Skip to main content

Mulleres imprescindibles/Educadoras na vangarda do S XX G

Page 1

MULLERES IMPRESCINDIBLES:

Educadoras na vangarda do século xx Antón Costa Rico, pedagogo e doutor en Ciencias da Educación, Universidade de Santiago Manuela Rodríguez, educadora e editora

Las generaciones del presente y del futuro tenemos la obligación y el deber moral de rastrear y contar su historia, de sacar a la luz sus ideales, de airear su ejemplo y de demostrar, con sus vidas, el inmenso poder de la educación para transformar el mundo.1 ABRINDO PASO ÁS EDUCADORAS

O tempo final do século xix, que coñecemos como o ciclo da Restauración afonsina, período burgués conservador e con resonancias aristocráticas, foi o do inicio das reivindicacións feministas. Sinalamos o século xx como o do espertar da preocupación polos dereitos da infancia, e tamén do recoñecemento dos dereitos das mulleres. A teimuda resistencia e reivindicación que efectuaron un gran número delas en todo o escenario occidental, xunto a outros factores sociolóxicos e de demandas sociais, culturais e políticas, fixeron posible un maior protagonismo M.ª del Mar Pozo Andrés, Justa Freire o la pasión de educar, Barcelona: Octaedro, 2013, p. 267. 1

13


feminino. Esta presenza avanzou de forma apreciable, en particular, a través da canle das institucións educativas próximas á burguesía ilustrada, cando a maioría delas operaban en sentido contrario e baixo o modelo dunha escola segregadora. En contra dos conservadorismos de xénero (expresión dun poder patriarcal e eclesiástico), a afirmación feminina foi consolidando crecentes conquistas, contribuíndo coas súas loitas e dinámicas a derrubar unha parte das estruturas de dominación en prol de sociedades máis democráticas. No Estado español é habitual referirse aos impulsos dados polo clérigo de orientación krausista2 Fernando de Castro Pajares, fundador en 1870 da Asociación para la Enseñanza de la Mujer, como un dos precursores da Institución Libre de Enseñanza, marco este desde o que se afirmaba a absoluta pertinencia da educación feminina. A AFIRMACIÓN SOCIOLÓXICA DO MAXISTERIO FEMININO

No inicio dos anos vinte comezaron a darse os primeiros chanzos dun movemento sen volta a atrás; sirvan como exemplo: os primeiros pasos de ingreso na profesión docente; a procura da igualdade salarial entre mestres e mestras; a posibilidade de as mulleres realizaren estudos superiores, profesionais e universitarios3 sen a autorización paterna; a resonancia lograda por 2 Recordemos que o filósofo idealista alemán Karl Ch. F. Krause foi defensor dos dereitos das mulleres.

Ata o 8 de marzo de 1910, a lexislación española non lles recoñecía ás mulleres o dereito a matricularse libremente na carreira universitaria que desexasen. 3

14


distintas mulleres –como foi o caso, non único, de Emilia Pardo Bazán no Congreso Pedagóxico Hispano-Portugués-Americano de 1892–, a creación en 1907 da Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, como motor de europeización e de modernización cultural;4 a creación en 1909 da Escuela Superior del Magisterio;5 a Real Orde, ditada en 1911, que facilitaba a escolarización de nenas e nenos nas mesmas salas de aula; algúns avances na profesionalización docente feminina e a procura da mellor formación das e dos docentes primarios logo de 1914; o impulso á Residencia de Señoritas desde 1915 –seguindo a pauta da Residencia de Estudiantes, creada en 1910–; a creación en 1918 do Instituto-Escuela para a renovación da educación secundaria…, e a presenza de mulleres «conscientes de si» en todas estas novas plataformas e institucións. Íanse rompendo fronteiras e teitos de cristal. Desde o inicio dos anos vinte e durante o tempo da II República intensificaranse estes avances. Entre tanto, a sociedade rexistraba unha crecente urbanización –distintamente no Mediterráneo ou en Galicia–, acompañada de certo crecemento do sector terciario da economía, 4 Un apreciable número de mulleres docentes tamén se beneficiaron das bolsas de viaxe e de estudos concedidas ata 1936 para proxectos de formación e de especialización en diversos lugares de Europa. A este respecto, pode verse Teresa Marín, Innovadores de la educación en España, Cuenca: Servicio de Publicaciones de la Universidad de Castilla-La Mancha, 1991.

Pronto redenominada Escuela de Estudios Superiores del Magisterio. Quedou suprimida en xaneiro de 1932, cando se crea a sección de Pedagoxía da Facultade de Filosofía e Letras da Universidad Central, ao transformar tamén a cátedra de Pedagoxía que desde 1904 desempeñara Manuel Bartolomé Cossío. 5

15


pero tamén de maior proletarización e de expulsión de poboación agraria, que se converterá en migrante. É este un conxunto de fenómenos que aceleran o dinamismo da sociedade, mais tamén as contradicións que nela se suscitan. Os aínda reducidos sectores subalternos crean paulatinamente instrumentos de comunicación e de información escrita, a modo de prensa periódica, boletíns e revistas, desde onde poder mostrar as contradicións sociais e manifestar así mesmo algunhas das discriminacións de xénero. Entre tales correntes de opinión cabe falar do liberalismo reformista e federalista –case sempre imbuído de acentos republicanos–, da masonería e do librepensamento, que alimentaban o societarismo obreiro, o cal irá ramificándose a través de organizacións de clase –a ugt e o psoe, e máis tarde a cnt– e de parte das expresións rexionalistas/nacionalistas. En calquera deses escenarios de opinión e de sociabilidade podían sentirse algunhas inquedanzas que introducían críticas ao modelo educativo conservador dominante. É neste marco onde podemos falar dunha crecente reclamación da educación para a autonomía das nenas e das mulleres, con entrecruzamentos teóricos de distinta procedencia: frecuentemente idealista e poskantiana; empirista, positivista e evolucionista noutros casos; vitalista e, en menor medida, pragmatista. A Institución Libre de Enseñanza, a Escuela Moderna de Barcelona, coa súa ramificación a través das escolas racionalistas, e o movemento pedagóxico internacional da Escola Nova, sobre o que se dispón de atenta información en España, proverán as orientacións pedagóxicas oportunas, e será neste escenario, un algo pluriforme, onde se forxarán as educadoras e mulleres 16


imprescindibles ás que nos referiremos na presente e coral monografía. EDUCADORAS DE ESPÍRITO REPUBLICANO

Mulleres que forxan os seus itinerarios nun tempo que parecía invitar á busca de horizontes de progreso social e democrático, o que se afirmou coa chegada da II República,6 como mobilización cívica democrática, na que tantas participaron «atrevéndose a soñar», ao punto de vivir con intensidade o seu compromiso docente –nun plano igualitario cos seus compañeiros varóns–, que unía exercicio profesional e valores propicios á igualdade, á xustiza e á liberdade, de maneira que chega a falarse das «mestras da República», cun sentido categorial: «Aquelas docentes que se comprometeron e mobilizaron coas reformas republicanas, que posibilitaban a obtención de dereitos civís e políticos».7 Unha parte delas, ademais, tomando distancia de calquera elitismo intelectual reformador, desenvolveu un perfil humano e profesional excepcionalmente marcado polo compromiso con estas reformas políticas e sociais e realizou prácticas culturais e pedagóxicas innovadoras, nas escolas e colexios,8 nos ateneos, nas Casas do Pobo, nas bibliotecas e nas Misións 6 Con Marcelino Domingo, Fernando de los Ríos, Barnés e Llopis promovendo os distintos programas de educación do primeiro bienio republicano.

Carmen de la Guardia, Maestras republicanas en el exilio. Como una luz que se prende, Madrid: Los Libros de la Catarata, 2020, pp. 14-15.

7

Cos lemas de escola activa, pública e unificada, gratuíta, laica ou aconfesional e coeducativa como horizontes. 8

17


Pedagóxicas, a favor da coeducación, da plena liberdade das mulleres, do naturismo e do pacifismo. Desde os seus distintos graos de compromiso, padeceron os sufrimentos da represión brutal da ditadura franquista, coa perda dos seus postos de traballo, co cárcere e co exilio, sendo «esquecidas e silenciadas»9 e profundamente afectados os ideais educativos e de vida que practicaran. Nestas circunstancias viviron durante décadas, mantendo, con todo, e de distintos modos, a súa acción educadora reflexiva e cultivada, tanto no exilio exterior, en distintos países de América e de Europa, como nalgúns casos no exilio interior, logo de recuperar –após anos de separación forzosa– un posto docente «vixiado» e nun clima social marcado pola permanente represión. A pesar do abafante ambiente, algunhas destas educadoras aínda puideron trasladar a chama dos valores e dos ideais educativos queridos ás novas xeracións. Recibírona, entre outras, Marta Mata e Carme Miquel, quen, en feliz compaña de sororidade, trazaron vitalmente a transición a un renovado tempo novo,10 como antecedentes do presente. HISTORIOGRAFÍA CONTRA O ESQUECEMENTO

A orientación da historia social e, particularmente, a da historia cultural, con atención neste caso aos estudos de xénero, fixeron posible abordar unha miríade de cuestións relativas Como indicou Antonina Rodrigo, Mujeres olvidadas: las grandes silenciadas de la II República, Madrid: La Esfera de los Libros, 2013.

9

Como se salienta en Victoria Robles (dir.), Educadoras en tiempos de Transición, Madrid: Los Libros de la Catarata, 2018. 10

18


e abrir produtivos camiños teóricos, asentados en específicas categorías analíticas, cunha ampla despregadura investigadora e de debate, presente en todo o espazo das ciencias sociais e humanas. A historia das mulleres e, no seu seo, das docentes, aínda que entrou tarde no territorio dos estudos históricos, é actualmente un extraordinario ámbito de investigación e de coñecemento, como se observa na realización de distintos congresos de estudo e de debate e na atención prestada desde diversas publicacións académicas e culturais recoñecidas.11 Ademais, son varias as coleccións editoriais abertas en distintos lugares sobre o feminismo e a vertente histórico-educativa; mesmo contamos con estudos específicos en varias comunidades autónomas. OS FÍOS QUE CONECTAN ESTES NOMES

Escollemos nove mulleres educadoras que xa non están fisicamente entre nós; nove nomes posibles, nove imprescindibles exemplos. As historias de vida son sempre singulares, mais nestas aquí reunidas podemos encontrar varias liñas de conexión. Entre elas, coidamos, as seguintes: Mulleres cunha forte inquedanza pola formación, que transita dos estudos medios aos normalistas e que continúa no tempo das súas vidas mediante lecturas, encontros e viaxes de formación en distintos países de Europa, cabo de especialistas no campo da psicopedagoxía ou en contacto con algunha Está igualmente presente na distinta e valiosa bibliografía referenciada no conxunto de traballos da presente monografía.

11

19


das figuras maiores do movemento internacional da Escola Nova. Mulleres cunha preocupación educadora e imbuídas de optimismo pedagóxico, que manifestan intelectual e emocionalmente un profundo compromiso coa educación e cos valores que conducen ao progreso da humanidade. Mulleres cunha orientación social reformadora, o que as levaba a conectar a pedagoxía coas ideas e as loitas democráticas, nuns casos desde a filosofía do elitismo reformador orteguiano e noutros desde unha adscrición de horizonte socialista. Mulleres que fan da escola, isto é, do espazo no que interveñen como educadoras, lugares de vida, onde poder conectar o naturalismo pedagóxico propio da utopía da Escola Nova co vitalismo filosófico, co convencemento de que «unha escola non termina de se facer nunca», como afirmaba María Sánchez Arbós. Mulleres que desenvolven a súa acción con atención reflexiva sobre os seus xestos, intencións, motivacións e accións, o que na maioría dos casos as leva a escribir (textos íntimos sobre o que viven, como modo de exercicio reflexivo e indagador) e tamén a publicar, isto é, a escribir para outros, como modo de intervención profesional e social sobre o presente. Mulleres que manifestan unha insistente preocupación pola formación do profesorado, conscientes da transcendencia humanizadora e cultural das e dos educadores, no horizonte dunha sociedade máis xusta, libre, solidaria e acolledora para todas as persoas.

20


INDICACIÓNS DE EDICIÓN12

Nove nomes de muller, algunhas do primeiro terzo do século xx, mestras republicanas, vidas de exilio político, e vagalumes de anuncio dunha ilusionante etapa posfranquista, compoñendo un tecido no que podemos percibir a liña do tempo e a xeografía cultural e lingüística distinta que nos compón colectivamente. Nomes escollidos, por outra parte, con algunha dependencia dos rexistros historiográficos dos que no presente dispoñemos. As nove contribucións que aquí aparecen son textos orixinais elaborados para a presente monografía por autoras, e nalgún caso autores, de notable traxectoria investigadora; recoñecidas ou recoñecidos especialistas no estudo das figuras que analizan: Joan Soler Mata, Ana Romero Masiá, Raquel Vázquez Ramil, Dolores Cotelo Guerra, Víctor Juan Borroy, María del Mar del Pozo Andrés, Miel Anjel Elisondo, Núria Simó Gil e M. del Carmen Agulló Díaz. Grazas a todas e todos eles por poñeren en valor o legado destas nove educadoras imprescindibles.

As achegas referidas a Rosa Sensat, Marta Mata e Carme Miquel conteñen numerosas referencias e textos orixinalmente escritos en catalán e valenciano que aquí foron traducidos ao galego.

12

21


ROSA SENSAT I VILÀ (1873-1961)

A renovación da escola pública e o ensino das ciencias

Joan Soler Mata Universitat de Vic – Universitat Central de Catalunya

23


Introdución: A MESTRA E A MIRADA PEDAGÓXICA CARA A EUROPA O problema que nos preocupa é un problema de educación. (…) No noso país sobran leis e falta educación.1

Rosa Sensat i Vilà foi unha mestra de sólida formación científica e pedagóxica cun pensamento e unha obra que sintonizaron cos ideais do novecentismo e cos amplos horizontes abertos polos principios da pedagoxía europea e internacional máis avanzada do seu tempo. Foi un verdadeiro acerto darlle o seu nome á Nova Escola de Mestres creada en Barcelona en 1965 por un grupo de mestres de grande inquietude educadora, axiña convertida nun faro da renovación pedagóxica en pleno franquismo. Marta Mata explicaba que se tratou dunha proposta de Alexandre Galí: «Deberiades darlle o nome de Rosa Sensat. (…) Era unha muller; vós seredes maioría; xa era así nos Estudis Normals da Mancomunitat de Catalunya. Foi unha excelente mestra, do primeiro ao derradeiro momento do seu traballo, e, en toda circunstancia, aberta a novas correntes 1

Rosa Sensat, «Problema d’educació», en Claror, 1935, p. 34.

25


pedagóxicas de dentro e de fóra, estudosa e sensible, que traballou a eito na escola pública. E preocupouse moito pola formación dos mestres». Grazas á iniciativa e ao pulo do equipo fundador, o 4 de outubro de 1965 Angeleta Ferrer Sensat, a súa filla, daba a primeira clase na Escola de Mestres Rosa Sensat.2

A utopía educativa da Escola Nova: A ESCOLA COMO «BO LUGAR»

«O noso edificio escolar será adornado con todas as belezas postas con emoción polos que queren liberar as clases populares de Barcelona, que viviron sen sol nin aire en rúas húmidas e sen claridade ningunha tampouco nas tebras do seu espírito. (…) Unha escola fermosa da que os nosos nenos sairán preparados para as máis altas empresas culturais, a escola fermosa que contribúa a serenar a alma das nosas multitudes, facéndolles entrever unha parte do ceo nesta terra.»3 O primeiro terzo do século xx corresponde cun período de modernización da escola e do ensino que implica unha extensión da escolarización e, sobre todo, unha renovación metodolóxica baseada en novas teorías educativas xeradas, como mínimo, dende tres ámbitos: o filosófico, o científico 2 Carles Bastons, «M. dels Àngels Ferrer i Sensat (1904-1992), una vida dedicada a l’educació», en Temps d’Educació, 56, 2019, pp. 237-256; Salvador Domènech, Angeleta Ferrer. La força de la renovació pedagógica, Barcelona: Dstoria Edicions, 2020.

Manuel Ainaud, «Edificis per a escoles», en La Veu de Catalunya, ano xxvi, n.º 6133, 29 de maio de 1916, p. 4. Artigo reproducido en Les construccions escolars de l’Ajuntament de Barcelona, Barcelona, 1922, pp. 162-166.

3

26


(especialmente a través do desenvolvemento da psicoloxía experimental) e o político. Tratábase dunha proposta pedagóxica de signo reformista que aspiraba a construír unha nova humanidade a partir da educación. Non foi difícil encaixar este modelo reformador, sustentado nos principios da pedagoxía activa, no contexto dunha sociedade catalá que, dende sectores diferentes, tanto de carácter burgués coma republicano ou socialista, pretendía construír un país a través da educación. Os referentes situábanse en Roma, París, Xenebra, Bruxelas, Londres, Berlín ou nos Estados Unidos de América. As publicacións e as realizacións prácticas dos principais pedagogos chegaban a Cataluña e, en ocasións, tamén eles en persoa. Á súa vez, escolas, institucións e nomes propios cataláns pasaron a gozar de certo recoñecemento grazas á súa proxección externa. A escola nova era unha utopía pedagóxica: o lugar para os nenos (o topos) e, aínda máis, o bo lugar con nomes distintos: escola moderna, casa dos nenos, escola serena, república de nenos, a cooperativa escolar ou a escola fermosa.

Unha traxectoria marcada polos cambios: DA FORMACIÓN Á PLENITUDE El espíritu del maestro, consciente de su misión, penetrado de la trascendencia de la tarea que la sociedad pone en sus manos, ha de vivir siempre alerta y hacerse sensible a la más imperceptible vibración venida del mundo de los pensadores que trabajan en la resolución de los

27


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Mulleres imprescindibles/Educadoras na vangarda do S XX G by kalandraka.com - Issuu