O DEUS DO LUME Que se é certo que durante unha das miñas exploracións espaciais aterrei nun planeta salvaxe e me fixen pasar polo Deus do Lume? Non, señor xornalista, non é certo. Non me gusta enganar a xente, aínda que se trate de simios de seis patas coma aqueles. Corren unha chea de esaxeracións sobre as miñas aventuras. Endexamais casei coa Muller Araña, pola sinxela razón de que nunca a coñecín, e nin sequera creo que exista. Tampouco nunca fun o rei do pobo dos canguros: entre outras cousas, eles non o tolerarían, porque alí arriba eran, e seguen a ser, ferventes republicanos. Preguntábame vostede por ese episodio do lume. Agora mesmo hei satisfacer a súa curiosidade, pero terá que prometerme que non engadirá nin palabra ao que lle conte, entendido? Verá, daquela eu traballaba como gardián do radiofaro no asteroide X.99, unha esfera rochosa na que o sol espontaba e se poñía vinte veces en vinte e catro horas. Si, ese é o motivo de que se me coñeza como axente X.99, polo nome científico do asteroide. Como ve, non ten
9
misterio ningún. E tampouco non o ten o feito de que alá arriba tivese comigo a miña cabra: goréntame o leite de cabra, iso é todo. Unha vez ao mes, canda as provisións, tamén me enviaban unha paca de herba fresca. Ninguén antes ca min aceptara vivir como un eremita nun asteroide para proporcionarlles aquel punto de apoio ás Compañías Reunidas de Navegación Espacial. Puiden impoñer as miñas condicións, pero só puxen unha: contar con herba para Renata. Si, señor, Renata é o nome da miña cabra; esa que ve aí, embalsamada, no medio do salón. Mesmo así me fai compaña, agora que son vello e xa non ando paseando por asteroides e planetas. Naquela ocasión recibira da Terra a encarga de pegar un chimpo ao planeta Miro co obxecto de inspeccionar certa instalación automática de medicións electromagnéticas que se colocara había unha década e parecía ter algúns problemas. Miro, consonte as miñas informacións, estaba habitado por simios extremadamente pacíficos e moi afastados de calquera forma de intelixencia humana. Non había perigo ningún para un axente espacial ben adestrado e –como pensaban na Terra– ben armado. Pero eu non levaba armas, querido señor. Só levaba a Renata, para dispoñer do meu almorzo favorito a base de leite de cabra.
10
Preparo a miña pequena astronave de recoñecemento, dou un salto até alí e reviso a instalación, situada entre unhas montañas á beira dunha lagoa de auga verde. Renata, entre tanto, pace e saltarica. Semella tola de contenta, miña pobre, despois de meses de exilio entre as peladas pedras de X.99. Afástase un pouco, pero non me preocupo. Cando estou a piques de marchar, non a vexo por ningures. Debeu de internarse naquel bosque, irei ver. Vaites, mal raio me parta! Atópoa case de inmediato: está alí, deixándose muxir por dous enormes simios. Por quendas, un muxía o leite directamente na boca do outro. Namentres, outra ducia de monos observaba a escena. Non ben reparan en min, axítanse unha chisca, pero non se asustan nin escapan. E aqueles dous seguen a beber o meu leite. O asunto divírteme tanto que nin sequera teño gana de enfadarme. Meto un cigarro entre os beizos, saco o acendedor e fágoo chascar. Foi iso, o acendedor. Ao que ven a chama, todos os simios, un tras outro e tremelicando de medo, se tiran ao chan, en actitude de adoración. «Vaites, vaites!», penso, «seica te confundiron co Deus do Lume.» Pero deseguida me decato do meu erro. Quen viu nunca que os monos se comporten dese xeito? Polos seus xestos de adoración, é evidente o salto dende a condición animal até unha
12
prehumana. A chama da intelixencia xa prendeu naquelas cabezas que se abanean ritmicamente, emitindo longos xemidos que, dende lonxe, se asemellan ao canto. Fico alí un longo anaco, matinando no informe que terei que enviar á Terra. Ao cabo, lembro que teño que marchar, chamo a Renata e diríxome á astronave. Os simios veñen atrás miña, a rastro, a distancia, pero sen perderme de vista. Están todos alí, sobre as rochas da beira, como enfeitizados. Si, señor, puiden divertirme un bocado, se quixese. En cambio, ocorréuseme outra cousa. Collo dúas pedras e empezo a golpealas unha contra outra, con forza. Logo achégome a un simio femia, póñolle as pedras nas mans e convídoa a repetir o meu xesto. Fago o mesmo co resto dos monos. «Traballade, traballade! –ordénolles en voz alta–. Abaixo, dádelle, abatanade, abatanade!» E eles golpean sen saber o que fan, pero facéndoo con toda a súa alma. Das pedras, aquí e acolá, despréndense faíscas. Os monos, temorosos, guindan as pedras. Pero eu volvo poñérllelas nas mans, e volven abatanar. Finalmente, ao fondo do grupo, vexo un pequeno simio que colle a idea. Bate as súas pedras (talvez tivo sorte e lle tocaron as correctas), obtén as charamuscas e abraia, pero non se asusta. Volve comezar, volve parar. Mírame. «Bravo –aléntoo–, mans á obra, non pares…» Agora as faíscas xa non se desprenden por casualidade, debido ao
13
choque entre as dúas pedras: é el quen as obtén. Entendeuno. Entendérono as súas mans e transmitíronlle a mensaxe ao cerebro. O cerebro captou a idea. A cría de simio álzase sobre os pés, levada por unha especie de éxtase. Colócase diante dos seus compañeiros, fai saír as faíscas das pedras e ceiba alegres gritos de orgullo. Xa esqueceu o meu chisqueiro, o Deus do Lume, a adoración de pouco antes… É el o inventor do lume, explícome? «Ao traballo! –grito–. Ao traballo!» Que que fixen despois? Non fixen nada. Marchei de alí. Para certas cousas abonda a primeira lección. Por outra banda, sabía que podía confiar na corrente que se establecera entre as súas mans e os seus cerebros. Iso foi todo. Nada milagroso, como ve. Pero por que non proba este excelente asado de caza? Non se fía? Mire, acabo de sacalo da lata. Son os famosos alimentos enlatados do planeta Miro, apreciados en todos os mundos habitados. Que quen os fabrica? Pois eles, os meus amigos de Miro. É a súa especialidade. En cincuenta anos pasaron da descuberta do lume á da industria alimentaria. Sabe? Con seis mans, se se saben empregar, camíñase máis rápido ca con dúas. Que di? Que non se camiña coas mans? Pois entón, desculpe, pero vostede entendeu ben pouco de toda esta historia.
14
AS ÁRBORES NON SON ASASINAS Fora enviado a Parco –o pequeno e misterioso planeta vexetal descuberto pola expedición india na primeira metade do século xxi– só para recuperar o cadáver dun explorador brasileiro abandonado polos seus compañeiros fugados. Foran estes, quizais o lembre porque o seu xornal publicou toda a historia, os que fixeran correr o rumor de que Parco estaba habitado por árbores asasinas. Dende o asteroide X.99, onde, como xa lle dixen, vivía eu só coa miña cabra Renata como gardián do radiofaro, chegábase ao planeta en dúas semanas de voo. Para min, a encarga –á parte da penosa encomenda do finado– era unha sinxela distracción. Non cría nas árbores asasinas. Teño que recoñecer que non todo naquelas árbores resultaba demasiado tranquilizador para un visitante. Os seus movementos, por exemplo. Aquel día non sopraba vento ningún. Nin a máis mínima brisa. O aire era fresco, pero absolutamente calmo. Porén, as gallas movíanse. Unha póla aquí, outra máis abaixo, unha terceira ás miñas costas, cun estalo que me obrigaba a virarme. Comprende o que lle digo? Non é que se movese toda a fronde da árbore, senón só unha galla ou dúas, coma se alguén
15
as abanease. E os movementos multiplicábanse a medida que me internaba no bosque cara ao punto no que debería atopar o explorador que, segundo os seus colegas de expedición, fora asasinado… por unha árbore. A golpe de gallas na cabeza. A bastonadas, vaia. Coma se, nas árbores, un ser alporizado utilizase as ramas a modo de garrotes. Renata seguíame en silencio, algo inquieta. Xa era estraño abondo que non parase cadora a ataniscar a herba, verdísima e aínda húmida de resío, ou a arrincar a folla dun arbusto. O que aconteceu pouco despois foi ben máis estraño. Estivo vostede algunha vez nun bosque sen ceder á tentación de facer unha vara coa primeira galla que se lle pon a tiro? Eu non. E así o fixen no planeta Parco. Pero apenas estirara a man cara á póla á que lle botara o ollo cando Renata me cotifou lonxe cun brusco repuxón que me fixo sentir a dureza dos seus cornos. –Que tes? –protestei. Renata, xaora, non respondeu. Fitaba un punto. Naquel punto estaba o morto. Non me quedaba outra que tapar o nariz e introducir aqueles pobres restos nunha bolsa hixiénica. A operación durou escasos minutos, durante os cales se produciu un febril movemento sobre a miña cabeza, unha axitación rumorosa e inexplicable. Xa lle dixen que non había vento.
16
No camiño de regreso á astronave, detívenme a miúdo para filmar o bosque, que era dunha beleza espectacular. Non teño palabras para describilo. Agora llo ensino. Velaquí, esta é a bobina do filme. Póñase naquel sofá, que verá mellor… Viuno? Entendeu algo, á parte do espectáculo? Hai algo curioso neses movementos, pero non o captou, a que non? A min sucedeume o mesmo un cento de veces. Adoitaba proxectar o filme para min, como fascinado. E non o entendía. Intrigábame cada vez máis, excitábame, inquietábame. Pero non o entendía. Nunha ocasión presentouse no meu asteroide o profesor De Mauro. O famoso lingüista, si. Viña de non sei onde e non sei onde se dirixía; tiñan unha avaría no radiotransmisor e pararon onda min porque sabían que atoparían as pezas de recambio necesarias. Mentres os técnicos traballaban, mostreille ao profesor algúns dos filmes que gravara ao longo das miñas erráticas vagabundaxes espaciais. Entre outros, o de Parco. Créame se lle digo que saltaba de entusiasmo na cadeira. Daba uns chimpos que nin Renata! Quixo velo dez veces seguidas. Entrementres, tomaba apuntamentos de xeito febril, esborranchaba excitado, facía raros acenos cos brazos, debuxaba, riscaba, volvía debuxar.
18
–Pero non se dá de conta do que descubriu? –gritou ao cabo. –Descubrín unhas árbores nerviosas –intentei moquearme del. –Árbores falantes! –corrixiume o profesor–. Árbores falantes! Falan mediante acenos, coas súas gallas! Trátase dun fenómeno de comunicación non verbal absolutamente extraordinario… Observe con atención. Poña o filme dende o comezo. Obedezo. E el –que me parta un raio!–, cada vez que se movía unha galla…, facíame a tradución. –Din que vostede é un amigo porque leva de aquí o inimigo…, que Renata é encantadora porque non mata a herba…, que o inimigo asasinara un arbusto para facer un bastón…, que vostede marchará coa árbore que voa… –Está seguro de que non se está deixando arrastrar pola fantasía? –preguntei perplexo. Mala cousa lle dixen! Quedou tres días máis no meu asteroide e, nese tempo, obrigoume a deprender os xestos das árbores de Parco, sansanicando os brazos coma se fosen pólas. En resumo, aprendeume o que, ao seu ver, era o alfabeto de Parco. Eu xa non podía máis. Os técnicos da astronave, que nos vían voltear os brazos coma aspas dende a mañá até a noite, non paraban de rir. Alegreime cando marcharon. Por última vez, dende un ollo de boi,
19
o profesor De Mauro saudoume braceando. Eu limiteime a dicirlle adeus coa man, á vella usanza. Como sabe, tempo despois o profesor encabezou unha expedición a Parco e tornou cun vocabulario completo da lingua vexetal. Pero o que ignora, porque non o sabe ninguén, é que o primeiro home en falar coas árbores de Parco fun eu. Nunca llo contara a ninguén até o de agora. Non daba esquecido aquela historia. Quitábame o sono. Unha vez, ao pasar polas proximidades de Parco, un impulso irresistible levoume a aterrar naquel planeta. Avancei até o límite do bosque. As árbores estaban absolutamente inmóbiles. Repasei axiña as leccións do profesor De Mauro e, resolto a arrincar aquela espiña, formei unha mensaxe cos brazos: «Os homes e as árbores son amigos». Decorrido un instante, as gallas comezaron a axitarse e lin a resposta nos seus movementos: «Renata tamén é a nosa amiga».
20
O PLANETA DOS XOGUETES Aquela misión era das máis sinxelas: entregar un paquete de materiais que deixara no meu asteroide unha astronave de paso e regresar no día. Tamén había unha recomendación: non estrañarse de nada. Estaba claro que quen ma facía pouco me coñecía. Teño visto gatos gordos coma as baleas terrícolas, así que despois diso xa nada podería estrañarme. Esta foi a razón da miña chegada ao planeta dos xoguetes. Este é o nome que utilizo cando conto o sucedido, pois a súa denominación oficial contiña tantos xes e tantos zetas que até a un polonés lle custaría un mundo pronuncialo. Que por que lle chamo dese xeito? Agora llo explico. O primeiro co que bato, a modo de benvida, é cun perfecto sistema de sinalización, dirixido dende o solo mediante controis automáticos. Así a todo, denantes de facerme aterrar, obríganme a realizar un par de acrobacias sobre o astroporto, coma se se estivesen divertindo unha miga. Non ben tomo terra, agroman raparigos dende todas as partes, o maior deles tería uns dez anos, a lanzaren incribles «Uhuuuu!».
21