Skip to main content

A transformación G - Franz Kafka

Page 1

Baño

Cuarto da criada

Balcón da cociña

Cuarto dos pais (cuarto de Grete)

Cociña

Balcón

Corredor (vestíbulo)

Sala de estar

Despensa

Retrete

Cuarto de Kafka (cuarto de Gregor)

Escaleiras Ascensor

Relanzo da vivenda

Ao río Moldava

Cuarto das nenas (cuarto da parella Samsa)

Niklass trasse

Plano da vivenda na Niklasstrasse de Praga que a familia Kafka habitou entre 1906 e 1913 e onde probabelmente se sitúa a acción d’A transformación


FRANZ KAFKA

A transformación


I

Cando Gregor Samsa, unha mañá, espertou de soños intranquilos, atopouse na súa cama transformado nun insecto infando. Estaba tendido sobre o seu lombo duro coma unha coiraza e vía, alzando un pouco a cabeza, o seu ventre arqueado, pardo, dividido por durezas curvas, a cuxa altura a manta, a piques de escorregar por completo, apenas era quen de se manter. As súas numerosas patas, miserabelmente fracas en comparación co resto da súa envergadura, rebulían torpes ante os seus ollos. «Que pasou comigo?», pensou. Non era un soño. O seu cuarto, un verdadeiro cuarto humano, aínda que un tanto pequeno de máis, permanecía tranquilo entre as catro paredes ben coñecidas. Por riba da mesa, sobre a cal estaba estendido un mostrario de panos despregado –Samsa era viaxante–, penduraba a imaxe que recortara había pouco dunha revista e encadrara nun bonito marco dourado.

15


Representaba unha dama que, provista dun sombreiro de pel e dunha boa de pel, sentaba dereita e erguía cara ao observador un pesado manguito de pel no cal desaparecera todo o seu antebrazo. A mirada de Gregor dirixiuse despois á fiestra, e o tempo nubrado –escoitábanse pingas de chuvia a bater contra a chapa do peitoril da fiestra– púxoo todo melancólico. «Que pasaría se seguise a durmir un pouco máis e esquecese todas as parvadas?», pensou. Pero aquilo era algo completamente irrealizábel, xa que estaba afeito a durmir sobre o costado dereito, pero, tal e como se atopaba naquel momento, non podía colocarse naquela postura. Daba igual a forza con que se lanzaba contra a dereita: unha e outra vez volvía balancearse de volta á posición tendida sobre o lombo. Debeu de intentalo cen veces, cerrou os ollos para non ter que ver as patas a axitarse e non parou até que empezou a sentir no costado unha dor nunca antes sentida, leve e xorda. «Por Deus –pensou–, que profesión tan esgotadora fun escoller! De viaxe día si, día non. As inquedanzas dos negocios son moito máis grandes que na propia sede do comercio, e a maiores cargo con esta cruz das viaxes, as preocupacións polos enlaces dos trens, a comida a deshora e ruín, o trato humano sempre cambiante, nunca duradeiro, nunca, ao cabo, cordial. Vaia o demo con todo!» Sentiu un leve proído no al­to do ventre; achegouse lentamente ao poste da cama avanzando de costas para poder erguer

16


mellor a cabeza; atopou o sitio que proía, que estaba cuberto de numerosos puntiños pequenos e brancos que non soubo explicar; e quixo palpar o sitio cunha pata que, porén, retirou decontado, xa que co contacto o invadiron os calafríos. Volveu escorregar até a súa postura anterior. «Erguerse así, tan cedo –pensou–, déixao a un parvo de todo. As persoas teñen que durmir o que lles corresponde. Outros viaxantes viven coma mulleres nun harén. Cando eu, por exemplo, regreso á pensión no decurso da mañá para anotar os pedidos conseguidos, estes señores aínda están sentados a almorzar. Debería intentalo co meu xefe: botaríame no acto. Por certo: igual era algo moi bo para min. Se non fose porque me conteño por causa de meus pais, hai ben tempo que presentaría a dimisión; plantaríame diante do xefe e diríalle a miña opinión desde o fondo do meu corazón. Ía caer do pupitre! Tamén é un costume estraño ese de sentar no pupitre e falar desde a altura co empregado, abaixo, que aínda por riba ten que se achegar moito por mor da xordeira do xefe. En fin, a esperanza é o último que se perde. Unha vez que xunte os cartos para saldar a débeda que meus pais teñen con el –serán precisos aínda uns cinco ou seis anos–, fareino sen falta. Daquela corto polo san. Polo de agora, porén, teño que erguerme, xa que o meu tren sae ás cinco.» E mirou para o espertador que facía tictac, alí enriba do armario. «Deus santo!», pensou. Eran as seis e media

17


e as agullas avanzaban tranquilamente. As e media incluso xa pasaran e xa eran case as menos cuarto. O espertador xa debera soar, non si? Desde a cama podíase ver que estaba correctamente posto para as catro. Seguro que, de feito, soara. Si, pero como era posíbel seguir a durmir tranquilamente con aquel son que facía tremer os móbeis? En fin, tampouco é que durmise tranquilamente; pero era probábel que o seu sono fose tanto máis profundo. Pero entón que ía facer? O seguinte tren saía ás sete. Para collelo tería que apurar coma un tolo, e o mostrario aínda non estaba gardado para levar, e el mesmo en absoluto se sentía particularmente fresco e áxil. E aínda que chegase a tempo de coller o tren, non habería maneira de evitar unha reprimenda do xefe, porque o mancebo esperara polo tren das cinco e xa había ben tempo que avisara da súa falta. Era unha criatura do xefe, sen carácter nin xuízo. E se mandaba aviso de que estaba enfermo? Pero iso sería extremadamente embarazoso e sospeitoso, xa que Gregor aínda non caera enfermo nin unha soa vez durante os seus cinco anos no posto. Con certeza, o xefe iría á casa co médico do seguro, faríalles aos pais reproches por mor do fillo preguiceiro e cortaría todas as obxeccións remitíndose ao médico do seguro, para quen o único que hai son persoas perfectamente sas, aínda que gandulas. E, por certo: neste caso estaría tan equivocado? De feito, Gregor, quitando unha somnolencia realmente superflua despois de tanto durmir, sentíase moi ben e mesmo tiña unha fame particularmente intensa.

18


Mentres pensaba todo isto a correr, sen poder decidirse a baixar da cama –o espertador daba xustamente as sete menos cuarto–, petaron con coidado na porta situada na cabeceira da súa cama. –Gregor –chamaron; era a nai–, son as sete menos cuarto. Ti non querías marchar? A doce voz! Gregor asustouse cando escoitou a súa propia voz a responder, que era clara e inconfundibelmente a súa de antes, pero na cal, coma desde abaixo, se mesturaba un chío imposíbel de reprimir, doloroso, que permitía a claridade formal das palabras unicamente no primeiro momento, para despois, mentres resoaban, destruílas de tal xeito que un non sabía se escoitara ben. Gregor quixera contestar con detalle e explicalo todo, pero limitouse, dadas aquelas circunstancias, a dicir: –Si, si, grazas, miña nai, érgome decontado. Por causa da porta de madeira, parecía que o cambio na voz de Gregor non se podía percibir fóra, xa que a nai se tranquilizou con aquela explicación e marchou arrastrando os pés. Pero a pequena conversa fixo que os outros membros da familia reparasen en que Gregor, en contra do que cabía esperar, aínda se atopaba na casa, e entón foi o pai quen, debilmente pero co puño, petou nunha das portas laterais. –Gregor, Gregor –chamou–, e logo que pasa? E despois dun intre volveu apremar cunha voz aínda máis grave:

19


–Gregor! Gregor! Mentres, na outra porta lateral, a irmá lamentouse en voz baixa: –Gregor? Non estás ben? Necesitas algo? Gregor contestou nas dúas direccións: –Xa estou! E procurou, mediante a máis esmerada das pronuncias e a in­serción de longas pausas entre cada unha das palabras, quitarlle á súa voz todo aquilo que puidese chamar a atención. De feito, o pai volveu ao seu almorzo. Pola contra, a irmá murmurou: –Gregor, abre, suplícocho! Pero a Gregor nin se lle ocorreu abrir, senón que celebrou o prudente hábito, adquirido nas viaxes, de pechar, tamén na casa, todas as portas durante a noite. Primeiro quería erguerse tranquilamente e sen que o amolasen, vestirse e sobre todo almorzar, e só despois reflexionar sobre que facer seguidamente, xa que –diso ben que se decatou– cavilando na cama non ía chegar a ningunha conclusión razoábel. Lembrou que na cama xa lle pasara con frecuencia que sentira unha sorte de dor leve, se cadra causada por algún tipo de mala postura, que despois, ao erguerse, resultara ser pura imaxinación, e tiña curiosidade por ver como as súas figuracións daquel día irían disipándose paseniño. Que o cambio de voz non era máis que o síntoma dun arrefriado considerábel, unha doenza

20


profesional dos viaxantes, era algo verbo do cal non tiña nin a máis mínima dúbida. Baixar a manta foi moi doado; só precisou incharse un pouco para que caese soa. Pero despois, a cousa púxose difícil, sobre todo porque el era tan extraordinariamente largo. Necesitaría brazos e mans para incorporarse. No seu lugar, porén, só tiña todas aquelas patiñas, que estaban incesantemente a moverse das máis diversas maneiras e que el, aínda por riba, non daba dominado. Se quería dobrar unha, era a primeira en estirarse; e se finalmente conseguía facer con aquela pata o que quería, todas as demais, no entanto, traballaban, coma ceibas, coa máis aguda e dolorosa das excitacións. «Nada de quedar a folgar na cama», dixo Gregor para si. O primeiro que quixo facer foi baixar da cama coa parte inferior do seu corpo por diante, pero aquela parte inferior, que, por certo, aínda non vira e tampouco era quen de imaxinar cabalmente, resultou ser demasiado difícil de mover. Era un proceso tan lento! E cando finalmente, a piques de tolear, reuniu a forza para lanzarse cara a diante sen miramentos, elixiu mal a dirección, bateu con forza contra o poste ao pé da cama, e a dor punzante que sentiu fíxolle comprender que naquel momento a máis sensíbel era se cadra precisamente a parte inferior do seu corpo. Por iso intentou sacar da cama primeiro a parte superior do corpo e xirou con coidado a cabeza cara ao bordo da cama. Foi algo doado de conseguir, e, malia a súa largura

21


e o seu peso, finalmente a masa corporal seguiu paseniño a viraxe da cabeza. Pero cando por fin tiña a cabeza colgando no aire fóra da cama, tivo medo de seguir avanzando daquel xeito, xa que, se finalmente se deixaba caer así, só un milagre podía evitar que mancase a cabeza. E se había algo que xusto naquel momento non podía perder, era o sentido. Preferiu ficar na cama. Pero cando, tras suspirar polos esforzos realizados outra vez, volveu atoparse tendido igual que antes e volveu ver as súas patiñas loitar entre si, quizais con máis intensidade, e non viu posibilidade ningunha de pór paz e orde naquel caos, volveu dicir para si que de ningunha maneira podía ficar na cama e que o máis razoábel era sacrificalo todo se existía a máis mínima esperanza de liberarse así da cama. Ao mesmo tempo, con todo, non esqueceu lembrar de cando en vez que a reflexión tranquila –a máis tranquila das reflexións– é moito mellor que a toma desesperada de decisións. En momentos coma aqueles enfocaba cos ollos a fiestra o máis fixamente posíbel, pero, por desgraza, a visión da néboa matinal, que velaba mesmo o outro lado da rúa estreita, non daba para moita confianza e alegría. «Xa son as sete –dixo para si cando o espertador volveu dar a hora–, xa son as sete e que néboa vai aínda!» E durante un momentiño estivo deitado, tranquilo, coa respiración débil, se cadra coma se esperase do silencio absoluto o retorno das circunstancias reais e naturais.

22


Pero despois dixo para si: «Pase o que pase, cando dean as sete e cuarto debo estar completamente fóra da cama. Polo demais, até esa hora tamén haberá alguén do comercio que veña preguntar por min, xa que o comercio abre antes das sete». E entón púxose a balancear o corpo para fóra da cama dun modo totalmente compasado e en toda a súa lonxitude. Se se deixaba caer da cama daquel xeito, era previsíbel que a cabeza, que pretendía erguer bruscamente durante a caída, resultase ilesa. O lombo parecía ser duro; seguro que na caída sobre a alfombra non lle pasaría nada. O que máis lle daba que pensar era a consideración do estrépito que ía haber e que probabelmente causaría, tras todas as portas, se non un susto, si, desde logo, preocupacións. Con todo, había que arriscarse. Cando Gregor xa tiña medio corpo a sobresaír da cama –o novo método era máis un xogo que un esforzo; o único que necesitaba facer era balancearse sempre a empurróns–, ocorréuselle o fácil que sería todo se recibise axuda. Dúas persoas fortes –pensou en seu pai e na criada– serían por completo suficientes; o único que terían que facer era pasar os seus brazos por debaixo do seu lombo arqueado e deluvalo así lentamente da cama, inclinarse coa carga e despois simplemente aguantar con prudencia que el realizase a viravolta no chan, onde era de esperar que despois as patiñas cobrasen sentido. Alén do feito de que as portas estaban pechadas, o caso era: realmente debía pedir auxilio? Pen-

23


sando naquilo, e malia aquela situación apurada, non puido reprimir un sorriso. Xa chegara a un punto en que, coa forza do balanceo a medrar, apenas era quen de seguir a manter o equilibrio, e moi rapidamente ía ter que tomar por fin unha decisión definitiva, dado que en cinco minutos serían as sete e cuarto. E entón chamaron á campaíña da porta da vivenda. «É alguén do comercio», dixo para si, e quedou case paralizado mentres as súas patiñas danzaban con crecente velocidade. Durante un momento, todo permaneceu en silencio. «Non abren», dixo Gregor para si, vítima dunha especie de esperanza absurda. Pero despois, coma sempre, naturalmente, a criada foi con paso firme até a porta e abriu. A Gregor abondoulle con escoitar a primeira palabra do saúdo do visitante para saber xa quen era: o propio apoderado. Pero por que estaba Gregor condenado a servir nunha empresa onde a máis pequena das faltas suscitaba inmediatamente a maior das sospeitas? E logo to­dos e cada un dos empregados eran uns canallas? E logo en­tre eles non había ningunha persoa leal e entregada que, cando non aproveitara o tempo a prol do comercio –aínda que só fose durante un par de horas pola mañá–, tolease cos remorsos e fose realmente incapaz de abandonar a cama? Verdadeiramente non abondaba con mandar un aprendiz a preguntar, no suposto de que aquela manía de preguntar fose necesaria? Cumpría que o propio apoderado fixese acto de presenza para amosarlle así a

24


toda a inocente familia que a investigación daquel asunto sospeitoso só se lle podía confiar ao xuízo do apoderado? Así, máis por mor da irritación que aquelas reflexións lle provocaron que por mor dunha verdadeira decisión, Gregor balanceouse con todas as súas forzas para fóra da cama. Houbo un golpe forte, aínda que non foi realmente un estrépito. A alfombra amorteceu un pouco a caída, e tamén o lombo era máis elástico do que pensara Gregor; de aí o son xordo e non demasiado rechamante. O único que non colocara con suficiente prudencia era a cabeza, que golpeou. Xirouna e refregouna contra a alfombra por causa da rabia e da dor. –Aí dentro caeu algo –dixo o apoderado na sala contigua, á esquerda. Gregor intentou imaxinar se algunha vez non lle podería pasar algo parecido tamén ao apoderado, coma hoxe a el. En realidade, era unha posibilidade que había que admitir. Pero, coma para contestar rudamente aquela pregunta, o apoderado púxose a dar un par de pasos decididos na sala contigua e fixo renxer as súas botas de charón. Desde o cuarto contiguo da dereita, a irmá murmurou para avisar a Gregor: –Gregor, o apoderado está aquí! –Seino –musitou Gregor; pero non se atreveu a alzar a voz o suficiente para que a irmá puidese oílo. –Gregor –dixo entón o pai desde a sala contigua, á esquerda–, chegou o señor apoderado e quere saber por que

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
A transformación G - Franz Kafka by kalandraka.com - Issuu