PRIMEIRA PARTE
1 Coñecín a Dean pouco despois de separármonos a miña muller e mais eu. Viña de superar unha doenza grave da que agora non me peta falar, agás que estaba relacionada con aquela triste e tan fatigosa separación e a miña impresión de que todo estaba morto. Coa chegada de Dean Moriarty empezou esa xeira da miña vida que poderiamos chamar a vida na estrada. Antes daquilo fantasiara a miúdo con marchar cara ao Oeste para ver o país, argallando sempre plans imprecisos, pero sen chegar a partir nunca. Dean é o tipo perfecto para a estrada porque de feito naceu nela, cando en 1926 os seus pais cruzaban Salt Lake City nun catro latas, camiño dos Ánxeles. Souben del por vez primeira a través de Chad King, quen me amosara un monllo das cartas que lle escribira dende un reformatorio en Novo México. Aquelas cartas interesáronme enormemente porque nelas pedía, con grande inocencia e amabilidade, que llo aprendese todo sobre Nietzsche e todas esas marabillas intelectuais que Chad sabía.
5
Houbo un momento en que Carlo e mais eu falamos daquelas cartas e preguntámonos se algunha vez chegariamos a coñecer aquel estraño Dean Moriarty. Todo isto aconteceu hai moito tempo, cando Dean non era a persoa que é hoxe, cando era un rapaz preso rodeado de misterios. Logo chegou ata nós a nova de que Dean saíra do reformatorio e viña a Nova York por vez primeira; disque tamén acababa de casar cunha rapaza chamada Marylou. Un día que andaba devagar polo campus, Chad e Tim Gray contáronme que Dean se aloxara nun cuarto miserento ao leste de Harlem, o Spanish Harlem. Chegara a noite anterior, a súa vez primeira en Nova York, xunto con Marylou, a súa fermosa rapariga, miúda e espelida. Baixaran do Greyhound na rúa 50 e, ao dobrar a esquina na procura dalgún sitio onde comer, bateron de fronte con Héctor’s, que, dende entón, se converteu nun gran símbolo de Nova York para Dean. Mercaron grandes e gorentosos pasteis recubertos de azucre e bolos de nata. Dean non deixaba de dicirlle a Marylou cousas do xeito: –Ben, cariño, aquí estamos, en Nova York, e, aínda que non che contei todo o que andaba a cavilar mentres cruzabamos Missouri, especialmente cando pasamos ante o reformatorio de Booneville e lembrei as miñas lerias coa cadea, agora é imprescindible que adiemos todas esas cuestións atrasadas das nosas vidas amorosas e que decontado comecemos a pensar en plans específicos de traballo… –Laretaba sen parar, como adoitaba facer entón. Acompañei os rapaces ata aquel cuarto carrañento e Dean abriu a porta en calzóns. Marylou apresurouse a baixar do catre. Dean despachara o inquilino do apartamento para a
6
cociña, seguramente a preparar café, mentres el se afanaba nas súas lerias amorosas, xa que para el o sexo era sagrado, o único importante de verdade na vida, aínda que tivese que gañar o pan entre maldicións coa suor da súa fronte. Podías intuílo no xeito en que cabeceaba, sen afastar a vista do chan, asentindo, coma un boxeador novo atento ás instrucións, de xeito que pensases que escoitaba cada palabra, deixando caer milleiros de «sis» e mais «Iso é». A primeira impresión que levei de Dean foi que imitaba un mozo Gene Autrey –lanzal, estreito de cadeiras, ollos azuis e cun auténtico acento de Oklahoma–, un patilludo heroe do nevado Oeste. De feito, viña de traballar nun rancho, o de Ed Wall, en Colorado, antes de casar con Marylou e marchar ao leste. Ela era unha loura guapa con inmensos rizos coma un mar de flocos dourados; sentara no bordo do catre coas mans no colo, os ollos campeiros dun azul afumado abertos de par en par porque se atopaba nun cuarto merdento e agrisado desa Nova York da que escoitara falar aló no Oeste, agardando igual que se fose unha desas esveltas e macilentas mulleres surrealistas de Modigliani nun cuarto máis serio. Aínda así, fóra de ser unha rapariga moi doce, era ben parva e capaz de facer cousas horribles. Aquela noite bebemos cervexa e botamos pulsos e falamos ata o abrente e, xa pola mañá, mentres andabamos coma papóns a fumar as cabichas dos cinseiros na luz agrisada dun día avesedo, Dean ergueuse nervioso, empezou a dar voltas, matinando, e decidiu que o que cumpría era que Marylou preparase o almorzo e varrese o chan. –Así cho digo, miña rula, temos que bulir, enténdeo, porque se non abanearemos sen saber de certo a que andamos ou sen que os nosos plans cheguen a cristalizar.
7
Nese intre marchei. A semana seguinte confioulle a Chad King que a súa prioridade absoluta era que lle aprendese a escribir; Chad díxolle que eu era escritor e que debería acudir a min para que o aconsellase. Entrementres, Dean conseguira un traballo nun aparcadoiro, pelexara con Marylou no seu apartamento de Hoboken –sabe Deus por que foron dar alá– e ela toleara de tal xeito e tiña tal ansia de vinganza que o denunciara na policía cunha acusación falsa tan esaxerada e histérica que Dean tivera que liscar. Non tiña onde vivir. Foi directo a Paterson, en Nova Jersey, onde eu vivía con miña tía, e unha noite, mentres estudaba, sentín petar na porta e alí tiña a Dean, desfacéndose en reverencias e movéndose nervioso e servil na penumbra do corredor. –Ola, lémbraste de min, Dean Moriarty? Veño pedirche que me aprendas a escribir. –E onde está Marylou? –preguntei, e Dean respondeu que seica xuntara uns cantos dólares prostituíndose e volvera a Denver. –A moi puta! –exclamara. Xa que logo, fomos beber unhas cantas cervexas porque non podiamos falar tranquilamente diante de miña tía, que estaba sentada na sala lendo o xornal. Botoulle un ollo a Dean e decidiu que se trataba dun chalado. –Hostia, colega –díxenlle a Dean xa no bar–, ben sei que non viñeches onda min só porque queres ser escritor; ademais, que carallo sei eu do conto, agás que tes que teimar no choio coma se foses un adicto ás anfetas. –Si, dende logo –respondeu–, sei moi ben de que estás a falar e, de feito, xa me pasaran polo maxín todos eses problemas,
8
pero o que ando a procurar é a realización deses factores polos que un debera depender da dicotomía de Schopenhauer para calquera realización interna… –E seguiu laretando, soltando cousas polo estilo, cousas de que eu non tiña a máis remota idea e el tampouco. Naquela altura non sabía de que falaba; é dicir, era un mozo presidiario que arelaba as marabillosas posibilidades de se converter nun auténtico intelectual, e gus taba dese ton e das palabras, aínda que envurulladas, que lles escoitara a «auténticos intelectuais». Porén, non era tan inxenuo en todo o demais, e non lle levou máis que botar uns cantos meses na compaña de Carlo Marx para se enchoupar por completo dos termos e a xerga. Non obstante, entendiámonos noutros niveis de tolemia e accedín a que ficase na miña casa ata atopar un traballo e mesmo concordamos que algún día sairiamos cara ao Oeste. Isto foi no inverno de 1947. Unha noite que Dean ceaba na miña casa –xa traballaba no aparcadoiro en Nova York–, asomou por riba do meu ombreiro mentres eu escribía á máquina a todo meter e dixo: –Veña, ho, que as rapazas non esperan, dálle lume. –Agarda só un minuto –contestei–, e estarei contigo en canto remate este capítulo. –Era un dos mellores capítulos do libro. A seguir vestinme e liscamos voando a Nova York na procura de rapazas. Mentres o bus atravesaba o estraño baleiro fosforescente do túnel Lincoln, iamos apoiados un no outro, axitando as mans e berrando e falando excitados, e eu xa empezaba a contaxiarme coma Dean. Non era máis ca un mozo que se emocionaba coa vida ata extremos incribles e, malia ser un caloteiro, só o facía porque arelaba vivir por riba de todo e quería relacionarse con xente que doutro xeito nunca lle prestaría atención. A min estaba a me estafar e eu
9
sabíao (cuarto e comida e «como escribir», etcétera) e el sabía que eu o sabía (a nosa relación alicérzase nisto), pero a min tanto me tiña e levabámonos ás mil marabillas, sen amolar nin esixencias: rodeabámonos nas puntas dos pés igual ca novos amigos da alma. Empecei a aprender del tanto como el probablemente aprendeu de min. No que respecta ao meu traballo, dicía: –Adiante, todo o que fas é moi bo. –Ollaba por riba do meu ombreiro mentres eu escribía relatos, dando berros–. Si! Aí o tes! Vaites! Dálle, ho! –Limpaba o rostro cun pano–. Socio, haiche tanto por facer, tanto por escribir! Non sei nin por onde empezar a rexistrar todo, sen limitacións ou restricións, atoado polas inhibicións literarias e os temores gramaticais… –Iso é, ho, aí falaches. –E percibín unha especie de relampo sagrado que agromaba nas súas emocións e visións, que el describía dun xeito tan torrencial que a xente nos buses daba a volta para observar aquel «chalado pasado de rosca». No Oeste botara un terzo do seu tempo no salón de billar, outro na cadea e o terzo restante na biblioteca pública. Vírano correr ansioso polas rúas invernais, a cabeza rapada, levando libros aos billares ou gabeando polas árbores para meterse nos faiados de camaradas, onde pasaba días lendo ou agochado dos policías. Fomos a Nova York –non lembro xa os pormenores, eran dúas rapazas negras–, pero as rapazas non estaban; seica quedaran con el nunha cafetaría e non apareceran. Achegámonos ata o aparcadoiro, onde tiña cousas que facer, cambiar de roupa no caseto traseiro e aquelarse un pouco en fronte dun espello agretado, antes de volver a saír. E esa foi a noite en que Dean coñeceu a Carlo Marx. Dúas mentes inquedas
10
coma as súas, que conectaron da man para o pé. Dous ollos escrutadores fronte a outros dous ollos escrutadores: o caloteiro bendito de brillante maxín e o malpocado caloteiro poeta de ideas escuras que é Carlo Marx. De aló en diante case non volvín a ver a Dean, o que me magoou un chisco. As súas enerxías bateron testa contra testa e eu, en comparación, era un pailán incapaz de seguirlles o paso. Alí empezou aquel tolo bulebule e todo o que ía vir despois, o que ía sacudir todos os meus amigos e o que me quedaba de familia nunha gran nube poeirenta na Noite Americana. Carlo faloulle de Old Bull Lee, de Elmer Hassel, de Jane: Lee cultivaba herba en Texas; Hassel, preso en Riker’s Island; Jane vagaba por Times Square nunha alucinación anfetamínica, coa súa bebé no colo ata rematar en Bellevue. E Dean faloulle a Carlo de descoñecidos no Oeste, coma Tommy Snark, a quenlla patexa dos billares, tafur e santo marica. Faloulle de Roy Johnson, de Big Ed Dunkel, os seus colegas de infancia, colegas de rúa, as súas innumerables mozas e orxías e películas pornográficas, heroes e heroínas, aventuras. Bulían rúa abaixo, enchoupándose de todo con aquela intensidade súa, que logo se habería volver máis triste e perspicaz e baleira. Pero naquela altura bailaban nas rúas coma espíritos libres e eu ranqueaba atrás deles, igual que levo facendo toda a vida, seguindo as persoas que me interesan, porque os únicos que me interesan son os tolos, os que tolean por vivir, por falar, por seren salvados, que queren todo ao mesmo tempo, os que nunca bocexan nin din un tópico, senón que arden, arden, arden coma fantásticos foguetes que estoupan igual ca arañas entre as estrelas, en cuxo centro podes ver como estrala unha luz azul e todos exclaman un «Ahhh!». Como lle chamaban a esta xente moza
11
na Alemaña de Goethe? Dean desexaba con fervor aprender a escribir igual ca Carlo, polo que o primeiriño que fixo foi abordalo con esa dozura espiritual da que só é capaz un caloteiro. –Veña, Carlo, déixame falar. Escoita o que che digo… –Non os vin en dúas semanas, tempo en que cimentaron a súa relación en endiañadas conversas que duraban o día enteiro coa súa noite. Logo chegou a primavera, o momento perfecto para viaxar, e todos na gavela que andaba por aí espallada empezaron a se preparar para marchar aquí ou acolá. Eu andaba atarefado coa miña novela e, cando dei chegado á metade, tras unha viaxe ao Sur con miña tía para visitar o meu irmán Rocco, dispúxenme a saír cara ao Oeste por vez primeira. Dean xa marchara. Carlo e mais eu despedímolo na estación da Greyhound da rúa 34. No andar de arriba había un sitio onde podías retratarte por un cuarto de dólar. Carlo quitou as lentes e sen elas tiña un aspecto sinistro. Dean fixo un retrato de perfil, ollando de esguello con timidez. Eu coloqueime de fronte e saín co aspecto dun italiano de trinta anos capaz de matar a calquera que ofendese a súa nai. Cunha coitela, Carlo e Dean cortaron a fotografía xusto polo medio e gardaron cadansúa metade na carteira. Dean vestía un auténtico traxe de home de negocios do Oeste con ocasión da súa gran viaxe de volta a Denver; rematara o seu primeiro intento de vivir en Nova York. Digo intento, pero en realidade só traballara coma un can nos aparcadoiros. O mellor empregado de aparcadoiro do mundo, capaz de meter marcha atrás un coche a máis de sesenta quilómetros por hora nunha praza minúscula e deterse xusto contra o muro, brincar por
12
entre os gardalamas e sentar noutro coche, xiralo a setenta por hora nun carreiro estreito para encaixalo á perfección, bang, detelo co freo de man para que poidas ver como dá un chimpo cando sae del; logo bole cara á caseta de entrada, correndo coma unha estrela do atletismo, entregar un tícket, meterse nun coche que acaba de chegar antes de que o seu dono estea fóra, escorregando por baixo del mentres sae, acendelo coa porta aínda aberta e marchar fungando cara a unha praza libre, xirar, meter o freo, fóra, correr; traballando así sen descanso oito horas cada noite, nas horas punta da tardiña e á saída dos teatros, cos seus graxentos pantalóns de caneco e unha esfarrapada chaqueta con forro gastado de pel e zapatos descosidos. Agora mercara un traxe para o regreso, azul con liña diplomática, con chaleco e todo –costáralle once dólares na Terceira avenida–, ata tiña reloxo e cadea, xunto cunha máquina portátil coa que ía empezar a escribir nunha pensión en Denver en canto conseguise traballo aló. Celebramos un xantar de despedida a base de salchichas e fabas no Riker’s da Sétima avenida e logo Dean subiu ao bus que puña Chicago e desapareceu zoando na noite. Velaí marchaba o noso vaqueiro. Prometinme que seguiría o mesmo camiño cando a primavera abrochase de verdade e cubrise de flores o país. E deste xeito foi como empezou de verdade a miña experiencia na estrada, e as cousas que estaban por chegar son demasiado fantásticas como para non contalas. Si, e non era só que eu fose un escritor necesitado de novas experiencias e que quería coñecer mellor a Dean, ademais de que a miña vida preguiceira no campus chegara á fin do seu ciclo e se atrofiara, senón que, dalgunha maneira, malia
13
as nosas diferenzas de carácter, lembrábame a unha especie de irmán perdido no tempo; a visión do seu rostro osudo e magoado, coas súas longas patillas e o colo estirado e suorento, devolvíame o recordo da miña infancia nos vertedoiros e pozas de Paterson e mais nas ribeiras do Passaic. Vestía a roupa luxada do traballo cunha elegancia tal que non atoparías un corte mellor nin encargándollo á medida a un xastre, senón que había que gañalo no Xastre Natural da Alegría Natural, como Dean conseguira con tanto esforzo. E no seu excitado xeito de falar escoitei outra volta as voces de vellos compañeiros e irmáns baixo as pontes, entre as motocicletas e a rentes dos tendais do barrio e as adurmiñadas escaleiras onde polas tardes os rapaces tocaban a guitarra mentres que os seus irmáns maiores traballaban nas fábricas de algodóns. Naquela altura todos os meus amigos eran «intelectuais» –Chad, o antropólogo nietzscheano; Carlo Marx e o seu falar en voz baixa, surrealista e chalado; Old Bull Lee e a súa leria, crítica contra todo– ou ben eran escorregadizos delincuentes coma Elmer Hassel, co seu calculado desdén, igual ca Jane Lee, debruzada sobre a manta oriental coa que cubría o sofá, lendo con indiferenza a New Yorker. Porén, a intelixencia de Dean era formal, brillante e completa, mais sen caer nunha enfastiada intelectualidade. E a súa condición «criminal» non era fusca nin burlona: era un estralo vibrante e positivo de alegría americana; era do Oeste, o vento do Oeste, unha oda dende as Chairas, algo novo, profetizado había tempo, que viña xa de lonxe (só roubaba coches para se divertir). Ademais, todas as miñas amizades neoiorquinas instaláranse nese pesadelo negativo que é criticar a sociedade cos seus fatigosos argumentos, fosen librescos, políticos ou psicanalíticos. Pero
14
Dean só fluía na sociedade, cobizoso de pan e amor, tanto lle tiña dun xeito ou doutro, «Mentres poida pillar esa rapariga e o seu furadiño entre as pernas, amigo» e «Mentres poidamos comer, rapaz, escoitas? Teño fame. Ando esfameado, vamos xantar xa!». E liscabamos a comer, porque, como di o Eclesiastés, «Velaí a túa parte baixo o sol». Un parente do sol chegado do Oeste, iso era Dean. Aínda que miña tía me advertiu de que acabaría metido en problemas, o que sentía era unha nova chamada e albiscaba un novo horizonte, nos que crin co fervor da mocidade; e aínda que me enlease ou mesmo Dean me rexeitase como amigo, abandonándome, algo que faría máis tarde, morto de fame nunha beirarrúa ou enfermo nunha cama, que importancia podía ter? Eu era un escritor novo e quería botar a voar. Sabía que nalgún lugar do camiño habería rapazas, visións, de todo; nalgún lugar do camiño entregaríanme a perla.
15
2 No mes de xullo de 1947, despois de aforrar uns cincuenta dólares do meu subsidio de veterano, estaba listo para partir cara á Costa Oeste. O meu amigo Remi Boncoeur escribírame unha carta dende San Francisco, na que me dicía que me xuntase con el para embarcármonos nun navío que ía dar a volta ao mundo. Asegurábame que era quen de meterme no cuarto de máquinas. Escribinlle de volta e díxenlle que calquera vello cargueiro me valía con tal de que puidese facer longas travesías polo Pacífico e regresar con cartos dabondo para me manter na casa de miña tía mentres rematase o meu libro. Contestou que tiña unha casoupa en Mill City e que alí tería todo o tempo do mundo para escribir mentres durase a lea de conseguir o embarque. Vivía cunha rapaza chamada Lee Ann; disque era unha cociñeira fantástica e todo ía saír a pedir de boca. Remi era un vello amigo da escola preparatoria, un francés criado en París e un tolo auténtico: naquela altura aínda non sabía ata que punto. Xa que logo, esperaba a miña chegada en dez días. Miña tía vía con bos ollos a miña viaxe cara ao Oeste: dixo que me faría ben, despois de traballar tan duro todo o inverno, sen apenas saír da casa; nin tan sequera se queixou cando lle contei que tería que percorrer algún treito a dedo. O único que quería era que vol vese dunha peza. Así que deixei encol da mesa o meu gran manuscrito sen rematar e, tras facer por última vez a cama coas súas sabas confortables e caseiras, saín unha mañá en dirección ao océano Pacífico, provisto coa miña bolsa de lona,
16
na que metera algúns útiles de primeira necesidade, e cincuenta dólares no peto. En Paterson botara meses estudando polo miúdo mapas dos Estados Unidos e mesmo lera libros sobre os pioneiros e saboreara nomes coma Platte e Cimarron e outros máis, e no mapa de estradas viña unha longa liña encarnada, a Ruta 6, que ía dereitiña dende Cape Cod ata Ely, en Nevada, e logo alí baixaba ata Os Ánxeles. Non teño máis ca seguir a 6 ata Ely, pensei, e partín cunha confianza total en min mesmo. Para chegar ata a Ruta 6 tiña que subir a Bear Mountain. Co maxín rebordante de soños do que faría en Chicago, en Denver e, ao cabo, en San Fran, collín o metro na Sétima avenida ata o final da liña na rúa 242, e logo alí subín a un tranvía ata Yonkers, onde fixen transbordo a outro tranvía que conducía ata os lindes da cidade na ribeira leste do río Hudson. Se deixas caer unha rosa no Hudson, nos seus misteriosos mananciais do cordal das Adirondack, pensa en todos eses lugares que atravesa no seu decorrer ata o mar para non regresar, pensa nese marabilloso val do Hudson. Empecei a subida facendo dedo. Cinco viaxes intermitentes leváronme á ansiada ponte de Bear Mountain, onde empalmaba a Ruta 6 dende Nova Inglaterra. Cando me deixaron aló, comezou a chover a mares. Era un terreo montañoso. A Ruta 6 cruzaba o río, describía unha rotonda e desaparecía entre a bouza. Non só non había tráfico, senón que chovía a caldeiros e non tiña onde me acubillar. Tiven que correr ata uns piñeiros para gorecerme, pero non serviu de nada. Rompín a chorar e a maldicir e a dar cotenadas na testa por ser tan parvo. Estaba a máis de sesenta quilómetros ao norte de Nova York; durante todo o camiño preocupárame o feito de que xusto no meu gran día inaugural só me
17
estaba a mover en dirección norte, en troques do Oeste das miñas arelas. Quedara atoado ao norte do norte. Corrín uns centos de metros ata unha bonitiña gasolineira de estilo inglés e fiquei baixo as pingueiras dos beirís. Nas alturas, a gran e frondosa Bear Mountain descargaba tronos que me meteron o medo no corpo. O único que podía ver eran árbores vaporosas e unha deprimente espesura que chegaba ata o ceo. «Que carallo estou facendo aquí?», maldixen, chorando por Chicago. «Agora mesmo estarán todos de troula, divertíndose, sen min. Non sei cando vou dar chegado!» Ao cabo, parou un coche na gasolineira deserta e un home e dúas mulleres baixaron a consultar un mapa. Decontado achegueime a eles e aceneilles baixo a chuvia. Falaron entre si. Tiña o aspecto dun maníaco, claro, co cabelo mollado e os zapatos enchoupados. Eran, parvo de min, huaraches mexicanas, peneiras vexetais non aptas para as noites chuviosas de América e as duras viaxes nocturnas por estrada. Aínda así, deixáronme subir e leváronme rumbo norte ata Newburgh, o que tiven que aceptar á falta dunha alternativa mellor a verme atrapado na bouza bravía de Bear Mountain o resto da noite. –Ademais –dixo o home–, aquí non hai accesos á 6. Se queres ir a Chicago, o mellor que podes facer é cruzar o túnel Holland en Nova York e dirixirte a Pittsburgh. –Tiven que darlle a razón. Escarallara o meu soño por mor daquela estúpida idea, soñada ao calor dunha cheminea, do marabilloso que sería seguir unha única e gran liña encarnada para cruzar América no canto de probar con varias estradas e rutas. En Newburgh deixara de chover. Achegueime o río e tiven que volver a Nova York nun bus cunha excursión de profesores que regresaban de pasar a fin de semana nas montañas:
18
mentres escoitaba a súa incesante leria e parola, non parei de maldicirme por todo o tempo e o diñeiro que gastara. Quería ir cara ao Oeste e alí estaba, arriba e abaixo día e noite, norte e sur, sen ser quen de empezar de verdade. E xurei que ao día seguinte estaría en Chicago, e para asegurarme diso collín un bus ata alá, o que me comeu case todos os cartos, pero a min tanto me tiña con tal de chegar a Chicago ao día seguinte.
19