O LÓSTREGO
Chegamos cos bandullos cheos. Doridos. Os ventres negros, cargados de auga escura e fría, de lóstregos e de tronos. Viñamos do mar e doutras montañas, e vai ti saber de que lugares máis, vai ti saber o que xa non viramos. Rozabamos na pedra do alto dos cumes, coma sal, para que nin as malas herbas agromasen. Escolliamos a cor dos cumes e dos campos, o resplandor dos ríos e dos ollos que miran para o ceo. Cando nos enxergaron, as bestas montaraces aniñaron nas tobeiras, encolleron o pescozo e levantaron o fociño para sentiren o cheiro á terra húmida que se aproximaba. Arroupámolos a todos cun cobertor. Carballos e buxos, bidueiros e abetos. Chsssssst. E xuntos todos calaron, pois eramos un teito severo que decidía sobre o acougo e a felicidade de ter o espírito seco. Despois da nosa chegada, da quietude e da presión, e de acantoarmos o aire fino ben abaixo, disparamos o primeiro lóstrego. Pam! Coma un respiro. E os caracois encaracolados arrepiáronse dentro das súas solitarias casas, sen ningún
13
deus nin pregaria ningunha, sabendo que, se non morrían afogados, habían saír, redimidos, a respirar as escorras. Vertemos entón a auga en forma de pingas inmensas, coma moedas sobre a terra, a herba e as pedras, e o trono estremecedor resoou na cavidade torácica de todos os animais. Foi daquela cando o home dixo cagoental. Díxoo en voz alta, porque cando se está a soas non fai falla pensar en silencio. Cagoental, toutizo, que te deixaches pillar pola treboada. E nosoutras riamos, hu, hu, hu, hu, mentres lle mollabamos a cabeza, e a nosa auga metíaselle polo colo da camisa abaixo, esvaráballe polas costas e polos cadrís, e estaban frías e espertaban o mal humor as nosas gotiñas. O home era dunha casa de alí preto, empoleirada no medio do cordal, por riba dun río que debía de ser frío, porque se agochaba baixo as árbores. Aló deixara dúas vacas, unha manda de porcos, galiñas, un can e dous gatos desleigados, unha muller, dúas criaturas e mais un vello. Chamábase Domènec. E tiña unha horta vizosa no medio e medio da montaña e unhas veigas mal labradas á beira do río, pois a horta traballáballa o vello, que era seu pai e que tiña o lombo rexo coma unha táboa, e as veigas labrábaas el. O Domènec viñera probar versos a esta banda da montaña. Para ver cal era o sabor e o son deles, e porque cando se está a soas non hai que dicir os versos en voz baixa. Esa tarde, ao ir mirar polo gando, atopara unha presada de cantarelas mouras fóra de tempada e traíaas envurulladas na aba da camisa. Cando saíu da casa, o meniño do colo
14
choraba, e a muller díxolle «Domènec», coma un queixume e coma unha súplica, e o Domènec mesmo así marchou. É difícil facer versos e contemplar a virtude que se esconde por dentro de todas as cousas cando os meniños choran con aquela estridencia de ranchiño esfolado que te acelera o corazón queiras que non queiras. E queríalles botar un ollo ás vacas. Tiña que ir botarlles un ollo ás vacas. Que entendía a Sió de vacas? Nada. O xato bradaba maaaaaaaaaaa, maaaaaaaaaaaaaa. Desesperado. A Sió, de vacas, non sabía nadiña. E volveu exclamar, cagoental!, porque foramos rápidas, contra, imprevisibles e silandeiras, e pillarámolo. Cagoental!, porque o xato tiña o rabo preso nunha maraña de arames. Os arames quedaran atoados entre dúas árbores e, de tanto turrar o bicho, escalazáranlle as patas por detrás, que agora lle lucían sanguinolentas, lañadas e sucias. Bradaba maaaaaaaaaaa, maaaaaaaaaaa, aprisionado polo rabo entre dúas árbores, e a nai velábao intranquila. O Domènec enfilou cara ao animal baixo a chaparrada. Tiña unhas pernas correúdas de tanto patear a montaña para tomar o aire cando os pequenos gritaban de máis ou cando pesaban de máis, e pesáballe de máis o arado, e o silencio do vello, e todas as palabras, unha detrás da outra, da muller, que se chamaba Sió, e que era de Camprodon, que se deixara embelecar ben porque a mandaran soa para o alto da montaña esa cun home que logo lle daba á perna e un vello que non falaba. E mira que ás veces o Domènec queríalle e queríalle moito á Sió, aínda. Pero pesáballe tanto, cago en Deus
15
e en Satanás, a casa. Á xente habería que lle dar máis tempo de coñecerse antes de casar. Máis tempo de vivir antes de facer criaturas. Ás veces, aínda a collía polo van e a facía dar voltas, unha detrás da outra, coma cando namoraban, porque a Sió, ai Deus, a Sió, que pernas! Pousou as cantarelas no chan. O xato bruaba. O Domènec achegóuselle coas dúas mans estendidas. Amodiño. Afalándolle cunha voz grave e amansadora. Chssst, chssst, dicíalle. A nai espreitaba receosa. Ao Domènec chorreáballe o pelo. Cando chegase á casa había de pedir que lle quentasen auga para se lavar do frío e da chuvia. Examinou os arames que lle gaduñaban as patas ao animal a cada tirón que daba. Agarroulle o rabo con firmeza, quitou a navalla e cortou con pericia o pelo enguedellado. Foi aí cando deixamos caer o segundo lóstrego. Veloz coma unha cobra. Irado. Aberto coma unha arañeira. Os lóstregos van para onde queren, coma a auga e os aludes, os insectos pequenos e as pegas, que todo o que é bonito e brillante lles enche o ollo. A navalla, fóra do peto do Domènec, brillou coma un tesouro, coma unha pedra preciosa, coma un puñado de moedas. A folla de metal reflectiunos, puída. Coma uns brazos estendidos, coma un chamamento. Os lóstregos caen onde queren, e o segundo lóstrego caeu na cabeza do Domènec. No interior, no fondo, na cerna. E todo o que vía dentro dos ollos era negro, da queimadura. O home quedou teso na herba, e o prado arrimoulle a meixela á del, e todas as nosas augas axitadas e alegres coáronselle polas mangas da camisa, por dentro do cinto, polos calzóns e polos calcetíns, á procura
16
da pel aínda seca. E morreu. A vaca marchou coma alma que leva o demo e o xato correu tras ela. As catro mulleres que o viran achegáronse. Engorde. Porque non estaban habituadas a sentir interese polo xeito en que morre a xente. Nin interese polos homes atractivos. Nin interese polos homes feos. Pero a escena chamaba a atención. Producírase unha luz tan clara, de súpeto, que ben puido non facer falla ver nunca máis. O coitelo chamara polo lóstrego e o lóstrego atinara na cabeza do home coma nunha diana, fixéralle o carreiro ao medio no pelo e as vacas fuxiran escopeteadas coma nunha comedia. Ben se puido escribir unha canción sobre o pelo do home e o peite do lóstrego. Ben se lle puido enfeitar o pelo con perlas, na canción, albelas coma o fulgor da navalla. E dicir algo do seu corpo, dos labios entornados e dos ollos claros coma un vaso onde cae a chuvia. E do rostro tan feitiño por fóra e tan esturrado por dentro. E da auga que lle esvaraba coma unha enxurrada polo peito e polas costas, coma se o quixese arrastrar canda ela. E a canción falaría das súas mans, pequeneiras, fortes e calosas, unha aberta coma unha flor que ve vir a abella, a outra aferrada á navalla coma un penedo en que quedou enxerida nunha árbore. Unha das mulleres, a que se chamaba Margarida, tocoulle unha man, un pouco para saber se o home queimaba co lóstrego dentro, outro pouco nada máis que polo aloumiño. Daquela, cando as mulleres o deixaron estar e apañaron as cantarelas mouras que o home abandonara e deron por vista a escena, porque había moitas outras cousas que facer e moi-
17
tas outras cousas en que pensar, coma se nos contaxiasen da súa satisfacción e do choio feito, deixamos de chover. Fartas. Amainadas. E cando houbo certeza de que escamparamos de vez, os paxaros foron aos pinchiños ata o centro das pólas e cantaron a canción dos superviventes, co estómago pequeno repleto de mosquitos, coas plumas encrespadas e furibundos contra nosoutras. Non sei de que se queixaban, se nin apedraramos, se choveramos o tempo xusto de matar un home e unha manda de caracois. Se apenas tombaramos ningún niño nin alagaramos varxa ningunha. Daquela repregámonos. Derreadas. E contemplamos a obra feita. As follas e as pólas pingaban e nós fomos indo, baleiras e lasas, para outra parte. Unha vez chovemos ras e outra chovemos peixes. Pero o mellor é apedrar. As pedras preciosas precipítanse sobre as poboacións, os cranios e os tomates. Redondas e conxeladas. E enchen cómaros e vieiros dun tesouro de xeo. As ras caeron coma unha maldición. Os homes e as mulleres corrían, e as ras, que eran moitas e moi pequenas, agachábanse. Malpocadiñas. Os peixes caeron coma unha bendición sobre a cabeza dos homes e das mulleres, coma labazadas, e a xente ría e lanzábaos ao aire coma se nolos quixesen devolver, pero non querían, ca, nin nosoutras queriamos que nolos devolvesen. As ras craian na barriga. Os peixes deixan de moverse, pero morrer non morren. Ora que tanto ten. O mellor de todo é apedrar.
18
O NOME DAS DONAS
A Eulàlia díxolles que o bode tiña o cu moi fino, moi fino, coma o dunha criatura de cueiros, de tantos bicos que lle deramos, e que tiña o membro frío coma un carambelo, e a min fíxome rir, rir e rir, e a min enforcáronme por rir tanto. Por causa do riso, coma unha menciña embriagadora que se me meteu dentro, coma o leite de bruxa das leiteiriñas, recordo todas as cousas. Porque o riso, no meu sangue, branco e contaxioso coma as cóxegas, que se me partías un brazo saía leite branco en lugar de sangue vermello, baleiroume. Fora mellor que aforrasen as torturas e os calabozos, que fedían todos ao mexo, e as cordas que se estricaban longas longas, os farrapos de la cheos de cinza e a espera a que parase de rir e confesase. Confesar o que? Se o riso era a única cousa boa, era un coxín, era igual que comer unha pera, era coma meter os pés nunha fervenza un día de verán. Non pararía de rir nin por todo o ouro do mundo nin por todo o mal do mundo. O riso
19
ceiboume dos brazos, pernas e mans que me acompañaran tan fielmente ata entón, da pel que tantas veces vestira e desvestira, e lavoume a dor e a mágoa polas cousas que che poden facer os homes. Baleiroume coma a unha coitadiña, tanto hi, hi, hi, hi e ha, ha, ha, ha, e a cabeza, que me facía clonc-clonc co aire que asubiaba cando me entraba e me saía polo nariz e as orellas. Deixoume a cachola coma unha casca de noz, lista para gardar nela todos os contos e historias, todas as cousas que lles dixemos que faciamos, e todas as cousas que dixeron que fixeramos en contra de Deus, de Xesús, de todos os santos e da Virxe. Que Virxe? Un Deus coma o pai de cadaquén, ruín ruín ruín e torturador coma eles, amedrentado de todas as mentiras que, de tanto dicilas, acabaron crendo. Que por estas montañas non quedou ningún dos que nos sinalaron, nin dos que nos encerraron, nin dos que nos buscaron as marcas das bruxas, nin dos que fixeron os nós e tensaron as cordas. Que quedar ou non quedar non ten que ver co lume do inferno, nin co castigo divino, nin con fe ningunha, nin con ningunha virtude de nada. Non. Poder apañar madeirudos e lingua de vaca, mexar, contar historias e erguerse cada mañá ten que ver cos lóstregos que caen sobre esa árbore ou ese home. Ten que ver cos nenos que saen enteiros e os nenos que non, e os nenos que saen enteiros pero por dentro non teñen as cousas no sitio. Ten que ver con ser o paxaro que cazou o miñato ou a lebre que cazou o can ou non ser. E a Virxe, o neno e o demo estaban todos feitos da mesma simpleza.
20
De todas as que somos, a máis vella é a Joana. A Joana era dunha casa xunta a miña e todo o mundo sabía que facía menciñas nunha pota, e un día díxome que se quería aprender, e se quería ir con ela á noite. E aprendeume a sacar o aire e a sandar as terzás e os orellóns, o tangaraño, as feridas, e mais a albeitar. A recuperar obxectos perdidos e roubados e a botar meigallos. Que inocentonas! Se a cousa máis en contra de Deus que fixemos na vida foi erguernos cada mañá despois de que nos enforcasen e apañar flores e comer amoras. Á Joana todos a deixaban facer e todos a reclamaban se era para naceren criaturas ou se tiñan os orellóns. Ata que unha vez apedrou moito, e a Joana tiña un campo de trigo, e nas terras todas onde apedrou non quedou nada, e no campo da Joana non caeu nin una pedra soa. E dixeron que a Joana fixera a treboada cuns pos. E chamáronlle bruxa! Entón ao fillo do veciño, que se chamaba Joan Petit, que era un raparigo de cinco anos que lle chamara bruxa diante de moitos outros, agarroulle un mal nos pés e incháronlle morados e denegridos, e morreu aos catro días, e todos berraron que a Joana lle empezoñara as papas. E gritáronlle, prendédea á mala pécora, bruxa! E prendérona. Ao pouco de a prenderen, choveron ras pequenas, pequerrechiñas, e a Joana díxolles que, se ela quería, podía facer que apedrase ou podía facer que caesen ras ou podía facer que lles morrese o gando, groso e miúdo, e entón prendéronme a min tamén e a Joana non volveu dar chío. Pero a min contos, que eu aprendín a rir.
21
Daquela apareceu a Eulàlia, que era de Tregurà de Dalt, e díxolles que unha vez foi a Andorra para desenterrar un meniño morto e que lle sacou as alegrías e o fígado, cos que fixo unha untura para matar xente e gando. Explicoulles como amarraba os homes para que non puidesen xacer con outras mulleres, só cada un coa propia. Facíalles seis nós nos cordóns das calzas e entón dicíalle a cada nó: eu amárrote a ti de parte de Deus, de san Pedro e de san Paulo e de toda a corte celestial, e de parte de Belcebú, de Tió e de Cuxol, que non te poidas xuntar carnalmente a muller ningunha que non sexa a túa. E que unha vez amarrou un marido e mais a dona, veciños dela, que eran ruíns e lle guindaban pedras. Amarrounos polas guedellas da cabeza de cada un, de xeito que non puidesen copular. E cando o marido non estaba, a dona non podía vivir sen el, e cando estaba e se lle quería arrimar, o corpo enteiro formigáballe de tal maneira que se sentía a morrer e non podía soportar que se lle axuntase. E así estiveron catro anos. Catro anos! Que risa. Ata que un día, un fillo da parella, que gardaba as cabras, pasou cos animais por un baldío da Eulàlia, e a Eulàlia díxolle que malos lobos lle comesen os bichos. E alí mesmo, un lobo pinchou entre as cabras e degoloulle unha. Aí prenderon tamén a Eulàlia, e, cando a tiñan presa, díxolles que unha noite as catro arrincaramos un meniño de meses do colo da nai e o levaramos para un campo e xogaramos con el coma se fose unha pelota.
22
A Eulàlia contaba as mellores historias, aínda as conta agora, mellor ca ninguén. As historias que a min me fan rir, rir, rir ata que algo se me afrouxa por dentro, máis para dentro aínda ca as pinguiñas do pipí. Conta historias e por veces saímos nosoutras nas historias, que dá xenio saír nelas. A Eulàlia ten dentro unha vociña, ben dentro, que lle bisba os contos, unha vociña, a do diaño, que lle contaba as falcatrúas, e o mal que lle facían os homes enteáballa e soltáballa coma unha lingua que xa non ten paraxe. A vociña víñalle de dentro da cabeza mesma, coma un gurgullón que creaba as imaxes e as palabras: «Fomos á fraga, eu de a cabalo dunha burra moura, e, montada nunha raposa, a Dolceta dos Conill (que son eu!, saltaba eu), e non había lúa e as estrelas case nin luz daban, e unha póla saíunos ao encontro talmente unha farpa que me gaduñase na cara, e dixen: Xesús!, e caín da burra, e a Dolceta díxome que non dixese nunca máis Xesús. E así fixen. Fomos á Pena da Morte, e iamos cos sobrazos barnados da untura que chamusca os pelos para sempre, e por iso temos os sobrazos pelados. Xa na Pena, todos, homes e mulleres, marcaron cadansúa cruz no chan, recachamos as saias e pousamos as nádegas cadaquén na súa cruz, abxurando da fe e de Deus. Despois bicámoslle o censo ao demo, un por un. E ás veces tiña forma de gato de tres cores e ás veces de bode, e dicíanos: “Vas rebuldar comigo, boa meniña?”, e todas contestamos vou. Despois comemos queixo, froita e mel, bebemos viño e collémonos das
23
mans, homes, mulleres e diaños, e abrazámonos, bicámonos, bailamos, fornicamos e cantamos todos xuntos». E a Margarida choraba. Choraba e negaba todas as cousas, choraba e choraba da inxustiza e ás veces soltaba alaridos, e eu dicíalle: filla, non chores, Margarida, encerradas no mesmo calabozo escuro, as catro, que nin calabozo era, que alí antes gorecían o gando. A Margarida e mais eu faciamos boa parella, porque eu veña a rir e ela veña a chorar, e ás veces, canto máis choraba ela e máis carantoñas facía, canto máis mocalla e máis cuspe botaba, coa cara toda encarnada, toda inchada e toda fea, máis ría eu, e logo, canto máis ría eu, máis choraba ela, e eu dicíalle: filla, non chores, Margarida, e faciamos boa parella. A Margarida negaba todas as cousas, unhas detrás das outras, e o único que confesou foi o de pór a mesa polas noites. Pór mantel, pan, viño, viandas, auga e un espello para os malos espíritos se miraren nel e atoparen de comer e de beber, e que así non lle matasen os meniños. Pero por unha soa lilaina de nada tamén te enforcan. E cando a Eulàlia lles dixo que a Joana era a mestra que facía as estantigas e as unturas coas que nos untabamos, e a mestra de facer as menciñas de todo o país, e do bode de Biterna e de todas as outras maldades que fan as bruxas, e que todas eramos discípulas dela, á Joana non se lle moveu nin un pelo da cabeza. Que a Eulàlia non o dixo con mala intención, nin a Joana lle garda rancor, se xa estaban todas perdidas. Díxoo só porque tiña a lingua desbocada,
24
e a min saíame todo o aire da boca coma unha gargallada, e a Margarida veña a chorar. As catro deitadas nas mesmas pallas porcas, inzadas de ratas e pulgas. A Joana nin fala, nin chora, nin nega, nin ri, pero aínda é a mestra e aínda é a máis sabia e sempre atopa os mellores érbedos e os mellores madeirudos e a que sabe máis de ser parideiras. É a primeira en mexar cando atopamos cruces nas montañas e en enfialas polas cachas. É a primeira en cagar baixo a árbore onde nos enforcaron. Fai uns cagallóns duros e enteiros, xeitosos, e sorrí coma un ratiño. Tamén é a primeira en cagar se atopamos capeliñas e ermidas agochadas. As lendas e as historias que conta a Eulàlia non son todas de menciñeiras nin de nosoutras. Ás veces a vociña bísballe cousas das montañas, das pedras e das pozas, e os paxaros cántanlle cancións e as xacias relátanlle fábulas, e eu sígoa coma unha pícara, coma un cadeliño, coma un año que lle acabou de nacer á nai, que se fixese falla guindábase diante das patas dun cabalo con tal de volver aos seus contos. Que a min a Eulàlia faime rir moito. Había unha vez un rei cristián de Aragón que tiña tres fillas bonitas coma un sol, cóntame. E nestas que, cando o rei e a raíña empezaron a pensar en casar as princesas, souberon que as tres andaban a namorar con cadanseu mouro infiel. Moito me gustan a min as lendas dos mouros. Adoecido, o rei encerrou as tres fillas nunha torre ben alta para que nunca máis se puidesen ver cos amasios. Emporiso, unha noite as tres princesas untaron os gardas cunha
25
boa presa de moedas de ouro e escaparon da torre, e nestas que as tres e mais os tres amasios mouros montaron en cadanseu cabalo e cabalgaron cara ás montañas dos Pireneos, lonxe dos reis cristiáns e dos reis mouros. Ao terceiro día, o rei foi ao pé das fillas para disuadilas de falaren cos infieis e persuadilas de casaren con príncipes cristiáns, pero ao entrar na cela atopounas fuxidas e exclamou: –Que a maldición de Deus caia sobre elas alí onde se encontren! Entón o tempo mudou de súpeto. Unha rebelaxe de neve e xeo sorprendeu os seis fuxidos de a cabalo con tanta vehemencia que elas se abrazaron a cadanseu amasio, e os seis quedaron conxelados sen poderen dar un paso máis. E alí as tedes, unha detrás da outra, abrazadas aos seus amados, as tres serras das tres irmás, cubertas de neve, di a Eulàlia, e sinala as montañas. Ou fálanos da encantada que unha xente das aldeas apreixou, xunto cun mantel branco que lle apañaron. Coitada. Encerrárona nunha cociña para que non lles fuxise. Era unha muller pequeneira, que pasaba o día todo sentada no escano, a mirar pola fiestra e sen abrir a boca, coma se fose muda ou coma se non entendese a fala humana. Ata que un serán a dona da casa onde a tiñan encerrada se puxo a preparar a cea e acendeu o lume, e pendurou da gramalleira unha pota de leite para facer sopas. E, sen máis nin máis, mentres a señora boureaba, a encantada gritou: –Corre, corre! Que o leite branquiño che vai por fóra!
26
E a dona da casa alá foi ás carreiras mirar pola pota e a en cantada aproveitou a distracción para saltar do escano e fuxir pola porta. E disque xusto antes de desaparecer para sempre espetoulle: –Xa nunca saberedes para que é boa a raíz da labaza! E riu cun risiño de tourón, e aínda hoxe en día a xente das aldeas non sabe para que é boa a raíz grosa da labaza. A Margarida ás veces chora polas lendas, chora porque un pai converteu as fillas en montañas, ou chora polas cousas que nos fixeron, a la e a cinza, os ferros roxos, os grillóns, o banco, os pesos nos pés e o sangue vermello. Chora porque morreu, coma todas as cousas que morren. E eu dígolle: filla, non chores, Margarida. E ás veces tamén chora se na cova naceu unha criatura, e eu dígolle: filla, non chores, Margarida. Despois da tormenta chorou un algo tamén, polo home, porque quedaba tan bonitiño no clareiro, dicía. Mágoa que se consuman tan rápido os homes e que os outros homes se aferren aos corpos focos, que os escondan e os soterren para non veren o que lles ha de pasar tamén a eles. E chorou cando viñeron por el e o levaron, e xa nunca máis nos fixo compaña. En troco, deixaron unha cruz onde o lóstrego fendeu o home. Que teima esa de ensuciar de cruces as montañas. Ora que esta era pequena. E ás veces iamos aló e mexabamos nela coma os cans. Tamén ás veces levabamos flores apañadas do chan alí onde caeu o home, mexacáns, levabámoslle, para rirmos.
27
O MANTEL BRANCO
Os meus fillos son coma moscas. Cagan por onde pasan. Tic, tic, tic. Podíaslles seguir o rastro. Cómoda aberta. A cómoda boa. Galano de noiva do papá e da tía. Onde gardo as cousas bonitas. As poucas cousas bonitas. Ben gardadas. Dobradiñas, e con papel de seda entre medias. E as saquiñas de romeu. Un dos caixóns está aberto. A roupa e os papeis apachocados e metidos de calquera xeito. Seino xa antes de comprobalo, polo vulto, que falta o mantel branco. O mantel branco é tan bonito que non se pode comer nel. Acéndome coma unha tea e penso que, se os teño diante, do tirón de orellas que lles meto, arríncollelas. Aquelo os panos de mesa, os papeis e o tapete, e fecho o caixón. –Os nenos? O avó Ton no seu banco, moi quieto. Que, se antes non daba fala, agora xa nin se move. –Fóra –contesta.
28
–Fóra –repito. «Fóra» pode ser calquera lugar de aquí a Francia–. Quere auga? –pregúntolle, e di que non coa cabeza. Por veces as súas mans, cando colle un vaso e bebe, cando usa a navalla, cando as pousa nos xeonllos, fan que o corazón me dea unha volta enteira, porque as move coma o Domènec. Outras veces miro para el, tan vello e mouco, tan murcho, tan triste e enxoito que non me colle na cabeza que sexa o pai do Domènec. Ao avó Ton secoulle a boca. Coma unha pasa. A algúns homes préndeselles a lingua e sécalles na boca, e non a saben abrir nin para dicirlles cousas bonitas aos fillos ou cousas bonitas aos netos, e así pérdense as historias das familias; xa non sabes máis nada ca o pan reseso que comes hoxe, a chuvia que cae hoxe e o mal que che fan hoxe os ósos. Tristeza de montaña. Estas montañas leváronme o Domènec. O meu Domènec. Un lóstrego fendeumo ao medio coma a un coello. Aos dous meses de nacernos o Hilari. E aínda foi unha sorte, penso eu. Que non lle apegou a pena nin lle contaxiei as bágoas a través do sangue, como faría se me morre o Domènec estando eu preñe. Tocado habíame saír o fillo, azourido do dó. Non. Chorei soa. Chorei dunha sentada todas as bágoas que Deus me dera. E quedei seca coma un socalco ermo. E o Hilari foi o neno sen pai máis feliz do mundo. Os nenos sen pai máis felices e menos orfos que foron e serán no mundo tívenos eu. Coma se non lles fixese falla o pai. Unha sorte. Pero por veces unha quere deixar de vivir.
29
Coma cando ao teu home o fende un lóstrego coma a un coello. Cando a unha lle furan o corazón cunha galla pero non a matan. Unha quere deixar de vivir. E entón a unha obrígana a vivir. Os nenos gritan e obrígana a vivir. O vello ten fame e reclámaa. A xente da aldea tráelle feixóns e cabaciñas só para a obrigaren a vivir. E unha deixa de ser unha muller e convértese nunha viúva, nunha nai. Unha deixa de ser o centro da súa vida, deixa de ser o zume e o sangue, porque a obrigaron a renunciar a todo o que quería. Veña, vai, guíndaas aí, todas as cousas que desexabas, no medio do camiño, nesta beira, as cousas que pensabas. As cousas que amabas. E mira que eran chilindradas, pouca cousa. Este home e esta montaña. A unha fanlle querer unha vida pequena. Unha vida cativa coma unha pedriña bonita. Unha vida que colla nun peto. Unha vida coma un anel, coma unha abelá. A unha non lle din que se poden escoller cousas que non sexan pequenas. Non lle din que as pedras pequenas se perden. Que foxen polo buraco dun peto. E que, se se perden, xa non se pode escoller outra. Pedriña que se perde perdida está. Guinda o corazón, tamén, aquí no medio do camiño, entre a lama e as silveiras. Guinda a alegría. Guinda a alma, os abrazos, os bicos e a cama de matrimonio. Á forza, á forza. Agora érguete e contempla esta mañá tan limpa e tan azul. E baixa á cociña, mete comida na boca, despois métea na boca dos nenos, despois na boca do vello, despois na boca das vacas e dos xatos, da porca, das galiñas e da
30
cadela. Á forza, á forza. Ata que unha esquece todo, tanta forza bruta. Ao Hilari non o aleitei. Porque tiña o leite salgado eu. E do leite augado de vaca e de farmacia saíume un fillo coma unha flor. Pouco a regaba e podaba a flor. O teu preferido ten que ser un fillo que che naza coma unha raíz. Eu quérolles aos meus fillos malia a coxén da alma. Malia o lastre, o desazo e a carga. Malia que non estivese, nas promesas que fixen, que me fixeron, que os ía ter que sacar eu soa adiante. Eu quería un marido, un marido de meu, e despois, se viñan as criaturas, ouviches, que viñesen. Pero criaturas e máis nada? Para que quere unha criaturas e máis nada? Nin a probalo me deu tempo. Aínda non tocara o mel cos labios, fendéronmo coma a un coello. A min o meu marido gustoume primeiro polo cabelo. Logo xa, polos poemas. Despois, canto máis lle miraba as outras cousas todas, máis me gustaban. As mans. As pernas. As orellas. As engurras por detrás dos ollos, coma un ronsel. Os ombros. A voz cando falaba quediño, coma unha lagarta que che sobe polas costas: «Posme tolo, Sió, toliño!», dicíame. Aquel ollar coma unha lanza, coma unha frecha. Aquela cabeza toda chea de misterios, chea de palabras: «Tes uns ollos tan azuis, Sió, que nadan peixes neles». Eu era, ai non, linda, linda. Os ollos máis azuis de Camprodon. E iso eu tamén o sabía. Era bonita coma miña nai, que á casa onde naceu lle chamaban a da Louzá, de tan louzás e lindas como eran nesa casa todas as mulleres. E casou
31
co papá e viviron na vila porque o papá traballaba alí de encargado na fábrica de galletas. Pero eu quería un home que amase a terra e tamén as ideas. Un home que soubese de árbores, de plantas e de animais. Miña nai morreu cando nacín porque tiveron que abrila moito e era miudiña. Pero a tía Carme, que era irmá de meu pai, e tamén meu pai, dicíanme: coma unha boneca, coma unha boneca, de todas todas, a máis linda, e comprábanme anises e lazos, libros e cordas de saltar, e eu non estaba nunca triste por non ter nai. A tía facíame carrapichos no pelo e dicíame: has atopar un home e hache querer moito e ti haslle querer moito a el, e eu preguntáballe á tía como sería o home. E veña a meterme veleno e máis veleno nas veas inocentes. E o papá, que dicía que xa non ía poder volver casar, porque non habería muller tan linda como fora miña nai. Só ti, só eu, Sió, princesa. E veña máis veleno para as veas. Casiña de bonecas. Aprenderémosche a coser, aprenderémosche a ler en catalán ás agachadas, aprenderémosche a cociñar e a limpar a casa. E que cabreo o do Domènec, o primeiro día que me subiu á granxa, que eu non lle botara nunca de comer a unha vaca. Que meu pai traballaba na fábrica de galletas! Na vida collera unha gancha. Non sabes facer nada!, gritaba. Quen me mandou a min casar cunha rapaza da vila e non da montaña?! Levábao a rabia. Pero se ti xa sabías que ía ter que aprender os labores do campo todos. Quen me mandou a min?!, vociferaba. E eu chora que chora,
32