Skip to main content

Despois do diario de Anne Frank G - Bas von Benda-Beckmann

Page 1

1 AS PESCUDAS SOBRE AS PERSOAS AGOCHADAS NA CASA DE ATRÁS

«Preguntoume vostede se lle podería dar máis pormenores»

Só se pode falar no nome dos mortos dándolles a palabra ás testemuñas directas. Arnon Grunberg (4 de maio, Día da Conmemoración. Discurso de 2020)

Onde se interrompe o diario de Anne O 4 de agosto de 1944 a Sicherheitspolizei (Policía de Seguridade alemá) irrompeu no edificio da empresa Opekta, no Prinsengracht 263 de Ámsterdam. Nel, os axentes encontraron oito persoas de orixe xudía que permanecían agochadas na parte traseira do inmoble desde xullo de 1942. Entre esas persoas estaba unha rapaza de quince anos: Anne Frank. Desde que fixo os trece anos foi anotando polo miúdo todo o que acontecía na súa vida nun diario, documento que se converteu nun dos libros máis célebres do mundo. A través dese libro, que se traduciu a máis de setenta linguas e se levou á pantalla en varias ocasións, a historia desas oito persoas converteuse nun dos relatos privados máis famosos da Segunda Guerra Mundial. O mundo coñeceu, vistas polos ollos de Anne Frank, as oito persoas que se ocultaron durante dous anos nun edificio do Prinsengracht, descritas

11


de xeito íntimo a través das vivencias dunha púbere en pleno proceso de maduración. Este libro trata desas oito persoas: Otto, Edith, Margot e Anne Frank, Hermann, Auguste e Peter van Pels, e Fritz Pfeffer. Todos eran xudeus que fuxiron da Alemaña nazi durante os anos trinta para reconstruíren a vida nos Países Baixos. Esas oito persoas agocháronse xuntas durante o verán e o outono de 1942 para tratar de sobrevivir á persecución dos xudeus por parte dos nazis.

Fachada principal das oficinas no Prinsengracht, 263 (centro) cara a 1947.

12


Este libro continúa onde se interrompe o diario de Anne. Investiga a fondo, dentro do posible, o que lles aconteceu ás oito persoas escondidas despois de que as detivesen e trasladasen a diversos campos de concentración e de exterminio, onde sete delas morrerían. Con todo, por moi famosos que sexan Anne Frank e os seus sete compañeiros, esta obra non pode senón comezar por unha presentación dos oito personaxes principais. Se queremos entender ben a súa vida nos campos de concentración, é importante volver a vista atrás para coñecermos os antecedentes da súa detención. Quen eran, en que circunstancias fuxiron da Alemaña nazi e como foron parar á Casa de atrás en 1942?

Edith, Anne, Margot e Otto Frank Primeiro está a familia Frank. O pai, Otto, era un home de negocios, nado no seo dunha próspera familia de banqueiros de Frankfurt. Creceu nun ambiente liberal xudeu e loitou na Primeira Guerra Mundial como oficial do Exército alemán. Otto Frank casou en 1925 con Edith Holländer. A voda celebrouse en Aquisgrán, cidade en que ela residía. Edith tamén procedía dun ambiente liberal xudeu, pero era notablemente máis relixiosa ca o seu home e tíñalles máis apego ás tradicións xudías. Logo de casaren, Otto e Edith instaláronse en Frankfurt, onde tiveron dúas fillas. En 1926 naceulles Margot, á que seguiu Anne en 1929. En Frankfurt a familia era consciente da ameaza que representaba o ascenso do movemento nazi. Tras un período

13


de temor e inseguridade crecentes, a familia tomou por fin a decisión de marchar aos Países Baixos. Despois da guerra, Otto Frank lembraba como o clima de ameaza constante nos primeiros anos trinta os levou a el e a Edith a sopesar cada vez con máis frecuencia a posibilidade de emigrar: Acórdame que en 1932 xa desfilaban grupos da sección de asalto que cantaban: «Cando o sangue do xudeu pinga do coitelo…». Iso víao ás claras todo o mundo. Entón falei coa muller: «Como podemos fuxir disto?». Ao final está a pregunta de sempre: como vas gañar a vida se marchas e deixas practicamente todo atrás?

Otto Frank e Edith Frank-Holländer no día do seu casamento cos convidados, 12 de maio de 1925. Otto facía ese día 36 anos.

14


A toma do poder en xaneiro de 1933 por parte de Adolf Hitler e o seu Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán (nsdap) foi o motivo polo que a familia Frank acabou por abandonar Alemaña. Na vila onde residían, Frankfurt, percibiuse decontado a influencia do novo réxime. Apenas Hitler asumiu o cargo de chanceler do Reich, os nazis deixáronlles ben claro aos xudeus da cidade que alí xa non había sitio para eles. En marzo os nazis anunciaron un boicot nacional, que se levou a cabo en todo o país o primeiro de abril, mentres as actuacións para aterrorizar os xudeus adoptaban formas a cada paso máis violentas. Tendas, empresas e médicos xudeus resultaron vítimas do boicot en toda Alemaña. As repercusións foron enormes, tamén na comunidade dos aproximadamente trinta e un mil xudeus de Frankfurt, que representaban un seis por cento da poboación. O 13 de marzo de 1933, unha sección de asalto (sa) –o batallón armado paramilitar dos nacionalsocialistas– irrompeu na casa do concello, izou a bandeira coa cruz gammada e substituíu o alcalde liberal Ludwig Landmann polo xuíz nacionalsocialista Friedrich Krebs. Esa mesma mañá, a sa bloqueou o acceso a tendas e almacéns propiedade de xudeus en varios lugares, amedrentando os dependentes e a clientela. A ameaza medrou nos días posteriores, e o 1 de abril de 1933 produciuse o boicot nacional ás empresas propiedade de xudeus, imposto moitas veces con violencia e a miúdo recorrendo á intimidación. Xa durante unha gran manifestación do nsdap o 21 de marzo, o novo comisario xefe da policía de Frankfurt pretendeu facerlles crer en ton ameazante aos xudeus que residían na cidade que o boicot

15


Edith Frank, maio de 1935.

Otto Frank, maio de 1936.

Margot e Anne en Aquisgrán, outubro de 1933.

ás empresas xudías era especialmente necesario en Frankfurt: «Frankfurt ten que ser alemán. Vós, os xudeus, non vos poñades a tremelicar. Imos ficar dentro da legalidade. Tan dentro da legalidade que vos ides sentir mal a gusto con tanta legalidade». Este tipo de ameazas mal disimuladas foron as que convenceron de vez a Otto e Edith Frank de que en Alemaña

16


Os nazis penduran a bandeira coa cruz gammada na casa do concello de Frankfurt am Main, 13 de marzo de 1933.

non tiñan futuro ningún. Os problemas económicos tamén influíron na decisión. O negocio bancario da familia de Otto Frank, igual ca os outros comercios seus, sufría un retroceso drástico. Na primavera de 1933, a familia decidiu marchar

17


Publicidade de Opekta.

para os Países Baixos, onde Otto Frank pensaba crear unha filial da empresa Opekta coa axuda do seu cuñado Erich Elias. Opekta vendía pectina, un xelificante para facer marmeladas caseiras. Otto partiu a mediados de agosto de 1933 para Ámsterdam coa idea de pór en marcha a nova empresa e preparar o traslado da muller e das fillas, que entre tanto pararon varios meses en Aquisgrán, na casa da nai de Edith. En decembro dese mesmo ano a familia ocupou unha ampla vivenda unifamiliar na Merwedeplein, no novo barrio de Rivieren en Ámsterdam. Ao principio Otto Frank alugou para a súa empresa unha serie de locais no edificio Candida da Nieuwezijds Voorburgwal, e desde 1934, no Singel. En 1938 mercoulle a firma Pectacon, un negocio de especias e outros ingredientes para conservas, ao seu fundador, Johannes Kleiman, que seguiu sendo un dos colaboradores máis estreitos de Frank. En decembro de 1940 Frank instalou estas empresas no Prinsengracht 263, un edificio do século

18


Postal dos anos trinta da Merwedeplein en Ámsterdam. A familia Frank vivía no número 37.

A familia Frank na Merwedeplein, maio de 1941. É a derradeira foto coñecida da familia ao completo.


de dúas fachadas, con oficinas e almacéns dabondo para ambas. Alí contaba ademais cun muíño para especias. A familia Frank refixo a vida en Ámsterdam. As raparigas ían á escola, á que se adaptaron sen problema e onde aprenderon axiña o idioma, ao tempo que o matrimonio creaba un novo círculo de amigos e coñecidos. Unha parte considerable deste formábana xudeus do barrio, fuxidos de Alemaña, mais tamén había veciños, socios e compañeiros neerlandeses da empresa de Otto Frank, Opekta-Pectacon. Os máis íntimos eran Victor Kugler e Johannes Kleiman, compañeiros de Otto, e mais as secretarias Miep Santrouschitz –que máis adiante casou con Jan Gies– e Bep Voskuijl e Johannes, o pai dela. Foron todos estes os que entre o verán de 1942 e agosto de 1944 se encargaron de acorrer as oito persoas escondidas. Facíanlles compaña e levábanlles comida, roupa nova e noticias do mundo exterior ao agocho incomunicado onde se recluíran a familia Frank e os outros clandestinos. Desde a súa chegada aos Países Baixos en 1933, a familia Frank seguiu moi de preto o que acontecía en Alemaña. Chegábanlles as novas a través de parentes e amigos sobre a crecente violencia e a persecución cada vez máis encarnizada á que eran sometidos os xudeus no seu país de orixe. Tamén tiveron ocasión de velo cos propios ollos. Otto e Judith viaxaron con regularidade a Alemaña para visitar parentes ata 1938, o ano en que a violencia antisemita recruou de maneira radical. Anne e Margot ían todos os anos a Aquisgrán cas da avoa, adoito polas festas do Nadal. Mesmo nesta cidade eminentemente católica, a carón da fronteira cos Países Baixos, o nsdap exercía daquela unha influencia visible na vida cotiá

xvii

20


Otto e as persoas que o axudaron, outubro de 1945. Da esquerda á dereita: Miep Gies, Johannes Kleiman, Otto Frank, Victor Kugler e Bep Voskuijl.

Johannes Voskuijl, decembro de 1940.

Jan Gies, principios dos anos corenta.

21


Edith co seu irmán Walter, anos vinte.


da pequena comunidade xudía. A nai de Edith, Rosa, e os seus dous irmáns, Walter e Julius, que dirixían xuntos unha próspera empresa de reciclaxe de metal, tiñan que facerlle fronte decontino ao novo réxime. A Gestapo detivo en xuño de 1933 o avogado Karl Löwenstein, un bo amigo de Julius, o irmán máis vello de Edith. Ademais de letrado, Löwenstein era presidente do equipo directivo da sinagoga, ao que Julius tamén pertencía. En xuño de 1933, Löwenstein pasou xunto co seu irmán, sen ningún motivo, varias semanas en prisión preventiva. A empresa de Walter e de Julius Holländer tamén entrou nunha crise económica cada vez maior por causa do anuncio das medidas antisemitas. Así mesmo, a Walter, Julius e á súa nai, Rosa Holländer-Stern –todos eles asistentes asiduos aos rezos do shabat na Sinagoga Nova de Aquisgrán–, complicábanselles cada vez máis as visitas á sinagoga. Os homes da sa adoitaban chantarse diante do templo aos venres e aos sábados para entorpecer a entrada. Os xudeus eran expulsados

Rosa Holländer-Stern, a nai de Edith, finais dos anos trinta.

23


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Despois do diario de Anne Frank G - Bas von Benda-Beckmann by kalandraka.com - Issuu