1 Alicia cánsase de estar diante do ordenador, sen saber que facer, e decide saír da casa; pero non sabe que poñerse. Abre o frigorífico. No seu interior hai unha pota con coello e, nun prato branco, unha orella esquerda cun brinco de ouro con forma de estrela. Máis nada. Daquela recorda que onte pola noite non sacou ningunha cousa para desconxelar. A súa nai dille que para saír cos amigos vai ben vestida tal como vai. Pero ela teima con que quere cambiarse. Vai ter que se poñer todo conxelado. Que máis ten! Muda os ollos –un verde e o outro rosa, como David–; pon o nariz mediano, coa punta un chisco redondeada; dous peitos gordiños e unhas pernas máis longas. Mírase, torna a mirarse e gústase moito. –Polas miñas orellas, vou chegar tarde! Á súa nai non lle fai nin miga de graza que Alicia marche así, a pingarlle os ollos, o nariz, os peitos, as pernas..., a desconxelarse. Mais Alicia sae da súa casa contenta e feliz. Tal que nova.
2 Cando Alicia non pode conterse, é que non pode. Iso foi o que lle aconteceu un día de festa, durante unha comida superfamiliar. Todos os parentes, pesados, abáfana coas súas atencións: «Alicia, non medres tanto! Alicia, se non comes, non medrarás! Alicia, cala! Alicia, fala! Alicia, non contestes así! Alicia, ri un chisco, muller! Alicia, neniña, non poñas esa cara! Alicia, se cortases o cabelo estarías máis riquiña! Alicia, raíña, por que non deixas medrar o cabelo? Alicia, non metas os dedos no nariz! Alicia, limpa os labios, que os tes graxentos! Alicia, vaste manchar! Alicia, usa o coitelo! Alicia, vaste cortar! Alicia, non bebas tan á présa! Alicia, veña, bebe un dediño de champaña! Alicia, non berres! Alicia, ven axiña! Alicia, non corras tanto! Alicia, para quieta! Alicia, vas caer! Alicia, non subas aí! Alicia, senta!». Alicia aguanta as ganas de estourar. Mais as ganas aumentan, aumentan, aumentan. –Xa estou farta desta comida! E cando Alicia non pode máis, estala nun acto de liberación. O comedor fica feito un desastre, cheo por todas as partes de anacos de Alicia. Un gran crebacabezas!