Skip to main content

Fábulas de Esopo G - Xosé Ballesteros | Dani Padrón

Page 1

Y

Z

A CIGARRA E A FORMIGA

A cigarra pasaba o verán feliz e contenta, cantando sobre as follas das silveiras. Non comprendía por que a formiga traballaba arreo durante todo o día, baixo dos ardentes raios do sol, e pensaba: «Carrexar todo ese gran con esta calor. Que abafamento!». Pasou o tempo, rematou o verán, chegou e marchou o outono, e asomou o frío inverno. A cigarra goreceuse no seu agocho, e desde alí viu pasar as nubes, ouviu bater a chuvia, zoar o vento, caer a neve… E un día, máis cedo que tarde, acabáronselle as provisións. Non lle quedou nin un gran de millo, nin de centeo nin de avea. Non tiña no seu recuncho nin unha mosca nin un miserento verme que levar á boca. Nada de nada. Daquela lembrouse de como a incansábel formiga transportaba os grans nos días de verán. 11


A formiga vivía moi preto da cigarra, e ata alí foi a famenta e aterecida carricanta. Petou debilmente na porta e agardou. A formiga abriu a súa casa, que estaba repleta de provisións, e encarou a cigarra, que lle pediu: –Miña amiga formiga, miña veciña, poderías prestarme un pouco do teu gran para poder pasar o inverno? Ti tes tanto! Prometo devolvercho decontado e con ganancia. –Prestarche eu o que gaño con tanto esforzo e traballo? Dime, chicharra, por que non recolliches comida durante o verán? –Non tiven tempo –contestou a cigarra, aflita–. Tiña que cantarlle a todo o que pasase polo camiño. –Se estiveches cantando durante todo o verán –respondeu rindo a avarenta formiga–, por que non bailas agora no inverno?

YZ

12


Y

Z

A LEITEIRA

Unha muller, que era máis pobre que rica, foi un día á feira cun cántaro repleto de leite sobre a cabeza. Mentres andaba polo camiño, esquivaba as pedras, as raíces e as fochancas, para non tropezar. E para levar mellor a andaina, pois o mercado aínda quedaba lonxe, deu en pensar a canto vendería o leite, e tamén en que, cos cartos que gañaría, podería mercar unha cesta de ovos, e deses ovos nacerían pitos, que se converterían en galiñas. Vendería as galiñas e compraría ovellas, e, ao vendelas, mercaría porcos; e, ao vendelos, mercaría vacas e tenreiros; e chegaría a ser a máis rica da aldea. Despois deu en pensar que podería casar moi ben os seus fillos e fillas, e que pasearía pola vila con todos eles e cos seus xenros e noras. E a xente gabaría a súa boa sorte e o seu bo xuízo ao vela 14


pasar, pois sendo pobre chegara a ser tan rica. E, de tan contenta que estaba, púxose a dar saltiños de alegría sen reparar no que levaba sobre a cabeza. Mais a muller deu un mal chimpo, caeulle o cántaro ao chan, rompeu sobre unha pedra e derramouse todo o leite no camiño. Que desgraza! Adeus, leite; adeus, ovos e pitos e galiñas; adeus, porcos e vacas e tenreiros. Adeus, xenros e noras; adeus, soños.

YZ

17


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook