TARDE DE ABRIL
unha tarde de abril na ribeira do Masma con mans furtivas cavei na terra escura baixo as frondes expectantes un oco onde cabería un paxaro cantor cae auganeve do ubre de aceiro e ao río pésanlle as súas ribeiras rosa o meu xersei polo que agatuñaban lanceoladas hipóteses de futuro medran altas nas xunqueiras canas de bambú con follas orantes os pandas chineses procrean en Edimburgo agarrados a efémeros mastros sorrín ás cámaras as expectativas tiñan fauces transparentes con cairos cristalinos a xiraren como aspas esmágante non deixan eivas apreciables o balor na pube e nos sobrazos vaise un día pero as unllas creban como roseiras secas rabuño a terra arredor dos fentos pecho os ollos para que a terra guíe as mans escuras entre as raiceiras
15
non cobizo os talentos soterrados desexo ver como os traballou o tempo se reflicten o desgaste dos meus ósos dos pulmóns da memoria dos afectos nas cores e figuras das súas pátinas vounos collendo un a un amodo perdido o lustre recoñezo a vida un a un devólvollos á terra escura onde non cabería un paxaro cantor cae auganeve do ubre de aceiro e ao río pésanlle as súas ribeiras
16
XASMÍN
xasmín que deixa no sosego da noite recendo de áncora
17
ROZA DAS MODIAS quid telo denique fiat LUCRECIO
Para o meu irmán Eduardo non agardaba por nós a voz da muller enterrada na medoña cos ósos desfeitos pola acidez da terra achamos o enxoval tal como alguén que debeu amala moito dispuxera coa punta de frecha orientada ao solpor tívena nas mans un instante a peza que facía de compás do alén desprendéndose do po de milenios non agardaba por nós a voz da muller soterrada hai uns seis mil anos na anta de Roza das Modias
18
VOZ INMÓBIL
voz inmóbil derradeira lasca dun feitizo
19
AWILDA Para os amigos do taller de escultura: Miguel, Marga, Merce, Juan, Yoli e José Antonio.
a voz chega como o fluír dun alfabeto que nace dunha cabeza xigante na area húmida unha cabeza branca como leite ou neve mollo os beizos nela para formar palabras abstractas ou comúns todas sementes de frases ventureiras que saben agardar anicada na area facendo aspas coas mans borro as pegadas máis próximas o rastro que fora o meu desaparece como o ronsel dunha avioneta na néboa sentada a carón da estatua ensumo os ollos na áncora transparente deste instante murmura o mar como se acabase de nacer e nada soubese de gozos e renuncias nada soubese da grande esperanza que irradia a face ensimesmada da nena os seus ollos calan nas sedosas cunchas
20
os seus beizos abren a flor silenciosa nada sabe o mar das pontes que ela tende para que os soños medren en terra firme o murmurio das ondas na nudez dun alfabeto que reverbera a luz do mediodía como a espiña dunha lingua á intemperie medra o mar no amplo horizonte do devalo axiña as ondas me cubrirán os pés e rodearán o longo pescozo de mármore mollo os beizos na pel branquísima e achego a meixela ao latido dunha vea que reverbera a luz do mediodía fulgurantes palabras que decontado esquezo remontan a corrente dos ollos infinitos murmura o mar que vai perder a mansedume
21