Skip to main content

Ler o mundo G - Michèle Petit

Page 1

1 PRESÉNTOCHE O MUNDO Antano, os indios, de noite, miraban o ceo todo negro… pois negro de todo estaba o ceo. Vou contarvos a simplísima historia do nace­ mento das estrelas.

Clarice Lispector6 Para falar da transmisión cultural, un tema colosal onde os haxa, come­ zarei cunha lembranza persoal. Hai uns anos andaba polo Brasil dando unhas conferencias. Xa viaxara ao hemisferio sur e descubrira árbores e aves descoñecidas cuxos nomes e particularidades me aprenderan os meus anfitrións; e, ás veces, contáranme as lendas que as acompañaban. Curiosamente, nunca lle prestara atención ao ceo tras caer a noite, ata aquel verán no Brasil en que Patricia Pereira Leite me levou ao campo no estado de Minas Gerais. Catro horas de viaxe para chegar a unha ex­plotación cafeteira coas súas casiñas brancas, os seus plataneiros, as súas buganvíleas e os seus tucanos. Pola tardiña fomos dar un paseo por un camiño próximo á granxa. A noite caeu con esa velocidade que sempre sorprende a quen vive en cli­ mas temperados, e as estrelas foron compoñendo aos poucos un universo completamente descoñecido. Non podía aferrarme ás constelacións que lle son familiares a quen vive no hemisferio norte. Mirei para o ceo, 6

Clarice Lispector, «Como nasceram as estrelas», en Doze lendas brasileiras, 1987.

11


non vin máis que infinidade de astros illados, e entroume un pánico estraño, coma se eu mesma estivese separada, arredada dos demais. Decateime de ata que punto o ceo é unha referencia habitual para nós e o inquietante que resulta verse privado del. Aquel ceo de Minas Gerais non me dicía nada, non evocaba nada. Apresureime a preguntar por onde caía a Cruz do Sur. A moza local que nos acompañaba levantou a vista, pero non deu con ela. Un ve­ ciño que pasaba por alí dixo que ata as once da noite non saía. Sen pensalo, agarreime a aquel nome coñecido, «a Cruz do Sur», para poñer un marco de meu naquel universo indiferenciado, entre aqueles astros que non formaban figura ningunha, que non se asociaban a lembranza ningunha e dos que ignoraba todos os nomes que lles deran os humanos. Daquel ceo non me dixeran nada, non me transmitiran nada.

Botar ao ceo, ao mar, á cidade, unha rede de palabras e de historias As constelacións non teñen ningunha base científica. Nelas as estrelas agrúpanse só pola nosa necesidade de formar conxuntos, darlles nomes e contar historias sobre elas. Son pura construción humana que parte das tradicións helénica e prehelénica e se transmite na Idade Media á cultura occidental. Outras culturas imaxinaron constelacións distintas, pero todas arranxaron ese ceo humano nun intento de domalo, de do­ mesticalo, para que non fósemos presa do pánico como fun eu aquela noite. Ou como aquel neno urbanita da Netherland de Joseph O’Neill, que pasa unha noite nun barco e se ve invadido por un terror como nunca antes sentiu ao alzar a vista cara ás estrelas: «Tan só era un rapaciño, nun barco, no universo».7 7

Joseph O’Neill, Netherland, 2008.

12


Aquela noite, no Brasil, comprobei ata que punto a transmisión cul­ tural era unha presentación do mundo. O sentido dos nosos xestos, cando lles contamos historias aos nenos, cando lles propoñemos li­ bros, cando lles lemos en voz alta, poder ser ese, ante todo: preséntoche o mundo que outros me deron e do que me apropiei, ou preséntoche o mundo que descubrín, construín e amei. Preséntoche o que nos rodea e o que ves con abraio cando me sinalas un paxaro, un avión ou unha estrela. Recítoche un poema: Por enriba do mar nós fomos atopar a lúa e as estrelas nun barquiño de velas…

Logo léoche as lendas que falan do nacemento dos astros ou, mentres paseamos, preséntoche a Osa Maior e a Menor que, con eses nomes simples e un chisco infantís, fan que o ceo se volva familiar. Todas as sociedades botaron á noite estrelecida unha rede de pa­ la­bras, de historias, de cosmogonías das que nos apropiamos de fragmentos xa desde a infancia. Aínda que xa non saiba que astros corresponden a Andrómeda, ao Dragón, a Pegaso ou a Casiopea, aínda que esquecese (se é que os coñecín nalgún momento) os relatos dos cales xorden eses nomes, poboan o ceo con animais e heroes míticos, e transfórmano nun dominio humano. Cando levanto a vista, únome a todos os que o contemplaron e observaron ao longo dos séculos. E a aque­ les xunto aos que camiñei de noite e me ensinaron unha estrela, me contaron fábulas sobre ela ou me explicaron que a mediados de agosto temos que pedir un desexo ao vermos unha estrela fugaz, coma se os as­ tros velasen por nós e se transformasen na nosa «boa estrela». Lembro noites en que pedín desexos, lembro aos que estaban comigo, e a noite énchese con eles. Con mil estrataxemas dominamos cada día ese ceo 13


indiferente e xélido ata un punto en que chega a volverse case amigable, como é para o mariñeiro cuxa aventura verídica relata Gabriel García Márquez no Relato de un náufrago, que vai á deriva, sen comida nin be­ bida, durante dez días con cadansúas noites en que se sente ameazado polas «bestas enormes e descoñecidas» que pasan a rentes da súa barca e coa Osa Menor como única compañía: «Pero desde que localicei a Osa Menor non me atrevín a mirar para outra parte. Non sei por que me sentía menos só mirando a Osa Menor. […] Pensaba que a esa hora alguén estaría mirando a Osa Menor en Cartaxena, como eu a miraba no mar, e esa idea facía que me sentise menos só».8 Preséntoche o mar, cántoche cantigas mariñeiras, léoche historias de galeóns e carabelas, de piratas e robinsóns, ou cóntoche que Poseidón creou os cabalos, e as ondas quedan un pouco coutadas. Porque o mar tamén é inquietante, e máis nestes tempos en que todas as semanas hai novas dun furacán, dun tsunami ou de inmigrantes que parten en busca dunha oportunidade e acaban afogados nunha praia das Canarias ou de Libia. Tomei o exemplo do ceo porque é o noso pai mítico desde a antiga Grecia, e o do mar porque en moitos lugares se asocian os seus move­ mentos, na lenda ou no inconsciente, aos humores da que velou por nós ao comezo da vida, pero podía falar do xeito en que todas as cultu­ ras tentan domesticar a montaña, o bosque, o deserto, o río ou a paisaxe urbana coa axuda de historias, mitos, ritos e obras de arte. Preséntoche a cidade, e interpoño entre ela e ti narracións, lembran­ zas, poesías ou cancións para que poidas habitala. Cando pases por esa rúa, sen sequera pensalo, verala poboada polos personaxes desas historias que te acompañarán; cando vexas a torre Eiffel, lembrarás que un día che contei que un poeta a comparou cun pastor, e as pontes, con cordeiros. As palabras que che dixen, lin ou cantei farán posible 8

Gabriel García Márquez, Relato de un náufrago, 1970.

14


unha experiencia poética do espazo. As rúas e os barrios adquirirán un relevo, farante soñar, derivar, asociar e pensar. Para que o espazo sexa representable e habitable, para que poidamos inscribirnos nel, ten que contar historias, ter unha carga simbólica, imaxinaria, lendaria. Sen relatos (e algunhas lembranzas non deixan de ser mitoloxía familiar), o mundo quedaría indiferenciado, non nos axudaría a habitar os lugares en que vivimos nin a construír un fogar interior.

Inscribir na serie de xeracións Preséntoche o mundo do que vés, inscríbote na serie de xeracións para que non vaias demasiado á deriva ao longo da vida. Como nesta escena da Arxentina que Silvia Seoane rememora: Cando era pequena, miña nai contábame, de noite, coa luz do cuarto apagada, a historia de Alicia no país das marabillas. Eu non sei se ela leu algunha vez a novela de Lewis Carroll; non sei se a súa nai, un irmán máis vello ou unha monxa do colexio onde estivo interna algunha vez lle narraron a historia. Non sei se leu algunha versión desa novela en El tesoro de la juventud, libro de cabeceira na nenez de miña nai (libro que eu imaxinei, durante moitos anos da miña infancia, fonte de todas as historias). Isto é, non sei como chegou ese clásico da literatura a mans, vista ou oídos de miña nai. […] Sei que miña nai atendía un quiosco na casa e que, probablemente por iso, as aventuras desta Alicia que ela me contaba transcorrían nun mundo de árbores de chocolates Jack e fervenzas de Fanta de laranxa e Coca Cola. Sei que Alicia chegaba a ese paraíso a través do espello (e por iso me encantaba o armario do baño) e sei que estaban o coello e a Raíña de Corazóns. […] 15


Non lembro moitos detalles da historia, pero si que lembro a voz de miña nai na escuridade. Lembro con enorme nitidez o que eu vía mentres ela contaba. Lembro a emoción e a marabillosa sensación alucinada. Sei que eu estaba convencida de que, dalgún modo, era Alicia; […] todas as noites, nacía para min na voz de miña nai un mundo paralelo. Co seu relato, eu atravesaba o espello e entraba ritualmente na ficción. Como entraba cando, tamén miña nai, me contaba a historia do rei David ou a do meu tataravó, o carabineiro do sur de Italia; a historia de Pedro e o lobo e tamén a do meu tío Orestes; as historias dos meus bisavós, que eran mestres na Patagonia a comezos de século, e a da pedra movediza de Tandil, preto de cuxos restos daba clase a miña avoa (relatos grazas aos que, estou segura, elixín a profesión docente).9

Noite tras noite, a nai de Silvia tecía así uns relatos que lle daban maxia ao cotián e ampliaban o espazo, abríndoo ata as estepas rusas ou a Patagonia, ao tobo do coello de Alicia ou a Italia. Ela conectaba a cativa con todas aquelas persoas de xeracións anteriores que vivían na súa voz, o antepasado carabineiro, o tío Orestes, os bisavós mestres, e introducía a Silvia tanto nos tempos históricos do século pasado coma nos tempos bíblicos do rei David. Preséntoche os que te precederon e o mundo de onde vés, pero tamén che presento outros universos para que sexas libre, para que non esteas demasiado sometida aos teus devanceiros. Douche as cancións e os relatos para que os repitas ao cruzar a noite, para que non teñas dema­ siado medo á escuridade e ás sombras. Para que sexas capaz de pasar sen min pouco e pouco, de considerarte un pequeno individuo distinto, e logo, de elaborar as moitas separacións que terás que afrontar. Entré­ goche fragmentos de saber e de ficción para que esteas en condicións Silvia Seoane, Tomar la palabra. Apuntes sobre oralidad y lectura, relatorio presentado no Postítulo de Literatura Infantil y Juvenil (CePA), en Buenos Aires, o 18 de setembro de 2004, https:// teorialiteraria2009.files.wordpress.com/2009/06/seoane-silvia-ponencia-tomar-la-palabra.pdf 9

16


de simbolizar a ausencia e de afrontar, na medida en que sexa posible, as grandes cuestións da humanidade, os misterios da vida e da morte, da diferenza dos sexos, do medo ao abandono, do descoñecido, o amor, a rivalidade. Para que escribas a túa propia historia entre as liñas lidas. O que lle significa o adulto ao cativo cando dispón e abre os libros ante el é aínda máis: preséntoche os libros, porque unha inmensa parte do que os humanos descubriron se agocha neles. Poderás tirar deles para darlle sentido á vida e saber que pensaron outros sobre cuestións que ponderas, pois non estás só á hora de afrontalas. Preséntoche a literatura, que, como os xogos de agochar ou o teatro de sombras, fai aparecer e desaparecer as cousas á vontade. Poderás xogar con ela ao longo de toda a vida se che presta, somerxerte nos corpos e mentes de seres radicalmente distintos a ti. Só a literatura che dará semellante acceso a quen sentiu, imaxinou ou temeu, mesmo aínda que vivise hai séculos, mesmo aínda que habitase en latitudes moi diferentes. Douche o que para min é o máis fermoso, e ti farás con isto o que queiras e pasaraslles á túa vez o que che gusta aos teus fillos ou a quen atopes no teu camiño. Con todo, aquí adobío un pouco a historia, pois moitas veces pensa­ mos de xeito paradoxal: «Farás con isto o que queiras… pero desexo moito que che guste o que me gustou a min, o que significou algo para min». E cando, ás veces, o neno se afasta do que lle propoñemos, cando non parece escoitar ou interesarse polo relato e as imaxes que lle proxectamos, entristecémonos, sentímonos abandonados. Pero hai que seguir adiante, con tranquilidade. Perseverar cando na adolescencia, por riba dos nosos gustos, prefiren os seus amigos, os seus cantantes ou as súas historias de vampiros. Seguir lendo o mundo con eles e falarlles del amodiño, porque a esas idades un adulto amola enseguida, sobre todo se anda ao seu e procura impoñer as súas andrómenas ou os seus saberes. E cando o adolescente nos solta sen contemplacións «Xa vale, que fastío!», botamos pestes e deprimímonos porque nos gustaría que 17


quixese vivir o que lle deu sentido á nosa vida. E empezamos coa leria da crise da transmisión. Cadaquén dálle ao neno o que ten máis sentido para el. Ábrelle esas portas. E, despois, o neno cruzaraas ou non. Ou abrirá outras portas. Ás veces ten que pasar moito tempo para que nos apropiemos da herdanza que recibimos: cando eu era pequena, os meus pais arras­ trábanme a museos onde eu morría de aburrimento, pero os museos acompañáronme durante toda a vida, neles síntome coma na casa. Pois é xusto diso do que se trata a transmisión cultural e, en concreto, a lectura: de construír un mundo habitable, humano, de poder atopar un lugar nel e moverse por el; de celebrar a vida cotiá, de ofrecer as cousas dun xeito poético; de inspirar os relatos que cada un fará da súa propia vida; de alimentar o pensamento e o «corazón intelixente», en palabras de Hannah Arendt, que engadiría que cómpre transmitirlles o mundo aos nenos, ensinarlles a amalo, para que un día teñan a vontade de responsabilizarse del. Pois, para ela, «é o amor polo mundo o que nos dá un trazo de espírito político».10

É cousa da familia e dos máis próximos… Por mil razóns vitais, os pais e os demais transmisores culturais pre­ séntanlles o mundo aos nenos coa axuda de contos, cancións, historias, ilustracións, relatos familiares e lembranzas. Len con eles as paisaxes e as miradas que os rodean. Moitas veces, de forma intuitiva, tocan simultaneamente varios rexistros sensibles neses momentos de trans­ misión. Así, cando lles len libros en voz alta, o que lles propoñen aos cativos é case unha pequena ópera: despregan un escenario, toda a fantas­ magoría de imaxes dos libros, e convidan a unha escoita musical en que a voz é protagonista. Entrevista a Bérénice Levet publicada en Le Monde o 29 de xuño de 2012 co gallo da edición do seu ensaio Le musée imaginaire d’Hannah Arendt (2011).

10

18


Ao principio, os adultos contan cun marabilloso aliado: o bebé, e en concreto a súa capacidade de abraio. Florence Guignard cre que as pulsións epistemofílicas, como din os psicanalistas, que nos conducen ao coñecemento, existen xa desde o nacemento. E pon como exemplo un bebé que «pasou as dúas primeiras horas da súa existencia acordando progresivamente, escoitando e mirando todo ao seu redor, cunha aten­ ción impresionante, chegando mesmo a xirar a cabeza para ampliar o seu campo visual; e só despois desas dúas horas de exploración quedou durmido por primeira vez na súa vida fóra do útero».11 Con todo, o desenvolvemento desas pulsións vai depender en boa medida da calidade das relacións cos pais, da súa dispoñibilidade psí­ quica. O abraiante descubrimento do mundo por parte do infans vese alentado polo rostro e o sorriso da nai (ou da persoa que proporcione os coidados maternos), polas súas miradas, xestos, voz e palabras. Tamén se ve estimulado por todos os que o rodean, pola súa curiosidade e as miradas que lles dedican aos lugares e ás persoas. Como o pai que lembra o escritor grego Yannis Kiourtsakis: «Meu pai sentado nunha cadeira, comigo no colo, dándome de comer as papas cunha culleriña, cantaruxando a cada bocado “Bebe o bei, bebe o aga, bebe o fillo do bei” e facéndome bailar. Aquela cantarela cativoume de tal xeito que moitas veces me negaba a comer se me privaban dela».12 O seu pai tamén lle contaba cousas da Creta onde se criara: «Todas aquelas historias pa­ recían xurdir dun único e enorme conto que escoitei incansable desde que teño memoria e que daba a impresión de non rematar nunca: o dos anos da súa infancia. Falábame da casa da familia na Canea e das estrei­ tas rúas do barrio vello…». O pai evocaba todo un universo oriental rico en cores que non se parecía en nada ao que coñecía o pequeno Yannis, pero que «era tan real coma o mundo que podía tocar: as 11

Florence Guignard, Épître à l’objet, 1997.

12

Yannis Kiourtsakis, Le Dicôlon, 2011.

19


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Ler o mundo G - Michèle Petit by kalandraka.com - Issuu