Malia os anos, andaba ben da cabeza e vía sen axuda de lentes. Trenqueleaba. Ao subir a costa, que non era moita, apurábaselle o alento. Ao mediar o día, se non ía frío, se non daba en chover, calquera podía velo, valéndose co seu caxato, ben calada a pucha, paseando pola praia, a axotar as gaivotas.
Non lle importaba ser vello, ter tantos anos, non poder subir monte nin andar ĂĄs bĂŠveras. Paseando e a cismar, por veces tristeiro, que ir memoria dentro levĂĄbao a falar cos que xa non estaban, a caer na conta de que Ela marchara.
Ela
A aldea, A Carón Do Mar, era pouca: sete casas, algunhas con hórreo, todas con parra. A casa máis nova tiña ben a gusto os seus douscentos anos. As portas e as ventás estaban pintadas de azul rabioso, de vermello ou de verde e vermello, a gusto de cadaquén. As casas eran de cantaría, pero os muros estaban caleados. Os veciños vivían de plantar verzas, sementar patacas, arrincar percebe, andar ao polbo e algo de anzol. Cada veciño tiña unha vaca ou dúas, todos criaban un porco para a mata e tiñan galiñas. Dependendo do vento, a aldea ulía a mar ou a corte.
O cemiterio era pouco, de poucos. Asomaba ao mar aberto, no alto do cantil, preto da aldea, a carón da igrexa.
A igrexa, pequena coma ela soa, algo románica ela, non tiña cura fixo. Se era festivo e non ía mal tempo, o cura viña desde A Pobra. Chegaba o cura, dicía a misa, bendicía todo o que houbese que bendicir e marchaba por onde viñera. A igrexa quedaba ao coido da Carola, unha muller que miraba por ter limpo o Santo e a porta pechada.