A Mimi Rivault. E. T. Para Suzanne. V. A.
Título orixinal: Inventaire illustré des animaux © da edición orixinal: Albin Michel Jeunesse, 2009 © da tradución: Fernando Moreiras, 2012 © desta edición: Kalandraka Editora, 2012 Italia, 37 - 36162 Pontevedra Tel.: 986 860 276 faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com Coordinadores de colección: Xulio Gutiérrez e Chema Heras Faktoría K de libros é un selo editorial de Kalandraka Impreso en Gráficas Anduriña, Poio Primeira edición: febreiro, 2012 ISBN: 978-84-15250-34-0 DL: PO 698-2011 Reservados todos os dereitos
Virginie V
Aladjidi
Emmanuelle
TTchoukriel
LIMIAR
Emmanuelle Tchoukriel, pintora e debuxante con formación no eido da ilustración médica e científica, recrea os elementos da natureza coa precisión e a arte dos naturalistas exploradores de séculos pasados. Antes de inventarse a fotografía (arredor de 1830), os naturalistas debuxaban animais mortos ou disecados, aos que daban vida no papel grazas ao seu talento. Emmanuelle Tchoukriel debuxou estes cen animais baseándose na observación de animais vivos ou de varias fotografías. Os perfís negros das súas imaxes fixéronse con Rotring e tinta chinesa, e as cores aplicáronse con acuarelas que xogan coas transparencias.
Neste inventario non exhaustivo clasifícanse os animais segundo as zonas onde habitan para dar unha idea do seu medio natural. Cómpre precisar que as láminas das selvas tropicais abranguen as selvas americanas, africanas e asiáticas; as láminas das zonas desérticas, as de varios continentes; e as dos océanos, os fríos e os quentes. Pola súa banda, as láminas das montañas temperadas, as ribeiras, as zonas habitadas e as cidades, e as granxas, mostran sobre todo animais europeos. Os científicos adoitan clasificar os animais en función das súas semellanzas, e comezan diferenciando dous grandes grupos: por unha banda, os vertebrados, que presentan columna vertebral; e, por outra, os invertebrados (como os insectos), que non a presentan. Cada un destes grupos está, á súa vez, dividido en varios subgrupos denominados «clases»; para cada animal indícase a clase á cal pertence e o nome científico da especie (en latín). Con todo, cómpre ter en conta que a clasificación dos animais evoluciona a medida que se fan novos descubrimentos, que non todos os científicos se poñen de acordo con algunhas delas, e que os nomes cambian (por exemplo, os anfibios adoitaban denominarse «batracios» no pasado). Os vertebrados actuais distribúense nunha decena de clases, e os lectores poderán admirar animais representativos das seis principais: mamíferos, aves, peixes cartilaxinosos, peixes de aletas radiadas, anfibios e réptiles.
Os invertebrados (que supoñen o 95 % das especies animais!) divídense en máis de sesenta clases, polo que só se elixiron animais dunhas poucas delas, primando a beleza da imaxe sobre o interese científico. Os debuxos desta obra non están todos á mesma escala; só tres páxinas dobres mostran, nunha mesma lámina, diversos animais en proporción os uns aos outros:
Balea corcovada / tartaruga de coiro: lámina 9
Elefante da sabana africana / gacela springbok: lámina 26
Xirafa / cría de xirafa: lámina 31
Determinadas especies, como o tigre ou o chimpancé, xa comezan a escasear; outras, como o rinoceronte negro, a foca monxe ou a tartaruga de coiro, volvéronse moi escasas; e outras, como o órix, xa non se dan en estado salvaxe. Esperamos que esta obra impulse a protexelos e, de forma xeral, fomente a curiosidade e o respecto cara a estes animais tan fermosos.
SUMARIO As rexións polares Os océanos As selvas tropicais As zonas desérticas As sabanas As montañas temperadas Os bosques temperados As costas e ribeiras As zonas habitadas As granxas
láminas 1 a 4 láminas 5 a 11 láminas 12 a 19 láminas 20 a 25 láminas 26 a 31 láminas 32 a 37 láminas 38 a 45 láminas 46 a 53 láminas 54 a 59 láminas 60 a 65
as rexións polares Oso polar Ursus maritimus Clase: MAMÍFERO O xigante da banquisa, o oso polar confúndese coa brancura do xeo: tan só ten os ollos e o fociño negros. As súas patas lixeiramente palmeadas permítenlle nadar ben.
– lámina 1 –
as rexións polares
Pingüíns emperadores Aptenodytes forsteri Clase: AVE Estas aves non poden voar, pero nadan moi ben grazas á súa densa plumaxe e ás súas patas palmadas. Os pingüíns macho e femia fan o cortexo saudándose e tocándose o peteiro. O macho é o que incuba os ovos.
– lámina 2 –
as rexións polares Curuxa nival ou bufo branco Bubo scandiacus Clase: AVE A curuxa nival pasa máis tempo pousada ou en terra que voando. Mantense quente grazas ás súas plumas longas e mestas, que lle recobren as patas e case lle ocultan o peteiro. As femias están zarrapicadas de marxas negras, e os machos teñen unha plumaxe completamente branca.
– lámina 3 –
as rexións polares
Raposo polar Alopex lagopus Clase: MAMÍFERO De cor parda no verán e branca no inverno, este raposo ten un pelame mesto que o protexe do frío. O pequeno tamaño das súas orellas limita a perda de calor corporal.
– lámina 4 –