Unha vez oso pequeno pasou todo o día pescando no río, pero non colleu ningún peixe. Co caldeiro baleiro, os ósos cansos e sen asado no forno, o seu amigo tigre ía pasar fame.
–Tigre, non hai peixe. Hoxe non pesquei nada! Entón oso pequeno coceu unha coliflor da horta, con patacas, sal e un pouco de manteiga.
–Sabes cal sería a mellor cousa do mundo? Ser rico! –dixo tigre pequeno–. Así hoxe poderías ter mercado dúas troitas, que son o meu prato favorito. –Troitas! –berrou oso pequeno, que soñaba con pescar troitas. Aínda non collera ningunha porque as troitas non son parvas, non se deixan pescar.
–Asadas con manteiga, especias e améndoas! –berrou tigre pequeno, choutando de alegría.
–E de sobremesa, biscoito –dixo oso pequeno. –Bis-coi-to –repetiu tigre pequeno–. Só de pensalo, póñenseme os dentes longos. –Podía mercar unha barquiña. Faime falta.
–Máis falta me fai a min unha pa –berrou tigre pequeno–. A que teño renxe. Un día vaime volver tolo. –Tamén quero un casco de piloto, unha lámpada vermella para a cama e unhas botas de pel. –Encargaremos uns traxes elegantes e iremos a unha festa –dixo oso pequeno–. Un tango fino, tigre, iso sería... –Imos buscar un tesouro! –dixo tigre pequeno.