Skip to main content

Citizen - Chévere

Page 1

CITIZEN


A EXTREMA SINXELEZA DO TEATRO

Citizen non existiría sen a Sala Nasa. Foi a última creación de Chévere feita integramente na Nasa e serviu para poñer en práctica novos procesos de traballo e produción, combinando a aposta pola investigación e o desenvolvemento de múltiples recursos escénicos coa necesidade de acadar uns resultados óptimos de cara ao público. Citizen naceu de facerse moitas preguntas e acabou por ser a nosa resposta como compañía a algunhas delas: que historias nos corresponde contar a nós enriba dun escenario? Como as debemos contar? Porque a de Zara era unha historia xunto á que medramos e que acadara unha dimensión global. Era ao mesmo tempo un caso de éxito individual e a confirmación do fracaso colectivo como país. A oportunidade perfecta para enfrontarnos á complexidade do mundo en que nos tocou vivir contando unha historia coa extrema sinxeleza que nos ofrece o teatro. Un teatro fabricado á man, lento e imperfecto, de proximidade, reciclado, fiable, duradeiro, reparable, con interpretacións naturais pouco procesadas, sen artificio inútil e sen aditivos innecesarios. O resultado de todo iso é a suma de tres pezas que falan da construción dun imperio económico desde a periferia, de como utilizar o que nos ofrece a historia en beneficio propio, de como se constrúe a realidade coma se se tratase dun culebrón. Citizen é unha historia de ficción baseada nun personaxe real chamado Amancio Ortega, que ao longo dos últimos 40 anos construíu un imperio global que tivo a súa orixe neste pequeno e afastado país onde nós crecemos. Deste xeito, Citizen converteuse nunha boa desculpa para falar, ironizar e cuestionar os efectos da globalización en relación coas nosas identidades individuais e colectivas. Xron


CITIZEN O proxecto completo de Citizen componse de tres espectáculos autónomos, que se foron estreando na Sala Nasa de Santiago de Compostela ao longo da tempada 2010-2011, coma se se tratase dunha obra de teatro por episodios. Ao final, a suma dos tres supuxo un novo espectáculo de case catro horas de duración, que se estreou o 17 de marzo de 2011. En escena Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza Villar, Nekane Fernández, Iván Marcos Dramaturxia e dirección Xron Escrita Manuel Cortés Movementos escénicos Rut Balbís Arranxos sonoros e música Xacobe Martínez Antelo

Citizen foi unha creación colectiva de Chévere, sendo compañía residente na Sala Nasa. Citizen recibiu o Premio da Crítica Galicia 2011 e acadou cinco Premios María Casares en 2012 (mellor espectáculo, mellor dirección, mellor actriz protagonista, mellor actriz secundaria, mellor música orixinal).


CITIZEN 1

Maiorías silenciosas

A Coruña, 1975. Franco morreu hai unha semana. Sara, unha estudante comprometida no movemento antifranquista, foxe dos grises e entra nunha tenda que está sendo reformada para a súa apertura ao público. Alí atópase co seu dono, A. O., un empresario disposto a conquistar un imperio. Ela está exactamente onde lle corresponde estar. El non ten posición. Ela é dun lugar do que vén fuxindo. El xa esqueceu de onde vén, pero sabe exactamente onde quere chegar.


CITIZEN · CHÉVERE

O escenario é un espazo baleiro todo negro. O chan está ocupado por un debuxo xeométrico de liñas horizontais e perpendiculares que se cruzan entre si, feitas con cinta de papel branco. Entran PATRICIA e MANOLO e avanzan ata situarse en proscenio. Falan ao público. MANOLO

A historia que se vai contar aquí é imaxinaria, e calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. PATRICIA

En efecto, os nomes dos lugares e dos personaxes foron cambiados, e as accións, alteradas para que non se relacionen cos feitos reais nos que está baseada.

Entra vídeo. As imaxes que aparecen proxectadas son as do comezo do filme Citizen Kane, de Orson Welles. Non están alteradas e chegan ata o momento en que entra a enfermeira e tapa o cadáver coa saba. MANOLO

O que acabamos de ver son as secuencias iniciais dun dos filmes máis famosos da historia do cine: Citizen Kane. A película conta a historia dun empresario norteamericano 9


CITIZEN · CHÉVERE

que chegou a ser unha das persoas máis ricas e poderosas do mundo no primeiro terzo do século XX. PATRICIA

E nós queremos contar a historia dun empresario galego que se converte nunha das persoas máis ricas e poderosas do último terzo dese mesmo século. MANOLO

Pero non queremos contala empezando pola súa morte e utilizar o flashback como recurso. Decidimos liala un pouco. Pero pouco: pensamos en contala empezando pola morte doutro home galego rico e poderoso, e cara adiante. PATRICIA

E o único home galego rico e poderoso que atopamos foi Francisco Franco. MANOLO

Certo, non era un empresario, era un militar. Pero foi rico e poderoso durante case medio século. Así que empezamos a historia no momento máis interesante da vida de Franco, que é xusto cando morre. PATRICIA

Momento moi interesante porque, poderiamos dicir, nos coaron a todos un gol que paga a pena comentar. MANOLO

Un gol histórico, máis importante que o de Zarra ou Marcelino. Mesmo máis histórico e importante que os de Torres ou Iniesta. 10


CITIZEN · CHÉVERE

PATRICIA

E, ademais, foi en propia meta, un autogol, porque o que lles contaron a todos os españois daquela, a versión oficial foi esta:

Introdúcese unha casete nun reprodutor orixinal dos anos 70 e óese a inconfundible voz de Arias Navarro anunciando a morte de Franco. MANOLO

O que acabamos de oír correspóndese co momento en que a morte de Franco é comunicada oficialmente ao mundo. PATRICIA

O cal non quere dicir que se corresponda co momento real no que se produciu. MANOLO

Pero unha cousa si é certa: os mocos de Arias Navarro son sinceros, porque el era o único que non tiña nin puta idea de que Franco morrera aproximadamente un mes e medio antes. O carniceiro de Málaga, como cariñosamente era coñecido, era un tipo sensible, incapaz de controlar as súas emocións en público. PATRICIA

Un bocalán co que era mellor non correr ningún risco. Así que simplemente se lle ocultou a verdade. MANOLO

Máis ou menos, a cronoloxía dos feitos é a seguinte: o 27 de setembro de 1975 son executados os últimos cinco conde11


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Citizen - Chévere by kalandraka.com - Issuu