Skip to main content

Clave de bóveda G - Manuel Álvarez torneiro

Page 1

FOI A MEMORIA COMO UNHA LUZ En novembro de 2016, con motivo do meu aniversario, Manuel Álvarez Torneiro fíxome chegar un libro inédito, Clave de bóveda. Non era a primeira vez que obraba así e, de feito, adoitaba agasallarme cos seus poemarios antes de dalos ao prelo. Conservo como unha alfaia estes orixinais: os volumes manuscritos na súa elegante caligrafía, iluminados con pequenos debuxos e mesmo con algunha colaxe; obras plásticas onde o gran escritor se nos revela tamén como un consumado artista aínda que el, na súa proverbial humildade, se negase a darlles outro valor que o de seren sinxelas mostras de cariño destinadas ás persoas do seu entorno máis íntimo. Na tarxeta –tamén artesanal– que acompaña o volume, o amigo entrañable congratúlase da data conmemorativa e desexa parabéns mentres que o poeta confía nas miñas mans

7


os cincuenta e un textos que forman Clave de bóveda –finalizados un mes antes– pedíndome, como tiña por costume, que lle revise a puntuación, corrixa as grallas e sinale os castelanismos. Por diferentes azares, tanto de saúde como vitais, tras dunha primeira cala nos textos, a tarefa de fixar a versión definitiva tería que ser postergada e acabou converténdose nun proxecto pendente ao que volvermos tan pronto nolo permitisen as circunstancias. A última vez que nos vimos, apenas catro semanas antes de el finar, acordamos poñerlle o ramo ao traballo comezado tanto tempo atrás. Por desgraza, xa non houbo oportunidade de facelo xuntos e o labor de concluír a edición recae agora en exclusiva sobre min. Durante toda a súa vida, Manolo fixo da amizade unha arte practicada con tal virtuosismo e entrega que acabou converténdose no epicentro do seu mundo. Dábase aos demais dunha forma xenerosa e completa pero á vez espontánea e delicada; sempre fiel á premisa de tender a man cando era máis necesario, neses lances nos que, como di nun verso seu, «a vida pon a proba corazón e raíces». Por iso o seu pasamento, para alén de privarnos dun poeta maxistral, déixanos orfos dunha persoa atenta e agarimosa como poucas.

8


Uns días despois de despedilo, volvín ao manuscrito de Clave de bóveda con idea de rematar o traballo xa comezado e buscando tamén enganar a tristura co bálsamo das súas palabras. De certo, todos os versos que escribiu posúen, de seu, unha elegancia e unha pureza absolutamente prístinas e por iso logran espertar a emoción máis núa. É así que nos seus poemas vai inscrito o arreguizo que nos provoca mirar de fronte ese tempo arcano que chamamos vida: o intervalo pendular entre o segundo inaugural (datado para el o 7 de xullo de 1932) e a luz derradeira (fenecendo na tarde chuviosa e gris do 8 de outubro de 2019). Manolo exercía o oficio de poeta con rigor e xenerosidade. É rigoroso no seu esforzo por utilizar unha linguaxe precisa e sublime a través da que demostra posuír o don da mirada, esa facultade tan atípica que lle permitía percibir en todas as cousas (mesmo nas máis nimias ou cotiás) o seu carácter excepcional xa que el, en palabras de Jan Jacob Slauerhoff, «soubo sempre atopar algo / que consagrase a gris existencia até o puro milagre», don que só posúen os privilexiados. E aí radica tamén a súa xenerosidade. Nese agasallo de valor incalculable que nos lega baixo a forma dun monllo de espléndidas obras que, desde aquel primeiro Memoria dun silencio (1982),

9


suscitaron o aprecio unánime dos lectores colleitando tantos e tan importantes premios entre os que destaca, polo seu carácter singular, o Nacional de Poesía concedido, por primeira vez, a un poemario na nosa lingua. Apoiándose en tres puntos de ancoraxe (memoria, beleza e tempo), Clave de bóveda pecha un arco construído con palabras que se revelan como pontón e alicerce, alimento e luz. Significa, xa que logo, unha nova cala no indescifrable, nos misterios da vida cos seus momentos de dor e de gozo cando «a lenda erguía as bóvedas dos soños / e un sol podía / ser materia de gloria nas paredes». A memoria doe, xa o dixo Seferis, cando, ao xeito dun lazarillo, nos orienta cara aos anos da infancia perdida, a unha posguerra miserenta e sen esperanza, ao escurantismo de certas épocas con tanto frío no corazón, ao pan e á súa fame, ao medo... que habían ser evocados por Manolo nos seus poemas dunha forma recorrente. Con todo, tamén se lle outorga un lugar fulcral a aquilo que salvagarda o eu como o contacto sanador coa natureza; a poesía, tan necesaria; a música, vibrando desde a entraña e, sobre todo, a figura da nai onde, como nunha casa humilde e acolledora, radica o amor que sempre salva. De aí que haxa neste libro un eco de violíns, aves, hortensias, mazás e castiñeiros. De aí que a palabra poética sexa quen de negar

10


o poder devastador do tempo. De aí que, aínda desde a conmoción, se logre Amar o bo que pasa da vida ao libro: (…) o que crepita non sabemos onde. TERESA SEARA

11


Todo estaba dispuesto. Todo se ha consumido. PABLO NERUDA


VÉS DE LONXE, REGRESAS das contendas do mundo, dos pais primeiros sobre as vellas pegadas. Chegas cos teus iguais, damnificados todos, e oficias na fe coa túa pregunta nunca contestada. Alguén en guerra está cos teus adentros. Es un nó de dano e ofendes os príncipes se rondas os seus pazos. As acacias asexan de perfil, sospeitando, e ti buscas as culpas que non dás atopado. E, para colmo, debes a vida que che deron, a tarde apenada no cansazo, as escalas dos himnos, a rosa imaxinada, as chuvias invasoras nos outeiros, certo relato gótico con ausencias amadas. Aquel sempre por fóra da parábola e sempre convocado.

15


TODO É CERTO NESTA HORA: a ardente claridade, as túas mans poñendo límites, a ameixeira que nunca viu a neve, a auga extraviada ao final da tormenta e esa liña de luz na erótica das sombras. Docemente é a tarde, o pálpito do Eume; docemente, a lámpada e o cervo, as cámaras profundas do soño e da luxuria, un aceite que sempre é da piedade e as bestas de mel gratificantes. Os máis repousan inclinados á luz dos vellos memorandos, acarician as mans de sarmento e salitre pero son, como moito, os desaparecidos, o nome dunha sombra, unha mirada que non ve. Mana deles un século, unha á de memoria agrisada, pisan neve inmutable ou morren sen ruído insistindo nun nome ou preguntando pola cunca de leite.

16


O gando vai chegando aos seus cortellos: son a paz, luz de algodón vencido, os grandes inocentes en beléns de fiúncho e paxaros-folerpas como azul respirado. Dormen no fondo dunha longa noite que aínda vixía o lobo. Unha muller acende un símbolo, anexiónanos, amasa unha mañá, desriza un bucle, acicala un amor que anda descalzo. Alguén estuda as aves, a regra de tres de dous que se aman, alguén fabula e hai seres condenados baixo o orballo da misericordia. E hai peitos dese pan que mendigamos. E hai un disturbio grave en toda véspera. É negra a neve que vai quedando ás costas. E un coitelo é nupcial se ti o anulas. E as bágoas son aínda esa fertilidade que soñan as estatuas.

17


Todo é certo este día: a túa novidade xa sabida, o sen fin dos futuros. E aínda dá a luz con dor a primavera. Alguén suplica esmola para mercar setembros. Alguén disipa infancia nese xesto de entrar no gran bazar e matar a tristeza mercando algo vermello. Alguén xa non está e, aínda así, alenta ou enterra sementes, rememora o terror dos que agonizan, a pel dos meses fríos, o ferro que respira, o fluído que mana do detrito. O día de mañá é este día: o aprendido atravesando os anos, tempo adentro.

18


RECORDA COMO ERAMOS: fervor de linguas en afirmación, incomprensibles, rápidos, enérxicos como o día na fronte dos espidos. Así eramos: camisas maltratadas nunha alegría omnímoda, a posesión furiosa dos conxurados. Unha urdume de himnos acendidos na noite e o desprezo á vella monarquía de cámara e monóculo, a letra na vella casa dos inconformistas. Recorda como eramos: nacidos de María cando a creba do mundo, vento con voz nas prazas, recadeiros das ascuas incómodas dos soños, como un todo insurrecto… Os feridos na guerra que deu nome a estas rúas.

19


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Clave de bóveda G - Manuel Álvarez torneiro by kalandraka.com - Issuu