Skip to main content

Extra G - Paco Nogueiras / Marc Taeger

Page 1

Sempre me gustou ter cousas nas mans. Cando era pequeno, xogaba cos meus brinquedos, pintaba, modelaba con plastilina, lía contos e, co paso do tempo, fun ampliando pouco a pouco a cantidade de obxectos apalpados. Agora adoro ter libros e xogar cos instrumentos musicais. Nese carrusel de trebellos que pasaron e pasan polos meus dedos, o xornal ten un protagonismo especial. Era un elemento familiar que nos conectaba coa actualidade e co resto do mundo. Eu aprendía significados novos nos seus encrucillados, ollaba a carteleira do cinema e do teatro, lía varias veces algunhas palabras que non entendía (co paso do tempo foron collendo sentido, mais aínda lles estou dando voltas).

Cando pasaban varios días, o xornal transformábase en avións de papel ou servía para prender o lume da cociña. Moitas veces, poñiámolo no chan mollado para non esvarar… Porque do xornal todo se aproveitaba. Canto coñecemento había, alí estaba: os principais descubrimentos, os feitos máis relevantes. Os sucesos de importancia ocupaban as portadas, e nas páxinas interiores había artigos e máis artigos, que informaban do que sucedía ao noso redor. Nada escapaba. Imaxinei moitas veces facer o meu propio xornal, onde se tratasen todos eses temas dos que tiña gana de falar e de escribir: noticias divertidas, cultura, ecoloxía, imaxinación, e moita moita música.


Ese momento chegou! Despois de moito brincar e bulir, nace extra!, un xornal musical para compartir con todas e todos vós. Un espazo onde pensar, onde opinar e tamén onde aprender. As noticias van desfilando con letras, debuxos e sons, porque é unha publicación que entra polos ollos, polas mans e polas orellas. extra! convídate a conectar co mundo e a transformar a realidade en canción. Quen dixo que non é posible cantar as noticias? E bailalas? E debuxalas? En extra!, pódese. Cantos máis sexamos, mellor. As risas son compañeiras neste xornal e, aínda que ás veces nos poñamos serios, deseguida retomamos o sorriso, porque extra!

é alegría, diversión, imaxinación e información. Abre as súas páxinas, le as súas letras, olla as creativas ilustracións de Marc Taeger, e descubrirás que tamén hai un lugar reservado para ti. Porque extra! medra grazas a todas e todos os seus lectores e, se cadra, xornalistas por un momento. Que noticia poñerías? Que ocorre ao teu redor? Algunha primicia que contar? Moitas preguntas cunha resposta sonora, coa túa voz de protagonista.

!!!!!

extra! extraaaaa

Se escoitas este berro, é o momento de encher ben os pulmóns de aire e berrar con el:

!!!!!

extra! extraaaaa


SUMARIO 1 | extra!... Presentación… 3’43”… páx. 11 2 | dime por que... Divulgación… 3’12”… páx. 12 3 | bici, bicicleta... Deportes… 3’31”… páx. 14 4 | enfadado... Opinión… 3’57”… páx. 18 5 | superheroe, superheroína... Pasatempos… 3’51”… páx. 21 6 | eco... Noticia internacional… 4’01”… páx. 25 7 | a lingua non para... Noticias Galiza… 3’10”… páx. 26 8 | non teño medo... Sucesos… 3’11”… páx. 29 9 | só unha canción... Cultura… 4’11”… páx. 33 10 | para ti, parabéns... Efemérides… 2’40”… páx. 34 11 | móvete... Sociedade… 3’19”… páx. 36 12 | festa!... Axenda… 3’48”… páx. 39


EXTRA! Extra xa está aquí, é o teu xornal. As novas máis curiosas, sucesos especiais. Os temas máis diversos podes coñecer, os feitos máis recentes. Non os debes perder! Primicias, noticias, investigación, ás veces entrevistas, artigos de opinión. Toda a actualidade servida en papel. Le atentamente, porque aquí… Tes información… EXTRA, hai divulgación… EXTRA, imaxinación… EXTRA, EXTRA diversión! [bis] Cadeas de palabras para compartir penduran nas columnas que argallamos para ti. Crónicas, relatos, melodías sen parar. Publicación aberta, estámoste a agardar! Letras, comentarios, algún titular, imaxes, debuxos, no medio das túas mans. Os acontecementos que precisas comprender. Le atentamente, porque aquí... Tes información… EXTRA…

extra!

11


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Extra G - Paco Nogueiras / Marc Taeger by kalandraka.com - Issuu