1958 O vento dos anos baila na frouma das árbores dos primeiros parques. Desde a incerteza do río da vida volve o sangue a un corazón sen antes. Era setembro apurado no ventre dunha muller de lúas e ledicias trenzadas coa fe que engana o nada (a grilanda da estirpe das fatigas). Era venres nas mans dunha matrona que escoitaba o silencio dentro das nubes, para guiarte na estrea da desorde: aqueles choros vermellos e de azucre. Era mediodía dun día 12 e nas exhaustas esquinas da chuvia, mendigando latexos e promesas, o milagre de nacer vencía o nunca. Desde o abraio da túa sexta década o reloxo triste do esquecemento e o tictac feliz da memoria afouta pelexan cansos mentres pasa o tempo.
13
Espera o sempre, e segue no agora. Agasalla camelias e quere moito. Coma a túa nai ao neno que trouxo no mes máis feliz do 58.
14
II
AZUCRES
É a escolla do deleite e a súa pegada doce queda na casca das árbores: un corazón labrado a navalla torpemente, e unha data e dous nomes. Semella unha bolboreta coas ás estendidas, ou talvez un Miño por onde esvaran borrosas historias de ningures… Invoco aquí o calendario do fulgor.
17
TI BUSCABAS Amor nace, flor de sangue e aire. Río solto dun sol novo. Soño. Mel de dentros, tactos feros. Beixos. Feliz canta toda a alma que ama. Ti buscabas.
19
CREDO Creo que o amor asomou, e chamaba disimulado nun mirarse babiolo, prohibíndose esas palabras que se repiten todos. Pero a tarde non puido liscar ao seu niño, as rúas cheas estaban baleiras e o onte desteceu os seus fíos de lembranzas traizoeiras. Vinlle nos ollos luces para me cegar. Que mal camiñei daquela os pasos cando o adeus da súa man convidaba a tanto! Creo que, se era amor, non deu marchado. Seguirei aquí? Poderei retelo se non foi máis que un puñado de area nos dedos? Deixádeme crer que volverá o amor (polo ceo: só camiña no ceo) para ser, á fin, Noso Señor. O incendio deste credo.
20
RECOLLO OS ADEUS Recollo os adeus de dedos que din «aí». Caben todo o planeta e as lapas do tempo nesa orde arelada, melodías do «si». Sei xa que a buscaba e a vida daría a cambio do segredo dese salvoconduto con que entrar para sempre en xaneiras de gata. Sóñome inseparado dunha pel de resina que é a cura que trae, para tanto rebumbio, o consolo do aire e fluír de marismas. Cando na illa de dous que fará con berceres? Nacerei a outra vida se pronuncia estas verbas: «Neno, podes quedar…», porque seica me espera. En Chiles de Neruda durmirán as escouras do meu hoxe sen folgos ao que só apazugan o «aí» e o «si» dun día onde os adeus son olas.
21
A GRUTA DOS NADADORES Que ti queiras reunirte nesta lenda de brevísimos intres capturados pola cámara nerviosa de présas ás ordes do teu fado. Que queiras escoitar de min as regras da arte de nadar e benquererse; a mesma de tornar o non das penas e desentristecerse. Que os azuis da lúa vibren no leito da auga en calma; que espellen relampos; que convenzan o azucre do teu peito; que entres nese abraio. Que nades, alén dos días de nubes, nun magma de canles infindas! –digo–. Que perdas as fronteiras dos costumes por perderte comigo! Que me deixes baixar, á túa beira, ata un fondo de alelís xeados: seguireite cantándote na orella do corazón un tango.
22
Que soen tamén no país secreto o rezo dun bandoneón saudoso, a segunda voz dun paxaro meigo, dozuras e balbordos. Que apareza o recuncho onde poidamos contarnos os latexos como doas dun rosario. Que os teus beizos irados me rastrexen ás toas. Que desvanezas e digas amor –digo– coma neve que cae mansa. Que entredurmas comigo ao teu carón, e no ventre da danza. Que paires logo en brétemas ingrávidas corrixindo os ronseis dos nadadores da gruta de Gilf Kebir, cerna de África, capsuliña de ardores. Que abras a porta da túa mirada e regresen as ondas e nos leven por Laponia e o Bósforo e Sumatra con furias impacientes,
23