máis silencioso ca se se erguese nunha necrópole, chegou procedente dalgún punto do piso superior e levoume con el. O indumento víase luído e desleixado, con manchas de tinta nas mangas da chaqueta, e o pano do colo era aparatoso e inchado, baixo un queixo que semellaba a biqueira dun galorcho. Aínda sobraba algo de tempo antes da cita médica, de xeito que propuxen tomarmos algo, e coa mesma no pasante xurdiu unha vea de xovialidade. Sentados ante os respectivos vermús, el cantou as loas do negocio que desenvolvía a compañía, e ao cabo eu manifestei con naturalidade canto me sorprendía, daquela, que el non fose para alí. Decontado mostrouse moi frío e composto. »–Non son tan necio como parezo, dixo Platón para os seus discípulos –contestou, sentencioso, baleirou a copa con determinación e puxémonos en pé. »O médico, xa vello, tomoume o pulso, a todas luces pensando noutra cousa durante a operación.

20


»–Ben! Ben para o que hai alá –rosmou, e logo preguntoume con certa ansia se consentía a que me tomase medidas da cabeza. »Bastante sorprendido contestei que si, momento en que el tirou unha especie de calibre e mediu as dimensións posteriores, anteriores, laterais en todos os sentidos, tomando coidadosos apuntamentos. Era un homiño pequeno, coa barba sen facer, ataviado cun abrigo gastado que parecía unha gabardina e calzado con escarpíns, e xulgueino un sandeu inofensivo. »–Sempre pido autorización, polo ben da ciencia, para medirlles o cranio a todos cantos se embarcan para aló –dixo. »–E tamén cando volven? –inquirín. »–Ah, non, aí nunca os vexo –observou–. Ademais, as mudanzas prodúcense no interior, sabe? –Sorriu, coma se se tratase dun chiste discreto–. De modo que vai vostede para alá. Fabuloso. E tamén interesante. –Dirixiume unha mirada escrutadora e fixo outro apuntamento–. Houbo algún caso de tolemia na súa familia? –preguntou coa maior das naturalidades. Molesteime moito. »–Esa pregunta tamén a fai polo ben da ciencia? »–Tería interese para a ciencia –dixo, sen reparar na miña irritación– observar in situ os cambios mentais dos individuos, mais... »–É vostede alienista? –interrompín. »–Todos os médicos deberíamos selo en certa medida –contestou aquel espécime sen inmutarse–. Teño unha modesta teoría que vostedes, os messieurs que van para aló, deben axudarme a verificar. Velaí a parte que me corresponde dos beneficios que o meu país colectará da posesión de tan magnífico dominio. A riqueza material déixollela

21


a outros. Perdoe o meu interrogatorio, mais é vostede o primeiro inglés que teño ocasión de observar... »Informeino sen demora de que eu non era típico en absoluto. »–De selo –dixen–, non estaría a soster esta conversa con vostede. »–O que di é moi profundo e probablemente errado –dixo cunha risa–. Evite a irritación máis ca a exposición ao sol. Adieu. Como din vostedes os ingleses, eh? Good-bye. Ah! Good-bye. Adieu. Nos trópicos é primordial manter a calma... –Levantou o índice en aceno de advertencia–. Du calme, du calme. Adieu. »Quedábame por cumprir unha última tarefa: despedirme da miña marabillosa tía. Atopeina eufórica. Tomei un té, o último té decente que bebería en moitos días, e, nun cuarto que exercía un profundo efecto sosegante ao mostrarse tal cal se esperaría do salonciño dunha dama, tivemos unha conversa longa e tranquila ao pé do lume. No curso desas confidencias fíxose evidente que, ante a esposa do alto dignitario e Deus sabía ante cantas persoas máis, a miña tía me describira como unha criatura excepcional e rebordante de talento, unha bendición para a compañía, un home que non se atopa todos os días. Santo ceo! E eu que me dispuña a me facer cargo dun vapor fluvial de catro cadelas, dos de campaíña de lata! Polo visto, porén, tamén era un dos obreiros, con capital, xa saben. Unha sorte de mensaxeiro da luz, similar a unha clase inferior de apóstolo. Naquel momento acababan de correr ríos de tinta e de abrirse moitas bocas para falar daquela trapallada, e a boa muller, que vivía no mesmísimo medio daquela andrómena, deixábase arrastrar. Falou de «quitarlles a tantos millóns de ignorantiños eses costumes horrendos»

22


ata que, voto a tal, conseguiu incomodarme. Aventureime a insinuar que a compañía operaba con ánimo de lucro. »–Esqueces, Charlie querido, que o obreiro ten dereito ao seu xornal –dixo con animación. »Que curioso é comprobar o lonxe da realidade que viven as mulleres! Habitan un mundo de seu que endexamais existiu e que nunca poderá existir. É demasiado fermoso, sen dúbida; se quixesen construílo, esboroaríase antes do primeiro solpor. Saltaría algún condenado detalle con que os homes levamos vivindo tan tranquilos desde o día da creación e envorcaría a construción enteira. »Despois recibín un abrazo, instrucións de levar roupa de flanela e escribir con frecuencia, etcétera, e partín. Na rúa, ignoro o porqué, embargoume a estraña sensación de ser un impostor. Foi insólito que eu, acostumado como estaba a pór rumbo en dirección a calquera lugar do mundo vinte e catro horas despois de recibir a orde, parando a pensalo menos tempo ca calquera outro home ao disporse a atravesar a rúa, tivese un momento de... Non vou dicir de vacilación, mais si de pausa abraiada, ante aquel asunto tan anódino. A mellor explicación que lles podo ofrecer é que por espazo dun par de segundos tiven a sensación de que en vez de dirixirme ao centro dun continente estaba a piques de pór rumbo ao centro da terra. »Partín nun vapor francés que atracou en todo canto condenado porto teñen alá, co único propósito (cando menos eu non vía outro) de desembarcar soldados e funcionarios de alfándegas. Dediqueime a observar a costa. Contemplar unha costa conforme vai pasando por diante do barco é coma darlle voltas a un enigma. Velaí se ten, riseira, amuada, incitante, grandiosa, ruín, eslamiada ou salvaxe, e sempre muda, cun aire

23


de estar a murmurar «Veno descubrir». Aquela mostraba unha carencia case absoluta de trazos distintivos, coma se aínda non estivese rematada, e ofrecía un panorama de adustez monótona. O bordo dunha xungla colosal dun verde tan escuro que logo era negro, orlado de xerfa branca, discorría recto, coma unha liña trazada con regra, a enorme distancia de nós, ao longo dun mar azul cuxo escintileo quedaba embazado por unha bruma insidiosa. O son era implacable, a terra parecía brillar e pingar co vapor. De cando en vez aparecían marxas griseiras, abrancazadas, agrupadas dentro da xerfa branca, pode que cunha bandeira a ondear por riba delas, asentamentos, algúns con séculos de existencia, e aínda non pasaban de cabezas de alfinetes na extensión virxe que lles facía de fondo. Avanzabamos devagar, parabamos, descargabamos soldados, retomabamos a viaxe, desembarcabamos alfandangueiros para que cobrasen aranceis no que parecía unha selva deixaba da man de Deus cun caseto de lata e un mastro abandeirado pinchado no medio e medio, descargabamos máis soldados, para que gardasen os alfandangueiros, suponse. Oín que algúns afogaban na xerfa, mais que afogasen ou que deixasen de afogar non parecía importarlle demasiado a ninguén. Soltábanos alí e seguiamos o camiño. A costa era idéntica día tras día, coma se non nos movésemos, pero deixamos atrás varios lugares, centros comerciais, con nomes como Gran Bassam, Pequeno Popo, nomes que parecían saídos dunha farsa sórdida representada diante dun sinistro pano negro. A inactividade do pasaxeiro, o meu illamento entre todos aqueles homes cos cales non tiña nada en común, o mar, unha lánguida balsa de aceite, a uniforme calidade sombría da costa parecían afastarme da verdade das cousas, dentro do aparello dun engano triste e sen sentido. A voz da xerfa

24


oída de cando en cando era un pracer en toda regra, coma o falar dun irmán. Era algo natural, tiña a súa razón, tiña un significado. De cando en vez un bote procedente da beira proporcionaba un contacto momentáneo coa realidade. Uns negros propulsábano a remo. Xa desde lonxe se lles distinguía o branco dos ollos a relucir. Berraban, cantaban; os corpos eran regos de perspiración; máscaras grotescas tiñan por cara, aqueles rapaces; mais posuían óso, músculo, unha vitalidade salvaxe, unha intensa enerxía de movemento tan natural e xenuína coma a xerfa da súa costa. A súa presenza non precisaba desculpa. Miralos era un gran consolo. Durante uns instantes sentía que aínda formaba parte dun mundo de feitos obxectivos, mais a sensación non duraba moito. Sempre aparecía algo que a escorrentaba. Unha vez, así o acordo, topamos cun buque de guerra fondeado fronte á costa. Alí faltaba incluso o caseto e o buque canoneaba a matogueira. Seica os franceses andaban nunha das súas guerras por aquela zona. A bandeira do buque pendía coa flaccidez dun trapo, a boca dos canóns do seis asomaban ao longo do casco baixo, a ondada graxenta, viscosa, abalábao con preguiza e deixábao caer despois, facendo oscilar os finos mastros. Na inmensidade baleira de terra, ceo e auga, alí estaba, incomprensible, a disparar contra un continente. Bum!, disparaba un dos longos canóns; unha lapiña lostregaba e desaparecía, esvaecíase unha nubiña de fume branco, un diminuto proxectil daba un laio feble, e non pasaba nada. Era imposible que pasase nada. Había un aquel de demencia no proceso, unha impresión de lúgubre caricatura na estampa; e non quedou disipado cando un dos que ían a bordo me asegurou con suma seriedade que por alí había un campamento de nativos, inimigos, chamoulles el, oculto da vista, nalgures.

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
O corazón do negror by kalandraka.com - Issuu