Skip to main content

Contos para meninos que dormen deseguido

Page 1

Contos para nenos que dormen deseguida

Pinto & Chinto


O pirata Moitabarba

O barco pirata do pirata Moitabarba afundiuse no medio do océano. O pirata Moitabarba estivo tres horas na auga e, cando cría que ía afogar, viu terra ao lonxe. Nadou, nadou, nadou, e chegou ata un illote. O illote era tan pequeno que só cabía unha persoa. Naquel illote diminuto non había nada de nada. Era unha simple rocha rodeada de océano. Pasaban os días e o pirata Moitabarba tiña moita fame e moita sede, posto que naquel illote diminuto non había nada de nada. Pasaron aínda máis días e o pirata tiña aínda máis fame e máis sede. Sentou, abatido, e entón foi cando viu a poliña que brotara na súa pata de pau. Recordou que a pata de pau lla fixera un carpinteiro con madeira de maceira verde. Por iso brotou a poliña na pata de pau. Co tempo, brotou outra poliña. E logo outra. E outra. E chegou un día en que a pata de pau se encheu de mazás, e o pirata Moitabarba saciou a súa fame. Eran unhas mazás moi zumentas, e saciou a súa sede. Cando a súa pata de pau se converteu nunha maceira grande, o pirata Moitabarba cortouna e construíu con ela un barco. E así foi como á fin puido fuxir daquel illote diminuto no medio do océano. 9


O pozo dos desexos

Ata o pozo dos desexos achegouse un home que desexaba ser rico. Antes de ceibar a moeda dentro, asomouse para ver se no máis fondo era como un pozo normal, coa súa auga e todo. Pero alí dentro aparecía moi escuro, así que se asomou máis. Asomouse tanto que perdeu o equilibrio e precipitouse ao fondo do pozo. No fondo do pozo dos desexos non había auga, senón todas as moedas que antes que el ceibaran miles de homes, mulleres e nenos para formular o seu desexo. Agora ese home cumprira o seu desexo de ser rico. Pero deseguida se decatou de que alí non había nada que comprar, co que toda aquela fortuna lle resultaba inútil. Así que ceibou a súa moeda de riba das demais e desexou con todas as súas forzas que alguén o sacase do pozo.

11


Este libro de contos para antes de durmir é un libro de contos curtos. Os contos para antes de durmir han de ser curtos, e non como aquel conto tan longo que, cando o acababas de contar, xa era hora de que o neno fose ao colexio. Ou aquel conto longo co que os nenos quedaban durmidos pola metade, e logo tiñan que soñar o final. Aínda que o conto máis longo que nós coñecemos é tan longo que cando o acabas de contar o neno xa é adulto. Así que o mellor para contar aos nenos e ás nenas cando se deitan é un conto breve.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Contos para meninos que dormen deseguido by kalandraka.com - Issuu