O cazador desafortunado –Colle a escopeta, Giuseppe, colle a escopeta e vai cazar –díxolle aquela muller ao fillo un día pola mañá–. Mañá casa a túa irmá e quere comer polenta e lebre. Giuseppe colleu a escopeta e marchou de caza. Axiña viu unha lebre que chimpou dunha sebe e saíu correndo polo prado. Apuntou a escopeta, fixou o punto de mira e premeu o gatillo. Pero a escopeta dixo: «Pum!», así, con voz humana, e no canto de disparar a bala, botouna a rodar polo chan. Giuseppe apañouna do chan e contemplouna marabillado. Despois observou atentamente a escopeta, e parecía a mesma de sempre, só que en vez de disparar dixera «Pum!», cunha vociña alegre e animada. Giuseppe incluso mirou dentro do canón: pero como era posible que dentro se agochase alguén? O caso era que dentro do canón non había nada nin ninguén. –Pois mamá quere a lebre. E a miña irmá quere comela coa polenta... Nese momento a lebre de antes volveu pasar por diante de Giuseppe, pero desta volta traía un veo branco na cabeza e unhas flores de azar sobre o veo, e viña cos ollos abaixados camiñando a pasiños. –Ai hoxe! –dixo Giuseppe–. Tamén a lebre vai casar. Pois nada, disparareille a un faisán. Un pouco máis adiante, polo monte, efectivamente viu un faisán paseando polo carreiro, sen medo ningún, coma no primeiro día da tempada de caza, cando os faisáns aínda non saben o que é unha escopeta. Giuseppe apuntou, premeu o gatillo e a escopeta dixo «Pam!», e despois dixo «Pam! Pam!», dúas veces, como faría un cativo coa súa escopeta de xoguete. O cartucho caeu ao chan e espantou unhas formigas vermellas, que foron refuxiarse lixeiras debaixo dun piñeiro. 8
–Vaia, ho –dixo Giuseppe, que xa comezaba a enfadarse–, pois si que se vai pór contenta mamá se lle volvo co bolso baleiro. O faisán, que ao sentir aquel «pam, pam» se metera entre as xestas, volveu aparecer polo carreiro, e desta vez viña seguido polos pitiños, en fila, con moita gana de rir, e detrás de todos viña a nai toda contenta, coma se lle acabase de tocar a lotería. –Ai, mira que contenta vas ti –refungou Giuseppe–. Xa levas un tempiño casada. E agora que cazo eu? Recargou a escopeta con moito coidado e mirou arredor. Non había máis ca un merlo pousado nunha galla, e asubiáballe como dicindo: dispárame, dispárame. E Giuseppe disparou. Pero a escopeta dixo: «Bang!», coma os cativos cando len os cómics. E engadiu un ruidiño que parecía unha risiña. O merlo asubiou aínda máis ledo ca antes, como dicindo: disparaches e escoitaches, ai o chasco que levaches. –Xa sabía eu –dixo Giuseppe–. Coñécese que hoxe hai folga de escopetas. –Giuseppe, houbo boa caza? –preguntoulle a nai ao volver. –Houbo, si, mamá. Cacei tres cabreos repoludos. A ver se saben ben combinados coa polenta.
9
O edificio de xeado Unha vez, en Boloña, fixeron un edificio de xeado xusto na Praza Maior, e a rapazada viña de moi lonxe para lle dar unha chupadiña. O tellado era de nata montada, o fume das chemineas era de algodón de azucre, as chemineas eran de froita confeitada. Todo o resto era de xeado: as portas de xeado, as paredes de xeado, os mobles de xeado. Un rapaz pequerrecho agarrouse a unha mesa e lambeulle as patas unha a unha, ata que a mesa lle caeu enriba con todos os pratos, e os pratos eran de xeado de chocolate, o máis rico que hai. Un garda municipal, nun momento dado, decatouse de que había unha fiestra que se derretía. Os cristais eran de xeado de amorodo e ían desfacéndose en pequenos ríos de cor rosa. –Rápido –berrou o garda–, aínda máis rápido! E veña a lamber todos máis rápido para non deixaren marchar nin unha soa pinga daquela obra de arte. –Unha butaca! –imploraba unha velliña que non se daba metido entre a multitude–. Unha butaca para unha coitada vella. Quen ma trae? Con brazos, se pode ser. Un xeneroso bombeiro foi correndo buscarlle unha butaca de xeado de crema e pistacho, e a coitada velliña, moi contenta ela, púxose a lamber nela xusto polos brazos. Aquel foi un gran día e, por orde dos médicos, ninguén tivo dor de barriga. Aínda hoxe, cando os rapaces piden máis xeado, os pais suspiran: –Si, ho, ti querías un edificio enteiro, coma aquel de Boloña.
12
O paseo dun despistado –Mamá, vou dar un paseo. –Pois vai, Giovanni, pero anda con ollo cando atraveses a rúa. –Si, mamá. Adeus, mamá. –Mira que sempre andas moi despistado. –Si, mamá. Adeus, mamá. Giovanni sae alegremente e durante o primeiro treito do camiño vai ben atento. De cando en vez detense e tócase. –Sigo enteiro? Si –e ri el só. Vai tan contento por estar atento que empeza a corricar coma un paxariño, pero entón queda apampado mirando para os escaparates, os coches, as nubes, e á forza teñen que chegar os problemas. Un señor, moi amable, dálle o aviso: –Mira que es despistado, eh? Ves? Xa perdiches unha man. –Ai, pois é verdade. Que despistado son. Ponse a buscar a man, pero o que atopa é un bote baleiro. Estará baleiro de verdade? A ver. E que había dentro antes de estar baleiro? Non creo que estivese sempre baleiro desde o primeiro día... Giovanni esquécese de buscar a man, despois esquécese tamén do bote porque resulta que acaba de ver un can coxo, e para alcanzar o can coxo antes de que dobre a esquina perde todo un brazo. Mais nin sequera se dá de conta, e continúa a correr. Unha boa señora chama por el: –Giovanni, Giovanni: o brazo! Pero nada, non oe. –En fin –di a boa señora–. Levareillo á nai. E marcha para a casa da nai de Giovanni. –Señora, téñolle aquí o brazo do seu fillo. 13
–Ai, que despistado. Eu xa non sei que facerlle nin que dicirlle. –Bah, xa se sabe, os rapaces sonlle todos así. De alí a pouco chega outra señora moi boa. –Señora, encontrei un pé. Non será do seu Giovanni? –Pois si que é, recoñézoo polo buraco que ten o zapato. Ai, que fillo máis despistado me tocou. Xa non sei que facerlle nin que dicirlle. –Bah, xa se sabe, os rapaces sonlle todos así. Pouco despois chega unha velliña, e despois o aprendiz da panadería, e logo un tranviario, e mesmo unha mestra xubilada, e todos van traendo anacos de Giovanni: unha perna, unha orella, o nariz. –Pero haberá algún rapaz máis despistado ca o meu fillo? –Bah, señora, os rapaces sonlle todos así. Por fin chega Giovanni, chimpando á perna coxa, sen orellas nin brazos, pero tan ledo coma sempre, ledo coma un paxariño, e a nai, dando á cabeza, arránxalle todas as pezas e dálle un bico. –Mamá, non falta nada? Porteime ben? –Si, Giovanni, portácheste ben.