Skip to main content

Canta connosco! G - Migallas / Óscar Villán

Page 1

Hai 20 anos tiven a sorte de coparticipar nun proxecto educativo moi especial. A nosa finalidade era favorecer a incorporación dos nenos e das nenas á cultura e á sociedade, contribuíndo á súa progresiva autonomía persoal e á súa formación integral. Sabedores de que a música, a plástica e o teatro, no sentido máis amplo, eran imprescindibles no seu desenvolvemento, decidimos reforzar a educación artística. Como xa contabamos con aulas de música e de plástica, puxemos en marcha un obradoiro de expresión dramática en horario escolar. A aula de psicomotricidade encheuse de luz e de color. Tiñamos moqueta no chan para poder traballar descalzos, espello, reprodutor de música, cesto de disfraces e teas, globos, xornais, aros, ladrillos, picas, pelotas, contos... Tiñamos moita música: clásica, moderna, de autor, pero pouca infantil, e moito menos en galego. Apareceu entón Canta connosco! e todo cambiou. Foi un acontecemento musical, teatral, lúdico, festivo e normalizador. Non era a primeira incursión de Migallas no mundo da música, pois xa tiñamos na escola unha cinta de casete co título d’Unha noite estrelecida, na que Carlos Yus, acompañado da súa guitarra, nos presentaba moitas cancións para mozos e adultos. Pero este Canta connosco! era un disco diferente, pensado case todo el para os nenos e as nenas, onde se combinaban os ritmos tradicionais cos de máis actualidade, do rock ata as nanas, pasando polo rap, a cumbia ou o pasodobre. Un recurso para traballar certos contidos dun xeito lúdico e interdisciplinar. Especialmente un recurso ideal para traballar a expresión dramática na escola. Migallas Teatro constituírase como compañía profesional no ano 1996 pero o seu traballo xa empezara uns anos antes.


Din eles que pretendían facer un teatro comprensible, crítico e entretido para todos e todas bebendo da tradición do pobo e da vida cotiá... E abofé que o conseguiron! Carlos Yus e María Campos loitaron arreo pola normalización da nosa lingua... nas escolas, nas casas, na Asociación Cultural A Mimosa, nos obradoiros de teatro e, sobre todo, actuando incansablemente por todo o país. Xenerosos e comprometidos, puxeron en valor o legado dos nosos avós. Entregados a esta fermosa parcela da cultura que é o universo da infancia, recibiron este ano o merecido Premio Xoán Manuel Pintos polo seu compromiso coa lingua e por máis de 20 anos de infatigable traballo. O sector da música infantil en galego experimentou un gran crecemento nos últimos tempos, con moitos e variados proxectos para os máis pequenos, pero en 1996 era case inexistente. Agora, 20 anos despois, aquel lendario CD ampliouse ata converterse nun libro-disco que contén todas as letras das cancións, as magníficas ilustracións de Óscar Villán e os divertidos vídeos do Sr. Sagüillo. Para todos os que traballamos no eido da educación segue sendo un excelente recurso. Para os que hoxe o tendes por primeira vez entre as mans, unha porta aberta para gozar coa familia e coas amizades. Para Kalandraka Editora, esta é unha pequena homenaxe a estes grandes amigos que sempre estiveron ao noso carón, soñando canda nós –como di O libro máxico– un mundo mellor cheo de fantasía e imaxinación. Grazas, Migallas!

Manuela Rodríguez


1 O ESQUELETO Coa cabeza podo pensar a canción que quero cantar. O tronco podo mover se o ritmo me vai ben.

E no tronco ti vas ver cantos ósos vas mover: clavícula, costelas, omoplata, esterno, pelve e cóccix. [bis]

As extremidades para bailar, dar palmadas e «patalexar». Cabeza, tronco, extremidades, agora máis difícil, ánimo, rapaces!

A columna vertebral non a podes mover mal. Trinta, trinta, trinta e tres vértebras que debo ter. [bis]

Aplaudindo ti vas ver cantos ósos vas mover: úmero, úmero, cúbito e radio, carpo, metacarpo, dedos. [bis]

E agora imos mover todos os ósos á vez. Cabeza, tronco, extremidades, agora é fácil, ánimo, rapaces!

E correndo ti vas ver cantos ósos vas mover: fémur, rótula, tibia, peroné, tarso, metatarso, dedas. [bis]

Pa pa, paraparapa…


2 O LIBRO MÁXICO Cando esteas aburrido e non saibas que facer, colle un libro, meu amigo, todo pode suceder. Imaxínate voando nunha alfombra. Imaxínate cruzando o ancho mar. Imaxínate cun can saltando á corda. Imaxínate nunha nave espacial. Poderás ser un pirata moi valente e moi rufián, pelexar con alimañas e un tesouro atopar. [bis] Imaxínate… Poderás ir ata Arabia nunha alfombra a voar, acompañado dun xenio saudar a Alí-Babá. [bis]

Imaxínate… Poderás ser un pallaso e disfrazar o teu can, facer rir a todo o mundo como fai o can Papán. [bis] Imaxínate… Poderás ir nunha nave polo espazo sideral, descubrir unha galaxia e cun marciano xogar. [bis] Imaxínate…


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Canta connosco! G - Migallas / Óscar Villán by kalandraka.com - Issuu