Skip to main content

As minhas nanas negras G - Amalia Lú Posso Figueroa

Page 1

FIDELIA CÓRDOBA A nana Fidelia Córdoba tiña o ritmo nas tetas. Nacera á beira do río Sipí e tiña unhas tetas túrxidas, redondiñas como dous cocos e cunhas mamilas que posuían ademais o sentido da orientación: eran ao tempo sextante, compás, rosa dos ventos, cuadrante, sonda e astrolabio. As mamilas das tetas da nana Fidelia sinalaban o sur e o norte, o oriente e o occidente, arriba e abaixo, o centro e o dentro, sinalaban sempre a ruta axeitada. As mamilas das tetas da nana Fidelia eran o orientador, o itinerario, a salvación de cantos perdesen o rumbo xa fose na auga ou ben na terra, pero sobre todo na auga. As mamilas das tetas da nana Fidelia debían ser do signo de escorpión, porque se movían como un peixe na corrente. Dunha vez organizouse un paseo en lancha. Ao berro de «ao embarcadoiro!», congregouse o xentío, todo o mundo con vestido ou pantalón de baño, sombreiro e lentes de sol, augardente Platino para subir a cor das meixelas e, en xeral, a calor do corpo todo, e gorxas ben aclaradas que cantaban Un potro que aguabajo venga. E arrancou a lancha

11


polo río Atrato, curso arriba, no medio do balbordo e do rebumbio. A auga do río salpicaba os rostros con forza e as súas pingas sentíanse como alfinetes picando a pel. O sol, que ao principio era abrasador, foi soltando a súa aperta até ocultarse por detrás dos bananais que estaban á beira do río. Até que de súpeto non vimos a beira. Alguén cantou Al oscuro metí la mano momentos antes de que a lancha se detivese sen motivo e sen razón. Pero abofé que se detivo no medio da noite e na metade do río Atrato. Mantívose o balbordo no principio e non faltou quen aproveitou para botarse á auga. Alguén ofrecía Platino até que o patrón anunciou que o motor foraborda, o Johnson, non respondía ao primeiro lategazo nin ao quinto, que quedara como morto, que el non sabía o que facer e o que era peor: nin sequera sabía onde estabamos. Non se divisaba a beira do río. Ningunha das dúas. Apreixounos primeiro o silencio para dar paso a unha intranquilidade que en pouco tempo se espallou entre os presentes en forma de ansiedade. Todos falaban ao mesmo tempo dando indicacións do que facer, Abdo mergullouse na auga para nadar ao redor da hélice e verificar se estaba ou non enleada nalgunha raigaña; nadou un bo anaco, ou naduvo, como dixo alguén dende a lancha, pero non había raigañas e o medo comezou a percorrer as pupilas dos ollos da xente, o único que brillaba no medio daquela noite pecha.

12


A chaparrada non se fixo agardar, como de costume, e foi entón cando as mamilas das tetas da nana Fidelia atoparon na auga o seu elemento. O astrolabio e o sextante, a rosa dos ventos dos rosetóns que tiñan por mamilas as tetas da nana apuntaron nunha dirección e así, no medio da escuridade, na metade do río Atrato, todos os que podían comezaron a facer avanzar a lancha empregando os longos remos e, cando o leito do río o permitía, a panca de recatón. Pasou moito tempo, longo tempo, longuísimo, ninguén soubo dicir canto, até que de súpeto a lancha tropezou contra algunha cousa: era a beira dunha aldea que estaba ás escuras, entraramos na conca do río Andágueda e a beira era a beira de Lloró. A emoción fixo que todos baixasen en tropel da embarcación. Ninguén soubo que sonda, que astrolabio, que rosa dos ventos nos levara a terra, só a nana Fidelia, que agradeceu primeiro á súa mamila esquerda, despois á súa mamila dereita e sorriu con amplitude. Os seus branquísimos dentes foron o último que a escuridade deixou ver aquela noite. Outro día dun caloroso verán había moita xente reunida gozando das frescas augas do Sipí. Un grupo de mulleres ocupábase pelando bananas e arranxando peixes para cociñar tapao nun improvisado fogón, que se atizaba ao vaivén de abanos, mentres unha negra fumaba tabaco para dentro, deixando que a candela e o fume enchesen a súa boca. Faltábanlle catro dentes á fronte, seguramente pola devandita práctica, pero iso facilitaba o seu labor. As gasosas

13


refrescaban dentro do río e dous mozos improvisaban un tu-ru-ru-ta-ta golpeando un abridor metálico contra unhas botellas baleiras. Na beira do río dúas mulleres vellas botaban auga sobre os seus corpos con vasillas feitas coa grande casca do froito do totumo, bañábanse cun longo e púdico vestido de popelina pegado á pel, que deixaba transparencias que intranquilizarían os homes se fosen máis mozas as súas carnes. Entre tanto, outra muller aproveitaba o tempo e a auga para fregar a roupa nunha táboa de lavar despois de untala abondosamente coa pastilla de xabón. Unha negriña de trenzas puña a códea dura do queixo na conca da man para pescar cocó, unha sardiña minúscula que, ao fritila, é deliciosa. De súpeto creceu a corrente do Sipí. O primeiro que atrapou foi a pota que contiña o tapao, despois as gasosas, a táboa de lavar e mais a pastilla de xabón, sen dar tempo a nada que non fose o abraio. A enchente deixou a todo o mundo reducido a un estreitísimo bordo coas costas pegadas a unhas pedras altísimas e a fronte exposta a un caudal que crecía e crecía por segundos. As xentes sentían, todas ao tempo, que estaban nunha situación que non tiña saída, que o río lles xogara unha mala pasada. Case sen pensar, empezou a oscilar o compás das mamilas das tetas de nana Fidelia, até que se detivo cando a retráctil mamila esquerda sinalou un vao no río, un abaneante e rítmico vao polo que se foron somerxendo unha a unha todas as xentes atrapadas pola corrente do crecente Sipí para

14


atopar, ao saíren, a exuberancia dunha selva que se ofrecía abraiante pero segura: terra firme. A última en saír ao outro lado foi a nana Fidelia, quen dirixiu unha mirada agradecida primeiro á mamila esquerda e despois á mamila dereita. Era como ter nacido de novo, noutrora, noutra era, é dicir, exactamente noutro ritmo, o ritmo das mamilas de nana Fidelia. Pero unha vez, unha única vez, a nana Fidelia sentiu o amor, con vehemencia, con forza, con desacougo e deixouse ir, deixouse esvarar cara a un amor profundo, tolo, vital e perigoso. Foi así como perdeu o sentido da orientación. El chamábase Katol Landó. Era branco e moito máis vello ca Fidelia Córdoba en anos, pero non só en anos, tamén en experiencia e en picardía. Convenceuna de que a amaba e así comezou a empregar en beneficio propio o sentido da orientación das súas tetas. Levouna a vivir á beira do mar, onde el recollía paquetes que somnámbulos avións tiraban a un punto fixo polas noites, a altas horas da madrugada. Para iso o compás corporal de Fidelia era algo así como un milagre. A mamila esquerda apuntaba directamente ao lugar exacto da caída: non había erro, era a precisión detectada pola mamila. Isto era algo máis que a perfección que agardaba Katol e por iso a usou, no seu beneficio, extensamente. Foron moitos, moitísimos, os paquetes forrados en plástico que recolleu Katol coa orientación exacta da mamila

15


de Fidelia e nunca lle dixo que era o que detectaba a súa mamila, sempre o evadiu, e Fidelia seguiu sempre cegada polo amor, localizando cada noite sen lúa os paquetes que caían ao mar dende o avión, sen que nunca ela, nin a súa mamila, soubesen de que se trataba. Unha desas escuras noites sen lúa, Fidelia saíu e puxo a traballar a súa mamila para Katol, pero non volveu endexamais; ninguén soubo se o mar o comera todo: a barca, a Katol e a Fidelia e á súa mamila. Era incomprensible que, coa orientación que a Fidelia lle proporcionaba a mamila esquerda da teta esquerda e a mamila dereita da teta dereita, ela, a barca e Katol perdesen o rumbo no mar, non había unha comprensible explicación, non había un entendemento nin maior nin menor. O mar, con toda a súa inmensidade e profundidade, non tiña como gañar a Fidelia Córdoba, o mar non tiña, nunca tivo e nunca terá un par de tetas túrxidas do tamaño de dous cocos, o mar nunca tivo un astrolabio, nunca terá unha sonda e moito menos un sextante ou unha rosa dos ventos que lle permitan saber en que dirección se move. O mar nunca terá o ritmo nas tetas, como a nana Fidelia Córdoba.

16


SECUNDINA CALDÓN Secundina Caldón, a nana Caldondina, tiña o ritmo no sementar ou, como dicían todas as xentes, tiña boa man. Aquilo que tocaba a nana Caldondina engrosaba, florecía, aumentaba e endereitaba. E por iso houbo quen pensou nun determinado momento que ela podería facer tratamentos aos homes aos que non lles funcionaba o nabo. Pero a nana Caldondina necesitaba a terra como elemento para engrosar: a frondosidade, a espesura e os paus erguidos lográ­ banse, si, pero saíndo sempre da terra e quedando nela. Á beira do San Juan, en Samurindó, vila onde naceu Secundina, dicían que ela lle fixera florecer a vara a san Xosé. A parte traseira da miña casa, que coidaba con esmero a nana Caldondina, era unha explosión de cor: saían xuntos heliótropos, jalapas, man de león e chuvia de ouro. Brotaban flores amarelas incandescentes, case laranxas; flores vermellas en todas as súas gamas até chegar a un vermello case negro; flores branquísimas en forma de cartucho con espiga de cor amarela (chamábanlle neno no berce). Había gardenia, coroa de Cristo, hibisco, orquídea e dalia. O milpesos estaba ao lado do zapirandí, da árbore do pan e

17


do corozo e entre todos crecía o borojó. Para sementalo, a nana Caldondina rodeábase da maxia que esixe sementar o borojó; soterraba dous paucíños, un moi cerca do outro, a femia pegada ao macho. É o único xeito en que crece o borojó: o pau femia que dá a olorosa bóla café escura rozando o pau que ostenta a súa cestiña longa, amarela e pálida co que a toca como pixa suave até que abrolla o borojó. Aquela parte traseira da casa, sementada de maxia, movíase polas noites co vaivén que ten a mesma cadencia do amor. Ao carón crecían os pauciños de bija, cos que a nana Caldondina gozaba no seu mellor momento, cando estaban listas para baixar da árbore todas as caixiñas verdes en forma de corazón e cheas da fermosa sorpresa que dá o froito da árbore de bija: moitísimas boliñas dunha cor vermella intensa que despois as olorosas cociñas do Chocó terán sempre nun frasco con aceite para darlle cor de corazón a todas as comidas e mais ao amor. Secundina Caldón, a nana Caldondina, sabía moito do monte, das árbores, dos seus froitos, das súas flores e do tempo da semente e aprendeuno todo, todo, en Samurindó, cando estivo a traballar por moito tempo na casa de Floremiro Agualimpia Cañadas, botánico por instrumentos, que alimentaba a terra para que esta, agradecida, lle regalase froitos, flores, seiriñas e seiróns. Floremiro vivía na terra e para a terra até que soubo que Secundina Caldón non sabía ler e resolveu ensinarlle no único libro que había na casa: un libro de árbores que seica

18


dicía todo sobre as especies. Chamábase Ciencias de la tierra e era un libro de tolos que lle dicía ao plátano Himatanthus articulata se era de follas alternas, ápice agudo, flores brancas de corola tubulosa e non daba froito, pero se era o plátano que todo o mundo come fritido, chamábase Musa sp. e era da familia Musaceae. Vaites! Vaia un problema. A nana Secundina pensaba que iso de aprender a ler era com­ plicadísimo e, ademais, cal é a razón para aprender a facelo se o que unha le é unha tolemia revirada que ninguén entende. O libro dicía que seica o millo ten ao tempo flores masculinas e femininas, que non necesita doutra árbore preto dela; e que a papaia ten as flores femininas, masculinas e hermafroditas, que loucura!; que o Cativo prioria copaifera é monosperma (só un?), que o Cucharo colorado dá flores cun só pétalo e é amarelo, non colorado, que o Vitex cooperi truntago ten inflorescencias axilares (como a xente?), flores con cáliz cupuliforme, pubérulo e froito drupáceo negro de até 13 milímetros de longo (iso si que non é do tamaño da miña xente), que o corcho dá un froito negro e chámase peite do mono, que o Hura crepitans é a ceiba branca, arenillero ou o que ela chama milpesos, que segrega un zume leitoso, tóxico e irritante, que ten flores unisexuais (como pode ser?, eu comigo mesmo?), que o seu froito é unha cápsula discoide, dehiscente con violencia, que orixina unha pequena detonación con sementes aplanadas que son purgantes. Por deus, que marabilla!

19


Secundina collía unha dor de cabeza tratando de comprender que carallo era o que lían os brancos, por que razón a unha cousa tan sinxela como a xerminación dunha árbore lle puñan tanto nome raro. Ao zapote, o seu zapote de froita laranxa que comía todos os días, bautizárono Pouteria neglecta, pero se incluso soa vulgar; velaquí tes, as follas teñen pelos repartidos ferruxinosos e ás pebidas tan saborosas dinlles protuberancias veludas vermellizas. Ai! Polas noites, cando Florentino Agualimpia Cañadas chegaba cheo de terra e recendo a flores, quitaba as botas de caucho, lavaba as mans, as unllas, a cara, a cabeza e os pés con abundante auga e xabón, prendía unha candea, bebía chucula e chamaba a Secundina para que, sentada ao seu carón, pescudase páxina a páxina o interminable libro que só contiña cousas raras. «O importante –dicíalle Florentino– é aprender a ler, para despois, noutros libros máis doados, entender iso que vostede chama unha tolemia e que así se lle organice a cabeciña.» Ían na páxina cinco e Secundina leu: «Enredadeiras. Por fin! –berrou–, por fin unha cousa seria, sobre isto si que sei». Pero continuando na liña atopou: «Passiflora puritana, Passi­ flora adulterina. Non é xusto, está a dicirme este libro que as miñas enredadeiras ou ben son monxas ou son mulleres da vida? Iso non o coñezo eu, creo que lles pór nomes ás matas con condutas ben de muller sosa ou ben de muller cacheira non me parece de xustiza, non. Este libro non me está a gustar, a maior parte non o podo comprender e, can-

20


do capto unha cousiña, póñenlles picante e complicacións ás árbores, ás flores e tamén ás matas pequeniñas. Veña, ho! Será que os brancos non teñen xeito?». Floremiro Agualimpia Cañadas ría coas ocorrencias de Secundina, pero obrigábaa a continuar coa lectura: «Euforbiasis, euforbiaceae: non cumpre con patróns de familia con características definidas. E dálle, será que agora está a falar dos homes? Dígame vostede: pode dicirse que os homes son euforbiáceos?». «Siga lendo, Secundina –dixo Floremiro–, non fale tanto que se acaba a candea.» E a nana Caldondina continuou: «Machaerium moritzianum, familia Fabaceae, arbusto espiñento, flores de cáliz acampanado, ápice redondeado, emarxinado, inflorescencia en acios de raque tomentoso, pubescente, parte seminal arqueada, aplanada en forma de machete. »Vaites! Non me rife pero este arbusto ten que ser da familia dos euforbiáceos, ve que estou a aprender, algo tiña que chegarme ao entendemento.» E antes de que Floremiro se desesperase pola conversa, Secundina dixo: «Sigamos pois: Conocarpus erectus, froitos alados agrupados en cabezuelas globosas, coñécese como mangle negro; ui, seguen a falar dos homes, vexa Floremiro, terá que explicarme vostede todo este sarillo de pouteria, puritana, adulterina, tomentoso, pubescente, pero, sobre todo, o de erectus».

21


Floremiro desconcertouse coas asociacións da nana Caldondina e máis que desconcertarse, intranquilizouse, nunca se fixera aquelas preguntas perante os nomes e as características das especies. Atopou na candea unha cómplice, pois estaba a piques de consumirse e foi a escusa perfecta para pechar o libro e deixar as preguntas para un afastado despois. Pero Floremiro Agualimpia Cañadas azarouse ao sentir que a nana Caldondina estaba a pasarlle os problemas dunha loucura á que non tiña como responder e que empezaba a xerarlle características de especie, para ser máis exactos, de Conocarpus especie. Durmiu mal, suou a fío, moveuse na cama dun lado para o outro e ás catro da mañá, cando se ergueu, sentiuse extenuado ao pasar unha noite de mangle negro. Marchou axiña sen almorzar: non quería atoparse con Secundina e que ela lese nas súas olleiras que era verdade o que no libro lera. Pasou un día de espanto sen poder mirar as árbores, os froitos, as flores, as follas, as enredadeiras cos mesmos ollos de outrora; agora eran erectus, pubescentes, tomentosas, adulterinas, puritanas ou pouterias, pero, para el, todas tiñan o envés completamente tormentoso. Dáballe temor ter que regresar á noite á rutina da lavada, comida e candea prendida, pero sobre todo colleu medo da lectura. Que máis cousas poderían aparecer no libro que lle alborotasen a Caldondina a cabeza e a ladaíña de preguntas e a el a suada e o conocarpus do seu mangle negro?

22


Chegou á casa e díxolle a Caldondina, sen mirala aos ollos, que se sentía mal, que o vento e a chuvieira o tiñan ardendo. Non se lavou, non comeu, non prendeu a candea e deitouse na esteira: o seu corpo e o seu conocarpus. Secundina non se decatou de que Floremiro Agualimpia Cañadas chegara, non con febre, senón co envés tormentoso; prendeu a candea, colleu o libro e comezou a ler: «Ochroma lagopus sw, pau de balsa: tronco liso, ramificación aberta en parasoles, flores con cáliz en forma de funil, tomentoso exteriormente, interiormente seríceo, froito erecto dentro dun abundante vello sedoso, pardo amarelento. »Bursera simaruba: indio desnudo, segrega un zume aromático. Brosimun utile: perillo, segrega látex branco, ten inflorescencia grande leñosa en forma de borla espiñenta, pero solitaria». Sen sabelo, estaba lendo o tormento que angustiaba a Floremiro Agualimpia Cañadas, suorento e só na esteira; por primeira vez non fixo a asociación, apagou a candea e foi durmir. Ao día seguinte, e todos os días que seguiron, aumentou o tormento de Floremiro, que se agravou tanto que tiveron que levalo de urxencia ao hospital de Quibdó, na lancha. Caldondina quedou en Samurindó ao coidado da casa e das árbores, de flores, froitos, enredadeiras, pouterias, pubescentes tomentosas, adulterinas e puritanas, sen sospeitar que o conocarpus de Floremiro enfermara porque era ao tempo pau de balsa, Bursera simaruba e Brosimun

23


utile. Floremiro nunca regresou a Samurindó e, cando chegou un novo botánico a substituílo, Secundina meteu nunha bolsa dúas blusas, unha saia, miles de crecenzas de todo o que estaba sementado, o libro Ciencias de la tierra e embarcou cara a Quibdó. Veu traballar para a miña familia, encheu a parte de atrás da casa de ritmos de luz, movemento, cor e olor con todo o que sementou e só cando se decatou da loucura do meneo que se vía onde se amaban os paus de borojó, soubo que todo o seu ritmo se desasosegou cando Floremiro Agualimpia Cañadas lle ensinou a ler que a quentura, o amor e a loucura teñen o mesmo ritmo nos homes, nas mulleres, nas árbores, nas flores, nos froitos e, o máis revelador para ela, no Conocarpus erectus –e non só no envés senón no raque tomentoso–. Dende ese intre, ela sempre soñou con chegar a ser como a planta do zapote para encontrar a Floremiro e ter con el un froito, pero con ritmo de cáliz persistente.

24


WBALDINA CONTO ASPRILLA A nana Wbaldina Conto Asprilla tiña o ritmo nas nádegas. Estas desafiaban a lei da gravidade, de calquera gravidade. Eran durísimas, firmísimas ou, o que é o mesmo, tiñan esteatopixia. Nos bailes, en calquera reunión social ou non social, Wbaldina nunca sentou. Sempre escollía unha esquina táctica, polo xeral ao carón dunha columna que evidenciase o contraste entre a liña recta e a súa liña curva. Nunca se vestiu con traxes soltos, prefería aqueles que se lle pegaban ao corpo e permitían admirar o bombón en toda a súa dimensión. A nana Wbaldina tiña unhas nádegas axitadoras. Vivía para promover as súas nádegas, para amosar as súas nádegas, para ostentar as súas nádegas. Fascináballe que os homes, nun xogo de tira e afrouxa, llas beliscasen; permitía chistes sobre as súas nádegas, revolvíase coas gargalladas ao sorprender as miradas atónitas nas súas nádegas e gozaba, porque un si é un non rotundo, coas obscenidades que os máis atrevidos murmuraban no seu oído. A nana Wbaldina sabía que espertaba fantasías inconfesables nos homes, sabía que o ritmo das súas nádegas entolecía os homes.

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
As minhas nanas negras G - Amalia Lú Posso Figueroa by kalandraka.com - Issuu