Gelsomino, nos tempos de escolante, marca un gol e comeza o importante
Esta é a historia de Gelsomino, tal como el mesmo ma contou. Case quedo xordo por escoitala enteira, malia meter medio quilo de algodón nas orellas. Resulta que Gelsomino ten unha voz tan estridente que cando fala «baixiño», por chamarlle dalgunha maneira, poden oílo incluso os pasaxeiros dos avións de reacción que voan a dez mil metros de altura sobre o nivel do mar e da súa cabeza. Na actualidade, Gelsomino é un afamado tenor, coñecido dunha punta a outra do globo terrestre, e posúe un nome artístico altisonante e algo pomposo que non paga a pena mencionar aquí porque xa o teredes lido centos de veces nos xornais. Gelsomino é o seu nome de cando era neno, e así aparecerá na nosa historia. Así pois, era unha vez un cativo normal..., ben, quizais algo máis miúdo ca o resto, o cal, dende os seus primeiros gallamoutos, demostrou estar dotado dunha voz impresionante. Cando Gelsomino naceu, a xente do lugar ergueuse no medio da noite pensando que soaran as sirenas das fábricas que chamaban ao traballo, pero só era o naipelo que choraba para probar a súa voz, como fan todos os meniños acabados de nacer. Por fortuna, Gelsomino axiña
9
aprendeu a durmir dende a noite até a mañá seguinte, como fan as persoas decentes, agás os xornalistas e os gardas nocturnos. O seu primeiro alarido soaba ás sete en punto, xusto á hora na cal a xente tiña que espertar para ir ao traballo. Dende entón, as sirenas tornaron inútiles e, de feito, acabaron por se enferruxaren. Non ben fixo os seis anos, Gelsomino foi á escola. O mestre pasou lista e, ao chegar á letra «g», chamou: –Gelsomino. –Presente! –respondeu con entusiasmo o novo escolante. Daquela sentiuse un estalido e caeu unha chuvia de cachizas: esnacara o encerado. –Quen lle guindou unha pedra ao encerado? –preguntou o mestre, estirando a man para coller a vara. Ninguén respondeu. –Volverei empezar coa lista –dixo o mestre. E, en efecto, recomezou pola letra «a», e ao dicir os nomes engadía esta pregunta: –Fuches ti quen guindou a pedra? –Eu non fun! Eu non fun! –respondían os nenos, asustados. Ao que chegou ao «g», tamén Gelsomino se levantou e contestou con sinceridade: –Eu non fun, señor… Pero nin tempo lle deu a pronunciar a palabra «mestre», pois os vidros da fiestra remataron igual ca o encerado.
10
Desta vez, o mestre mantivera os ollos ben abertos e estaba certo de que ningún dos seus corenta alumnos lle botara a man ao tirafonda. –Sería alguén dende fóra –concluíu–, algún deses rillotes que, no canto de viren á escola, van á procura de niños. Como pille o culpable, collereino dunha orella e levareino onda os gardas. Aquela mañá a cousa non pasou de aí. Pero, ao día seguinte, o mestre volveu pasar lista e chegou de novo ao nome de Gelsomino. –Presente! –contestou o noso heroe mirando en volta, moi orgulloso de estar na escola. «Crac!», foi a resposta da fiestra. Os vidros, colocados polo bedel tan só media hora antes, caeron ao patio. –Que estraño! –dixo o mestre–. Os desastres sempre acontecen cando chegamos ao teu nome. Rapaz, xa entendín o que pasa: tes unha voz demasiado aguda, unha voz que axita o aire coma un ciclón. Se non queremos arruinar a escola e a vila toda, de hoxe en diante terás que falar en voz baixa. De acordo? Gelsomino, arroibado coma un tomate pola vergoña e a confusión, tratou de protestar: –Pero, señor mestre, eu non fun! «Crac!», foi a resposta do encerado novo, que o bedel mercara aquela mesma mañá. –Velaquí a proba! –concluíu o mestre. Ao ver as bagullas que escorregaban a mares polas fazulas do pobre Gelsomino, o home baixou do estrado,
12
achegouse ao rapaz e pousoulle de maneira paternal unha man na cabeza. –Fillo, escóitame ben: unha voz coma a túa pode causarche terribles problemas ou converterse na chave dun brillante porvir. Por agora, será mellor que a utilices o menos posible. Ademais, en boca cerrada, nin entra mosca nin entra nada. A partir dese día, Gelsomino sufriu o que non está escrito. Na escola, para non provocar máis accidentes, tiña decote un pano metido na boca, pero mesmo a través daquel obstáculo a súa voz soaba tan forte que os seus compañeiros debían tapar as orellas coas mans. O mestre preguntáballe o indispensable, xa que, como sabía que era un alumno excelente, estaba seguro de que coñecía as respostas correctas. Na casa, despois do primeiro incidente na escola (que Gelsomino lle contara á súa familia cando estaban na mesa e que supuxera unha ducia de vasos escachizados), prohibíranlle terminantemente dicir palabra. Para desafogarse, non lle quedaba outra que saír ao aire libre, lonxe da vila: ás fragas, á beira do lago, aos campos. Tras se asegurar de que estaba só e de que había unha distancia considerable entre el e os cristais dos seus paisanos, deitábase no chan, barriga abaixo, e comezaba a cantar. Decorridos uns minutos, a terra botaba fume: toupas, lombrigas, formigas, todos os animais que viven no
13
subsolo escapaban a quilómetros de distancia, pensando que se aveciñaba un terremoto. Gelsomino só esqueceu unha vez as súas habituais precaucións. Era domingo, e no campo de fútbol xogábase un partido importante. A pesar de que el non era un grande afeccionado, o xogo foille acendendo o sangue aos poucos. Nun momento determinado, o equipo da súa vila, animado polos afervoados berros dos seareiros, pasou ao ataque. (Non vos sei explicar ao xeito o que significa «pasar ao ataque» porque non sei moito de fútbol, mais Gelsomino empregou estas palabras ao contarmo. Seguro que vós, se sodes lectores de xornais deportivos, entenderedes o que quere dicir.) –Ale! Ale! –gritaban os seareiros. –Ale! –berrou tamén Gelsomino, a pulmón cheo. Xusto naquel momento, o lateral dereito enviáballe un pase ao centrocampista, pero, cando a pelota ía polo aire, viuse como se desviaba, impulsada por unha forza invisible, e se estrelaba na portaría contraria logo de coarse por entre as pernas do gardameta. –Gooooool! –berrou a multitude. –Vaia tiro! –comentou alguén–. Vistes como xutou? Un disparo calculado ao milímetro! Unha bota de ouro! Mais Gelsomino, ao que volveu en si, decatouse de que a fixera boa. «Non hai dúbida, o gol marqueino eu coa voz. Teño que estar calado, se non, onde quedará o
14
deporte? Agora debo marcar un gol do outro lado, para que queden a pre», pensou. No segundo tempo, en efecto, presentouse unha ocasión favorable. Cando os rivais emprenderon a ofensiva, Gelsomino lanzou un brado e empuxou a pelota cara á portaría dos seus paisanos. Co corazón apesarado, por suposto. Aínda que decorreran moitos anos daquel episodio, cando mo relatou, Gelsomino engadira: –Preferiría cortar un dedo denantes que anotar aquel gol, pero non me quedaba outra. –Calquera no teu lugar faría que gañase o seu equipo. Calquera si, pero Gelsomino non: el era leal e sincero coma a auga clara. E así medrou até se converter nun bo mozo, non moi alto, todo sexa dito, senón máis miúdo ca alto e máis magro ca gordo, a figura acorde co significado do seu nome, pois se a un homiño coma el lle puxesen un máis pesado, eslombaría pola canseira de carrexalo. Había tempo que o noso protagonista xa non era escolante. Era un campesiño máis, e así ficaría e non habería ningunha historia especial que contar sobre el, de non ocorrerlle a desgraciada aventura que agora coñeceredes.
15
A veciñanza nunca debe saber que a túa voz as peras fai caer
Unha mañá, Gelsomino foi ao seu eido e viu que as peras estaban maduras. As peras compórtanse así: traballan e traballan pola calada, unha mañá vas velas e xa están maduras, así que chegou a hora de recollelas. «Mágoa non traer a escada –cavilou Gelsomino–. Irei á casa buscala e traerei tamén o varón para sacudir as gallas máis altas.» Pero resultou que naquel intre tivo unha idea, case un antollo. «E se probase coa miña voz?», interrogouse. E, medio en broma medio en serio, chantouse debaixo da árbore e lanzou un berro: –Abaixo! «Pataplún, pumba, repumba», contestáronlle as peras, e chovéronlle ao redor a centos. Gelsomino camiñou até outra árbore e repetiu a xogada. Cada vez que berraba «Abaixo!», as peras desapegábanse da galla, coma se estivesen alí á espera daquela orde, e precipitábanse ao chan. A faena puxo a Gelsomino de bo humor. «Un esforzo que aforro –pensou–. Mágoa que non se me ocorrese antes utilizar a voz no canto da escada e do varón.»
16
Un labrego que sachaba na leira do lado viuno dando voltas polo eido. Cando reparou no seu proceder, refregou os ollos, beliscou o nariz, volveu mirar e, tras se asegurar de que non soñaba, correu a chamar pola muller. –Mira, mira ti tamén! –díxolle tremendo–. Non ten dúbida que Gelsomino é un meigo. A muller alucou e caeu de xeonllos exclamando: –É un santo! –Dígoche que é un meigo! –E eu dígoche que é un santo! Até aquel día, marido e muller case sempre estiveran de acordo, pero naquel intre el botou man do sacho e ela da forquita, e xa estaban a piques de defender coas armas as súas respectivas opinións cando o labrego propuxo: –Imos chamar a veciñanza. Que o vexan todos e nos digan o seu parecer. A idea de correr a chamar pola xente e ter ocasión de rexoubar un bocado convenceu a muller de pousar a forquita. Antes de escurecer, toda a vila estaba ao corrente do que acontecera, e a veciñanza estaba dividida en dúas faccións: unha sostiña que Gelsomino era un santo; a outra, que era un meigo. As discusións aumentaron coma as ondas do mar cando comeza a zafrear o mistral. Mesmo se formaron liortas e houbo feridos, leves, por sorte; un deles, por exemplo, queimouse coa súa propia pipa porque, no fragor da discusión, a metera na boca pola
18
parte da cazoleta. Os gardas non sabían como apañarse e, de feito, nada fixeron: limitáronse a pasar dun grupo ao outro tentando que acougasen. Os máis arroutados dirixíronse cara ao eido de Gelsomino: algúns para levaren un recordo, xa que era unha terra bendita; outros, para devastala, xa que era unha terra enmeigada. Gelsomino, ao ver a toda aquela xente ás carreiras, pensou que se desencadeara un incendio en algures e agarrou un balde para axudar a apagar as chamas. Pero a xente detívose diante da súa porta e Gelsomino escoitou o que rexoubaban. –Aí o está! Aí o está! –É un santo! –De santo, nada! É un meigo! Colleu ese balde para enfeitizarnos! Ollade! –Polo que máis queirades, non nos acheguemos a el! Se nos bota enriba algo diso estamos perdidos! –O que? –Seica non o vedes? É un ser infernal! Cousa que toca atravésaa de parte a parte e non hai médico que dea tapado o buraco! –É un santo! É un santo! –Vímoste, Gelsomino! Ordénaslle á froita que madureza, e madurece; ordénaslle que caia, e cae. –Volvéstesvos todos tolos? –preguntou Gelsomino–. Só é a miña voz, que provoca a mesma onda expansiva que cando sopra un ciclón.
19