Skip to main content

Crater G - Olga Novo

Page 1

Sucumbirá o poder ao peso da levidade


SIMCA 1200 AZUL CELESTE Para Olga, mai Para os veciños da Casa de Maripepa, que conservan o coche no que nacín

O meu xenoma é unha rede de estradas secundarias que incomunican a montaña ao val. O día que eu nacín non había ningún gran sinal xeaba e a herba deixábase rumiar no estómago do frío. Todo durmía o seu ser tranquilo. Algún astro morría tres mil anos antes pero a ti nin sequera che doeu o ventre para dar unha luz en movemento naquel auto humilde do veciño fugaz coma unha estrela a trinta quilómetros por hora máis fermoso ca a Vitoria de Samotracia. Non che doeu nada á mañá mentres vías ferver a mente entre as fabas do caldo.

17


Non che doeu nada á tarde mentres premías toxos enriba dun carro. Nin á noitada non che doeu nada tan só sentiches que che apreixaba o ventre unha premonición era un día coma outro era un día coma outro. Pariches coa humildade dun acto de vangarda con todo o amor contido na revolución do motor e as rodas do destino. O osíxeno que me faltou ao nacer brilla entre as flores de pataca tan delicado coma o meu sangue novo e o tendido eléctrico dos teus ollos mai a min contáranme que nacera a carón do muíño de Ríos


na curva da estrada baixo a ponte do tren ao final do tempo pero non era certo a min dixéranme que me ataran o cordón umbilical co cordón dun zapato enterrado no barro e que unha alma coxa me collera nos brazos mentres o volante xiraba cara ao principio do amor. Pero nada diso foi certo. Eu nacín de ti nun SIMCA 1200 de cor azul celeste unha noitada de inverno da forma máis sinxela enriba dunha toalla pobre case sen che facer dano pequena e silenciosa coma o brote dunha pereira apenas sen ser notada.

19


A miña mente volve ás veces á contracción pura daquel momento encóllome na memoria e sinto a rosa da adrenalina abrirse acelerar o espasmo prepararme o tímpano bombearme sangue saír coma un sol da súa placenta e estar aquí aquí contigo lista para vivir á imaxe e semellanza de min mesma.

20


Deusa campesiña: Sucumbirá o poder ao peso da levidade da cinsa que vos soterra. Porque unha flor de codeso estoupará un día mostrando que sobre o esquezo medra a beleza. Que a vida se abre paso. Ábrese paso. Ábrese paso.


DANZA DA BISAVOA DESCALZA Pietá pietá a miña bisavoa pasou fame e a min o calcio da linguaxe aliméntame os ósos. Andou descalza ata os dezaseis anos co arcón do pan pechado con cadeado fascinada polo brillo dunhas letras que non entendeu nunca desde nena sen querer destapo os miolos pola noite e así sinto as túas tripas falándome coma un oráculo de súpeto o mundo entra en min coma nun transo e sei que a túa fame segue viva: non conseguiches levala contigo enterrada na tumba do teu estómago. Non descansa a miña bisavoa descalza estame tragando o abismo coma unha acuarela de Turner 22


estás ti disposta a romper o día cunha aixada na canteira onde as únicas maus de muller son as túas e desde que sei todo isto vou rabiosa e tenra polos camiños cravándome á verdade coma se fose unha agulla estou escribindo isto cos teus liviaos orfa pequena estou dando a entender a túa dolor a mordedelas sábelo ben desde o alén lavo no pozo do río Rubín as túas maus lumpemproletarias luzo a túa escoliose coma un ornamento astral deixo que a gravidade me apreixe as vértebras e mas enrosque á terra no Castro da Roda pode a túa herdanza xenética seguir carretando pedras ao meu carrelo ata que me tomben estou entrando na fase granítica

23


reverbero o meu sangue ao instante máis feliz da túa vida e co teu tecido celular fago unha saia de flores para estrear o día da nosa señora canto che gustaría... querida bisavoa: ando roendo raíces e soños sós dóeme o ventre e a lucidez faime verte na noite menstrual divina onde locen as estrelas que contabas de pequena. Non descansa a miña bisavoa descalza e agora eu que teño a idade dos metais... son a remota mente arráncome do teu rastro á razón vou a onde me leva o teu tímpano coma unha cigana errante cantando a Maldoror bótolle os cans á túa dor maldigo o trigo negro que non comiches que apodrente a raíz do poder que non che deu de comer.

24


Tantas veces sentiu a túa epiderme o pánico tantas veces fuches a romper o día cunha machada ao aire tantas veces a túa mai morta sobre as augas do río cantou para que durmises unha aria entre as troitas... ancestra miña pequena orfa. E aínda agora a lúa vella saca a túa porta do guiceiro morde a túa bisneta que fala co sílex de madrugada fago chispas coa lingua a xeada baixo os teus pés pequenos é un pensamento que crispa debería aprender a morder e que apodrente que apodrente a raíz do poder que non che deu de comer. Pasa as páxinas da miña mente esta voz invisible que acaso eras ti deixa que morda coma a boa ladroa de lume

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Crater G - Olga Novo by kalandraka.com - Issuu