Skip to main content

Motín na Bounty

Page 1

MotĂ­n na Bounty


Título orixinal: Mutiny on the Bounty © do texto orixinal: John Boyne, 2007 © da tradución: Carlos Acevedo, 2010 © desta edición: Kalandraka Editora, 2010 Italia, 37, of. 10 - 36162 Pontevedra Telf.: 986 860 276 faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com Ilustración e deseño de portada: Marc Taeger Corrección: Carme Pereiro Directores de colección: Xosé Ballesteros e Silvia Pérez Tato Faktoría K é un selo editorial de Kalandraka Primeira edición: xullo, 2010 ISBN: 978-84-96957-87-9 DL: PO 338-2010 Reservados todos os dereitos


MotĂ­n na Bounty John Boyne

Traducido por Carlos Acevedo


Para Con


Primeira parte O ofrecemento PORTSMOUTH, 23 DE DECEMBRO DE 1787


1 Era unha vez un cabaleiro, un tipo alto con aire de superioridade, que tiña por costume baixar ao mercado de Portsmouth o primeiro domingo de cada mes co fin de aprovisionar a súa biblioteca. Eu recoñecíao polo coche en que o seu criado o traía. Era da cor máis negra que se podía imaxinar, mais estaba rematado no alto por unha fileira de estrelas prateadas, coma se o home tivese interese nun mundo alleo ao noso. Sempre pasaba boa parte da mañá a rever polos postos de libros colocados fronte ás tendas ou pasando os dedos ao longo dos lombos dos libros que estaban no interior, por veces collendo algún para lle botar un ollo ás palabras de dentro, outras pasándoos dunha man á outra examinando a encadernación. Xuro que mesmo cheiraba a tinta das páxinas, de tanto que se achegaba a eles. Había días en que marchaba con caixas de libros que había que acomodar encol do coche atadas cunha corda de cánabo para que non caesen. Outras veces malamente daba cun só volume que lle interesase. Pero cada vez que el procuraba o xeito de alixeirar a billeteira por medio da compra, eu procuraba o xeito de lle alixeirar os petos das súas pertenzas, pois ese era o meu oficio naquel tempo. Ou un deles, en todo caso. Déralle ripado algún que outro pano de man e unha moza que coñecía eu, Floss Mackey, quitáballe o bordado do monograma (MZ) a cambio dun cuarto de penique, de xeito que eu llo puidese ir vender a unha lavandeira, que, pola súa parte, había de atopar algún comprador a un bo prezo que lle dese para xenebra e verduras en vinagre. Doutra volta, deixou o chapeu pousado nun carriño á porta dunha mercería e tamén llo collín e vendino por unha bolsa

15


de bólas e mais unha pluma de corvo. De cando en vez tentábao coa billeteira, pero o home non se separaba dela, como é costume dos cabaleiros, e cando a vin xurdir para lle pagar ao libreiro, descubrín que se trataba dunha persoa que gustaba de manter o diñeiro consigo, e decidín que algún día habería de ser miña. Menciono esta persoa agora, xusto no comezo desta narración, co fin de dar conta dun negocio que aconteceu nunha daquelas mañás de mercado dominical, cando o aire era estrañamente cálido para aquela semana de Nadal e as rúas estaban estrañamente silenciosas. Andaba eu contrariado por non haber máis cabaleiros e señoras a compraren naquela hora, pois tiña decidido regalarme un xantar especial de alí a dous días para celebrar o nacemento de Noso Señor e cumpríanme os xilins para pagala. E mais alí o estaba, o meu cabaleiro, xentilmente vestido e cunha traza de colonia, e eu a roldarlle por detrás, á espera do momento para poder facer a miña xogada. Normalmente faría falta unha desbandada de elefantes para distraelo das súas lecturas, pero naquela mañá de decembro tivo o capricho de mirar na miña dirección e por un momento pensei que se decatara da miña presenza, e que estaba eu aviado, malia que o meu delito aínda estaba por cometerse. –Bo día, rapaz –dixo quitando os anteollos e fitándome, sorrindo un pouco tamén, moi rufo el–. Fermosa mañá, va que si? –Se lle gusta o sol polo Nadal, mais a min non me gusta –dixen eu seguindo coa farsa. O cabaleiro quedou a pensar naquilo durante un momento e entornou os ollos, inclinando levemente a cabeza para un lado e mirándome de pés a cabeza. –Vaia, pois tamén pode ser –dixo coma se non tivese claro se estaba de acordo ou non–. Preferirías que nevase, supoño. Os rapaces é o que queren. –Se cadra os rapaces si –respondinlle eu estarricándome tan alto como era, que nin de lonxe chegaba á altura do cabaleiro, pero non deixaba de ser máis alto ca outros–. Pero os homes non. Sorriu un pouco e examinoume aínda máis polo miúdo.

16


–Pídoche desculpas –dixo o home, e pareceume oír un algo de acento por algures. Francés, quizais, aínda que o disimulaba convenientemente–. Non pretendía eu insultarte. A túa idade provecta resulta evidente. –Non é nada –dixen eu facéndolle unha leve reverencia. Fixera os catorce anos dous días antes, na noite do solsticio, e xa tiña decidido que ninguén me ía falar con aire de superioridade a partir de entón. –Xa te teño visto por aquí antes, non? –preguntoume entón, e pensei en marchar de alí sen lle responder, pois non tiña eu nin o tempo nin o ánimo para a conversa, pero alí quedei. Se o home era francés, como pensaba, entón aquel era o meu lugar, non o seu. Refírome a que eu son inglés. –Pode ser –dixen–. Non vivo moi lonxe de aquí. –E podería preguntar se acaso acabo de coñecer un colega amante das artes? –proseguiu, e eu engurrei o cello mentres pensaba naquilo, rascando naquelas palabras coma se fosen a carne que queda pegada no óso e apertando a lingua contra a comisura da boca facendo que se avulte, cousa que sempre provoca que Jenny Dunston me diga que son un monstro, carne de matadoiro. É unha cousa que teñen os cabaleiros: nunca empregan cinco palabras podendo empregar cincuenta–. É o amor pola literatura o que te trae por aquí, non? –preguntou entón, e eu pensei en mandar todo ao inferno; xa estaba a piques de espetarlle algunha maldición á cara e marchar de alí na procura dalgún outro paspán cando ceibou unha enorme risada coma se eu fose un paifoco e alzou na miña dirección o volume que tiña na man–. Gústanche os libros? –dixo indo por fin ao conto–. Gústache ler? –Gústame –admitín eu pensándoo ben–. Aínda que normalmente non teño libros para ler. –Non, xa imaxino que non –dixo tranquilamente botándolle un ollo á miña roupa, de pés a cabeza, e supoño que ben puido ver, pola miña indumentaria feita a retallos, que eu non gozaba dunha gran profusión de cartos naquel preciso momento–. Pero un mozo coma ti sempre debería ter acceso aos libros, que sempre enrique-

17


cen a mente, xa sabes. Os libros dan resposta ás preguntas sobre o universo e axúdannos a comprender un pouquiño mellor o lugar que nos corresponde nel. Eu asentín e apartei a mirada. Non tiña por costume conversar con cabaleiros e aínda eu morra se tiña gana de comezar en semellante mañá. –Só preguntaba… –proseguiu coma se fose o arcebispo de Canterbury e estivese a piques de pronunciar un sermón perante unha audiencia dunha soa persoa, pero en absoluto disposto a desistir pola falta de oíntes–. Só preguntaba porque estou certo de que xa te teño visto por aquí antes. No mercado, quero dicir. E arredor das librerías concretamente. E o caso é que teño en alta estima os mozos lectores. O meu sobriño, vaia por Deus, non consigo que vaia máis aló da portada dun libro. Certamente, as librerías eran os lugares habituais onde eu facía o meu negocio, pero só porque se trataba dun bo sitio para lles botar a man aos paspáns, nada máis ca iso, pois quen máis pode permitirse a compra de libros senón os que teñen cartos? Mais aquela pregunta deixoume resentido, conque decidín continuar co xogo por ver ata que punto lle podía seguir coa farsa. –Pois si, de verdade que amo as boas lecturas –dixen eu fretando as mans e facendo como que era o instruidísimo fillo do duque de Devonshire, ben vestidiño de domingo, coas orellas e os dentes limpos–. Pois si, abofé. De feito, penso visitar a China algún día, se é que podo detraer algo de tempo das miñas responsabilidades. –A China? –preguntou o cabaleiro fitándome coma se eu tivese vinte cabezas–. Desculpa, dixeches China? –Desde logo que si –respondín facéndolle unha leve reverencia, imaxinando por un momento que talvez me podería levar como mozo seu se pensaba que eu era instruído; unha mudanza de circunstancias, por suposto, mais quizais non desagradable. O home seguiu fitándome e eu pensei que talvez me equivocase, pois parecía totalmente confuso polo que acababa de dicir. A verdade era que o señor Lewis, o home que se encargaba de min naqueles anos e en cuxo establecemento vivira eu desde que tiña lembranza,

18


só me dera dous libros para ler na miña vida, e resulta que ambos situaban a súa historia naquel remoto país. O primeiro trataba dun home que navegara ata alí a bordo dun vello carcamán escangallado só para que o emperador lle impuxese un cento de tarefas antes de casar coa súa filla. O segundo era un conto picante con ilustracións e o señor Lewis ensinábamo de cando en vez, e preguntábame se aquilo me puña arreite. –De feito, señor –dixen entón achegándome a el e mirándolle para os petos por ver se había por alí un ou dous panos descarreirados a medio saír, na busca da liberdade e un novo propietario–. Se me permite o atrevemento, de maior gustaríame ser escritor. –Escritor –dixo entre risas, e eu quedei parado no sitio, coa cara de pedra. Así é como se portan os cabaleiros. Poida que se mostren amigables ao falaren contigo, pero cando expresas o teu desexo de facer algo de proveito, se cadra chegar a ser tamén un cabaleiro, collen e tómante por parvo. –Descúlpame –dixo ao observar a miña cara de desaprobación–. Non quería facer escarnio, asegúrocho. En todo caso, aplaudo a túa ambición. Collíchesme de sorpresa, só iso. Escritor –repetiu ao ver que eu non respondía, nin aceptando nin rexeitándolle as desculpas–. Pois ben, espero que che vaia ben, señor... –Turnstile, señor –dixen eu, facendo outra reverencia por costume, un costume que eu pretendía abandonar, por certo, pois as miñas costas precisan tan pouco exercicio como adulación os cabaleiros–. John Jacob Turnstile. –Pois que che vaia ben, John Jacob Turnstile –dixo cunha voz que me pareceu achegarse á amabilidade–. Porque as artes son un bo camiño para os mozos que queren mellorar. De feito, eu dedico a miña vida ao seu estudo e fomento. Non me custa admitir que son un bibliófilo desde o berce e que tal gusto enriqueceu a miña vida e encheu os meus seráns coa máis gloriosa compaña. O mundo precisa de bos literatos e talvez sexas un deles se perseveras. Xa dominas as letras? –preguntoume ao tempo que viraba un pouco a cabeza coma se fose un mestre á espera de resposta.

19


–A, B, C –dixen eu coa voz máis afectada que era capaz de pór–. Seguidos dos seus compatriotas, do D ao Z. –E tes boa man para escribir? –O home que me criou dixo que a miña escrita lle recorda á da súa nai, que era ama de leite. –Daquela suxíroche que compres tanto papel e tinta como poidas, rapaz –dixo o cabaleiro–. E que te poñas a elo decontado, pois éche unha arte lenta que quere moita concentración e revisión. Quererás facer fortuna con ela, non si? –Si, señor –dixen eu... e entón pasou a cousa máis estraña! Decateime de que no meu maxín eu xa non estaba de farsa, senón que estaba a pensar no bo que sería aquilo. Pois era verdade que me gustaran os contos que lera sobre a China e era verdade que pasaba a maior parte do meu tempo polas librerías do mercado, cando todo o mundo sabe que os paspáns andan máis ben polas tendas de tecidos e as tabernas. Parecía que o cabaleiro xa rematara comigo e puxo os anteollos no nariz, mais antes de marchar reunín o valor suficiente para lle facer unha pregunta. –Señor –dixen, deixando entrever os meus nervios na voz, que tentei controlar facéndoa máis grave–. Señor, se me permite. –Si? –preguntou el. –No caso de dedicarme a escribir –dixen eu, escollendo as palabras con tento, pois quería unha resposta sincera pola súa parte–, no caso de que o tentase, sabendo que as letras as teño aprendidas e que teño boa man, por onde debería comezar exactamente? O cabaleiro soltou unha risiña e encolleu os ombros. –Vaia, a verdade é que eu nunca tiven o don da creatividade, teño que admitilo –respondeu por fin–. Eu son máis mecenas ca artista, pero se fose contar unha historia, supoño que procuraría localizar o primeiro momento, o punto exacto do conto que pon toda a historia en movemento. Eu buscaría ese momento e comezaría o relato a partir de aí. Entón despediuse de min cun aceno da cabeza, volveu ás súas inspeccións nos libros e deixoume sumido nas miñas matinacións.

20


O primeiro momento. O momento que pon toda a historia en movemento. Menciono isto aquí e agora porque o momento que puxo a miña historia en movemento foi precisamente aquel encontro dous días antes do Nadal co cabaleiro francés, sen o cal eu talvez nunca tería coñecido nin os bos nin os malos días que habían de chegar. De feito, de non estar el aquela mañá en Portsmouth, e de non deixar que o seu reloxo de peto lle quedase pendurado da cadea, asomando tan tentadoramente por fóra do gabán, daquela eu nunca me tería achegado a el para transferilo desde a luxosa calor do seu forro ata o frío acomodo do meu peto. E é pouco probable que eu me afastase del con moito tento, tal como me aprenderon a facer, asubiando unha sinxela melodía para ilustrar o aire despreocupado do tipo que non ten nada que temer no mundo e que anda ao seu. E desde logo que eu nunca me tería encamiñado cara á entrada do mercado, satisfeito ao saber que xa gañara todo o diñeiro dunha mañá, que o señor Lewis recibiría o seu pagamento e que dous días despois habería de ter o meu xantar de Nadal. E de non ter feito aquilo, abofé que se me negaría o pracer de oír o perforador ruído do asubío dun garda e ver como unha multitude se viraba cara a min con ollos acesos e puños prestos, ou sentir como me batía a cabeza contra as lousas cando un pailán mangallón e benfeitor chimpaba enriba de min e me tombaba contra o chan. Nada diso tería acontecido, e daquela eu non tería unha historia que contar. E mais aconteceu. E teño unha historia que contar. E velaí a vai. 2 Como me cacharon! Apañáronme coma un ovo e batéronme como corresponde. Foi un deses momentos en que a túa vida xa non é túa, cando te trincan e te levan e te obrigan a ir a onde non pintas nada. E eu xa debería sabelo, pois aos meus catorce anos xa tiña padecido a miña parte desa clase de momentos. Pero unha vez

21


que se oe o asubío e que a multitude se vira e chanta os seus feroces ollos en ti, prestos a acusarte, xulgarte e condenarte, ai, máis che vale axeonllarte e rezar para desapareceres no aire e libráreste dun nariz escachado ou un ollo morado. –Aparten! –chegou un berro de entre a turba, mais eu non sabía de quen era, tapado como estaba polo peso de catro vendedores e unha burricana que guiaba a chusma e gritaba entre risas e aplausos coma se acabase de cobrar a súa mellor presa do ano–. Aparten! Coidado, que van esmagar o rapaz! Foi raro oír aquilo, un compadre póndose do lado dun tunante coma min, e decidín que habería de dedicarlle unha reverencia de agradecemento ao autor de semellantes verbas no caso de ver outra vez a luz do sol. Así e todo, sabendo das calamidades que me esperaban no horizonte, contenteime con pasar uns momentos de calma alí estomballado contra as lousas, coa casca dunha laranxa pegada ás ventas do nariz, o carozo dunha mazá podre encaixado contra os labios e un enorme cu trabando amizade coa miña orella dereita. Mais logo se abriu unha raiola de luz a través daquel barullo de corpos que había sobre min e foron póndose de pé un por un, reducíndose o peso gradualmente, e cando o fulano do cu enorme se me quitou da cabeza, quedei deitado no chan durante un cacho, mirando para arriba mentres tentaba avaliar as miñas opcións, ata que vin a man dun garda que se estiraba e me agarraba, sen cortesía ningunha, polas lapelas. –Arriba, rapaz –dixo ao pórme de pé, e para a miña vergonza, quedei cambaleando un pouco mentres non recuperaba o equilibrio, coa burla da xente que miraba. –Vai borracho –berrou un, o cal era calumnia pois eu nunca bebo antes de xantar. –Seica temos un rateiro, ou? –pregunta o garda sen facer caso do que proferira a mentira. –Había un rateiro –dixen eu tentando limparme e preguntándome se chegaría moi lonxe no caso de que o home me soltase durante un intre e eu puidese botar a correr–. Tentou escapar co

22


reloxo do cabaleiro e de non ser por min, que o pesquei e chamei polos gardas, había de conseguilo. Un heroe é o que son eu, só que esta maldita xentalla se me botou enriba e abofé que houberon de matarme. O rateiro –engadín acenando nunha dirección que provocou que todos virasen a cabeza durante un momento antes de ollaren outra vez para min– escapou por alá. Mirei arredor tentando sopesar a reacción do xentío, consciente de que non habían de ser tan parvos como para tragaren semellante mentira. Pero o caso era dar unha resposta rápida e aquilo foi o que se me ocorreu coa confusión do momento. –Era irlandés o fulano –engadín entón, pois os irlandeses eran odiados en Portsmouth por mor dos seus sucios hábitos, os seus modos groseiros e o costume de procrearen coas súas propias irmás, conque era doado culpalos de todo canto saíse fóra da lei–. Farfallaba nunha lingua que non se entendía, e tiña o pelo roxo e uns enormes ollos de bicho. –Sendo así –dixo o garda inclinándose sobre min, tan alto alí de pé que pensei que ía saír voando–, que será isto? Meteume a man no peto e tirou fóra o reloxo do cabaleiro francés; eu mirei para el cos ollos arregalados pola sorpresa. –Que tunante –exclamei eu cun chisco de indignación na voz–. Que vándalo, que infame! Ai, agora si que vou aviado! Meteumo el no peto, xúrollo, meteumo antes de saír correndo. É o que fan sempre, non sabe?, cando se ven sen escape. Sempre tentan botarlle a culpa a outro. E ademais, para que ía querer eu un reloxo? Eu sempre lle ando pola miña hora! –Déixateme de mentiras –dixo o garda dándome unha sacudida e pousándome as mans enriba de tal xeito que parecía que se arreitara comigo–. Imos botar un ollo a ver que máis agochas nese corpo de pillabán que tes. Seguro que levas toda a mañá a roubar. –Nada diso –berrei eu–. Iso é unha calumnia. Escóitenme! –dixen interpelando á multitude que me arrodeaba, e que cren que sucedeu entón? Pois que a burricana colleu e me meteu a lingua pola orella! Eu recuei dando un chimpo, porque só Deus sabía en

23


que lugares tería estado aquela lingua antes e tampouco quería que me pasase as súas purgacións. –Bótate para atrás, Nancy –dixo o garda, e a muller apartouse botándome a súa noxenta lingua nun xesto de desafío. O que daría eu naquel momento por unha navalla ben afiada para lle cortar a lingua dunha tallada. –Este o que quería é a forca –berrou un home, un fulano que precisamente eu sabía que gastaba en xenebra todos os cartos que gañaba vendendo froita e non tiña por que acusarme a min de nada. –Déixenolo a nós –gritou outro, un mozo que xa pasara un par de veces polo caldeiro e que por tal motivo debería pórse do meu lado–. Déixenolo a nós e habémoslle aprender un par de cousas sobre o que lle pertence a el e o que nos pertence aos demais. –Axente, por favor... permítame –dixo unha voz máis refinada, e foi o cabaleiro francés o que se abriu paso a través da multitude, precisamente o que tiña todo o dereito do mundo a condenar a miña alma ao castigo eterno, pero a quen recoñecín como a persoa que tentara impedir a miña morte baixo o monte de noxentos corpos cinco minutos antes. O xentío, notando a presenza dun cabaleiro, abriuse coma se o home fose Moisés e eles fosen o mar Vermello. Mesmo o garda afrouxou un pouco o agarre e mirou para el. Iso é o que consegues cando tes unha voz agradable e un bo gabán, e naquel momento tomei a decisión de posuír ambas as cousas algún día. –Bo día, señor –dixo entón o garda cunha voz máis requintada, o moi porco, tentando pórse á altura do cabaleiro–. É vostede a vítima deste canalla? –Axente, creo que podo responder polo rapaz –respondeu cunha voz que parecía que, en realidade, todo o tumulto fora culpa del e non miña–. O caso é que eu tiña o reloxo colocado de maneira precaria e nun inminente perigo de caer ao chan, de xeito que ningún mestre reloxeiro sería quen de reparar o dano. Creo que o rapaz non quería máis que devolvermo. Anteriormente estiveramos a departir sobre literatura.

24


Fíxose o silencio durante un momento e teño que admitir que case acabei crendo aquelas palabras. Sería verdade que eu era unha vítima daquela infeliz circunstancia? Deixaríanme libre sen máis atropelos contra a miña persoa e reputación e talvez mesmo cunha carta de recomendación expedida por unha persoa autorizada? Mirei para o garda, que quedou reflexionando por un intre, mais a multitude, ventando que a cacería chegaba á súa fin e que se negaría o castigo apropiado, tomou a palabra en contra. –Iso é un embuste, axente –berrou un con tal ímpeto que tiven que agacharme para esquivarlle o cuspe–. Ben vin eu cos meus propios ollos como metía o reloxo no peto. –Viuno vostede? –E ademais non é a primeira vez –ruxiu outro–. A min levoume cinco mazás aí atrás e non vin sequera un penique. –Xamais comería eu as túas mazás –repliqueille, pois era unha terrible mentira. Só lle collera catro mazás e mais unha granada para facer un pastel–. Que teñen becho todas elas. –Ai, cálalle esa boca! –gritou a muller que estaba ao lado, a súa horrible esposa, que tiña unha cara que te deixaba birollo de fea que era–. Que o noso negocio é decente –engadiu apelando á masa congregada levantando os brazos–. Un negocio decente! –Ese rapaz é ruín –exclamou outro, e todos ventaban xa o sangue, simplemente. Máis che vale non ter unha turba en contra nun momento así. O caso é que eu case que me alegraba de que o garda estivese alí, pois outramente habíanme de esgazar a cachos, con ou sen cabaleiro francés. –Axente, por favor –dixo entón o tal cabaleiro achegándose máis preto e recuperando o reloxo, segundo me decatei eu, pois o garda habería de quedar con el nun chiscar de ollos–. Estou seguro de que o rapaz podería quedar libre unha vez recoñeza a culpa. Arrepínteste dos teus actos, neno? –preguntoume, e desta volta nin se me ocorreu corrixirlle o uso daquela palabra. –Se me arrepinto? –preguntei–. Por Deus que me arrepinto de todos eles. O caso é que non sei o que me pasou pola cabeza.

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Motín na Bounty by kalandraka.com - Issuu