Skip to main content

Agni e a chuvia G - Dora Sales / Enrique Flores

Page 1

Nun canellón de Bombai

Agni vive nunha barriada de Bombai. Agora, algúns adultos chámanlle «Mumbai» á cidade, mais continúa a ser a mesma. Case non cambiou nada máis alá do nome, e no barrio continúan a chamarlle Bombai, coma sempre. O barrio de Agni está feito con moitas e moitas casas pequenas nas que viven familias coma a súa, que está formada polos seus pais, Apu e Aparna, e a súa irmá, Lalita. Os catro rin cando están xuntos. Ás veces non saben moi ben por que, mais iso é o que menos importa. A nai de Agni, Aparna, sorrí cando frega e refrega os dous únicos cacharros que emprega para facer a comida. Sempre quedan tan relucentes que resulta difícil miralos sen quedar cativo do brillo. O pai de Agni, Apu, sorrí cando marcha pola mañá moi cedo ao centro da cidade, onde traballa limpando coches. Cando regresa, ao final da tarde, case xa á hora da cea, tamén sorrí. Entra na casa serio, quizais porque está moi canso, pero sorrí pouco despois de entrar. Lalita tamén sorrí a todas as horas. Só ten tres anos e pasa todo o día a durmir e a xogar. Xunto aos demais nenos das chabolas veciñas, corre dun lado cara a outro da pequena caseta ou polo canellón que está en fronte dela. 7


Agni xa é maior. Fixo dez anos o mes pasado. O seu maior agasallo foi que ese día non tivo que ir traballar. Que día! Toda unha xornada para lacazanear e pasear. Entendeu entón por que Lalita sorría sen parar. «Non me estraña, sen ter que traballar…», pensou Agni. A nai de Agni traballa moito. Madruga e marcha da casa moi cedo, pouco despois de papá. Ela tamén ten que ir ao centro da cidade. Como Bombai é moi grande, a nai de Agni pasa case tres horas sentada en autobuses e camiñando por rúas grandes e ateigadas de xente ata que chega ao lugar onde traballa, a casa da señora Sharma. Agni sempre pensou que o traballo da súa nai é moi importante, xa que é ela quen se encarga de limpar o chan da casa, de lavar toda a roupa, de pasar o ferro a todo o que faga falla, de cortar as cebolas, de mondar as patacas, de lavar e pelar os tomates, de lavar e cortar os cogombros, de raiar as cenorias, de ferver o arroz, de bater o iogur, de facer marmelada de mango e de moitas cousas máis. Ata ten que preparar cordeiro! O cordeiro é unha comida que a Agni lle encanta. Só recorda comelo tres veces na súa vida, que sempre coincidiran coa festa da primavera, cando algúns dos veciños da barriada –aqueles que poden– achegan unhas rupias para mercar unhas pezas de cordeiro que cociñan para todos con curry e cebola. Preparan un prato riquísimo que se chama rogan josh. A Agni fáiselle auga na boca ao recordar aquela carne tan tenra e tan saborosa con aquel prebe de especias… Pensar nela é un bo motivo para desexar que chegue a festa da primavera. 8


Polo visto, na casa da señora Sharma cómese moito cordeiro sen motivo especial, e tamén moitas outras cousas que Agni nunca comeu nin tampouco viu das que lle fala a súa nai: polo, gambas e moitas froitas de cores. É coma se na casa da señora Sharma sempre fose festa. «Como serán as gambas?», preguntábase Agni. Encántalle esa palabra, «gam-ba», porque lle soa alegre. Agni pensa ás veces que a señora Sharma ten que querer moito á súa nai. Que faría sen ela? Mais, polo que lle conta mamá, as cousas non son así. Mamá di que a señora Sharma case nin a mira cando chega e tampouco se despide nunca dela cando marcha. Só lle fala para pedirlle que faga isto ou estoutro. –Así é como nos tratan aos pobres, coma se fósemos invisibles –di sempre a nai de Agni como explicación cando quere mudar de tema e deixar de falar da señora Sharma. Agni non entende moi ben que é iso de ser pobre. Só ten unha cousa clara: os seus pais, Lalita e el son iso, e todos os veciños do barrio tamén. Sábeo porque cando os adultos falan entre eles adoitan rematar dicindo que son pobres. «Ser pobre non é bo», pensa Agni ao lembrar as caras tristes que poñen os adultos cando din esa palabra. Nunca sorrín. A nai de Agni regresa á tardiña cando remata de traballar na casa da señora Sharma. A verdade é que fai case o mesmo traballo nas dúas casas: limpar o chan, lavar a roupa, cortar as cebolas e as patacas, ferver o arroz, bater o iogur… Porén, como na súa casa hai menos cousas e moita menos comida, a mamá de Agni sempre di que traballar nela non a cansa tanto. 9


–Toda a nosa casa é tan grande coma a cociña da señora Sharma –contoulle un día a Agni. «Vaites!», pensou el. Algunhas noites, Agni queda durmido arrolado polas historias que mamá lle conta sobre as súas viaxes ao centro da cidade ou sobre as cousas que hai na casa da señora Sharma. Agni abre os ollos abraiado cada vez que lembra que aquela casa é tan grande que case todos os veciños do canellón poderían vivir nela, e que os fillos da señora Sharma non teñen só dous pantalóns, senón moitos máis, e que se abres unha cousa na cociña e no lavabo –mamá chámalle «unha billa»– sae agua! Naquela casa non teñen que ir á fonte cun caldeiro e aguantar as longas ringleiras que se forman alí todos os días. Agni está canso de agardar diante da bomba de auga que está xusto na entrada do canellón. O seu pai e mais el altérnanse para ir buscar auga, para o que levan un vello caldeiro de plástico verde. O camiño de ida é aburrido, aínda que ás veces estar na ringleira é gracioso. Alí atópaste con veciños, moitas veces do canellón, e outras con outros de canellóns próximos. Charlas un pouquiño e o tempo pasa voando. O malo é o camiño de regreso. Ese si que se fai pesado. Moi pesado. O caldeiro de plástico verde que ía baleiro durante o traxecto de ida agora volve cheo de auga e pesa moito. Ademais, non te podes despistar. Se o fas, a auga derramarase. Cómpre concentrarse en levar á casa o caldeiro o máis rápido posible. A Agni dáselle moi ben iso de levar caldeiros de auga: case nunca se lle derrama nada. Aínda que, claro, tamén practica moito. 10


Moitas veces, cando queda durmido, Agni soña con cousas que nunca viu e con palabras ás que non lles pode poñer imaxe: billa, gambas… Son tantas que ás veces non se lembra de todas e as palabras esquécenselle. O pai de Agni tamén chega á tardiña, pouco despois de mamá, cando ela xa está a preparar a cea e o sol xa se está a poñer para, ás veces, cederlle o paso á lúa. Bombai é unha cidade chea de vehículos de todo tipo e de grandes rúas. Nelas, os condutores adoitan ter que agardar, polo que deben ter paciencia e cederse o paso uns aos outros. O pai de Agni aproveita eses momentos para achegarse a limpar os coches se os condutores lle deixan. Na rúa grande na que traballa todos os días, comparte a tarefa con varios amigos. Todos traballan limpando coches: os cristais, as portas, as rodas do capó… Son compañeiros e amigos desde que traballan nesa rúa. Nela coñecéronse e nela seguen. É unha boa rúa porque ten moito tráfico. Ás veces, o pai de Agni relata historias dos seus amigos limpadores de coches. Cada un deles emprega unha vella botella de auga mineral de plástico para traballar. Reénchena coa auga dalgunha bomba próxima e un pouco de xabón. Axúdanse entre eles: préstanse xabón e mais algún trapo, e nunca pelexan polos coches. Hai moitos: grandes, medianos, pequenos, de todas as cores. Cando remata a xornada reúnen as moedas que conseguiron e repártenas entre todos a partes iguais. Fan iso porque todos están na mesma rúa, todos fan o mesmo traballo e todos limpan igual de ben. Que uns consigan limpar máis coches ou reciban máis moedas tan só é unha cuestión de sorte. 11


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Agni e a chuvia G - Dora Sales / Enrique Flores by kalandraka.com - Issuu