O día en que Turco –un pequeno cadelo– comeu o chapeu do señor Sala, a señora Sala decidiu que aquilo superaba toda mesura canina, e que soamente unha paciencia de santo podía tolerar que as cousas chegasen ata alí. Polo tanto, reunida toda a familia e solicitada a opinión de cada un dos membros, acordouse que a filla casada do xardineiro se faría cargo de Turco e o acollería na súa casa.
O pequeno Sala tivo un desgusto de morte. Pensaba que xa non atoparía a forma de continuar vivindo porque, sen o can, calquera cousa era aburrida e sen sentido. Tras o momento das bágoas, o problema que tiña que resolver era o de atopar un destino acorde á cantidade de afecto que a ausencia de Turco deixara. Probou a observar con outros ollos o canario da súa tía, mais co paxaro podíanse facer tan poucas combinacións realmente divertidas que axiña se decatou de que non pasarían dun coñecemento superficial.