Coelophysis bauri Orde: SAURISQUIOS Suborde: Terópodos
Familia: Coelofísidos Achado: en 1881, no estado de Novo México (Estados Unidos), por Cope. Recibiu o seu nome en 1887
O Coelophysis é un dos dinosauros máis antigos que se coñecen. Era pequeno e vivía en greas que se dedicaban á caza. Camiñaba sobre as dúas patas traseiras con grande axilidade. Unha figura esvelta e unha osamenta lixeira (o nome Coelophysis significa «forma oca») facían que estivese ben adaptado para correr. Medía tres metros de longo, cola incluída, e 55 centímetros de alto; sen a cola, sería do tamaño dun can grande, pero tan só pesaba 30 quilogramos! Tiña uns dentes curvos e serrados que lle permitían alimentarse de peixes e insectos. Presentaba catro dedos, un deles sen pouta e inútil. Atopouse un centenar de espécimes de Coelophysis.
– lámina 1 –
Mussaurus patagonicus Orde: SAURISQUIOS
Suborde: Sauropodomorfos
Familia: descoñecida, aínda se debate hoxe Achado: en 1979, na Arxentina, por Bonaparte e Vince
O nome Mussaurus significa «lagarto rato». Os primeiros dinosauros deste xénero descubríronse preto dun niño cuxos ovos medían tan só 2,5 centímetros e eran moi pequenos; claro que se trataba de espécimes xuvenís (cabeza e ollos grandes, pescozo pequeno), porque o Mussaurus adulto non era para nada do tamaño dun rato: crese que chegaba a acadar os tres metros, coma un coche pequeno. Foi un dos primeiros herbívoros que existiron.
– lámina 2 –
Plateosaurus engelhardti Orde: SAURISQUIOS
Suborde: Sauropodomorfos
Familia: Plateosáuridos Achado: en 1834, en Alemaña, por Engelhardt. Descrito en 1837 por Von Meyer, data en que o grupo dos Dinosauria aínda non fora definido polo paleontólogo británico Owen
O Plateosaurus («réptil plano») é un dos dinosauros máis antigos. Viviu no que hoxe son Europa e Groenlandia, que daquela estaban unidas. Habitaba en chairas fluviais e xuntábase en mandas para defenderse dos depredadores. Medía máis de dous metros de alto e ata nove metros de longo (case tanto coma un autobús). Era cuadrúpede (andaba a catro patas) e ás veces bípede (andaba sobre as patas traseiras). Coma todos os dinosauros que pertencen ao grupo dos prosaurópodos, tiña o pescozo longo, a cabeza pequena e o corpo estilizado. Este herbívoro comía plantas arbustivas e quizais presas pequenas, pois tiña unha boa garra no polgar. O Plateosaurus é o antepasado do Diplodocus e o Brontosaurus. Atopáronse centos de esqueletos fósiles desta especie, algúns deles case completos.
– lámina 3 –
Riojasaurus incertus Orde: SAURISQUIOS
Suborde: Sauropodomorfos
Familia: Riojasáuridos Achado: en 1966, na provincia de La Rioja (Arxentina), por Bonaparte
O Riojasaurus (que recibe o seu nome de La Rioja) era un herbívoro de seis metros de lonxitude, o equivalente a unha caravana pequena. Era cuadrúpede e tiña as patas dianteiras case tan longas coma as traseiras. O seu grupo, o dos prosaurópodos (do cal era unha das especies máis grandes), veríase desprazado no Xurásico polo dos grandes saurópodos. Atopáronse vinte esqueletos de espécimes adultos e xuvenís de Riojasaurus.
– lámina 4 –