A psicoloxía infantil e a nova educación
NOTA DE EDICIÓN
O epistemólogo e psicólogo suízo Jean Piaget (1896-1980), o autor da teoría construtivista do desenvolvemento da intelixencia humana, é unha referencia fundamental tanto no campo dos estudos de psicoloxía, como nos estudos de pedagoxía. Piaget abriu unha ruta radicalmente nova e frutífera no estudo da construción progresiva da intelixencia infantil, tomando en consideración para isto o clima de anovamento educativo que se facía visible nos albores do século XX a través do aínda incipiente movemento internacional da escola nova e activa e, particularmente, os estudos sobre a psicoloxía da infancia que na cidade de Xenebra realizaba Édouard Claparède, quen era ao tempo impulsor dende 1912 do Institut Jean-Jacques Rousseau des Sciences de l’Éducation, institución dende a que o mesmo Jean Piaget promoveu as perspectivas investigadoras que previamente comezara a desenvolver en París, cabo de Alfred Binet, proseguíndoas dende a Universidade de Lausanne e dende Xenebra. A súa elaboración teórica, froito reflexivo de moitos exercicios e observacións prácticas, –atenta ao desenvolvemento da linguaxe infantil, á formación de conceptos matemáticos e topolóxicos, á formación da conciencia moral e a outras relevantes cuestións–, que facía depender a construción xenética da intelixencia da 5
interrelación ambiental, indo alén da dimensión biolóxica do crecemento humano, engarzou co clima innovador e de preocupación pola anovación educativa, apreciándose que esta elaboración piagetiana resultaba ser o mellor fundamento psicolóxico e científico para estas novas perspectivas educativas. Así, os seus textos e monografías académicas, orixinalmente escritos en francés, pronto se traduciron ao castelán, ao inglés e a outras linguas. A propia presenza de Piaget no Institut que chegou a dirixir, denantes de ser nomeado director do Bureau International d’Éducation (BIE–UNESCO), converteuse nun motivo máis para viaxar a Xenebra dende distintos lugares da xeografía europea coa finalidade de acceder a algún dos seus cursos. Sirva como exemplo o caso do inspector de educación primaria da Coruña José Peinado, quen en 1936 solicitaba poder seguir estudando psicoloxía infantil en Xenebra, para o que contaba co aval de Jean Piaget. O que igualmente fixo nos pasados anos setenta o profesor Eduardo Martí, epiloguista nesta presente edición. Na extensa e importante bibliografía piagetiana son moi numerosos os textos sobre a psicoloxía infantil, e representan un número menor os seus textos expositivos e reflexivos sobre a educación. Nesta súa bibliografía destacan os dous textos que agora se traducen á lingua galega e que foron editados orixinalmente en francés en 1935 e en 1948, momentos os dous en que, por unha parte, madurara plenamente o movemento internacional da escola nova e activa, do que Piaget forma parte, e no que, finalizada a segunda guerra mundial, se abría un proceso de alcance internacional a prol de políticas educativas de orientación democrática. As dúas cuestións están plenamente presentes nestes escritos. 6
A tradución ao galego non foi doada e esixiu un exame minucioso e contrastado, no que interviñeron o profesor Henrique Harguindey,* ben recoñecido entre nós, o director da colección e aínda os propios servizos editoriais de Kalandraka. A escrita piagetiana é complexa, ten reviravoltas e, alén da precisión conceptual que o autor non abandona, poderíase dicir que por momentos é formalmente descoidada e un algo retórica de máis; nela encontramos longos períodos de frases reviradas, con frecuencia acumuladoras de coordinadas, subordinadas, xustapostas, incisos… o que dificulta un traslado, academicamente esixente, ademais de valioso e rico na lingua. Mesmo ante eses casos de acumulación de texto debemos acudir, sempre que nos pareceu axeitado e que non se alteraba o seu sentido, ao procedemento de pequenas modificacións da puntuación, que proporcionasen maior axilidade e máis doado seguimento. Todo un reto. Como é habitual nos textos da «Biblioteca de Pedagoxía», ademais dun espléndido, coidado e didáctico epílogo, introdúcense todas aquelas notas ao rodapé que pretenden informar e clarificar distintos aspectos de interese lector e indicacións bibliográficas finais. Finalmente, procuramos presentar unha valiosa edición académica, un agasallo para o lectorado galego e un chanzo máis no proceso normalizador. ACR * O tradutor agradécelle a Antón Costa a súa fundamental achega no esclarecemento de conceptos e ideas, na documentación aclaratoria e contextualizadora e mesmo na tradución de frases e parágrafos. A súa colaboración resultou decisiva para a mellora do texto en galego.
7
BASES PSICOLÓXICAS DOS NOVOS MÉTODOS PEDAGÓXICOS (1935)
Como definir os novos métodos educativos e a partir de cando datar a súa aparición? Educar é adaptar o rapaz ao medio social adulto, é dicir, transformar a constitución psicobiolóxica do individuo en función do conxunto das realidades colectivas ás que a conciencia común atribúe algún valor. Daquela, dous termos na relación que constitúe a educación: por unha parte, o individuo en crecemento, e pola outra, os valores sociais, intelectuais e morais aos que o educador ten o encargo de inicialo. O adulto, ao percibir a relación segundo a súa propia perspectiva, comezou por pensar só nestes últimos valores e por concibir a educación como unha simple transmisión dos valores colectivos de xeración en xeración. E –por ignorancia ou a causa desa oposición entre o estado natural, característico do individuo, e as normas da socialización– o educador preocupouse de primeiras da finalidade da educación máis que da súa técnica, do home feito máis que do rapaz e das leis do seu desenvolvemento. Así se viu conducido, implicitamente ou explicitamente, a considerar o rapaz quer como un homiño a instruír, moralizar e identificar o máis axiña posible cos seus modelos adultos, quer como o soporte de pecados orixinais variados, é dicir, como unha materia resistente que se trata de endereitar máis 11
que de conformar. Deste punto de vista provén sempre a maior parte dos nosos procedementos pedagóxicos. El define os métodos «antigos» ou «tradicionais» de educación. Os métodos novos son os que teñen en conta a propia natureza infantil e remiten ás leis da constitución psicolóxica do individuo e ás do seu desenvolvemento. Pasividade ou actividade. De todos os xeitos, cómpre entenderse. A memoria, a obediencia pasiva, a imitación do adulto e, dunha maneira xeral, os factores de recepción, son no rapaz tan naturais como a actividade espontánea. Ora ben, non se podería dicir que os métodos antigos, por moi antipsicolóxicos que sexan ás veces, teñen descoidado enteiramente a observación infantil a este respecto. Entre as dúas pedagoxías, temos, logo, que buscar o criterio non na utilización deste ou estoutro trazo da mentalidade pueril senón na concepción de conxunto que o educador se fai en cada caso do rapaz. É a infancia un mal necesario ou ben os caracteres da mentalidade infantil teñen un significado funcional que define unha verdadeira actividade? Segundo a resposta dada a esta pregunta fundamental, a relación entre a sociedade adulta e o rapaz que cómpre educar será concibida como unilateral ou como recíproca. No primeiro caso, os nenos están chamados a recibir do exterior os produtos totalmente elaborados do saber e da moralidade adultos; a relación educativa está feita de presión por unha parte e de recepción pola outra. Dende tal punto de vista, os traballos dos alumnos, mesmo os máis individuais (facer unha redacción, realizar unha tradución, resolver un problema), participan menos da actividade real da procura espontánea e persoal que do exercicio imposto ou da copia dun modelo exterior; 12
a moral máis íntima do alumno permanece máis penetrada pola obediencia que pola autonomía. Polo contrario, na medida en que a infancia é considerada como dotada dunha verdadeira actividade e en que o desenvolvemento da mente é comprendido no seu dinamismo, a relación entre os suxeitos que cómpre educar e a sociedade faise recíproca: o rapaz tende a se achegar ao estado adulto non recibindo xa preparadiñas a razón e as regras da boa conduta, senón conquistándoas a través do seu esforzo e da súa experiencia persoais; en reciprocidade, a sociedade agarda das novas xeracións algo mellor que unha imitación: un enriquecemento.
13