En continua evolución G - Santiago Ginnobili / Guido Ferro

Page 1

Vouche contar unha historia. Pero non unha historia calquera. Vouche contar a historia máis marabillosa. A de toda a vida.

A túa, a miña, a nosa. Vexo na túa ollada que es unha persoa curiosa. As persoas curiosas fanse moitas preguntas e ás veces non lles chega coas respostas que encontran nos libros, que lles dan na escola, que lles ofrece a súa familia… Daquela, buscan respostas mellores e novas.

Ás veces as persoas curiosas formulan preguntas que nunca ninguén formulara antes. Preguntas cuxas respostas non están en ningures. Daquela, hai que buscalas. Hai que pórse a traballar, hai que viaxar, observar, apañar, saborear, tocar, cavar, gabear…

Hai algún animal na túa casa? Cantos dedos ten? A mesma cantidade ca ti? Por que tes cinco dedos en cada man? Poderías ter oito? Sería xenial para tocar o piano! Por que non temos tentáculos como o polbo? Por que non podemos voar ou respirar baixo a auga? Por que somos como somos?

Vouche dar respostas a varias destas preguntas. Non sei se son as definitivas, pero son as que temos por agora. As respostas máis fermosas e interesantes.

Hai tempo houbo un neno que tiña unha ollada como a túa. Chamábase Charles, Charles Darwin. Nada lle gustaba máis que os animais e as plantas; pasaba o día detrás de todo o que estivese vivo. E, coma ti, sempre preguntaba.

Foi medrando e estudou, aprendeu, coñeceu persoas tan curiosas coma el, de quen escoitou historias marabillosas que lle axudaron a pensar mellor. Pero nunca quedaba satisfeito. Que fixo entón? Viaxou, observou, apañou, saboreou, tocou, cavou, gabeou… Subiu a un barco que deu unha volta ao redor do mundo. Pasou anos nese barco, mareado, en mares perigosos, en terras perigosas.

Anos despois, cando xa tiña unha morea de fillas e fillos, Darwin seguía a pensar naquela viaxe, seguía a facer experimentos e observacións, pero, agora, dende a comodidade da súa bonita casa.

Pasáronlle cousas boas… e cousas malas. Como a ti, como a todas as persoas. Pero nunca deixou de investigar, de preguntar e preguntarse, e fíxoo sempre con gran valentía. Ocorréronselle novas respostas que nos axudan a entender mellor quen somos e de onde vimos. E mostrounos que o mundo é máis complexo, fermoso e interesante do que se cría.

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.
En continua evolución G - Santiago Ginnobili / Guido Ferro by kalandraka.com - Issuu