Skip to main content

A torre - Antonio Sandoval Rey

Page 1

A PREGUNTA

«Onde estou?» Da resposta depende todo o demais. Quizais a verdadeira gran pregunta non sexa «Quen son?», senón esoutra. Quizais para seres alguén necesites saber antes onde o es. E onde desexas selo. Coma se partise cara á montaña, trouxen nunha pequena mo­ chila algo de comida, auga, un caderno, unha carpeta ateigada de apuntamentos, un compás e uns prismáticos. Pero estou a menos de dous quilómetros da miña casa, a só uns centos de metros dun dos barrios máis densos da miña cidade. Vin a pasear. A escribir. Teño ás miñas costas a Torre de Hércules. Levo un anaco sentado nesta rocha. Escoito o murmurio das ondas. As voces das gaivotas sobre o cantil. Agardo a saída inminente do sol.

11


O ABRENTE

Elixín para vir un día algo pouco usual aquí en primavera. A previsión é de que hoxe a brisa sexa moi suave e estea case despexado. Antes de sentar, paseei pola beira dos cantís. Dende que aínda era noite pecha. A miña intención era asistir ao nacemento e dilatación do abrente. Comecei ás seis e media da madrugada na zona xusto ao norte da Torre, entre esta e o mar. É o mellor lugar para que os ollos se afagan á escuridade. O monte do Faro agocha as luces da cidade, tanto, que se miras cara a este lugar dende punta Herminia, de onde acabo de chegar, podes comprobar como unha sombra se estende cara ao océano; tamén a liña nidia que, coma un horizonte, a separa de onde a iluminación urbana si impregna a atmosfera. Funme afastando da Torre para admirar o seu fanal e o seu feixe cuádruplo. A súa rotación, inversa á das agullas dun reloxo, coma nunha infinita conta atrás, sucedía baixo un firmamento saturado de estrelas. Non lembraba que se puidesen ver tantas dende aquí. Retivera a idea de que a contaminación luminosa só deixaba ver as máis brillantes. Distinguíase a Vía Láctea con claridade. Casiopea pairaba sobre o cabo Prior. Orión estaba deitado, coma se xa durmise. Enriba do fanal da Torre, Xúpiter brillaba con intensidade. Os meus prismáticos reveláronme as súas catro lúas maiores: Ganimedes, Ío, Europa e Calisto. Non as diferenciei, claro. Demasiado lonxe. Aí estaban, xa que logo, pai e fillo; Zeus (Xúpiter, arriba) e Heracles (Hércules, na Torre). Un satélite atravesou con présa 12


o terceiro cuadrante do firmamento. Ao oeste, algo máis alá de por onde se atoparían as illas Sisargas, aínda invisibles, poñíase unha lúa parcial pero enorme, tan incandescente coma un pan de brasas. Focos e luces de navegación revelaban os pesqueiros que fae­ naban mar a fóra. Contei 24. Un enorme transatlántico dirixíase por entre eles cara ao porto de Ferrol. Só dous elementos reflectían a levidade de todas aquelas luces: a escuma que batía na liña de costa e as silenes, unhas floriñas de cantil na forma dunha copa diminuta. Era coma se Ganimedes, o copeiro de Zeus, as enchese de máis cun néctar dun fulgor moi sutil. Ao derramarse polos seus bordos cristalizara, formando pétalos. Xa en punta Herminia parei a admirar como as pulsacións do faro se reflectían na estreita enseada do Xogadoiro. Se só miraba para alí, era coma se todo o espazo bombease un lume prateado para que saíse o sol. Advertín o abrente por vez primeira mentres máis e máis pes­queiros saían do porto da Coruña. Os seus rosmares e os panto­ cazos dalgunha lancha mesturábanse co fondo arrolador do mar e cada vez máis voces de aves: os asubíos afrautados dos merlos, os estalos dos chascos comúns, os breves retrousos melódicos dos rabirrubios tizóns, a fervenza eufórica dos carrizos, os agudos tri­ los das azulentas comúns, os ouveos das gaivotas. Unha estrela luminosa de enorme tamaño atravesou o ceo e desintegrouse sen deixar apenas ronsel. Decidín que era un bo presaxio. Os vértices líquidos das ondas íanse perfilando. Venus asomou a través da lupa do éter. Comprobei cos prismáticos como parte da súa esfera permanecía na sombra. Semellaba unha media lúa diminuta. 13


Dez minutos máis tarde xa se deliñaba con nitidez, cara ao norte, todo o horizonte mariño. Ao meu redor comezaron a revelarse as cores. Achegáronseme dous mergulladores, sauda­ ron, observaron as rompentes e deliberaron sobre se baixar ao Redondo, ao Cabalo ou á Rabaleira. Afastáronse sen chegar a acordar nada. Aos pés da Torre o toxo acendíase de amarelo. Quería presenciar a saída do sol dende o máis alto, así que vin ata aquí. Polo camiño cantaba unha papuxa cabecinegra. Apareceron os primeiros paseantes cos seus cans, tamén varios corredores. Os merlos almorzaban entre a herba. As toupeiras orlaban a senda coma túmulos pequenos e escuros. Un gato terminaba a súa rolda cun aceno frustrado. As flores das arcthotecas e das malvas arbóreas permanecían pechadas. Crucei un home maior que paseaba cun transistor pegado a unha orella. Levantei moitas liñaceiras vulgares que buscaban sementes e insectos polos prados. Ascendín por unha das vereas que atallan en forte pendente por entre as toxeiras. Cheguei ata esta rocha. Sentei. Escribín todo isto sen perder de vista, de esguello, o contorno distante dos montes por onde axiña vai asomar o sol.

14


O TEMPLO DO ELIXIR

Para comprender un lugar hai que pasealo. Antes de chegar, durante cada visita e despois. Unha e outra vez, recollendo sen­ sacións e ideas coma quen herboriza a flora dun val. Botando as súas sementes para saber como xermolan. Sentando a velas medrar. Ficando durmido ante elas. Soñando daquela con seres de fábula que agroman das súas pólas. Espertando no futuro, e tamén no pasado, mentres a túa voz che conta historias que ignorabas que esqueceras. Os auténticos comezos e finais de todas as historias converxen cara a un mesmo lugar. Ese lugar contémplase dende aquí. Un relato universal, compartido por todo tipo de culturas e denominado polo antropólogo Joseph Campbell «periplo do heroe» ou «monomito», conta como alguén parte da súa tribo, comarca ou país na procura do coñecemento. Se a súa actitude e carácter son os axeitados, regresa tempo despois cunha mensaxe vinculada a unha introspección. Na súa viaxe contemplaría ade­ mais algunha marabilla. A narración da súa peripecia merecerá por sempre a atención dos seus. Cando escribes, aspiras a algo así. Para redactar a túa narración ou poema, debes afastarte do teu grupo, pecharte na túa torre de marfil. Ou montarte a túa propia road movie. Cando regresas, falo cun texto para a túa xente. Hoxe xogarei a que a Torre de Hércules sexa a miña torre de marfil e a súa contorna as paisaxes que percorrerei na miña road movie. O meu vehículo serán os meus pés; o meu motor, as miñas divagacións. Onde rematará este texto? 15


Telo ti? Onde estás? Emerxe por fin o sol dese horizonte sinuoso. Estou na metade da ancha fronteira entre dous hemisferios, o escuro e o iluminado. Asoma máis e máis. Ante min a súa altura astronómica deixa de ser negativa para converterse en cero xusto antes de ser positiva: cosΦ = - tanλ tanδ onde Φ é o ángulo horario, sendo λ a latitude do lugar e δ a declinación solar. As flores do toxo acenden ao contraluz coma faroliños. Nas máis próximas precísase a súa lanuxe, nidia e mol. Os fiaños dal­ gunhas arañeiras prendidas nas espiñas semellan desprendidas duns chales de seda nocturna que alguén terá que corcoser. Os fieitos que acaban de agromar entre as ruínas dos do ano pasado desenvolven os seus talos nunha exhibición que é á vez ximnasia sincronizada e extrema dilación vexetal. Móvense, aínda que eu non o aprecie. A pel das miñas mans, mentres escribo, resúltame nesta luz nova máis moza do que é. Vólvoas, despregando nas súas palmas os mapas de mil vieiros. Cara a onde sinalan os meus dedos, unhas poucas nubes des­ tinxen o seu pudor granate. Sobre as rocas avivan os matices das manchas de lique. Un escaravello alongado e metálico, un carábido, pasa veloz a carón das miñas botas. Un chasco común pousa a uns metros de min. Os seus ollos esculcan a distancia inmediata. O seu peito, orientado ao oriente, non volverá ser dun vermello tan intenso en todo o día. Ergo os meus prismáticos e admíroo coma se fose o primeiro paxaro 16


xamais creado, coma se acabase de abrollar desa póla en forma de flor máxica capaz de voar e cantar, causar a morte e xerar vida. Despréndese, elévase cara ao ceo, captura un insecto voador e pousa noutra póla. A convexidade dos seus ollos escuros rebótame un brillo repentino. Luz. Ao mesmo tempo onda e partícula, medida da velocidade cósmica e reto á nosa comprensión. Somos fotóns. Os que agora asolagan este lugar dende ese oriente cegador partiron do sol, a cento cincuenta millóns de quilómetros de dis­ tancia, hai pouco máis de oito minutos. Antes viaxaron durante case dez millóns de anos a través das entrañas incandescentes da nosa estrela, rumbo á súa superficie. Entón saltaron ao espazo. Síntoos acceder a min. Non só me acariñan, senón que me penetran, o mesmo que a canto me rodea. Case nada sería como é sen eles. Estamos feitos dun elixir luminoso cociñado a lume manso nun alambique solar, libado pola vida vexetal e transformado por ela en forza vital. Fotosíntese. Non merecen xa só por isto bosques, prados, matogueiras, hortas ou calquera outra forma de frondosidade verde adquirir sen tardanza a condición de templos? Amañecín un pouco xamán. A lista dos pobos que adoraron o sol ao longo dos milenios é case tan longa como a distancia entre o noso planeta e o astro. Abrangue dende as barcas solares do Neolítico europeo ata o sanguinario misticismo dos aztecas, pasando polos sumerios de Mesopotamia, os adoradores de Suria na India ou de Helios en Grecia e máis tarde en Constantinopla, onde Xuliano o Após­ tata o declarou divindade única, Deus Sol Invictus, e tantas outras devocións en Roma, a China, Indonesia… No Exipto dos faraóns, 17


Ra era un home falcón cun disco solar sobre a cabeza. Na Irlanda precristiá, o sol vinculábase á deusa feminina Aine, asociada ao solsticio de verán. En canto ao Nadal cristián, non coincide por casualidade co solsticio de inverno. No seu fermoso Cántico do irmán sol, ou Cántico das criaturas, escrito poucos meses antes de morrer, san Francisco de Asís agradecía así a existencia do astro: Loado sexas, meu Señor, en todas as túas criaturas, especialmente no Señor irmán sol, por quen nos dás o día e nos iluminas. E é belo e radiante con gran esplendor, de ti, Altísimo, leva significación. Hoxe pouca xente gaba o sol, aínda que, doutra banda, cada día son millóns as persoas que en todo o planeta, en impremedi­ tada e multitudinaria cerimonia, invocan os seus raios para estar máis morenas. Moitas fano con devota solemnidade ritual: despoxo de pezas de roupa, unción con aceites, quietude con­ templativa. Xa quixeran moitos oficiantes unha entrega semellante dos seus fregueses. Todas as culturas, tamén, definiron espazos físicos pola súa maxia transcendente. Templos. Recintos habitados pola vertixe máis honesta: a que nos asoma ao abismo indescifrable da nosa condición e de canto é. O seu emprazamento nunca foi elixido ao azar, pois era moito o que dependía desa decisión. Foron templos lugares como claros nos bosques, covas, mon­ tañas, lagos; máis tarde construcións humanas… Tamén moitos promontorios destacados sobre o mar. Como este. 18


Suxeriuse que este puido ter sido un daqueles lugares máxicos, un ara solis. Que os romanos levantaran aquí un faro, ademais de para sinalar un porto de abrigo, porque xa antes habería unha construción cuxa función sería a de servir de referencia para non extraviar outro tipo de camiño. Na súa cúspide, ardería xa unha luz? A primeira referencia histórica que se coñece do faro romano escribiuna o historiador Paulo Orosio entre os anos 415 e 417. De antes só temos o testemuño mudo da propia Torre, os restos arqueolóxicos da súa contorna e a famosa pedra que foi atopada ao seu pé, inscrita coa lenda «MARTI / AUG. SACR. / C. SEVIUS / LUPUS / ARCHTECTUS / AEMINIENSIS / LUSITANICUS EX VO.», segundo a cal o seu arquitecto sería un tal Caio Sevio Lupo, lusitano. Polo momento, non existe ningunha proba de que antes da segunda metade do século i da nosa era, ou principios do século ii, existise aquí outra cousa que un monte aberto ao vento. Rendeuse culto aquí aos fotóns? Imaxino aquel templo orixinario. É primitivo, esencial. Rodéao un extenso bosque sagrado de árbores altas e rectas que nin os temporais son quen de cimbrar. Catro chanzos anchos dan acceso a un vestíbulo pálido que… Ei! Que é iso? Olla! Unha sombra infantil corre entre as súas columnas, xogando ao agocho cun fogo fatuo. Rin. Vou tras deles.

19


COMPASES E LABIRINTOS

Síntome coma alguén que mercou a entrada para unha desmesurada pinacoteca e dubida cara a que ala se dirixe para iniciar a súa visita. Os cadros cobren as paredes de arriba abaixo, sen apenas separación entre eles. Ninguén na institución os ordenou por épocas, países, escolas ou autores. Algúns son pe­ quenos coma polgares; outros, tan inmensos que non se albisca o seu final. Boto a andar confiado en que saberei determe ante os adecuados, polo menos para min. Obviarei por ignorancia ou desinterese moitas obras mestras. Xamais terei tempo de visitar toda a colección. Non avanzo moito. Case deseguida teño aos meus pés un gran mosaico circular que representa unha rosa dos ventos. Foi instalado por Xabier Correa Corredoira en 1994. Moitas persoas ignoran a situación dos puntos cardinais. É do tipo de información que perdeu gran parte da súa función práctica para a vida urbana, agás cando toca mercar ou alugar un piso, co obxectivo de saber neste caso se as súas fiestras recibirán ou non a visita do sol, e a que horas. Eu non estou a gusto se non sei onde está o norte, onde queira que me atope, nin sequera no interior dun cine. Vou dando pasos sobre o mosaico. Os pobos nel representados son, de sur a norte, pasando primeiro polo oeste e regresando polo leste: Tartessos, Irlanda, Escocia, a illa de Man, Gales, Cornualles, a Bretaña e Galicia. Correa, ademais de polo seu nome en gaélico, identificou cada un deles cunha imaxe. Seguindo na mesma orde: caveira, 20


trevo, cardo, tríscele, serpe alada, cáliz, a pegada dun armiño e unha vieira. Sur, sueste, leste, nordés, noroeste, oeste, suroeste, sur outra vez. Disque foi o emperador Carlomagno quen decidiu estes nomes no século viii ou ix. A primeira ilustración coñecida dunha rosa dos ventos, seme­ llante coma todas a esta, pertence ao Atlas catalán de 1375, o máis importante de cantos se elaboraron na Idade Media. O autor (atribúeselle ao xudeu mallorquino Cresques Abraham) debuxou a rosa sobre o mar, xusto ao oeste de Galicia. Os seus pétalos chámanse, de norte a nordés, tramuntana, grego, leuante, laxaloch, metzodí, labetzo, ponente e magistro. Á súa dereita deliñou con notable detalle a mesma costa que se divisa dende este promontorio: o litoral de Ferrolterra, o golfo Ártabro, Bergantiños e as illas Sisargas. A primeira ilustración da Torre é máis antiga, ao redor do ano 1085. Está no Mapamundi do Beato do Burgo de Osma. O outro faro que se amosa nel é o de Alexandría. Ningún máis. Se xiro e xiro sobre este mosaico cos ollos moi cerrados ata case marearme, cara a onde acabarei mirando? Alá vou. Non funcionou moi ben. De estar tan baixo, o sol avisoume en cada xiro de onde está o leste. Iso é trampa. Detéñome. Des­ cubro que estaba a piques de acabar entre uns toxos. A última vez que me perdín de verdade foi nun labirinto coma este. Os seus muros vexetais, inzados de espiñas afiadas, case me chegaban ao peito. Metérame naquela toxeira convencido de que sería quen de saír sen demasiado problema. Non contaba con que, baixo a súa espesura, o piso estaría formado por rochas separadas por profundos ocos. A miña intención era chegar á beira dun cantil para comprobar se, como sospeitaba, había alí unha colonia de corvos mariños cristados por descubrir. Aos 21


vinte minutos xa perdera todo interese naquelas aves. Aínda máis, comezaba a maldicilas. A miña única preocupación era como volver atrás. A cada paso afundía unha perna naquel ma­ cizo de espiñas tenteando se por baixo del habería ou non onde pisar. A próxima vez, pensei, traerei un bastón. Por suposto, non houbo unha próxima vez. Aquela foi unha desas experiencias tan indelebles que paga a pena preservar como únicas. Os símbolos labirínticos máis antigos que se conservan están aquí en Galicia. Os arqueólogos consideran que os gravados de Mogor (Marín, Pontevedra) e doutros petróglifos galegos foron creados hai uns catro mil anos, o cal, por suposto, non quere necesariamente dicir que se inventasen aquí, pero si que quen aquí vivían nese tempo xa se engaiolaban polo tipo de garabatos complexos que só un ou dous milenios despois empezan a aparecer representados nas illas Británicas, Portugal, Marrocos, Sardeña, o norte de Italia ou Grecia, e que, a partir do Imperio romano e na época medieval, se estenderían xa por toda Europa. Nesas marcas arrevesadas de hai catro milenios, só a xema do teu dedo pode xogar a extraviarse. De feito, non se perde, aínda que, nalgún intre, poida ter esa sensación. Canto fai é percorrer un camiño de curvas case concéntricas, coma se descifrase o enredo dunha cóbrega (hai pouco propúxose que, en realidade, representan estes animais e non labirintos), sen ter que escoller nunca entre dúas ou máis opcións. Aínda así, veñen a representar a esencia do que máis tarde sería, por exemplo, a obra de Dédalo en Creta, o lugar do que Teseo, tras dar morte ao Minotauro, só puido saír grazas ao fío de Ariadna. Lin que a orixe etimolóxica da palabra labirinto podería ser precisamente minoica; tamén que os primeiros labirintos reais representaban complexos pasos de danzas rituais ou mesmo cerimonias de coroación, que alcanzaron o Atlántico tras a emi­ gración cara aquí de pobos do Mediterráneo oriental. En fin, 22


que tamén eu faría ben en traer comigo algún fío coma o de Ariadna, neste caso argumental, para saber regresar de tantas di­ gresións como as que este paseo me convidará a tomar. O problema virá, seguro, cando me meta nalgún asunto espiñento. Xa verei entón como saio. Saco un compás da miña mochila. Merqueino hai uns trinta anos. Hai moito que non o utilizo. Ao saír do seu pequeno estoxo amósase axitado, coma un vello sabuxo desexoso de de­ mostrar que aínda é capaz de marcar pezas. Sinálame o norte con ese lene tremor que semella un indicio de vida. Inevitablemente, boto a man a un dos petos frontais da miña cazadora, saco o meu teléfono móbil e compároos. Dende que se popularizou o uso do GPS e temos acceso inmediato a unha cartografía dixital extraordinaria, os compases convertéronse en instrumentos ancestrais. Aquí, un enxeño dun tempo aínda primario. Aquí, un aparello «intelixente», segundo convimos en de­ nominalo a invitación dos seus fabricantes. «Es intelixente?», pregúntolle. O móbil pénsao un intre, sen pestanexar. A seguir responde con 373 000 resultados. A súa actitude provócame unha ver­ tixe pegañenta. Teño nas miñas mans un terminal conectado coa máis fenomenal biblioteca de coñecementos, ignorancias e falsidades xamais dispoñible ata o de agora, e á vez un nodo de emisión co que alimentar esa biblioteca cos meus propios textos, imaxes e sons. Faime máis intelixente a min este artefacto? Coma calquera, nunca tiven tantos datos almacenados e ao alcance dun alou­ miño; tampouco tantas posibilidades de que as miñas mensaxes alcancen, potencialmente, tantas persoas á vez. Comecei a manexar este aparello nunha idade madura. Segundo a célebre idea de Marshall McLuhan, os medios transfórmannos: «Modelamos 23


as nosas ferramentas e logo elas moldéannos a nós». Fun xa «modelado» polo meu teléfono «intelixente»? Polo meu compás si que o fun. Fixen moitas excursións e viaxes orientado por el e un mapa. Algunhas noites mesmo soño que aínda o fago. Tecleo e busco. «Lat. 43° 23’ 13,3923” latitude norte, Lonx. 8° 24’ 17,9519” lonxitude oeste», respóndeme o móbil. A agulla imantada sinala ondas. «Aquí o norte está en dirección mar a fóra», parece querer dicirme con este aceno elemental. Decátome de que cando se erixiu a Torre nin sequera este instrumento fora inventado. Ata daquela, e durante séculos, a humanidade navegou orientándose polos relevos da costa, o uso de sondas e o astrolabio, aquel aparello que extraía a túa latitude a partir da observación do movemento dos astros no ceo noc­ turno, e que substituiría despois o sextante, máis preciso a través do cálculo combinado da hora do día e a elevación do sol sobre o horizonte. Cando Paulo Orosio mencionou por vez primeira a Torre de Hércules, dende este porto daquela chamado Brigantium, podías navegar a calquera outro do Imperio mediante cómputos de astro­ labio. O mundo coñecido estendíase entón cara a uns límites moito máis estreitos ca hoxe, tamén moito máis distantes. O crecente comercio marítimo precisou no Atlántico, coma antes no Medi­ terráneo, dun sistema de sinais luminosos, e de expertos no seu manexo. Durante moito tempo encargáronse disto persoas que aprendían o oficio de quen haberían de substituír. A primeira escola oficial de torreiros de España estableceuse aquí, na Coruña, en 1849. Conta Francisco de Tettamancy como estudaron nela 150 alumnos e fixeron as súas prácticas: «dúas horas pola mañá e outras dúas pola tarde, agás os días festivos; facendo ademais garda co torreiro de servizo todas as noites, catro 24


alumnos que alternaban, segundo quenda acordada polo profesor, e continuando a mañá seguinte, despois de apagado o faro, coas faenas encomendadas aos torreiros para a noite inmediata, con­ sistente na limpeza dos metais da lámpada de servizo e parte óptica da lanterna exterior e interior, cúpula, cámara de iluminación e de servizo, almacén de aceite e ferramentas, terminando estes labores co varrido destes departamentos, incluíndo o da extensa escaleira do faro, a partir do zócolo». Cinco anos despois, o Goberno decidiu pechar esta escola e trasladala ao faro de Matxitxako, de onde, en 1863, tamén desaparecería, para se instalar na rúa do Turco (hoxe Marqués de Cubas) de Madrid, onde máis tarde sería asasinado Juan Prim. É de imaxinar que os alumnos dispoñerían alí dunha formación eminentemente virtual, como se diría hoxe. Despois substituíuse aquel adestramento de secaño por unhas oposicións a funcionario do Estado que incluían un período de prácticas nos faros. Hoxe estes edificios, é ben sabido, vanse baleirando de per­ soal; dos torreiros, das súas familias, dos seus axudantes e amigos. O derradeiro fareiro da Torre viviu nela cos seus durante vinte e seis anos. Xa non se habita así. Xa non fai falla ninguén noite e día. Tres técnicos encárganse deste e de moitos outros faros á vez. Ao mesmo tempo, e aínda que o GPS orienta a xente do mar, os sinais de luz seguen a ser fundamentais. Acabarán por se apagar algún día, ou a súa función non será máis ca un bonito atractivo turístico? Hoxe preténdense transformar moitos faros en hoteis de luxo dos que só poderán gozar algúns petos, malia seren patrimonio de todos. Unha decisión que define por si soa a quen a discorreu e a quen a execute. E a quen a tome por acertada. Gardo o meu compás e o meu teléfono.

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
A torre - Antonio Sandoval Rey by kalandraka.com - Issuu