Chámome Charlotte. Teño seis anos, case sete. Fixen a conta e xa vivín 2427 días. Non a fixen eu soa. Seis por sete ás veces atáscaseme, así que pedinlle axuda a Colin. En troco tiven que darlle un anaco do chocolate da miña merenda. Teño que escribir moito porque axiña me chamarei Pallasa e despois Meiga e, cando teña 3285 días, quero chamarme Frigo. Cando chegue ese momento, ninguén me recoñecerá, porque estarei cambiada. Para entón, xa pasaría a varicela, o que quere dicir que xa serei maior e que xa aturei todos eses grans vermellos que tanto proen e tamén esa capa de po branco que fai que parezas un xurelo rebozado en fariña. Crezo e crezo coma as árbores do parque do lado e coma as do meu xardín. Estou segura de que para as árbores do parque non é moi doado medrar, porque hai persoas que non deixan de berrar, de atropelarse; cans que lles mexan por riba; formigón; fume; martelos picadores, e moito moito barullo. Ás veces non o aturo e tapo as orellas para non tolear. Ese ruído faime pensar nos petardos, que non
9
me gustan nadiña, e tamén nunha festa que fixemos polo meu aniversario. O meu aniversario é o día de Nadal, un tempo que adoitabamos pasar na montaña. Lembro que nesa festa todos estaban felices agás eu. Non me atrevín a dicirlles a meus pais que a festa era horrible, porque se porían tristes, pero o certo é que me doían os oídos, coma cando vai frío, e tamén tiña medo, coma cando papá e mais eu baixabamos polas pistas negras. Non me quedaba outra que agarrarme aos seus bastóns. Púxenme tan nerviosa que nin sequera respiraba. El baixou a fume de carozo e a min, coma de costume, puxéronseme os pelos de punta e non o pasei nada ben. Menos mal que o monitor lle dixo a meu pai que estaba tolo e agora estame ensinando a coller as curvas coa técnica dos champiñóns: «Á esquerda, apaño champiñóns, e, á dereita, apaño máis champiñóns». Grazas ao monitor agora non hai grandes riscos nin grandes desfeitas, e mesmo me divirto. O monitor quéreme e, cando alguén me quere, eu namoro. Di papá que o meu nome, Charlotte, é algo así coma «gatiño que miaña». É tenro, doce e fráxil, mais tamén teño gadoupas e sei empregalas moi ben, coma cando Colin me di que nacín debaixo dunha ponte, que meus pais me atoparon envolta nunha manta vella e me trouxeron para a casa para darme leite quente,
10
ou coma cando me di que son débil coma un pitiño, que o meu pelo é demasiado escuro e non coma o seu, que é dourado. Cando isto acontece, eu collo unha rabecha, rabuño, mordo e, no canto de ronronar, rosmo como rosma o meu can Bibelot. Digo ben rosmar porque non souben falar ata hai cousa dun mes. Falar falaba, iso si, mais non coma o resto da xente, así que ninguén entendía nada. Papá estaba moi preocupado e levábame a moitos psicólogos, que me mandaban facer debuxos e me preguntaban moitas cousas para intentar avaliar non sei moi ben o que. Eu non entendía nada, así que seguía collendo rabechas cando os demais non adiviñaban o que quería dicir. Isto só me supuña un problema cando tiña necesidades coma comer ou beber. O resto do tempo non precisaba da axuda de ninguén. Ás veces dábaseme por soltar todo o meu balbordo xunto sen motivo ningún, tan só polo pracer de observar os maiores facendo coma quen que entendían. A verdade é que as persoas adultas non se me dan moi ben. O único que comprendía a miña linguaxe era Colin, que facía de tradutor cando a situación se lles complicaba moito aos maiores. Agora papá está máis acougado, déixame tranquila e son a única raíña dun mundo que só me pertence a min.
11
Colin pórtase ben comigo. É moi branquiño e na cara ten unha morea de pencas. No verán ten tantas que parece unha galleta con anaquiños de chocolate. É unha broma. Quero moito a meu irmán e encántame darlle apertas. Estou namorada del, e tamén de Manel, de Paolo e de moitos máis. O de Colin e mais eu é un amor non correspondido. É unha mágoa porque, na tele, vexo namorados que se abrazan e se bican na boca e son moi felices. Eu sei que non nacín debaixo dunha ponte, pero fago que o creo para ter unha escusa e pelexar con el. Nacín porque papá e mamá se deron un bico na boca moi longo e iso fixo que a barriga de mamá medrase e despois, nun chiscar de ollo, mamá puxo na cama un pequeno animal que se converteu en Charlotte. Hai uns días aprendín o que acontece máis polo miúdo: como acabo de dicir, papá e mamá bícanse durante moito tempo, logo papá pega a súa piroliña á parrochiña de mamá e de aí sae un bebé. Iso é máis ou menos o que entendín.
13
Meu irmán e mais eu durmimos con miña irmá Clio. Para ela son invisible, así que podo espiala e chegar á conclusión de que, en varios centos de días, por fin terei unhas tetiñas como as súas, redondas coma pelotas. Tamén poderei levar tacóns, botar perfume ás agachadas e mesmo ir ás festas sen papá e mamá, aínda que eles tampouco me amolan moito. Cando digo que durmimos xuntos, refírome a que compartimos o mesmo cuarto, aínda que eu non durmo sempre no mesmo lugar, senón que depende da noite: ás veces durmo con papá e mamá; outras, nun colchón debaixo da mesa do salón; outras na cociña… Miña irmá quéixase todo o tempo, porque lle gustaría ter unhas tetas enormes e porque di que non é guapa. O das tetas ten fácil arranxo: mete moitos calcetíns debaixo do suxeitador e fainas medrar ao seu gusto. O outro é distinto: mesmo se ten unha cara ben bonita, o mal humor non lle acae nada ben. Nunca sorrí e, como siga así, vai acabar feísima. Debería facer coma mamá e tomar infusións que a relaxen, que lle fagan brillar os ollos e mesmo rir.
14