Skip to main content

Edadrebil 7 contos e 1 espello G - Miquel Obiols / Miguel Calatayud

Page 1

O meu can que lle ladraba á lúa O meu can branco, pequeno, de pel fina e case sen pelame, era, máis ou menos, o peor can que nunca existiu. Pero eu queríao, aínda que coas súas manías me daba moitas dores de cabeza. Por exemplo, cando comezaba a anoitecer desexaba que o pechase no balcón do meu cuarto. Primeiro abaleaba o rabo coma unha hélice, despois lambíame as pantuflas e, a continuación, arrincaba a correr polo piso coma un tolo, ata acabar subindo polas paredes. Que manía tan tola esta de querer pasar a noite pechado nun balcón. Pero, cando se poñía tan pesado, que podía facer eu? No verán, fóra estaba ben pechado. E na primavera e no outono, tamén; pero no inverno, que queredes, dábame mágoa deixalo alí. Eu sufría. Pasar toda a noite á intemperie non lle pode facer ben a ninguén, tanto se é can coma se non. Por iso un día probei a pechalo nunha gaiola dentro do piso. Ogallá non o fixese! Porque aquela mesma noite espertoume un terríbel estrondo: aos pés da miña cama estaba a gaiola esnaquizada. Sen saber moi ben como, cun chimpo, o meu can arrebatárame as sabas e o edredón, e coas patas furgábame

11


nas orellas, no nariz e na papada. Coa lingua empapábame a cara e salivábame os cabelos. O meu pixama quedou feito un farrapo, e eu, nu, espido coma un sapo, recibía por todas as partes lambidas e mordeduras. Custoume moito dominalo despois de batallar un tempo a base de carreiras, rañadas e patadas. Só cando todo o cuarto xa era unha nube de plumas do colchón e da almofada o puiden reducir. E volvín pechalo no balcón. Outra das súas obsesións era lamber todo o que se lle poñía diante dos fociños. Non sei que pracer atopaba lambendo mobles, paredes, roupa, persoas, animais ou vexetais. O caso é que o facía con voracidade. Este costume tan bestial fixo que a súa lingua medrase de forma esaxerada, e por iso sempre ía con ela pendurada da boca aberta. Claro que todo isto non eran razóns suficientes para afirmar que o meu can era o peor can que nunca existiu. Pero se vos digo que non sabía ladrar e explícovos o que descubrín polas noites, cando o pechaba no balcón, é posible que me entendades. O meu can pasaba as noites erguendo a cabeza, rosmando rabioso, cun palmo de lingua fóra. Semellaba coma se quixese falar con alguén, aínda que xa sabedes que os cans non falan, só ladran. Pero é que o meu can, como xa vos contei, tampouco sabía ladrar. E agora non pensedes que este defecto (porque iso de non saber ladrar sempre é un defecto para un can)

12


o avergoñaba e por iso quería pasar as noites pechado no balcón. Non. O meu can non tiña escrúpulos. O motivo polo que pasaba as noites fóra, erguendo a cabeza coma unha xirafa de pescozo curto, era a lúa. Si, a súa obsesión era a lúa. A ver como volo explico. Ao principio non me decatei. Era difícil adiviñar que o meu can estaba namorado da lúa. Pero a cousa resultou clara cando me dei conta de que el e a desvergoñada lúa pasaban as noites xuntos, cara a cara, admirándose; el dende o balcón e ela dende aquela lousa inmensa furada de pequenas faíscas. E eu sufrindo coma un panoco por se o meu can collía frío. Pillabán de can! A verdade é que a cousa non me facía nada de graza. O meu can encaprichado desa lúa… Parvo! Pero que se lle vai facer, ás veces temos que aceptar as cousas tal como veñen. E eu aceptábao. Pero é que os problemas comezaron a partir de entón. O meu can quería ladrar coma un can normal. E esta era a razón dos tiróns que facía co pescozo, por se así saía algún ladrido. E por iso andaba triste e nervioso dende había días. Pero por que o meu can se empeñaba en ladrar se non sabía ou non podía facelo? Sería a descarada da lúa a que llo esixía? Non o sei. O certo era que o meu pobre can se consumía noite tras noite. Dende aquela, pasei en branco moitas noites vixiando o meu can. Pero non se escoitaba ladrido ningún. Só algún

14


berro ou algunha tose coma de enfermo que acababa por afogalo. Que desgraza, pobre can, e que penuria velo así, coa lingua fóra, impotente e case que vencido. Crédeme se vos digo que cheguei a odiar a lúa. Se a tivese diante, non sei que lle faría. Debe de doer moito querer demostrar que es un can e non poder facelo. Todos os cans, non nos confundamos, teñen o seu amor propio. Tratei a situación moi seriamente. Tiña a obriga de axudar o meu can. Tiña que ensinarlle a ladrar. A partir daquel día eu e o meu can pasabamos as noites no balcón. Eu a catro patas ladrando coma un can e el facendo esforzos de can para imitarme. Pero as miñas leccións non daban resultado. Eu esforzábame ata quedar rouco, pero non había forma de que lle saíse nada que se parecese a un ladrido. Nin un triste ouveo, nada. Ía todo o día con pastillas de menta e eucalipto para que a gorxa non se me estragase. Aproveitaba calquera ocasión, xa fose no traballo, pola rúa ou no autobús, para ensaiar ladridos de can. Todo o mundo me miraba mal, pero era porque non coñecían o problema do meu can. Se o soubesen, virían ladrar comigo no balcón da miña casa. Obsesionábanme os cans que ladraban, que eran case todos. Estudábaos con atención e sentábame preto deles por se podía adiviñar os mecanismos guturais que orixinaban os ladridos. Adestrábame diante deles para ver se me aceptaban e mesmo cheguei a levantar algunha vez a perna a

15


carón dunha árbore. E parecía que funcionaba, eu pasaba tranquilamente por un can, mentres que o meu can non era quen e comezaba a desesperar. Pero, cando miraba a tola da lúa, volvíase a animar. Despois de tantas noites xa collera todos os arrefriados do mundo e, de non durmir e forzar a gorxa, enfraquecera dez quilos. Pero nunha destas, na que a lúa, coqueta e redonda, refulxía máis ca nunca, o meu can lanzou o primeiro ladrido. Ou pode que fose medio ouveo. Pero, fose o que fose, eu estaba seguro de que cunhas leccións máis o meu cadeliño chegaría a ladrar. E así foi. Despois daquel ouveo chegaron outros máis enérxicos e tamén algún ladrido. O meu can estaba tolo de alegría e a lúa engordaba cada vez máis. Chegou entón a noite que tanto desexabamos. Os ladridos xa lle saían coma se nada, cada vez máis vivos e fortes. Ladraba co rabo teso e dando chimpos. Os dous faciamos tanto barullo que semellabamos unha manda. A lúa, tola e redonda, ía engordando máis e máis. Sentíame satisfeito do meu alumno e o meu can estaba moi agradecido. Tanto que tiña que bañarme cada cinco minutos porque non deixaba de lamberme. Vaia noite! Ao día seguinte, a xente facía toda clase de comentarios: –Non os sentiches esta noite? Uns ladridos monstruosos resoaban por toda a cidade… coma se nos invadise unha manda desenfreada…

16


–Que medo pasei! De tanta luz que había non fun quen de pegar ollo. –Pois eu non vin nada nin sentín ningún ruído porque teño o sono moi profundo, pero dixéronme que unha lúa xigante trababa o ceo… Seguro que esaxeraban, como adoita facer a xente cando pasan cousas importantes. Pero si que era certo que a lúa se fixera tan grande que ocupaba máis da metade do negro ceo. Se isto pasou a primeira noite, na que o meu can era xa un can de verdade, que pasaría a noite que aínda estaba por chegar? Comecei a preocuparme e a temer que nos descubrisen. Non podía perder o tempo, tiña que poñerlle solución. Así que me puxen a buscar escaleiras, moitas escaleiras. Comprei todas as que puiden e fabriquei outras eu mesmo, coas madeiras que atopaba polos descampados. Cando conseguín todas as que necesitaba, comecei a unilas: cravándoas, atándoas, encaixándoas e empalmándoas. Xa o imaxinaredes: para chegar ao ceo tiña que confeccionar unha longuísima escaleira de infinidade de quilómetros. E fun quen de conseguilo. Entón, pasou o que pasou. Aquela mesma noite o meu can ladrou como xamais un can normal ladrara. E a lúa, aquela tola, fíxose tan grande que todo o ceo era coma unha inmensa mancha de leite. Era un ceo-lúa.

17


O brillo era tan forte que me cegaba, case non podía mirar. Vin o meu can, por última vez, subindo os primeiros chanzos da escaleira, cunha lingua de catro palmos. Xa non volvín velo nunca máis, porque non podía resistir aquela luz que me cegaba, pero durante uns segundos aínda puiden sentir as súas lambeduras quentes. Eran lambedelas de agradecemento. Despois, máis nada. A imaxe do meu can que lle ladraba á lúa e o resaibo de saliva canina acompáñanme sempre que penso no meu can branco, pequeno, de pel fina e case sen pelame; o peor can que nunca existiu.

19


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Edadrebil 7 contos e 1 espello G - Miquel Obiols / Miguel Calatayud by kalandraka.com - Issuu