Skip to main content

Breve historia da escravitude G - James Walvin

Page 1

Introdución Escravitude e abolición

O Reino Unido e os Estados Unidos prohibiron o seu propio tráfico de escravos no Atlántico nos anos 1807 e 1808, mais ese comercio sobreviviu (sobre todo no Brasil e en Cuba) ata a súa desaparición na década de 1860. Ao longo dos tres séculos e medio anteriores, transportáranse por volta de doce millóns de africanos a bordo dos buques negreiros do Atlántico. Deles, uns dez millóns e medio sobreviviron ata desembarcaren en América. A maioría das grandes potencias navais de Europa occidental e de América participaron, en maior ou menor, grao naquel sistema de tráfico de persoas. Con todo, foron os británicos os que, chegados á metade do século xviii, demostraron ser os máis competentes nas sórdidas técnicas necesarias para transportar grandes cantidades de africanos de xeito rápido e rendible ata as plantacións americanas.

7


Tras a abolición do tráfico de escravos, xa no século xix, chegou o confuso e azaroso desmantelamento da escravitude negra por toda América, que comezou coa sublevación dos escravos de Haití na década de 1790, e rematou coa emancipación dos escasos escravos negros que quedaban no Brasil en 1888. Gran Bretaña púxolle fin á escravitude nas súas colonias entre os anos 1833 e 1838 mediante unha lei do Parlamento (e pagándolles unha estratosférica indemnización aos propietarios de escravos). Pola contra, nos Estados Unidos a abolición da escravitude desencadeou o derramamento de sangue que supuxo a guerra civil (1861-1865). A escravitude foi de principio a fin un sistema caracterizado pola brutalidade. Ademais tivo grandes repercusións en tres continentes: en América, cuxo potencial económico se puxo en marcha grazas ás xeracións de escravos traídos de África; en Europa, que organizou todo o sistema e se beneficiou del, e por suposto en África, cuxa enorme perda de poboación, coa conseguinte violencia e axitación social, produciu un dano incalculable e duradeiro. Ora ben, a escravitude atlántica tivo unhas consecuencias máis profundas do que poida suxerir esta breve afirmación, pois constituíu un factor fundamental na transformación de Occidente. A escravitude foi o medio que lle permitiu a Occidente erixirse nunha posición de dominio económico e político indiscutible. Noutras palabras, a man de obra escrava africana, trasladada a América, foi imprescindible para a creación da riqueza occidental e a conseguinte

8


relegación doutras rexións e pobos fronte ao poder global de Occidente. Estamos, por tanto, ante un período histórico que é importante non só de seu, senón pola súa influencia nun panorama histórico moito máis amplo, moito máis do que se adoita crer. De todos os xeitos, a historia da escravitude atlántica é interesante por moitas outras razóns que ás veces resultan desconcertantes. Aos lectores e estudantes modernos a miúdo cústalles concibir que se lles puidese inflixir tal sufrimento a tantas persoas, a unha escala tan grande, con tan pouca vacilación e sen escrúpulo ningún. É coma se a escravitude atlántica fose unha actividade moralmente neutra para os que participaban nela de xeito máis activo (que eran decenas de miles), desde os mariñeiros máis humildes ata os maiores terratenentes e tratantes de escravos. A historia da escravitude está inzada de relatos de persoas occidentais (sobre todo brancas) dedicadas a traficaren con seres humanos negros da maneira máis grotesca, pero sen se decataren do que facían. Os capitáns negreiros, os terratenentes e as autoridades coloniais (en xeral, xente moi temorosa de Deus) recollían nos seus diarios e libros de contabilidade os máis violentos e degradantes relatos de como trataban os escravos, e sen o menor asomo de dúbida respecto aos seus actos. As dúbidas morais e relixiosas apenas se deixan entrever nas descricións das súas actividades profesionais, centradas no trato cotián e directo cos africanos e os seus descendentes escravizados.

9


Tamén é certo que esta historia ten outra cara. En todo momento, sempre houbo persoas conscientes que se sentían incómodas ante a escravitude africana e que se decataban dos problemas teolóxicos e morais que supuña este feito, pero normalmente estaban fóra dos ámbitos escravistas. En xeral, esas voces quedaban marxinadas ou silenciadas polo poder do comercio internacional e baixo a sedutora música daquel lucrativo negocio realizado á conta dos escravos africanos. O benestar material que a escravitude reportaba era tan abondoso e universal –agás para os escravos, claro– que as obxeccións morais parecían fóra de lugar. Por que preocuparse polos africanos cando os seus esforzos lle daban tanta riqueza a tanta xente de ambas as beiras do Atlántico? Visto desde hoxe, todo nos parece moi estraño, totalmente incompatible coa sensibilidade e valores actuais. E do mesmo xeito, dentro do contexto xeral da escravitude transatlántica, existe outro curioso desafío para os lectores modernos. Aínda que durante séculos a escravitude apenas causou reparos morais en Occidente, ao final acabou inmersa nun remuíño de indignación e rexeitamento ético. Aquela institución que perdurara durante séculos sen suscitar demasiada oposición acabou considerándose unha ofensa aos valores cristiáns e unha mancha na conciencia occidental. É evidente que tivo que haber algún cambio. Que sucedera para que a escravitude (e o tráfico) se convertese en semellante monstro inmoral

10


e irrelixioso? Se o tráfico de escravos e a escravitude eran tan inmorais e anticristiáns en 1830, por dar un exemplo, por que non se pensaba o mesmo en 1730 ou en 1630? Acaso a escravitude mudara? Acaso mudara Occidente? Ou é que a escravitude acabou desempeñando un papel totalmente distinto no ámbito occidental? No presente libro, tento abordar estas cuestións describindo a grandes trazos tanto a historia da escravitude atlántica coma a súa decadencia e desaparición. Trátase dun estudo da escravitude no ámbito atlántico poscolombino e que remata centrándose nos británicos, que foron os principais armadores negreiros durante o lamentable apoxeo desta actividade a mediados do século xviii. Tamén intentei situar o relato da escravitude transatlántica dentro dun contexto histórico máis amplo, repasando algúns dos seus antecedentes principais e ao final termino lembrando que a escravitude non rematou coa erradicación da escravitude negra de América. O libro preséntase en dous niveis: en primeiro lugar, amosa unha historia narrativa que vai avanzando ao longo dos capítulos de maneira cronolóxica. En cada capítulo engádese unha escolma de fragmentos tirados de documentos que ilustran os temas desenvolvidos no texto. No entanto, o libro non é un simple comentario dunha selección documental. Cada parte –tanto as miñas palabras coma os textos citados– presenta argumentos paralelos, pero relacionados, e como tales deben valorarse.

11


PRIMEIRA PARTE

A escravitude antes da Idade Moderna


1. A ESCRAVITUDE NO MUNDO CLÁSICO

A escravitude era omnipresente nas sociedades da Antigüidade. Prosperou no antigo Exipto, onde escravizaban os africanos do sur, e foi unha institución fundamental nas civilizacións clásicas de Grecia e Roma e os seus correspondentes imperios e colonias. Posteriormente a escravitude expandiuse da man do islam. En todas aquelas sociedades, o número de escravos ía incrementándose por crecemento vexetativo grazas aos fillos das mulleres escravizadas, pois estes xa nacían escravos. Ademais tamén conseguían escravos de fóra dos seus territorios, e así xurdían as rutas de tráfico polas cales circulaban os escravos –coma calquera outra mercadoría– desde as rexións máis remotas ata os mercados de escravos e as capitais de Exipto, Grecia, Roma e os territorios musulmáns. O método de escravización inicial máis común consistía na violencia. Así foi como o antigo Exipto absorbeu exércitos de escravos nubios e somalís capturados no sur e trasladados ao norte

15


para traballaren nas tarefas máis duras e nos exércitos, mentres que ás mulleres adoitaban escravizalas para o traballo doméstico e como concubinas. Os escravos tamén eran moi comúns nas cidades estado gregas, onde tamén había unha separación por sexos á hora de asignar angueiras pesadas e tarefas domésticas. Esa man de obra escrava era o que lles permitía aos gregos liberárense das tarefas e obrigas cotiás e participaren en diversas actividades cívicas. Por tanto, non deixa de ser irónico que, en determinados momentos, a escravitude fose fundamental para a vida democrática dos gregos. A escravitude romana resúltanos máis familiar quizais por ser máis recente e estar mellor documentada. Os grandes éxitos das lexións romanas desde o Oriente Próximo ata o norte de África e o norte de Europa subministraban exércitos de escravos para o centro do Imperio, tanto para as cidades como para os labores agrarios e industriais. Os escravos romanos estaban presentes en todas as partes. Calcúlase que, no momento de maior esplendor do Imperio, as vitorias militares podían fornecer a Roma de máis de medio millón de escravos cada ano. O sistema da escravitude transatlántica, que nos resulta máis coñe­ cido e que consistía na escravización dos cativos por medios violentos para o seu posterior transporte a grandes distancias, tamén era común nos sistemas da Antigüidade. Entre o 15 e o 35 por cento da poboación de Atenas, e talvez un terzo da poboación romana, estaba formado

16


por persoas escravizadas. Desde o punto de vista económico, non hai dúbida de que pagaba a pena transportar escravos, a pé ou por mar e ao longo de grandes distancias –desde Nubia ata Exipto, desde Britania ata Roma, desde o mar Negro ata Grecia–, e era tan rendible como o sería posteriormente enviar escravos en barco desde África ata América. Os escravos acabaron chegando ata os últimos recantos das economías e sociedades do mundo clásico. Boa parte dos traballos máis pesados da agricultura, da minería e da construción asignábaselles aos escravos. Tamén eles predominaban no traballo doméstico e mesmo en moitos oficios cualificados. Algúns gozaban de gran confianza, eran competentes e cultos, pero outros non eran máis ca bestas destinadas ao traballo ou á guerra: servir nas galeras ou loitar como gladiadores nos anfiteatros para entretemento do público. Aqueles sistemas de escravitude da Antigüidade eran moi distintos entre eles, pero, deixando de lado as diferenzas, o que caracterizaba as sociedades escravistas era a consideración do escravo como unha mercadoría, como un ben venal ao cal se lle puña prezo. Os escravos tiñan un valor en diñeiro ou o seu equivalente noutros bens tanxibles, e como tales bens eran contabilizados. Por suposto que isto rara vez era tan sinxelo, e as sociedades escravistas a miúdo tiñan que enfrontarse aos aspectos legais, filosóficos e teolóxicos que suscitaban as inevitables contradicións

17


da escravitude: a evidente natureza humana dos escravos fronte ao seu valor como obxecto, o seu carácter moral en oposición ao seu status de cousa ou a existencia –máis que a inexistencia– do status moral ou legal dos escravos. A escravitude era obxecto de eternos debates filosóficos e morais, tanto en Grecia como en Roma, e atraía o interese de escritores e dramaturgos de ambas as civilizacións. A crítica á escravitude tendía a centrarse, máis ben, nos abusos que se facían dela: a propia institución, en xeral, non se discutía. Nin sequera a emerxencia do paleocristianismo puido cuestionar a escravitude en si, senón que se concentrou en moderar os peores abusos que se cometían cos escravos romanos. En todo o mundo antigo, tanto en Grecia como despois, no Imperio romano, a escravitude estaba demasiado estendida e era demasiado importante e valiosa para que se puidese ameazar a súa existencia. Dado que a escravitude era un aspecto ineludible das sociedades tanto rurais como urbanas do mundo clásico, resulta inevitable que, malia o carácter limitado e fragmentario dos materiais que se conservan, a persoa do escravo e o tema da escravitude ocupen un lugar destacado nos textos da época. En palabras de Thomas Wiedemann, tanto en Grecia como en Roma faise moito fincapé «na escravitude como principio básico da organización social».1 Filósofos, dramaturgos, xuristas, actas, relatos 1

Thomas Wiedemann: Greek and Roman Slavery, Londres, 1981, p. 1.

18


domésticos etcétera ofrecen atractivas e ao mesmo tempo reveladoras mostras da escravitude da época. Cada estado grego tiña o seu propio sistema de escravitude e os seus propios medios para tratar cos escravos. Platón, n’As Leis, explicaba que, a pesar desas diferenzas, a escravitude sempre supuña un problema básico e esencial en todas as sociedades escravistas: […] mais o caso dos escravos é difícil desde todo punto de vista […]. En xeral, podería afirmarse que o sistema de servidume lacedemonio produciría a maior estupefacción en practicamente toda Grecia e sería orixe de disputa, pois para uns sería bo, mentres que para outros non –menor discrepancia atoparía o sistema polo que os heracleotas teñen escravizados os mariandinos e a casta dos servos dos tesalios–. Considerando todas estas cousas, que debemos facer coa posesión de escravos? […] Non sabemos […] que a alma escrava non ten nada san e que o intelixente nunca debe confiar para nada nesta raza? O máis sabio dos nosos poetas tamén proclamou […] que: da metade da intelixencia dos homes despoxou Zeus, o do intenso trono, aos que lles chega o día da escravitude.2

O debate da escravitude a miúdo detéctase de xeito indirecto, como neste fragmento (en forma de diálogo socrático) 2

Platón: As Leis , VI, 776b-8a.

19


tirado do Económico de Xenofonte, onde o autor fala da mellor maneira de tratar os escravos: (9) É posible tornar os homes máis dóciles mesmo coa palabra facéndolles ver que lles convén obedecer. Canto aos escravos, tamén é para eles moi acaída a educación que parece propia de animais para aprendelos a obedecer. Compracendo, en efecto, os apetitos do seu estómago poderías conseguir moitas cousas deles. Pola contra, aos de natureza ambiciosa estimúlanos as gabanzas, pois algunhas naturezas senten tanta fame de eloxio como outras de comida e de bebida. (10) Estes procedementos, que eu mesmo emprego porque creo que tornan os homes máis obedientes, sérvenme para formar os que quero nomear capataces, mais teño outros medios para axudalos: non fago da mesma calidade os vestidos e calzados que lles teño que proporcionar aos traballadores, senón que uns son mellores e outros peores, para poder recompensar o mellor servidor cos mellores e darlles os ruíns aos peores. (11) Eu penso, en efecto, Sócrates, que senten unha gran desmoralización os bos cando ven que son eles os que realizan os traballos, pero reciben a mesma remuneración que os que non están dispostos a se esforzar ou a correren riscos cando cómpre. (12) Persoalmente, non me parece xusto de maneira ningunha que os mellores teñan o mesmo trato que os malos, e cando teño noticia de que os capataces reparten o mellor entre os que máis o merecen elóxioos, mais se vexo que favorecen alguén polas súas adulacións ou por algún outro favor sen importancia, non fago a vista gorda, senón que os increpo e trato de facerlles ver, Sócrates, que nin sequera obran consonte os seus intereses.3 3

Xenofonte: Económico, XIII.

20


Normalmente, non había unanimidade sobre cal era a mellor forma de tratar os escravos. A disciplina era o sempiterno problema para os propietarios. É un debate que sae á luz, por exemplo, no teatro grego, nas representacións que trataban as dúbidas dos amos a respecto do mellor método para teren os escravos á raia. E outra vez Xenofonte, nos seus Memorabilia (ou Lembranzas de Sócrates), escribe sobre a difícil cuestión de como controlar e disciplinar os escravos díscolos: Examinemos tamén como tratan os amos a eses escravos. Non temperan a súa luxuria a forza de fame? Non lles impiden roubar cerrándolles o sitio de onde poidan pillar algo? Non lles impiden escapar cargándoos de grillóns? Non corrixen á forza a súa pereza co látego? Outramente, como fas ti cando te dás de conta de que tes un escravo así? –Aplícolle toda clase de castigos, ata que o obrigo a portarse como escravo.4

A man dura e inflexible era, sen dúbida, un dos métodos para manexar os escravos. Os castigos e as ameazas desempeñaban unha función fundamental á hora de mantelos atemorizados e submisos. Con todo, tamén estaban os que crían que ofrecer incentivos e premios por bo comportamento podía ser o mellor camiño. Os amos de escravos recoñecían que tamén eran importantes os estímulos, 4

Xenofonte: Memorabilia, Libro II, 16.

21


e entre eles figuraba a perspectiva de obter a liberdade. Aristóteles, na súa Política, explica que era igualmente importante combinar diferentes tipos de escravos: No tocante aos agricultores, a mellor solución, se se debe facer respondendo aos nosos desexos, é que sexan escravos, mais non todos da mesma tribo nin dun carácter irascible (pois así serán útiles para o traballo e seguros por non presentaren ningún perigo de sublevación); a segunda solución é que sexan periecos de raza bárbara [non gregos] e dun natural semellante aos devanditos escravos, e deles, os que traballan nos lotes particulares deben ser propiedade dos donos da herdade, e os que traballan na terra comunal serán propiedade pública. De que maneira se debe tratar os escravos, e por que é mellor proporlles como recompensa a todos os escravos a liberdade, dirémolo máis adiante.5

A seguir, Eurípides fala da vergonza que supón ser escravo: Só unha cousa avergonza os escravos, e é o nome. En todo o demais, en nada é inferior aos libres un escravo que non sexa nobre.6 Para moitos escravos, o nome é unha vergonza, pero as súas mentes son máis libres ca as dos que non son escravos.7 5

Aristóteles: Política (Libro VII).

6

Eurípides: Ion, vv. 854-855.

7

N. R. E. Fisher: Slavery in Classical Greece, Londres, 1993, p. 833.

22


Dado que a sociedade romana, igual que a civilización grega anteriormente, se baseaba na escravitude, os problemas relacionados cos escravos –como se adquirían, trataban, castigaban, premiaban e liberaban– e o xeito en que a condición do escravo se relacionaba e se contrapuña ás liberdades dos cidadáns romanos eran asuntos que inquietaban os propietarios de escravos. Plutarco, na Vida de Catón o Vello, escrita no século i d. C., ofrécenos un relato moi gráfico da escravitude doméstica en Roma: Adquiriu moitos escravos, comprando dos prisioneiros de guerra sobre todo os novos e capaces aínda de lograr crianza e educación, coma os cachorros ou os poldros. Ningún deles entrou en casa allea, a non ser que o enviasen alí Catón ou a súa esposa. Unha vez que lle preguntaron a un que facía Catón, nada respondeu senón que non o sabía. Desexaba que o escravo fixese algo necesario na casa ou que durmise. E estaba máis contento cos que durmían, por pensar que eran máis dóciles ca os que estaban en vela, e mellores de utilizar en calquera tarefa os que gozaran do sono ca os necesitados del. E como cría que os escravos se comportan con indolencia as máis das veces debido aos praceres amorosos, estableceu que se unisen ás escravas por unha cantidade fixada, pero que ningún tivese relacións con outra muller. Ao principio, cando aínda era pobre e servía como soldado, en absoluto se molestaba polas cousas de comer, senón que declaraba que o máis vergonzoso é pelexar cun servo a causa do ventre. Despois, cando progresaron os seus asuntos, ao ofrecer banquetes a amigos e colegas, tras a comida decontado castigaba co látego os que serviran ou prepararan calquera cousa con desleixo. E sempre

23


procuraba que os escravos tivesen algunha querela ou diferenza entre eles, pois sospeitaba e temía a súa concordia. Xulgaba os sospeitosos de cometer algo digno de pena capital e, unha vez xulgados, se eran condenados, executábaos en presenza de todos os servos.8

No Imperio romano os escravos realizaban unha gran diversidade de traballos. Nunha soa casa –en casas das elites romanas, por exemplo–, atopamos enormes cantidades de escravos dedicados a unha gran variedade de ocupacións. Na contabilidade doméstica de Livia, esposa do emperador Augusto, recóllese unha lista de 50 escravos, cada un deles asignado a unha tarefa concreta. Algúns posuían unha gran cualificación e desempeñaban traballos intelectuais (como o tesoureiro, por exemplo), mentres que outros eran simples traballadores da casa (como o augadeiro). En casas tan adiñeiradas coma aquela, os escravos domésticos eran inevitables: 1 aquarius (augadeiro) 2 arcarius (tesoureiro) 3 argentarius (prateiro) 4 ab argento (encargado da prata) 5 atriensis (mordomo) 6 aurifex (ourive) 7 calciator (zapateiro) 8

Plutarco: Vidas paralelas.

24


8 capsarius (gardarroupa) 9 colorator (limpador de mobles) 10 cubicularius (camareiro, servo de cámara) 11 supra cubicularios (supervisor de cubicularios) 12 delicium (rapaz de compañía) 13 dispensator (administrador) 14 faber (artesán) 15 insularius (gardián dos apousentos) 16 lanipendus (encargado da la) 17 lector (lector) 18 libraria (escribán) 19 a manu (secretario) 20 margaritarius (perleiro) 21 medicus (médico) 22 supra medicos (supervisor de médicos) 23 mensor (agrimensor) 24 nutrix (nutriz) 25 opsonator (despenseiro) 26 obstetrix (parteira) 27 ab ornamentis (encargado de roupaxes cerimoniais) 28 ornatrix (doncela de toucador) 29 ostiarius (porteiro) 30 pædagogus (preceptor) 31 a pedibus (xefe de lacaios) 32 pedisequus (lacaio) 33 pedisequa (criada) 34 pictor (pintor) 35 pistor (panadeiro) 36 ad possessiones (administrador financeiro) 37 a purpuris (encargado de roupaxes púrpuras)

25


38 rogator (encargado de cursar invitacións?) 39 a sacrario (encargado dos sagrarios) 40 sarcinatrix (xastre remendeiro) 41 a sede (asistente de cadeira?) 42 strator (talabarteiro) 43 structor (albanel) 44 ab suppelectile (encargado do mobiliario) 45 tabularius (contable) 46 a tabulis (criado a cargo das pinturas) 47 unctrix (masaxista) 48 ad unguenta (encargado de ungüentos) 49 ad valetudinarium (enfermeiro) 50 a veste (criado roupeiro)9

Igual que os gregos, os romanos rara vez depositaban plena confianza nos seus escravos. Temíanos; preocupábaos que roubasen, mentisen ou, en xeral, enganasen os seus amos. Os propietarios de escravos establecían sofisticados sistemas para garantir que a súa vida doméstica e as súas posesións materiais estivesen a salvo dos escravos, tal como nolo describe Plinio o Vello: Nestes tempos, mesmo a comida e as bebidas se deben selar co fin de protexelas dos roubos. Isto é consecuencia desas lexións de escravos, desa multitude de estraños que temos nas casas, tan numerosos que cómpre un nomenclátor que nos vaia lembrando como se chaman. Antigamente, os escravos de Marcus ou de Lucius tomaban o nome do seu amo (Marcipor ou Lucipor) e xantaban 9

Tirado de Keith Bradley: Slavery and Society at Rome, Cambridge, 1996, p. 62.

26


na mesma mesa. Nas casas non era preciso ter nada baixo chave para resgardalo da servidume.10

Outra preocupación constante era a tendencia dos escravos a escaparen. De cando en vez, os romanos tiñan que repartir anuncios para recuperaren os escravos fuxidos. Un documento do 146 a. C. amósanos o caso de dous fuxitivos exipcios: Escapou en Alexandría un mozo chamado Hermón, ten uns 15 anos e viste manto e cinto. Quen o recupere recibirá 2 [emendado:] 3 talentos. Quen informe de se está agochado nalgún templo, 1 [corrixido:] 2 talentos. Se o ten unha persoa suxeita a xurisdición dos tribunais, 3 [corrixido:] 5 talentos. Quen o desexe que dea parte ás autoridades. Hai outro escravo que tamén fuxiu con el, chámase Bion. Quen o devolva recibirá o mesmo que polo anterior. Infórmese tamén as autoridades.11

O maior temor era, por suposto, o da resistencia violenta por parte dos escravos. En todas as partes os escravos desenvolvían métodos para faceren fronte e resistírense aos peores aspectos da súa condición, e a violencia acostumaba ser o último recurso: todos sabían que non ía haber piedade se fracasaban ou se, tras fuxiren, os capturaban. No entanto, Plinio descríbenos nas súas Cartas o que lle 10

Plinio o Vello: Historia natural, citado por Thomas Wiedemann, op. cit., p. 93.

11

Documento anónimo recollido por Thomas Wiedemann: op. cit., p. 192.

27


aconteceu a un amo especialmente brutal chamado Larcio Macedón: (1) Un feito horrible e merecedor non só dunha carta sufriuno a mans dos seus escravos Larcio Macedón, un expretor, mais, por outro lado, un amo soberbio, cruel e que tiña pouco presente, ou apenas nada, que o seu propio pai fora escravo. (2) Estaba a tomar o baño na súa vila de Formias. De súpeto, os escravos arrodéano, un atácalle a gorxa, outro golpéalle a cara, outro bátelle no peito, no ventre e tamén (cousa horrible) nos xenitais; e, cando o deron por morto, botárono ao piso fervente para comprobaren se aínda vivía. El, quer porque perdera o coñecemento, quer porque finxía que o perdera, irto e tendido, ratificou a crenza dunha morte definitiva. (3) Entón, por fin, coma se estivese desmaiado pola calor, incorpórano; recólleno os escravos máis leais e acódenlle as concubinas acompañadas de alaridos e berros. Así, reanimado polos gritos e restablecido pola frescura do sitio, abrindo os ollos e movendo o corpo deixa ver (pois xa estaba a salvo) que vive. (4) Os escravos foxen, gran número deles son apreixados, os demais son buscados. El mesmo, reanimado malamente uns poucos días, morreu coa consolación da vinganza, pois foi desagraviado vivo como acostuman os mortos. (5) Xa ves a cantos riscos, a cantas aldraxes e a cantos escarnios estamos sometidos; e non é posible que alguén poida estar a salvo por ser benévolo e indulxente, pois os amos son asasinados non por razón, senón por maldade.12

O acto de violencia máis dramático por parte dos escravos –e o máximo temor en todas as sociedades escravistas– era, 12

Plinio o Novo: Cartas, Libro III.

28


por suposto, a rebelión. Poucas foron tan espectaculares e lembradas coma a revolta dos escravos romanos liderada por Espartaco no ano 74 a. C., descrita nos seguintes dous fragmentos de Apiano: Por aquel mesmo tempo, en Italia, entre os gladiadores que se adestraban para o espectáculo en Capua, Espartaco, un home da Tracia que servira en certa ocasión cos romanos como soldado e que, tras caer preso e ser vendido, se atopaba entre os gladiadores, convenceu uns setenta compañeiros seus a arriscárense pola liberdade mellor que pola gala dun espectáculo e, despois de violentar en compañía deles os gardiáns, escapou. Armáronse con porras e espadas dalgúns viandantes e fuxiron ao monte Vesuvio. Alí acolleu moitos escravos fuxitivos e mais algúns campesiños libres e saqueou a bisbarra tendo como lugartenentes os gladiadores Enómao e Crixo. Dado que el partillaba o botín en partes iguais, logo xuntou unha gran cantidade de homes. Nun primeiro momento, foi enviado contra el Varinio Glaber, e despois Publio Valerio, non con exércitos regulares, senón con forzas reunidas con precipitación e ao azar –pois os romanos non a consideraron xamais unha guerra, senón unha incursión e unha acción semellante a un acto de bandidaxe–, e ao atacaren foron derrotados. Espartaco mesmo capturou o cabalo de Varinio. Tan gran perigo correu o xeneral romano de ser capturado por un gladiador. Despois deste episodio, uníronse aínda moitos máis a Espartaco. O seu exército contaba xa con setenta mil homes, fabricaba armas e acumulaba material de guerra […].13 13

Apiano: Historia romana.

29


A rebelión rematou coa crucifixión de 6000 escravos, un bo recordatorio para todos –por se facía falta– do prezo do fracaso: Craso, para que a gloria da guerra non fose de Pompeio, apresurouse e tratou de atacar a Espartaco a calquera prezo. E Espartaco, pola súa parte, xulgando conveniente anticiparse a Pompeio, invitou a Craso a chegar a un acordo. Mais ao ser rexeitado por este con desprezo, decidiu arriscarse e, como estaban xa presentes os xinetes, cargou con todo o exército a través da liña de cerco e fuxiu a Bríndisi, perseguido por Craso. Non obstante, así que Espartaco soubo que Lúculo estaba en Bríndisi de volta da súa vitoria sobre Mitrídates, perdeu todas as súas esperanzas e trabou combate con Craso coas súas forzas, moi numerosas naquel momento. No decurso da batalla, que foi longa e sanguenta como cabía esperar de tantos milleiros de homes desesperados, Espartaco resultou ferido nunha coxa por unha lanza e, fincando o xeonllo na terra e cubríndose cun escudo, defendeuse dos atacantes ata que el e mais unha gran masa de partidarios seus foron cercados e pereceron. Entón o resto do seu exército fuxiu en desbandada e caeu en masa, ata o punto de ser imposible contar o número de mortos. Os romanos perderon mil homes, e non se atopou o corpo de Espartaco. Así e todo, aínda ficaba nas montañas un gran número dos seus homes que fuxiran da batalla, e contra os cales se dirixiu Craso. Estes dividíronse en catro partes e continuaron a loitar ata pereceren todos agás seis mil, que foron capturados e crucificados ao longo de todo o camiño que vai de Capua a Roma.14

14

Ib.

30


2. A ESCRAVITUDE NA EUROPA MEDIEVAL

Durante os mil anos que transcorreron desde a caída do Imperio romano ata a desaparición do feudalismo, en moitas partes de Europa existiu a escravitude (e outras formas de servidume). No Imperio bizantino, en Oriente, e ao longo de toda Europa occidental, a escravitude era fundamental para o funcionamento de numerosas sociedades. Existía no corazón da Europa cristiá, desde Islandia ata Hispania, desde Irlanda ata Bizancio e, por suposto, como veremos máis adiante, tamén estaba estendida no mundo islámico, incluído Al-Ándalus. Ora ben, non existía unha soa forma de escravitude, senón que había unha gran variedade de sistemas, desde o escravismo dos piratas viquingos no norte de Europa ata as antigas e complexas rutas consolidadas en Asia central. En efecto, había unha gran variedade de sistemas interconectados polas vías comerciais e de tráfico de escravos.

31


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook