Teño diante miña as instantáneas do profesor Vidaurre. Fotografías case imposibles que recolleu nas súas viaxes polos lugares máis recónditos do planeta. Este misterioso sobre que recibín contén unha carta da súa propia man; nela puiden ler unha primeira advertencia:
A miña avoa sempre me dicía: «Anda con coidado cando saias por aí!», e que razón tiña. Pasaron os anos e comprobei que hai moitos máis perigos dos que un pode imaxinar. Bechos que nos espreitan, animais que nos vixían sen que nos decatemos da súa ollada. Non sabemos das súas intencións, mais a súa silandeira presenza desacóuganos. Con moita paciencia e bo ollo, póñovos en antecedentes duns poucos animais que descubrín logo de moitas noites en vela.
Eu si que imaxino o profesor Vidaurre «ir con cen ollos» baixo a lúa amazónica, ou abrigado até o nariz para combater o frío polar. Noites vividas nos catro puntos do noso planeta coma un cazador furtivo, sen máis arma que a súa cámara dixital. Nesas situacións límite viu sen ser visto e, case sen decatarse, foi el quen axexou estes animais –até o de agora anónimos– que hoxe vos presento. A partir das súas fotografías pescudei durante varios anos en videotecas, hemerotecas e pinacotecas de distintos países. E agora, por fin, podo mostrarvos algúns dos animais retratados polo profesor Vidaurre.
Aproveito esta terceira edición para poñerme ao día e dedicar este libro a María, Alejandra, Íñigo e Nicolás
O abrenoites Na gran Selva Negra vive o abrenoites. A súa xornada comeza cando a lúa asoma sobre o espesor do bosque. Nese intre, mentres a primeira raiola baña as follas das árbores, o abrenoites estende as súas ás cor de aceiro e inicia o seu labor. Baixo a súa ollada, todos os animais descansan, porque saben que o gran gardián vixía o seu sono. Esquíos, coellos, vacalouras, ourizos, toupeiras ou liscanzos, dormen tranquilos: o abrenoites vixía. Ningún animal lle ten medo, agás as raposas e os lobos, pero todos respectan o seu saber. A lúa, no máis alto do ceo, brilla até o amencer, daquela o abrenoites vai durmir.
O metrocol Son famosas as carreiras de metrocois nas fragas dos países norteños. Nelas, a cor da súa cuncha, vermello carmín, destaca sobre o verde da carriza ou por baixo das verzas bravas. O seu corpo, numerado e cornudo, ao pouco de achegarse á meta pode estirarse até alcanzar os cinco centímetros. Nos días de sol, o metrocol envorcállase de gozo sobre a terra e deixa tras del unha baba mesta de máis dun metro de longo. Cando chove, acubíllase na súa cuncha e dedícase a facer operacións aritméticas. Nas tardes de outono e primavera, o metrocol, sempre en manda, toma medidas.