UN
Mentres agardaba por Merton aquela mañá no seu despa cho de Queens, onde levaba xa un cuarto de hora sentado co mellor ánimo despois de ser citado ás dez polo propio Merton, descubrín alarmado e por casualidade ao cruzar as pernas que, sen ningunha explicación máis alá do simple desgaste, levaba un burato no calcañar do calcetín dereito do diámetro da nora de Coney Island, o que me sumiu nun estado de abatemento moi desaconsellábel para afrontar a reunión en que Merton, como xa me anunciara, ía encomendarme o guión dunha nova serie. A imaxe resultoume aínda máis desalentadora ao lembrar como me pediu Ann a noite anterior que non descoidase o meu aspecto na reunión con Merton, como me insistiu en que fose ver a Merton coa miña mellor roupa, díxome, cos meus mellores zapatos, que fose ver a Merton cos meus mellores calcetíns, díxome Ann. E eu fíxenlle caso, vestín o mellor do meu armario, mais non podía prever que, esa mesma mañá da cita con Merton,
9
o calcetín do pé dereito me abandonaría, que ese calcetín de patiños, que até entón fora o meu favorito, diría basta e me deixaría desolado dun xeito tan inoportuno. Pregunteime daquela se ese calcetín non era o mesmo ca o que me lanzara un berro de auxilio uns días atrás ao pasear pola praia dos Hamptons, cando tiven a sensación de que non me abrigaba o calcañar coma o seu par. Naquel momento fun revisalo, mais por sorpresa apareceu Merton paseando pola mesma praia dos Hamptons e todo o demais tornouse irrelevante. E é que atoparme con Merton nos Hamptons foi un acontecemento excepcional, porque eu non sabía que Merton comprara unha casa nos Hamptons, e porque eu tampouco adoitaba ir aos Hamptons, e menos ir pasear por aquela praia dos Hamptons onde Merton comprara unha casa. Ao fin e ao cabo, pensei mentres agardaba por Merton no seu despacho de Queens, só fun pasear aos Hamptons por indicación do terapeuta da casa de repouso de Míchigan, o cal me aconsellou vivamente que, ao meu regreso a Nova York, aproveitase calquera oportunidade para achegarme aos Hamptons. O meu terapeuta díxome que pasease polos Hamptons para airearme, para relaxarme, que pasease polos Hamptons para sosegarme. Non abonda con pasear por Central Park porque non sosega suficiente, díxome, o mellor é pasear polos Hamptons. Sempre é bo pasear pola praia dos Hamptons para
10
sosegarse por completo, díxome, xusto por aquela praia dos Hamptons que resultou ser a mesma onde Merton ten a súa casa. Aínda que o meu terapeuta non sabía que Merton tiña aí a súa casa, nin sequera sabía que eu coñezo a Merton desde que era neno. Por iso último, cando Merton me viu aquela tarde, xusto no momento en que ía revisar o meu calcetín dereito, veu axiña darme unha forte aperta e preguntarme que tal me fora en Berlín e que andaba a facer por alí, se acaso eu tamén comprara unha casa nos Hamptons, onde el mesmo, díxome, comprara unha casa fronte ao mar o ano pasado, a mesma casa que tiña ás costas, díxome, sinalándoa. Non sabía Merton que eu estaba naquela praia dos Hamptons para sosegarme, repetindo na miña mente o segundo movemento da Sétima sinfonía de Beethoven unha vez e outra para non pensar en nada que puidese amolarme, tal e como me aconsellara o terapeuta da casa de repouso onde estiven ingresado os dous anos que Merton cría que pasara en Europa, porque eu mesmo lle dixera a todo o mundo que marchaba a Berlín, para aforrar explicacións sobre a leve alteración que sufrín nesa época. Foi esa mesma tarde na praia cando Merton me convidou a visitalo no seu despacho de Queens porque daba a casualidade de que tiña un guión entre mans que me podía interesar, agora que por fin volvera de Europa, díxome. É lóxico, pensei aquela mañá mentres agardaba por Merton no seu despacho, que a un lle esqueza revisar o grosor dos
11
seus calcetíns se lle acaban de ofrecer un traballo despois de estar tantos anos sen traballar. Tampouco é estraño, pensei entón, que un deixe de ser consciente de que, no momento máis inesperado, ese calcetín vai ceder, de que ese calcetín vai fallar de vez, de que vai dicir basta e lle vai estragar a un por completo o ánimo antes de calquera reunión importante. Este calcetín vaiche estragar o ánimo, dixen para min esa mañá tentando ocultar o burato mentres agardaba por Merton no seu despacho de Queens. O enfado pola miña mala sorte levoume a sacar o caderno de sentimentos e emocións que me dera o meu terapeuta para anotar como me sentía ao longo do día. Non sabía se escribir enfadado, desanimado ou preocupado. Decidín anotar os tres sentimentos, mais dubidei sobre se pesaba máis en min o enfado, o desánimo ou a preocupación. O peor é sempre reflectir mal os sentimentos e as emocións, iso non axuda logo a reflexionar, pensei mentres gardaba o caderno sen anotar nada. Ademais, non quería esborranchar ese caderno porque mo dera en persoa o meu terapeuta, deumo na man, lembrei. Regaláramo a min, sen un só borrancho, listo para ser cuberto de emocións e sentimentos, mais dixen para min: debo usalo ben; non de xeito precipitado, pensei, non ao chou, porque un caderno coma este, entregado na man por un terapeuta, non o ten calquera, pensei. Entretívenme daquela tentando tapar o meu calcañar dereito co meu nocello esquerdo mentres agardaba por
12
Merton e contemplaba as fotografías que asolagaban o seu despacho de Queens, nas cales sen excepción estaban Merton e o seu mellor sorriso cos máis variados personaxes famosos, abrazándoos ou entregándolles algún premio. Houbo un tempo, pensei, en que estiven a piques de subir o último chanzo que me levaría a estar aí, recibindo algún recoñecemento por algún dos meus guións. Faltoume moi pouco, pensei aquela mañá, como tamén pensei que me faltou moi pouco aquela tarde que paseaba pola praia dos Hamptons. Ese pensamento non o puiden quitar da cabeza durante aquel paseo nin co segundo movemento da Sétima sinfonía, a pesar de que o meu terapeuta me dixera que quitase da cabeza ese pensamento insán, un pensamento que non me relaxaba nin me sosegaba. E o obxecto do meu paseo polos Hamptons era xusto o contrario: airearme, relaxarme, sosegarme. Estou aireándome, pero non relaxándome nin sosegándome, pensei entón mentres paseaba porque non era quen de dominar ese pensamento, non lograba afastalo de min. A clave está en dominar o pensamento, afastar dun as ideas negativas, dixérame o meu terapeuta, mais eu estaba a pasear por aquela praia dos Hamptons sen dominar nin afastar o pensamento de que, sen dúbida, triunfaría se me deixasen terminar o meu guión sobre a conflitiva relación entre aqueles dous astronautas que ían a Marte. Non puiden acabalo porque mo arrebataron, roubáronmo, pensaba paseando pola praia, como tamén o pensei aquela mañá agardando por Merton
13
e contemplando as innumerábeis fotografías do seu despacho. Agora, dixen para min entón, podería mudar a miña sorte logrando un grande éxito e darlle tamén unha alegría a Ann, porque só gaña trescentos á semana e mal nos chegan para nada, pensei, e máis cando tamén hai que pagar as débedas que o seu pai adquire unha vez e outra nas apostas, algo que nos persegue desde que casamos, lembrei, porque unha vez e outra aparece o pai de Ann cunha urxencia relacionada coas súas débedas por mor da súa afección, como lle chama el; adicción, como lle chamo eu, pensei esa mañá. Esa adicción, afección segundo di el, levouno a pedirme dous mil dólares só un par de días antes da miña cita con Merton, porque fora realizar unhas apostas a Detroit e alí pedíralle o diñeiro a un prestamista que, supostamente, era un amigo. Dous mil dólares que perdeu en Detroit no prazo máis breve. Por que razón foi a Detroit e a quen lle pediu o diñeiro para apostar non o sabía, mais díxome entre bágoas que, se non pagaba decontado os dous mil, lle ían partir as dúas pernas, lembrei no intre en que Merton, por fin, entrou cun gran sorriso no seu despacho de Queens, pedíndome desculpas pola demora e dándome unha emocionada aperta.
14
DOUS
Ann insistírame, dada a nosa precaria situación económica, en que tiña que aceptar calquera encomenda, e en que non debía propor nada, en que simplemente dixese si a todo, porque calquera cousa era mellor ca nada, ca o nada no cal pasaba os meus días tras saír da casa de repouso de Míchigan. Mais cando Merton me preguntou aquela mañá no seu despacho de Queens, talvez co fin de, como se adoita dicir, romper o xeo, en que tipo de guión me gustaría traballar, non encontrei motivo ningún para ocultarlle que sempre quixera escribir unha serie, pero non de ficción, senón sobre pintura. Non lle mentín, díxenlle que cando eu traballaba para a produtora de Ned discutimos esa posibilidade, mais non chegamos a ningún acordo porque eles propuñan dez capítulos, cada un de media hora de duración e dedicado a un pintor; pola contra, eu defendía episodios dunha hora e que toda a serie se dedicase, non a dez pintores, non a un
15
único pintor, senón a un só cadro, o Campo de trigo con corvos, de Van Gogh. –De verdade? Dez horas para un só cadro? Paréceme fantástico, agora entendo por que te fuches a Europa –dixo Merton erguéndose e convidándome ao sofá–. E dime, como tiñas pensado encher os dez capítulos tratando só un cadro? –Pois lembro que propuxera comezar cun plano detalle sobre unha pincelada amarela, e logo ir desprazando a cámara pouco a pouco, moi pouco a pouco, polas outras pinceladas, deténdoa nos cambios de cor para amosar ben os contrastes. –Fantástico, fantástico. Moi europeo. –O importante é pararse a contemplar os pequenos detalles de cada pincelada. –Claro, e con algunha voz en off, explicando algo do autor, non é? –Que autor? –Pois ese… Van Gogh, non? –Non, non, sen ningunha voz nin música, porque iso distrae a atención e o importante é centrar a atención, fixala en cada pincelada, no detalle. Polo menos para min. –Claro, claro, fantástico. Iso en Europa funcionaría moi ben. Xa imaxino a expectación entre un capítulo e o outro, os debates nos cafés… E non hai ninguén que diga nada, non hai ningún movemento?
16
–Non, non hai necesidade. Eu creo que a acción está sobrevalorada tanto no cinema como na televisión. Hai que propiciar a volta cara a un mesmo, axudar á introspección do espectador. –Xa, por suposto, tes toda a razón. E no último capítulo, ao final, abres plano e mostras todo o cadro. –Que cadro? –Eh…, ese dos corvos, non? –Non, non, non, para nada, o importante é o detalle. Mostrar todo o cadro é ocultar os detalles, é enmascarar os detalles, non é outra cousa que desprezar os detalles, nada máis que traizoalos; hai que centrarse na pincelada, fundirse coa pincelada. Polo menos, esa é a miña visión. –Fantástico, fantástico, unha xenialidade, sen dúbida. Aínda que non sei se aquí se entendería; dez horas fundíndose con pinceladas paréceme demasiado profundo para o espectador americano medio, pero a idea é fantástica. Por outra parte, para un guionista debe de ser duro non escribir nin unha palabra nunha serie de dez horas, non? Cando Ned gañou o Óscar ao mellor guión con Jane por aquel filme sobre a viaxe a Marte, dixo que el o fixera porque sentía a necesidade de escribir; dixo que escribira ese guión porque tiña unha débeda consigo mesmo. –Dixo iso? Vaia, pois eu non, eu escribo porque teño débedas con todos os demais. –Ah, ben, pois virache estupendamente a miña proposta.
17
Grazas a que Merton se ergueu do sofá e comezou a ir e vir polo seu despacho de Queens falando da súa idea, foime posíbel redobrar os meus esforzos en ocultar, co maior disimulo posíbel, o burato aberto no meu calcetín dereito, que non deixaba de medrar. E daquela tiven a sensación de que perdera a miña oportunidade de influír nesa proposta de Merton porque, en definitiva, Merton era un deses homes de negocios que non lle prestan a un máis de dez minutos de atención consecutivos, pensei. Nunca poden prestar máis de dez minutos de atención porque a súa atención, en definitiva, se desvía ao cabo de dez minutos para centrarse nas súas propias necesidades, pensei, e estes homes de negocios non poden, aínda que o tenten, dedicarlle a un máis de dez minutos de atención porque, en definitiva, as necesidades dun non son necesarias para eles. As túas necesidades non son as súas necesidades, pensei, os seus dez minutos non son os teus, pensei mentres tentaba ocultar o burato do meu calcetín dereito co maior disimulo. Que perdera a miña oportunidade quedoume claro cando empecei a entender que tipo de serie me estaba a propor Merton. Non era máis ca un subproduto cultural, simple escoura audiovisual, lamenteime angustiado. Mais Ann advertiume que non dixese nin unha palabra contra a escoura audiovisual se se dese o caso de recibir a proposta de Merton de facer un guión para unha serie
18
televisiva que puidese considerar un lixo televisivo, como se estaba a dar. Perdín a miña oportunidade de influír en Merton durante os dez minutos de atención dispoñíbeis e agora xa estaba a mercé da súa oferta para facer unha escoura audiovisual, porque non me podería negar a escribir ese lixo televisivo sen ter de inmediato un serio conflito con Ann. Para Merton era fantástico ofrecerme a oportunidade de escribir un guión para unha serie que podería marcar unha época, atreveuse a dicir sen rubor ningún. Unha serie sobre unha familia que vivía nas montañas, díxome, en Colorado, engadiu. Unha familia de dous nenos; unha nena; un pai; unha nai; un avó; unha avoa, e un can, díxome sen ruborizarse e cun sorriso de amplitude similar á ponte de Brooklyn. O can era importante porque tiñan un patrocinador que vendía produtos para mascotas, díxome sen mostrar vergoña ningunha. E alí estaba eu, escoitando a Merton co meu mellor sorriso finxido, competindo con todos os seus sorrisos finxidos de todas as fotografías por diante das cales o propio Merton paseaba dun lado ao outro do seu despacho explicándome que buscaban unha serie moi familiar, sen conflitos graves, todo moi montañés, dixo, con certo aire da alta montaña suíza, dixo, coma se fose unha familia suíza mais sen ser suíza, coma se Heidi se trasladase ás montañas de Colorado e vise aumentar a súa familia.
19
Dixo Merton que aquela historia familiar podería chegar a ser unha serie clásica co paso dos anos e das sucesivas tempadas, durante as cales os nenos irían medrando, como irían envellecendo os seus pais e avós, e que até o can podería chegar a ser un dos cadelos máis famosos da televisión en todo o mundo, engadiu nun estado de excitación que me empezou a preocupar e que me facía difícil manter o sorriso finxido por máis tempo. Noutras circunstancias negaríame, mais naquelas cir cunstancias non podía negarme porque precisaba traballar e gañar diñeiro. Precisaba dun adianto con urxencia. Alén diso, Merton sempre me pareceu unha boa persoa. A outro diríalle que non sen pestanexar, a outro diríalle a verdade, que aquilo só era escoura audiovisual e que eu non ía colaborar en encher de lixo televisivo as casas dos estadounidenses nin en encher de lixo e escoura as casas de medio mundo, como pretendían facer a produtora e o patrocinador que vendía artigos para mascotas. Merton sempre me pareceu unha boa persoa, repetín para min co fin de consolarme ante a angustia da aceptación, xa que só o simple feito de pensar na non aceptación tamén me provocaba angustia, pensei. Tanto me angustiaba aceptar coma non aceptar, porque a angustia non a causa o que un elixe, como ben dicía Kierkegaard, senón ser consciente de que un ten a liberdade de decidir, de que un está condenado a elixir, pensei para consolarme, aínda que Kierkegaard dixo iso cunhas boas medias de la.
20
A liberdade de elixir angústianos, abandónanos ante a angustia, guíndanos á angustia, pensei á vez que tentaba non mover as pernas. Mais Merton merecía ser escoitado porque o seu exemplo de superación tamén me comportaba unha ensinanza, dixen para min lembrando a desgraza que viviu xusto despois da súa voda, na súa lúa de mel, cando un camión gandeiro atropelou da forma máis brutal a súa muller en canto el a fotografaba coa súa cámara nova e a arrastrou douscentos metros polo asfalto até matala. Dixeron que o camión aparecera da forma máis inesperada nun cambio de rasante a unha velocidade excesiva e que non lle deu tempo a frear nin puido esquivala, e matouna diante de Merton no segundo día da súa lúa de mel con todo xa pago. Matouna alí mesmo, mentres Merton, que lle pedira á súa muller que se colocase na estrada para facer unha composición artística, seguía buscándoa no visor da súa nova cámara fotográfica, crendo que algo non funcionaba. E a pesar da dor pola morte da súa muller e por non poder estrear a cámara, el foi quen de superalo todo, foi quen de saír adiante e, co tempo, converterse nun gran produtor de cinema e televisión. Sen dúbida, Merton era un tipo que merecía todo o meu respecto e que nunca se mostrou como unha vítima ante ninguén, nunca utilizou a súa desgraza para conseguir nada e, polo menos comigo, nin sequera volveu falar do asunto,
21
dixen para min entón mentres o escoitaba falar da familia montañesa diante das súas fotografías saturadas de sorrisos. Como lle ía eu explicar a calquera, e especialmente a Ann, que rexeitara a oferta de Merton aludindo á angustia, como me ía negar escudándome na angustia, refuxiándome na angustia, guindándolle a palabra angustia a Merton sen consideración ningunha. Como podía lanzarlle a palabra angustia para rexeitar a súa oferta, cando Merton mellor ca ninguén, e por suposto mellor ca min, sabía o que era a angustia, a verdadeira angustia, pensei, a desesperación. Non podía negarme. Aceptei. –Fantástico! Encantaríame rodar nalgunha montaña suíza –dixo Merton sentando de novo a carón de min–, mais non temos tanto orzamento, así que imaxina que a contorna é similar, con algo de neve e todo iso. Supoño que sabes de que falo porque nestes dous anos en Europa estarías algunha vez en Suíza. –Suíza? Dos dous anos, un paseino entre Suíza e Suecia, por toda esa zona. Non sei por que se botou a rir e non lle preguntei porque nese momento a miña vista foise deter xusto sobre unha fotografía, unha pequena foto en que, a ambos os lados de Merton, abrazados a Merton, estaban Jane e Ned. Merton reparou niso e preguntoume, baixando o ton, se os vira ultimamente. Díxenlle que non, que levaba oito anos sen velos. Suspirou e contoume que lles ía moi ben, que agora estaban casados, que tamén se mudaran aos Hamptons,
22
que eran veciños naquela praia dos Hamptons e que ela gañara moito prestixio como escritora, sobre todo desde que colaborara con Ned no guión do filme sobre a viaxe a Marte. Finxín que non o sabía. –Conto contigo daquela? Entendiches o tipo de historia que queremos? Debes saber que es un afortunado, porque moitos guionistas pagarían por traballar na serie. Eu tamén lles pagaría para que o fixesen, pensei, pero tiven que confirmarlle a miña total disposición a escribir o primeiro borrador, a empezar a escribilo de forma inmediata, sen escatimar tempo nin esforzos e trasladándome mentalmente ás montañas suízas, díxenlle a Merton tentando manter o calcañar dereito ben cuberto. Miroume e na súa cara apareceu o mesmo sorriso ca en todas as súas fotos. –Fantástico –dixo dándome unha grande aperta.
23