Mal de pedra
Título orixinal: Mal di pietre © da edición orixinal: 2006 nottetempo srl © do texto: Milena Agus, 2006 © da tradución: Carlos Acevedo, 2010 © desta edición: Kalandraka Editora, 2010 Italia, 37 - 36162 Pontevedra Telf.: 986 860 276 faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com Ilustración e deseño de portada: Marc Taeger Corrección: Carme Pereiro Directores de colección: Xosé Ballesteros e Silvia Pérez Tato Faktoría K é un selo editorial de Kalandraka Impreso en Plana, A Coruña Primeira edición: decembro, 2010 ISBN: 978-84-96957-90-9 DL: PO 577-2010 Reservados todos os dereitos
Mal de pedra Milena Agus
Traduci贸n: Carlos Acevedo
«Se non te chego a coñecer nesta vida, deixa que polo menos te bote en falta.» Pénsao un soldado no filme de Terrence Malick The Thin Red Line
1.
A avoa coñeceu o Veterano no outono de 1950. Chegaba de Cagliari por primeira vez ao continente. Debía de ter corenta anos, sen fillos, porque o seu mal de pedra1 sempre a facía abortar nos primeiros meses. E así foi que, equipada co abrigo liso, os zapatos altos de cordón e a maleta de como o marido chegara refuxiado á vila, a mandaron ao balneario para curarse.
1 Su mali de is perdas (en sardo no orixinal), ou cálculos renais.
9
2.
Casara tarde, en xuño de 1943, despois dos bombardeos dos americanos en Cagliari, e naqueles tempos chegar aos trinta anos sen ter amañado un matrimonio era pouco menos que ser unha solteirona. Non era que fose fea nin que lle faltasen pretendentes, todo o contrario. Só que nun momento dado os pretendentes comezaban a espazar as visitas ata que xa non aparecían nunca máis, sempre antes de lle pedir oficialmente a man ao meu bisavó. Prezada señorita, causas de forza maior impídenme visitala2, cousa que me resultaría gratísima, pero infelizmente éme imposible ata o mércores próximo. Entón a avoa agardaba ata o terceiro mércores, pero sempre chegaba unha rapariga3 cunha carta en que se adiaba outra vez a visita, e despois nada. O meu bisavó e as súas irmás queríanlle ben aínda así, medio solteirona, pero a miña bisavoa, non; sempre a trataba coma se non fose do seu sangue e dicía que ben sabía ela por que. Os domingos, cando as mozas ían á misa ou a pasear pola avenida de ganchete cos mozos, a avoa recollía nun moño o pelo, que aínda o tiña mesto e negro cando era eu pequena e ela xa ía vella, conque había que velo daquela, e metíase na igrexa 2 De fai visita a fustetti. (En sardo no orixinal). 3 Pipiedda. (En sardo no orixinal.)
10
a preguntarlle a Deus por que, por que era tan inxusto como para lle negar o amor, que é a cousa máis fermosa, a única pola cal paga a pena vivir unha vida en que te ergues ás catro da mañá para arranxar as cousas da casa e despois vas ao campo e despois á escola de bordado, aburridísima, e despois vas por auga á fonte coa xerra sobre a cabeza, e despois, cada dez noites, pasar unha en vela para facer o pan, e despois veña a subir auga do pozo e despois a botarlles de comer ás galiñas. Sendo así, se Deus non quería que coñecese o amor, era mellor que a matase de calquera maneira. Na confesión o cura dicíalle que aquelas ideas eran pecado gravísimo e que no mundo hai moitísimas máis cousas, pero á avoa as outras cousas non lle importaban nada. Un día a miña bisavoa agardou por ela na eira cunha correa feita de nervio de boi e púxose a mallar nela que mesmo lle feriu a cabeza e lle provocou unha febre. Soubera polos contos que corrían pola vila que os pretendentes lle marchaban porque a avoa lles escribía ardentes poesías amorosas que mesmo facían referencia a porcalladas, e que a súa filla non só se ensuciaba a si mesma, senón a toda a familia. E veña a bater nela, a bater e a berregarlle: «Dimonia! Dimonia!» e a maldicir o día en que a mandaran á escola primaria e aprendera a escribir.
11
3.
En maio de 1943 chegou á vila o meu avó, que tiña máis de corenta anos e era empregado das salinas de Cagliari. Tivera unha boa casa na rúa Giuseppe Manno, xusto a carón da igrexa de San Xorxe e Santa Catarina, unha casa con vistas ao mar por riba dos tellados do barrio da Marina. Daquela casa e da igrexa e de tantas outras cousas, tras os bombardeos do 13 de maio, non quedaba nada á parte dun buraco cun monte de entullos. A familia da avoa acolleu este home honrado, que non fora recrutado para a guerra debido á idade, e porque quedara recentemente viúvo e escapara unicamente cunha maleta prestada e algunha cousa rescatada de entre as ruínas. Chegou e quedou a comer e durmir de balde. Antes de xuño pediu a man da avoa e casou con ela. Ela chorou case todos os días daquel mes antes da voda. Axeonllábase aos pés do meu bisavó e suplicáballe que dixese que non, que inventase o conto de que xa estaba prometida a outro que estaba na guerra. Se non, se de verdade non a querían ter máis na casa, había de marchar a Cagliari e había de buscar un traballo. «De Cagliari veñen para acá, filliña, e ti queres ir para alá! Na cidade non queda nada. Está tola –berraba a miña bisavoa–, tola perdida! Quere ir á cidade e meterse a puta, que é o único que pode facer, que non sabe facer nada ao dereito, anda coa cabeza chea de carabullos xa desde pequena!»4 4 De Casteddu bèninti innòi, filla mia, e tui bòlisi andai ingúni! Non c’esti prus núdda in sa cittàdi. Màcca esti, macca schetta! In sa cittadi a fai sa baldracca bòliri andai, chi scetti kussu pori fai, chi non sciri fai nudda cummenti si spettada, chi teniri sa conca prena de bentu, de candu fiada pitíca! (En sardo no orixinal.)
12
Non sería nada difícil inventar un prometido que estivese na fronte: Alpes, Libia, Albania, mar Exeo, ou mesmo embarcado na Mariña Real. Non custaba nada, pero os meus bisavós non querían saber nada diso. Entón foi ela quen llo dixo, que non o amaba e que nunca podería ser unha verdadeira esposa. O avó respondeulle que non se preocupase. Tampouco el a amaba. Sempre que ambos os dous soubesen de que estaban a falar. Canto ao de ser unha verdadeira esposa, comprendíao perfectamente. Seguiría indo á casa de citas do barrio de Marina, como fixera sempre desde mozo, e nunca collera doenza ningunha. Mais a Cagliari non volveron ata 1945. E así foi como os avós durmiron coma irmáns no cuarto dos invitados: a cama de matrimonio alta, de ferro, con incrustacións de madreperla, dunha praza e media, o cadro da Virxe co Neno, o reloxo baixo o fanal, o lavabo coa xerra e a almofía, o espello cunha flor pintada e o penico de porcelana baixo a cama. Cando se vendeu a casa da vila, a avoa levou todas aquelas cousas á casa da rúa Giuseppe Manno, quería un dormitorio idéntico ao que tivera no primeiro ano de matrimonio. Pero na casa da vila os dormitorios recibían a luz e o aire unicamente da solaina5, mentres que aquí, na rúa Manno, entra a luz do sur e do mar, que te invade ata o solpor, con ímpeto, e fai brillar todas as cousas. A min sempre me encantou este cuarto e de pequena a avoa só me deixaba entrar se me portaba ben, e nunca máis dunha vez ao día. Durante aquel primeiro ano de matrimonio a avoa contraeu a malaria. Subíalle a febre ata corenta e un e era o avó quen coi5 Lolla. (En sardo no orixinal).
13
daba dela. Quedaba sentado horas e horas a comprobar que non se lle quentase o pano que tiña na fronte, que se lle puña tan quente que había que enchoupalo na auga xeada, e el non paraba de ir e vir, e sentíase día e noite a roldana do pozo a renxer. Nun daqueles días, o 8 de setembro, foron correndo a dicirlle o que escoitaran na radio, que Italia pedira o armisticio e que a guerra rematara. Así e todo, segundo o avó, a guerra non acabara en absoluto e habería que esperar que o comandante xeneral Basso deixase marchar os alemáns fóra de Sardeña prescindindo de inútiles heroicidades. Basso debía de pensar o mesmiño que o avó, pois os trinta mil homes da división panzer do xeneral Lungerhausen marcharon tranquilos sen masacrar a ninguén, e a el arrestárono e procesárono por aquilo, pero, iso si, os sardos zafáranse. Non coma no continente. E o avó e o xeneral tiñan razón porque despois foi suficiente escoitar Radio Londres, que falou moitas veces das protestas de Badoglio porque os soldados e oficiais que caeran prisioneiros dos alemáns na fronte italiana acababan masacrados. Cando a avoa curou dixéronlle que se non chega a ser polo marido, a febre acabaría con ela, e que houbera un armisticio e mudaran as alianzas. Ela, cunha ruindade que non se perdoou xamais, encolleu os ombros como dicindo: «E a min que me importa?». Naquela cama alta, pola noite, a avoa acuruxábase o máis lonxe posible del, a tal punto que moitas veces caía a rodar polo chan, e cando nas noites de luar penetraba a luz polas persianas das portas que daban á solaina e iluminaba as costas do marido, ela case se asombraba ante aquel forasteiro estraño que non sabía se era guapo ou non, total, non miraba para el,
14
e el tampouco miraba para ela. Se o avó durmía cun sono profundo, ela mexaba no penico de debaixo da cama; se non, abondáballe cun movemento case imperceptible para botar o chal por riba, saír do cuarto e atravesar a eira, sen importarlle o tempo que fixese, para ir á latrina que había ao lado do pozo. Por outra parte, o avó nunca tentou achegarse a ela e tamén se acuruxaba na outra beira, corpulento como era, e moitas veces caía e andaban sempre os dous todos cheos de negróns. Estando sós, no dormitorio, non falaban nunca. A avoa dicía as oracións da noite, pero o avó, non, porque era ateo e comunista. E despois un dos dous dicía: «Boas noites», e o outro: «Igualmente». Pola mañá a miña bisavoa quería que a filla lle preparase o café ao avó. Daquela o café era de garavanzos e orxo, torrados na lareira cun utensilio disposto a tal efecto, e despois moíase. «Lévalle o café ao teu home», e entón a avoa marchaba coa cunca violeta con dourados sobre a bandexa de vidro con motivos florais, pousáballa alí, ao pé da cama, e fuxía logo coma se lle acabase de deixar a comedeira a un can danado, cousa que tampouco se perdoou xamais en toda a vida. O avó axudaba nas angueiras do campo e resistía ben malia que era de cidade e sempre se dedicara a estudar e traballar de oficinista. A miúdo mesmo facía a parte que lle correspondía á muller, que xa daquela tiña os cólicos renais cada vez máis frecuentes, e a el parecíalle terrible que unha muller tivese que facer uns traballos tan duros no campo, ou que tivese que volver da fonte cargando coa xerra de auga sobre a cabeza, mais aquelas cousas, por respecto á familia que o hospedaba, dicíaas en xeral referíndose á sociedade sarda do interior, porque Cagliari era diferente e a xente non se ofendía por unha parva-
15