Un día, sendo xa maior, no vestíbulo dun edificio público, un home veu cara a min. Presentouse e díxome: «Coñézoa dende sempre. Todo o mundo di que era fermosa de nova. Estou aquí para dicirlle que, para min, é máis fermosa agora que cando era nova. O seu rostro de nena gustábame menos ca o de agora, devastado». Penso a miúdo nesa imaxe que aínda só eu podo ver e da que nunca falei. Está sempre aí no mesmo silencio, engaiolante. De todas, é a que me agrada de min mesma, na que me recoñezo, na que me fascino. Moi pronto na miña vida foi demasiado tarde. Aos deza oito anos xa era demasiado tarde. Entre os dezaoito e os vinte e cinco anos o meu rostro emprendeu un camiño imprevisto. Aos dezaoito anos, envellecín. Non sei se lle acontece a todo o mundo, nunca preguntei. Paréceme que oín falar dese empurrón do tempo que golpea por veces
5
cando atravesas os anos da mocidade, os mellores anos da vida. Ese envellecemento foi brutal. Vino facerse cos meus trazos un por un, cambiar a relación que había entre eles, vino agrandar os ollos, facer a mirada máis triste, a boca máis definitiva, marcar a miña fronte con sucos profundos. No canto de asustarme, vin producirse o envellecemento do meu rostro co interese que tería, por exemplo, no transcurso dunha lectura. Sabía, ademais, que non me confundía, que un día a intensidade diminuiría e tomaría o seu camiño normal. A xente que me coñecera aos dezasete anos, durante a miña viaxe a Francia, quedou impresionada cando me volveu ver, dous anos despois, aos dezanove. Aquel rostro, novo, conserveino. Foi o meu rostro. Envelleceu aínda máis, certo, pero relativamente menos do que debería. Teño un rostro fendido de engurras secas e profundas, a pel esgazada. Non se afundiu coma algúns rostros de trazos finos, conservou a mesma forma, pero a materia destruíuse. Teño un rostro destruído. Direivos máis, teño quince anos e medio. É o paso dun barco transbordador polo Mekong. A imaxe mantense durante toda a travesía polo río. Teño quince anos e medio, non hai estacións neste país, estamos nunha única estación, cálida, monótona, encontrámonos na longa zona cálida da terra, sen primavera, sen renovación.
6
Vivo nun internado do Estado francés en Saigón. Durmo e como alí, nese internado, pero vou ás clases fóra, ao liceo francés. Miña nai, mestra, quere que a súa filla curse a educación secundaria. Ti tes que facer a secundaria. O que era suficiente para ela non o era para a súa nena. A secundaria e despois unhas oposicións para ser mestra de matemáticas. Levo escoitando a mesma cantarela dende os primeiros anos da escola. Nunca imaxinei que podería librarme das oposicións de matemáticas, contentábame con adialas. Sempre vin a miña nai planificar, cada día, o futuro dos seus fillos e mais o seu. Un día xa non foi capaz de planificar máis grandezas para os seus fillos, entón planificaba outras cousas, futuros miserentos, pero de tal maneira que tamén daban cumprido a súa función, ocupar o tempo que tiña por diante. Lembro aquelas clases de contabilidade de meu irmán pequeno. Lembro a escola Universal, cada ano, en todos os niveis. Hai que pórse ao día, dicía miña nai. Aquilo duraba tres días, nunca catro, nunca. Nunca. Deixabamos a escola Universal cando cambiabamos de destino. Volviamos comezar no novo lugar. Miña nai resistiu dez anos. Non conseguiu nada. O irmán pequeno converteuse nun vulgar contable en Saigón. Debémoslle a marcha de meu irmán maior a Francia ao feito de a escola Violet non existir na colonia. Durante algúns anos, quedou en Francia para estudar na escola Violet. Non rematou. Miña nai non debeu ser tan inxenua. Pero non tiña opción, había que separar ese fillo dos outros dous nenos. Durante aqueles anos, non
7
fixo parte da familia. A nai mercou a concesión durante a súa ausencia. Terrible aventura, pero, para nós, os nenos que quedabamos, menos terrible do que sería a presenza do asasino de nenos da noite, da noite do cazador. Dixéronme que puido ser polo sol, demasiado intenso durante a infancia. Pero non o crin. Dixéronme tamén que puido ser o atordamento en que a miseria afunde os nenos. Pero non, non se trata diso. Os nenos-anciáns da fame endémica si, pero nós non, nós non tiñamos fame, nós eramos nenos brancos, tiñamos vergoña, vendiamos os nosos mobles, pero non tiñamos fame, tiñamos un criado e comiamos, por veces, porcalladas, aves pernilongas, caimáns pequenos, pero esas porcalladas estaban cociñadas por un criado e servidas por el e, por veces, mesmo as desprezabamos, ousabamos gozar do luxo de non querer comer. Non, algo sucedeu cando fixen dezaoito anos que provocou que este rostro sexa o que é. Debeu de suceder á noite. Tiña medo de min, tiña medo de Deus. De día, tiña menos medo e menos grave me parecía a morte. Pero non me abandonaba. Quería matar, a meu irmán maior quería matalo, chegar a derrotalo dunha vez, dunha soa vez, e velo morrer. Para quitarlle a miña nai de diante o obxecto do seu amor, ese fillo, castigala por amalo tanto, tan mal, e, sobre todo, tamén o pensaba, para salvar a meu irmán pequeno, meu irmanciño, meu neno, da recia vida dese irmán maior chantada por riba da súa, dese velo negro
8
ocultando o día, da lei que el representaba, que el ditaba, un ser humano, e era unha lei animal e sementaba o medo en cada momento de cada día da vida dese irmán pequeno, medo que un día atinxiu o seu corazón e matouno. Escribín moito sobre eses membros da miña familia, pero, mentres o facía, aínda vivían, nai e irmáns, e escribín sobre eles, sobre esas cousas sen chegar ata elas. A historia da miña vida non existe. Tal cousa non existe. Nunca hai centro. Non hai camiño nin liña. Hai espazos enormes nos que se insinúa que houbo alguén, non é certo, non houbo ninguén. Xa escribín, máis ou menos, a historia dunha pequena parte da miña mocidade; en fin, quero dicir, deixeina entrever, falo precisamente desta, da parte da travesía do río. O que fago aquí é diferente e idéntico. Antes falei dos períodos claros, dos que estaban iluminados. Aquí falo dos períodos agochados desa mesma mocidade, de certo enterramento ao que sometín algúns feitos, algúns sentimentos, algúns acontecementos. Comecei a escribir nun medio que me inducía esaxeradamente ao pudor. Escribir para eles aínda era un acto moral. Escribir, agora, parece que xa non é nada. Ás veces sei iso: que dende o momento en que non é, confundindo todas as cousas, ir cara á vaidade e o vento, escribir non é nada. Que dende o momento en que non é, cada vez, confundindo as cousas nunha soa incualificable por esencia, escribir non é máis
9
ca publicidade. Pero, en xeral, non opino, vexo que todos os campos están abertos, que xa non habería muros, que a escritura non sabería onde meterse para agocharse, facerse, lerse, que a súa inconveniencia fundamental xa non sería respectada, pero de antemán non o penso. Agora comprendo que moi nova, aos dezaoito anos, aos quince anos, tiña xa ese rostro premonitorio daqueloutro que se me foi poñendo despois co alcohol, na metade da miña vida. O alcohol ocupou a función que Deus non tivo, tamén a de matarme, a de matar. Ese rostro do alcohol chegou antes ca o alcohol. O alcohol veuno confirmar. Tiña dentro de min esa posibilidade, souben que estaba, coma outras, pero, curiosamente, antes de tempo. Do mesmo xeito que tiña en min a posibilidade do desexo. Aos quince anos, tiña o rostro do gozo e non coñecía o gozo. Ese rostro era moi poderoso. Mesmo miña nai debía de notalo. Meus irmáns notábano. Todo comezou así para min, por ese rostro evidente, extenuado, esas olleiras anticipadas ao tempo, o experimento. Quince anos e medio. A travesía do río. Cando chego a Saigón, viaxo, sobre todo cando collo o autocar. E esa mañá collín o autocar en Sadec, onde miña nai dirixe a escola feminina. É o final dunhas vacacións escolares, xa non sei cales. Funas pasar á casa oficial de miña nai. E ese mesmo día regreso a Saigón, ao internado. O autocar dos
10
nativos saíra da praza do mercado de Sadec. Como de costume, miña nai acompañoume e confioume ao condutor, sempre me confía aos condutores de autocares de Saigón, por se hai un accidente, un incendio, unha violación, un ataque pirata, unha avaría mortal do transbordador. Como de costume, o condutor púxome preto de si, diante, no espazo reservado aos viaxeiros brancos. No transcurso desa viaxe, a imaxe desprenderíase, tomaría protagonismo. Podería existir, puido tomarse unha fotografía, coma calquera outra, noutro lugar, noutras circunstancias. Pero non foi así. O obxecto era demasiado insignificante para provocala. Quen podería pensar niso? Só se faría unha fotografía se se puidese presentir a importancia dese acontecemento na miña vida, esa travesía polo río. Porén, mentres acontecía, ignorábase ata a súa propia existencia. Só Deus sabía dela. É por iso que esta imaxe, e non podería ser doutro xeito, non existe. Foi omitida. Foi esquecida. Non se liberou, non tomou protagonismo. A esa falta de producirse debe a fotografía a súa virtude, a de representar un absoluto, a de ser, precisamente, a artífice. Acontece, entón, no transbordador, durante a travesía por un brazo do Mekong que está entre Vinh Long e Sadec, ao longo da enorme chaira de lama e de arroz ao sur da Cochinchina, a dos Paxaros.
11
Baixo do autocar. Achégome á beira. Observo o río. En ocasións, miña nai dime que xamais, nunca na vida, soñarei con ríos tan fermosos coma estes, tan grandes, tan salvaxes, o Mekong e os seus brazos que descenden cara aos océanos, eses terreos de auga que van desaparecer ás cavidades dos océanos. Na planicie, ata perdérense de vista, eses ríos flúen ás présas, derrámanse coma se a terra abalase. Sempre baixo do autocar cando chegamos ao transbordador, pola noite tamén, porque sempre teño medo, temo que cedan os cables, que sexamos arrastrados ao mar. Na terrible corrente, contemplo o derradeiro instante da miña vida. A corrente é tan forte, levaría todo, pedras, unha catedral, unha cidade. Hai unha treboada que brama no interior das augas do río. Do vento que se debate. Levo un vestido de seda natural, usado, case transparente. Antes foi un vestido de miña nai, un día deixou de poñelo porque lle parecía demasiado claro, deumo. É un vestido sen mangas, moi escotado. É dese ton amarelento que colle a seda natural co uso. É un vestido que lembro. Penso que me acae ben. Púxenlle un cinto de coiro na cintura, quizais un cinto de meus irmáns. Non lembro os zapatos que levaba naqueles anos, soamente algúns vestidos. A maior parte do tempo, levo os pés espidos en sandalias de tea. Falo do tempo anterior á escola de Saigón. A partir de entón, gastei sempre zapatos. Aquel día debía de levar ese famoso par de
12
tacóns altos e dourados. Non vexo que outra cousa podería levar aquel día, así que os levo. Rebaixas rebaixadas que comprara miña nai. Levo eses zapatos dourados para ir ao instituto. Vou ao instituto con zapatos de noite decorados con abelorios relucentes. É o meu capricho, só me soporto con ese par de zapatos e aínda agora me gusto así. Eses tacóns altos son os primeiros da miña vida, son fermosos, eclipsaron todos os demais zapatos que os precederon, zapatos para correr e xogar, planos, de tea branca. Non son os zapatos a causa do insólito, do inaudito, aquel día, na vestimenta da cativa. O que acontece aquel día é que a cativa leva un sombreiro de home, de abas planas, un sombreiro de feltro brando, de cor rosa pálida, cunha longa cinta negra. A ambigüidade determinante da imaxe procede dese sombreiro. Como chegou a min, esquecino. Non se me ocorre quen mo puido dar. Penso que foi miña nai quen o comprou porque eu llo pedira. Única certeza: era unha rebaixa rebaixada. Como explicar esa compra? Ningunha muller, ningunha rapaza leva un sombreiro de feltro, de home, na colonia nesa época. Ningunha nativa tampouco. Velaí o que debeu de pasar, probei ese sombreiro, por brincar, sen máis, mireime no espello da tenda e vin: baixo o sombreiro de home, a delgadeza ingrata da figura, ese defecto da infancia, converteuse noutra cousa. Deixou de ser un elemento brutal,
13
fatal, da natureza. Converteuse, pola contra, nunha escolla contraditoria, nunha escolla do espírito. De súpeto, volveuse desexable. De súpeto, véxome como outra, como sería vista outra, fóra, posta á disposición de todos, posta á disposición de todas as olladas, posta na circulación das cidades, das estradas, do desexo. Collo o sombreiro, xa non me separo del, teño iso, ese sombreiro que me fai enteiramente súa, xa non o abandono. Cos zapatos debeu de pasar máis ou menos o mesmo, pero despois do sombreiro. Non cadran co sombreiro, como tampouco o sombreiro cadra co corpo escuálido, así que me van ben. Tampouco os quito, vou por todas as partes con eses zapatos, ese sombreiro, fóra, todo o tempo, en calquera ocasión, vou pola cidade. Encontrei unha fotografía do meu fillo con vinte anos. Está en California coas súas amigas Erika e Elisabeth Lennard. Está fraco, tanto, tamén el semella un ugandés branco. Percibín nel un sorriso arrogante, unha expresión algo burleira. Quere dar a imaxe decaída de mozo vagabundo. Gústase así, pobre, con ese aspecto de pobre, esa desgana de mozo fraco. Esta é a fotografía máis próxima a aquela que non se fixo, a da moza no transbordador. Quen mercou o sombreiro rosa de aba plana cunha longa cinta negra é ela, esa muller dalgunha fotografía, é miña nai. Recoñézoa mellor daquela que en fotos máis recentes. É o
14
patio dunha casa sobre o pequeno lago de Hanoi. Estamos xuntos, ela e nós, os seus fillos. Teño catro anos. Miña nai está no centro da imaxe. Recoñezo perfectamente como intenta aguantar, como non sorrí, como desexa que a foto acabe. Pola súa expresión forzada, por certa desorde da súa roupa, pola somnolencia da súa ollada sei que vai calor, que está esgotada, que se aburre. Pero é na nosa maneira de vestir, nós, os seus fillos, como miserables, onde percibo un certo estado no que miña nai caía ás veces e do que xa, á idade que temos na foto, coñeciamos os signos precursores, esa maneira, precisamente, que de súpeto tiña de non poder lavarnos, de non poder vestirnos e, ás veces, mesmo de non poder alimentarnos. Ese tremendo desánimo de vivir atravesábao miña nai cada día. Ás veces perduraba, ás veces desaparecía coa noite. Tiven a sorte de ter unha nai desesperada dun desespero tan puro que mesmo a alegría de vivir, por intensa que fose, nalgúns casos, non abondaba para entretela por completo. O que sempre ignorarei é o tipo de feitos concretos que a levaban a abandonarnos cada día dese xeito. Desa vez, se cadra foi a parvada que acababa de facer, esa casa que acababa de comprar –a da fotografía–, que non necesitabamos en absoluto, e iso cando meu pai está xa moi enfermo, tan preto da morte, a poucos meses. Ou acaso acaba de saber que ela, á súa vez, tamén está enferma da mesma doenza da que el vai morrer? As datas coinciden. O que ignoro, como ela debía de ignoralo, é a natureza das evidencias que a atravesaban e que facían
15
aparecer ese desánimo. Estaba a morte de meu pai xa presente, ou a do día? O feito de dubidar dese matrimonio? Dese marido? Deses fillos? Ou a dúbida máis xeral acerca de todo o que tiña? Era diario. Diso estou certa. Debía de ser brutal. Nun momento dado do día, esa desesperanza manifestábase. E logo diso viña a imposibilidade de seguir avanzando ou o sono ou, ás veces, nada ou, outras, pola contra, as compras de casas, as mudanzas ou, por veces, tamén esa actitude, soamente esa actitude, ese abatemento ou, por veces, era unha raíña, todo o que se lle pedía, todo o que se lle ofrecía, esa casa no pequeno lago, sen sentido ningún, con meu pai xa morrendo, ou ese sombreiro de aba plana porque a cativa o desexaba tanto ou eses zapatos dourados. Ou nada ou durmir, morrer. Nunca vira unha película con esas mulleres indias que levan eses mesmos sombreiros de aba plana e trenzas por diante do corpo. Aquel día, tamén eu levo trenzas, non as recollín como fago normalmente, pero non son iguais. Levo dúas longas trenzas por diante coma esas mulleres do cine que nunca vin, pero son esas trenzas de nena. Dende que teño o sombreiro, para poder poñelo, xa non recollo o cabelo. Dende hai un tempo, tiro forte do meu cabelo, peitéoo cara a atrás, gustaríame que fose laso, que se vise menos. Peitéoo cada noite e refago as coletas antes de me deitar, como me ensinou miña nai. O meu cabelo é abun-
16
dante, flexible, doloroso, unha mata cobreada que me chega á cintura. Con frecuencia, dinme que é o máis fermoso que teño e comprendo que iso significa que non son fermosa. Cortarei esa melena ostensible aos vinte e tres anos en París, cinco anos despois de deixar a miña nai. Dixen: corte. Cortou. Todo nun só xesto, para tallar a obra, as tesoiras frías rozaron a pel do pescozo. Caeu ao chan. Preguntáronme se o quería, que podían facerme un paquete. Dixen que non. Despois xa non me dixeron que tiña un cabelo fermoso, quero dicir que xa non mo dixeron tanto como mo dicían antes, antes de cortalo. Despois preferiron dicir: ten unha bonita mirada. O sorriso tamén, non está mal. No transbordador, mírenme, aínda teño melena. Quince anos e medio. Xa vou maquillada. Uso crema Tokalon, intento disimular as pencas que teño na parte superior das meixelas, debaixo dos ollos. Por riba da crema Tokalon, boto pos de cor carne, marca Houbigan. Estes pos son de miña nai, que os bota para ir aos encontros da Administración xeral. Aquel día, tamén levo os beizos pintados de vermello escuro como os levaba daquela, cereixa. Non sei como me fixen con el, se cadra Hélène Lagonelle rouboullo a súa nai para min, xa non sei. Non levo perfume, na casa de miña nai o que hai é auga de colonia e xabrón Palmolive. No transbordador, a carón do autocar, hai unha gran limusina negra cun condutor con librea de algodón branca.
17
Si, é o coche fúnebre dos meus libros. É o Morris Léon-Bollée. O Lancia negro da embaixada de Francia en Calcuta aínda non fixo a súa entrada na literatura. Entre os condutores e os señores, aínda hai cristais corredíos. Aínda hai asentos abatibles. Aínda é amplo coma un cuarto. Na limusina hai un home moi elegante que me mira. Non é un branco. Está vestido á europea, leva o traxe de tusor claro propio dos banqueiros de Saigón. Olla para min. Xa estou afeita a que me miren. Nas colonias, miran as brancas, e as nenas brancas de doce anos tamén. Hai tres anos que os brancos tamén me miran pola rúa, e os amigos de miña nai convídanme amablemente a ir merendar ás súas casas á hora en que as súas mulleres xogan ao tenis no Club Deportivo. Podería equivocarme, crer que son fermosa coma as mulleres fermosas, coma as mulleres miradas, porque realmente miran moito para min. Mais sei que non é unha cuestión de beleza, senón doutra cousa, por exemplo, si, doutra cousa, por exemplo de carácter. Parezo o que quero parecer, fermosa tamén, se iso é o que queren que sexa, fermosa ou linda, linda, por exemplo, para a familia, para a familia, máis nada, podo converterme en todo o que queiran de min. E crelo. Crer que son encantadora tamén. En canto
18
o creo, faise real para quen me ve e desexa que eu sexa acorde co seu gusto, iso tamén o sei. Así, a conciencia, podo ser encantadora mesmo se estou atormentada polo asasinato de meu irmán. Para a morte, unha soa cómplice: miña nai. Pronuncio a palabra encantadora como a pronunciaban ao meu redor, arredor dos nenos. Xa estou advertida. Sei algo. Sei que non é a roupa o que fai as mulleres máis ou menos fermosas, nin os tratamentos de beleza, nin o prezo dos afeites, nin a rareza, nin o prezo dos abelorios. Sei que o problema está noutro lugar. Non sei onde está. Só sei que non está onde as mulleres cren. Ollo as mulleres nas rúas de Saigón, nos postos da selva. Hainas moi fermosas, moi brancas, coidan moitísimo da súa beleza aquí, sobre todo nos postos da selva. Non fan nada, só se reservan, resérvanse para Europa, os amantes, as vacacións en Italia, os longos permisos de seis meses, cada tres anos, durante os que poderán por fin falar do que acontece aquí, desta existencia colonial tan particular, do servizo desa xente, dos criados, tan perfecto, da vexetación, dos bailes, deses chalés brancos, grandes coma para se perder neles, nos que son hospedados os funcionarios durante os seus destinos remotos. Elas esperan. Vístense para nada. Obsérvanse. Á sombra deses chalés, contémplanse para máis tarde, cren que viven nunha novela, xa teñen os amplos roupeiros, cheos de vestidos cos que non saben que facer, coleccionados coma o tempo, a longa
19