I
A ILLA DE MOEBIUS
ULISES, A PENÉLOPE La nave que Alguien o Algo construye con uñas de los muertos. JOSÉ LUIS BORGES
Sinto no coro das ondas un himno, sinto no vento agoiros antigos. Brisas revoltas perturban o mundo: fala o silencio de miles de adeuses desde o peirao ateigado de xente. Brisas raposas carrexan apupos. Parten as naves gastando quimeras, xorden as millas que arriman tormentas. Rezos e prantos intúen o nada, horas de trampa espertan arelas. Érgome bravo con armas de lenda, sigo os Foucellas da loita da patria. Fe irmandiña queimando castelos, luz bolxevique en tempos enfermos, tropa vencida na guerra dos trinta, longos desterros na triste derrota, pobo que perde en todas as poxas. Naipes cativos en cada partida. Nazo na danza do avante da quilla. Vivo no furo que a proa practica.
11
Illas amadas que nacen da gloria cando nos soños abrollan loureiros. Mar de sereas, feitizos perfectos, gozos retidos na nosa memoria. Unha congostra dalgunha Altamira, ese Manhattan que foi o de Whitman. Pequod tallado con uñas dos mortos. Cinsa de rumbos que o tempo remexe. Mares futuros que o sangue valente cruza cantando os credos de noso. Manso nobelo nas mans da que tece. Fera lembranza no sangue que ferve. Formas sagradas na rosa que elevas. Cores de abraio nun cume de alquimia. Festa nas nubes da nena perdida. Brazos de Adán enmallados en Eva. Outra raíña no trono dos astros. Grande ás de ouros que burla os enganos. Beiras do edén en paisaxes amadas. Meta invisible que agora pedimos. Libros escritos por bardos feridos. Libros de ganas que quedan con ganas.
12
Lava dos noivos que funde milenios, intres eternos que dura o querernos. Son o mariño que empeta o teu riso, son a caricia que idea o teu rostro. Es o deleite que sempre recordo, es a que fai as campañas comigo. Cántalle espida á praia que treme. ¡Doces arrolos que eu sempre venere!
13
II
DOUS
DOUS Invoquemos aquela rosa en brasas, o recendo incendiado da lascivia, o vagar na dondeza sen palabras. Invoquemos a estrea nas caricias: bolboretas de luz dentro da noite, guieiros no camiño á marabilla. Celebremos a lentura de bosque que agardaba en ti polo segredo de quen pasou a terte como norte. Celebremos a illa que entón quero seguir sabendo sempre para sempre (Sálvora que salva, cura do tempo). ¡Que aínda chova e escampe ben de veces! Que poidamos prender de moitas lúas os pesares que atordan e deteñen. Que perdure a estrela da fe núa atrevéndose a un valse cun volcán. Invoquemos a inocencia da suma. Celebremos o sangue corpo a corpo. A primeira persoa do plural. A grandeza invencible do nosoutros.
17
MARGARIDA DA ESPERA Saudade porque as estrelas están no alto e a miña miudeza aquí abaixo agardándoa con lúa chea. Saudade porque o mar é un sempre sen nunca e eu tan só o aínda non, a busca do camiño que me conduza a ela. Saudade mentres arden os pés da espera no rebumbio das horas de hedra que rin e padecen de desexo. Saudade porque pode faltarme o ar, e a terra e o tempo de mañá, se me nega o si bravo dos beixos. Saudade se a dúbida xa non me impide pórlle letra á canción que vive tremendo nos cumios da dozura. Saudade porque debullei a margarida; que promulgou: «As vosas son vidas que tecerá a luz da tenrura». Saudade porque para sempre a quero no amencer que abre as portas do ceo. Saudade, amor, porque te espero.
18
A DEUSA DA VERDADE Moments in never… ROBERT GRAVES
As chorimas dos toxos, no amencer do Xallas, dinlle ó río: «Cantas». As areas da praia, en Ézaro ás doce, dinlle ó mar: «Reloces». As ondas do Atlántico, cando chega a tarde, dinlle ó aire: «Ardes». O ceo dos araos, cando o día se deita, dille ó sol: «Espreitas». E o sol ha dicirme: «Espreito. Pero menos ca ti mentres a invocas perdido polo ceo». E o aire ha dicirme: «Ardo menos ca o nome sobre o que ti flotas polas ondas da noite». E o mar ha dicirme: «Reluzo menos ca ela no reloxo de area que mide a espera». E o río ha dicirme: «Canto menos ca ti soñándoa á beira das chorimas do si». Eu direilles daquela: «Mar e sol e río e aire… ela é unha deusa». A única verdade: «¡O amor desa deusa será o que me salve!».
19
SEIS CANTARES GALLEGOS 1 ] ALALÁ DA RÍA O convite de casaren as areíñas coas ondas, remexendo azul e branco en apertas bulidoras. O fervor dos arroaces que andan tece que tece nos chimpos das súas danzas: as alegrías do abrente. Alto voar dos mascatos trazando no aire da tarde as letras que queren ler os corazóns, cando arden. Lendo no libro da ría ningún dos fillos de Eva deixa de sentirse anxo. Habitante das estrelas.
20
2 ] ALALÁ DO NORDÉS Fixo caer das maceiras neve de pétalos brancos, vestindo a horta de templo para os mellores pecados. Trouxo os recendos do norte no seu mandil invisible: sementes que logo espalla nos eidos do ceo triste. Coou milleiros de pasos entre os tesouros que o tempo garda nas furnas da costa… onde quixemos querernos. E foise subitamente, manso coma as bolboretas. E só deixou como rastro a sombra do aire na herba.
21