PRESENTACIÓN
É común que calquera aproximación histórica á China se efectúe dende o estudo das súas dinastías, da periodización e contido destas. Así se resumen os seus cinco mil anos de historia, boa parte dos cales desempeñaron un papel central na historia do mundo. A chinesa é a única das grandes civilizacións que aínda permanece viva, e iso obedece a unha causa fundamental, o seu illamento do exterior, unha característica que foi crebada de forma irre versible pola súa última «dinastía», a que representa o Partido Comunista da China (PCCh). En tan dilatada historia son apreciables algunhas constantes significativas, dende a tradición autocrática ata a obsesión pola unidade, pero tamén a relevancia do mundo campesiño ou unha complexa relación co mundo exterior, afastada dos canons habituais. A China foi enfiada pola súa burocracia, uns funcionarios que sempre desempeñaron un papel clave na estruturación do poder. Estes antecedentes deben ser tidos moi en conta para intentar comprender o desenvolvemento da Revolución Chinesa,
5
dende os seus inicios ata hoxe. O PCCh, motor desa transformación, é parte substancial dese longo proceso. Neste libro analizamos a evolución interna do PCCh. Dende uns inicios inspirados –e condicionados– pola súa temperá adscrición á III Internacional baixo a éxida soviética ata o xiísmo actual, debullando os contidos principais do maoísmo ou o denguismo, claves da China contemporánea. A ideoloxía, a política, a economía, a sociedade, a cultura, a seguridade ou a defensa e a política exterior evolucionaron con manifestacións singulares en cada unha das grandes etapas que integran a vida do PCCh. A cen anos da súa fundación, o PCCh soña con ser quen lle poña o broche de ouro ao grande obxectivo histórico de culminar a modernización do país, un soño formulado xa a finais do século xix, cando o país padecía a traxedia, a humillación e a decadencia. O PCCh ten moi en conta as singularidades históricas e culturais do vello Imperio do Centro. Conforme acrecenta o seu poder e a súa influencia, progresa tamén o seu propósito de excepcionalidade, trazando os límites dun camiño propio que este libro intenta degrañar con precisión, atendendo ás grandes tendencias, pero tamén aos pequenos e relevantes detalles.
6
I
DO SOVIETISMO AO MAOÍSMO
O Partido Comunista da China fai cen anos en 2021. Tras a proclamación en 1949 da República Popular Chinesa, leva máis das dúas terceiras partes deste período no poder. A súa evolución non foi en absoluto rectilínea, pero vai camiño de se converter no máis lonxevo do mundo, superando o Partido Comunista da Unión Soviética. Lograrao? E, de ser así, cal é a súa fórmula secreta se esta existe? A China iniciou o Ano da Rata (2020-2021) enfrontando unha crise de saúde pública de grandes proporcións que a obrigou á adopción de medidas drásticas, con elevados custos económicos e sociais. De inmediato, as especulacións sobre se a covid-19 provocaría a defenestración de Xi Jinping e a desestabilización política do país pasaron a formar parte do debate. Un coñecemento básico da traxectoria histórica do PCCh e das súas múltiples vicisitudes axudaría a entender o contexto mínimo e tamén o porqué da capacidade e enteireza da sociedade chinesa para descartar os escenarios de quebra en situacións adversas.
7
Para falarmos das orixes do PCCh debemos remitirnos ao comezo da historia moderna da China, á gran crise nacional do século xix e, polo tanto, á articulación dunha resposta política que se apoia en dúas variables principais. Primeiro, o antiimperialismo. É dicir, a constatación da liquidación efectiva da soberanía nacional, coas pancas esenciais da súa economía en mans estranxeiras e mais a agresión permanente das potencias occidentais orixinaron un movemento revolucionario cuxo obxectivo xa entón apuntaba a lograr o espertar e a revitalización do país. Segundo, o triunfo da Revolución Rusa en 1917, catro anos antes, que ofrecía unha senda alternativa e diferenciada doutros movementos (a revolución campesiña do Reino Celestial Taiping, o Movemento Reformista de 1898, o Movemento Yihetuan e ata o movemento revolucionario liderado por Sun Yat-sen) que contribuíran a derrocar a vella orde feudal pero mostraban dificultades recoñecibles á hora de transformar a China. A propia Revolución de 1911 terminou conciliándose coas forzas da vella orde e, malia certo ton socializante do seu programa, acabou fracasando a mans dos caudillos militares. O PCCh tiña en común a imitación de Occidente nun contexto de emancipación ideolóxica da sociedade chinesa, plasmada no rexeitamento ao culto de Confucio, pero desligouse da tentación burguesa e abrazou o marxismo como instrumento para conseguir os obxectivos de soberanía nacional e de progreso político e social. Nos anos previos á fundación do PCCh, os marxistas chineses embarcáronse no que se coñeceu en 1915 como Movemento pola Nova Cultura, que precedeu ao Movemento do 4 de Maio de 1919. Aí estaba, por exemplo, Chen Duxiu, quen
8
tomara parte xa na Revolución de 1911. Foi este colectivo de intelectuais o que impulsou o máis demoledor ataque á ortodoxia ideolóxica do feudalismo, é dicir, a doutrina confuciana, desafiando os códigos medievais, que foron sinalados como a fonte principal do atraso que presentaba o país fronte á evolución experimentada polas nacións de Occidente, aquelas que asomaban os seus canóns para humillar unha China avellentada en todas as ordes. A Primeira Guerra Mundial (1914-1918) rebaixou as expectativas emancipadoras que algúns pensadores chineses identificaban nunha civilización occidental que acubillaba por igual a desigualdade e a opresión. Entón, o xurdimento da Revolución Rusa ofreceu unha nova alternativa, que combinaba aquel antiimperialismo coa énfase nun desenvolvemento que non ignoraba a cuestión social. Na China, foi Li Dazhao o primeiro en enarborar a bandeira da Revolución de Outubro, e acabaría por formar parte do colectivo fundador do PCCh en 1921. Oficialmente, relaciónase a fundación do PCCh con este contexto histórico marcado pola converxencia da Revolución Rusa, o fin da Primeira Guerra Mundial e o Movemento do 4 de Maio de 1919. Por outra banda, explicitaría a síntese do movemento da clase obreira chinesa e o marxismo-leninismo. Xa en 1920 podían identificarse grupos comunistas en cidades importantes da China como Beijing, Shanghai, Changsha, Hangzhou etc. Dende o primeiro momento, pois, o antiimperialismo foi un sinal de identidade dos comunistas chineses. Co seu país prostrado nun estado semicolonial como resultado das guerras do Opio (a primeira entre 1839 e 1842, e a segunda entre 1856 e 1860) e os tratados desiguais trazados para lle
9
poñer fin, a superación do feudalismo e a transformación do país eran inseparables da liberación das múltiples hipotecas (apropiacións territoriais, indemnizacións, privilexios de todo tipo) impostas polas potencias occidentais nas diversas guerras mantidas coa China ao longo do século xix. Os intereses do imperialismo e dos grandes terratenentes, novos capitalistas chineses, burocracia e caudillos militares marcaron o devir da República da China establecida en 1912, cualificada polos comunistas como «fracaso» no seu empeño por recuperar a dignidade do país. Por aquel entón, a clase obreira chinesa, referencia ineludible para o PCCh, non superaba os 3 millóns de persoas. Debe significarse igualmente a enorme importancia do Movemento do 4 de Maio na articulación dunha corrente ideolóxica na China de signo socialista. De feito, para o PCCh, a faísca principal que inspirou a súa fundación foi aquel movemento, que marcaría a confluencia da esquerda intelectual chinesa coa mobilización obreira nas principais cidades a través de folgas políticas. O detonante foi o estrepitoso fracaso diplomático que a China sufriu na Conferencia de Paz de París (1919). Os países da Entente acordaban transferir ao Xapón todas as prerrogativas que Alemaña obtivera na provincia chinesa de Shandong. O propósito dos delegados chineses de asinar, pese a todo, aquel Tratado de Paz, provocou unha mobilización sen precedentes na sociedade chinesa, liderada polo movemento estudantil e estendida por todo o país. Mentres, o novo poder soviético efectuara unha primeira declaración sobre as relacións coa China que preconizaba a renuncia a todas as prerrogativas da Rusia tsarista en territorio chinés. Esa catarse axudou a consolidar o magma para a converxencia de diferentes sensibilidades de
10
signo marxista que aniñaban no Movemento da Nova Cultura, no que tamén había outras tendencias ideolóxicas. Li Dazhao xa apuntaba entón a importancia de integrar o puxante marxismo coa realidade nacional. O influxo da Revolución de Outubro, tal como sinalou o propio Mao no seu libro sobre A nova democracia, transformou aquel movemento nunha revolución democrática de novo tipo en virtude precisamente da participación nel da clase obreira e da súa incardinación na revolución proletaria mundial. Mao sinalaba entón que a cuestión nacional se insería na axenda socialista global e que o movemento de 1919 fora unha resposta á chamada de Lenin e da revolución rusa para alumar unha revolución mundial. O influxo do leninismo na conformación do PCCh completábase coa exaltación dos traballos do revolucionario ruso (e tamén de Stalin) a propósito da cuestión chinesa, cualificándose de «clarividentes» uns consellos que inspiraron a obra citada de Mao. No II congreso da Internacional Comunista, realizado entre xullo e agosto de 1920, Lenin suscitou un programa sobre a cuestión nacional e colonial, formulando o principio de que os comunistas debían tomar parte activa nos movementos revolucionarios nacionais e non quedar á marxe deles.
AUXE E DECADENCIA DA INFLUENCIA SOVIÉTICA (1921-1935) A fundación do PCCh realizouse coa axuda da Internacional Comunista, dirixida por Lenin a partir do nacemento
11
desta en 1919. En abril de 1920, Moscova enviou á China a Grigori Voitinski e outras persoas co propósito de acompañar ese proceso e trabar relacións coas organizacións revolucionarias. Voitinski reuniuse primeiro en Beijing con Li Dazhao e, posteriormente, en Shanghai con Chen Duxiu. No verán daquel ano organizouse en Shanghai a primeira célula comunista e no outono xurdiría outra en Beijing; durante os meses seguintes, proliferarían outras en importantes cidades do país. Nun primeiro momento, estas células funcionaban como círculos de estudo e divulgación do marxismo, polemizando coas correntes ideolóxicas antimarxistas, especialmente o reformismo nas súas diversas variantes, o revisionismo e o anarquismo –esta última, unha das de maior circulación naquela época–. O proselitismo foi tamén unha preocupación constante destes primeiros núcleos revolucionarios. O congreso fundacional do PCCh levouse a cabo en xullo de 1921 en Shanghai e nel participaron un total de 12 delegados, entre os que figuraba Mao Zedong. Como observador, asistiu ao congreso Henk Sneevliet, que respondía ao pseudónimo de Maring, como delegado da Internacional Comunista. A decisión formal de se unir á III Internacional adoptaríase, con todo, no seguinte congreso. O Buró Central quedou conformado por tres persoas: Chen Duxiu como secretario e Li Dazhao e Zhang Guotao como responsables de propaganda e organización, respectivamente. Malia a China ser un país esencialmente agrícola, o congreso priorizou a organización da clase obreira, avogando pola creación de sindicatos na industria.
12
No programa formulado no II Congreso do PCCh, realizado tamén en Shanghai no ano seguinte, adoptouse como estratexia principal a mobilización social, estimulando o ascenso do movemento obreiro como panca para lograr unha maior influencia. Este congreso esbozou os programas máximo e mínimo do partido, sinalando como tarefas fundamentais derrocar os caudillos militares e poñerlle remate á guerra civil, así como tamén derrocar a opresión do imperialismo. Os comunistas chineses pasaron a liderar numerosos conflitos laborais en varias provincias, enfrontando unha feroz represión dos caudillos militares. En maio de 1922, os seus esforzos neste sentido culminaron na realización do primeiro congreso da Unión de Sindicatos da China. As mobilizacións obreiras, con forte liderado comunista, foron reprimidas duramente en moitos casos, especialmente por Wu Pei-fu, o caudillo militar que entón controlaba provincias como Hunan, Hubei ou Hebei. Os altibaixos daquel movemento facían aflorar xa no interior do PCCh a conciencia da importancia de alargar a súa base social explorando a alianza cos campesiños, que supoñían entón máis do 80 % da poboación. E, segunda conclusión importante, a aposta simultánea pola vía armada como recurso indispensable para responder á represión e levar a cabo a revolución. Cabe sinalar que a etapa previa á fundación da nova República (1949) acostuma segmentarse en catro períodos: o que vai de 1921 a 1927; de 1927 a 1937 (a chamada segunda guerra civil revolucionaria); de 1937 a 1945 (guerra de resistencia á agresión xaponesa); e, finalmente, a terceira guerra civil revolucionaria e a fundación da República Popular Chinesa.
13
Os anos transcorridos entre 1924 e 1927 coñécense como a etapa da «Gran Revolución», un período marcado por un intenso movemento revolucionario contra as potencias imperialistas e os caudillos militares. O eixe deste proceso foi a formalización da «primeira cooperación» entre o Kuomintang (KMT) de Sun Yat-sen e o PCCh. Naquel entón, o KMT era un partido político que representaba en termos xerais a burguesía e pequena burguesía urbana, gozando dun importante prestixio social. Contaba cunha importante base de apoio no sur dun país fraccionado en numerosos pedazos. A Liga Tungmengjui, predecesora do KMT, fora a principal organizadora da revolución que derrocou o Goberno manchú en 1911. Sun Yat-sen, por outra banda, non negaba a cooperación co PCCh e aceptou a axuda da Unión Soviética, cuxa estratexia de conformación dunha fronte única para dar un golpe de temón no país puido acreditarse de modo fidedigno. Foi no III congreso do PCCh, realizado en xuño de 1923, cando Maring, delegado na China da Internacional Comunista, propuxo a fórmula de «cooperación dentro dun só partido», é dicir, o ingreso no KMT dos militantes comunistas co obxecto de transformalo nunha alianza de todas as clases sociais. A Internacional Comunista era partidaria desta estratexia, que trataba de implementar en varios países. Con todo, o II Congreso decidira a fórmula de «cooperar entre partido e partido». Houbo algunhas resistencias, pero o criterio contrario impúxose e os militantes comunistas, a título individual, ingresaron nas filas do KMT, mentres o PCCh mantiña en paralelo a súa independencia política, ideolóxica e orgánica.
14
O Goberno soviético incrementou a súa axuda militar e ma terial ás forzas afíns. Mikhail Borodin asumiu o cargo de instrutor de organización do KMT (e, máis tarde, o de asesor político), explicitando vínculos crecentes no convencemento de que o maxisterio e experiencia da Rusia soviética servirían para facer triunfar a revolución chinesa. Nese III Congreso, o PCCh tamén abordou certa clarificación da súa liña política. En primeiro lugar, desautorizando o que se chamou tendencia á capitulación, representada por Chen Duxiu, que enaltecía o papel do KMT no proceso político, relegando o PCCh a unha condición subalterna, pasiva e accesoria, en ningún caso dirixente. Chen defendía a chamada «teoría das dúas revolucións»: só cando se dese instaurado a república burguesa e a economía capitalista acadase certo desenvolvemento, só entón sería posible impulsar unha revolución de signo socialista. En segundo lugar, a política de illarse, representada por Zhang Guotao, que propoñía non cooperar co KMT. O congreso pasou con pés de la sobre a cuestión campesiña ou das forzas armadas revolucionarias. Mao foi elixido membro do Comité Central do PCCh. A ton co acordado, no I Congreso Nacional do KMT, realizado en xaneiro de 1924, participaron varias ducias de comunistas, e Li Dazhao e Mao Zedong, entre outros, pasaron a desempeñar postos de responsabilidade, asumindo un programa común en desenvolvemento dos Tres Principios do Pobo (nacionalismo, democracia e benestar do pobo). A cooperación así establecida permitiu darlles un impulso significativo aos movementos sociais, en especial ao obreiro e ao campesiño, e tamén á capacitación militar. Neste sentido,
15
a fundación da Academia Militar de Huangpu desempeñou un papel crucial. O primeiro reitor desta sería Chiang Kai-shek, e varios xenerais do Exército Vermello soviético foron invitados a ocupar cargos de asesoría. Un dos principios básicos de funcionamento da Academia consistía en atribuírlle a mesma importancia á educación política que ao adestramento militar. No IV Congreso do PCCh, que tivo lugar en xuño de 1925, fíxose un balance desta experiencia, insistindo na necesidade de que o proletariado chinés hexemonizase a revolución. Nun segundo plano, a alianza obreiro-campesiña definíase como «necesaria» para o éxito desa revolución. Menos de dous meses despois deste congreso, falecía Sun Yat-sen en Beijing. No seu testamento postulaba, entre outros, a alianza con Rusia e co PCCh para «acadar a liberdade e a igualdade para a China». A súa desaparición física e a sucesión de acontecementos nos meses seguintes afectaron a atmosfera de colaboración entre o PCCh e o KMT, e aos poucos fóronse nutrindo as desconfianzas. Aínda así, os militantes do PCCh, algúns destacados como Zhou Enlai, implicáronse activamente nas rebelións armadas desempeñando responsabilidades de carácter político ata no Exército Revolucionario do Goberno de Guangdong, que seguía contando co apoio de Moscova (Mikhail Borodin era alto asesor deste). Na altura, as folgas antibritánicas e antixaponesas propagáronse en Shanghai, seguidas dunha forte represión. A policía británica abriu fogo contra os manifestantes, provocando numerosos mortos e feridos. As mobilizacións estendéronse a outras cidades, incluída Hong Kong, que co
16
seu porto paralizado resistiu o envite durante varios meses. A represión foi en aumento. A provincia de Guangdong, co seu Exército Revolucionario, promoveu varias iniciativas para unificar rapidamente o seu territorio e despois enfilar cara a Beijing, derrotando os exércitos dos caudillos militares que atopaban ao seu paso. Neste movemento, o PCCh pasou de 900 afiliados a case 58 000. O ascenso interno de Chiang Kai-shek no KMT, acelerado tras o falecemento de Sun Yat-sen, fomentaba o cuestionamento das súas políticas (en especial, da alianza coa Rusia soviética e co PCCh), auspiciado por unha corrente reaccio naria que esixía dos militantes comunistas o abandono da súa formación para exercer unicamente como militantes do KMT. En novembro de 1925, esa ala dereitista anunciaba a destitución de Borodin e a expulsión dos comunistas das filas do KMT. Esta evolución suscitaba no PCCh unha grave disxuntiva que tivo o seu reflexo no debate interno do partido. Dunha parte, Chen Duxiu era partidario de salvagardar a alianza co KMT custase o que custase, evitando tensar a corda coa súa facción dereitista para impedir a ruptura. A Internacional Comunista tamén era partidaria desta posición. Mao, con todo, consciente de que a actitude da burguesía nacional era contraditoria, propoñía outro rumbo, sinalando o campesiñado como o aliado principal na revolución chinesa. A política de panos quentes non lle resultou ao PCCh. O KMT, con Chiang Kai-shek no cume do poder a partir do II Congreso (1926), intensificaba a súa hostilidade: detención de líderes comunistas, expulsión da Academia Militar de Huangpu, cerco ao consulado soviético e sometemento
17
a vixilancia aos asesores de Moscova etc. Mentres Mao ou Zhou Enlai defenderon entón a procedencia dun contraataque que desestabilizase o poder de Chiang, Chen Duxiu e os asesores soviéticos decidiron que era mellor mirar para outro lado para manter unha alianza que fendía a cada paso. As concesións do PCCh non facían senón agrandar as esixencias do KMT. Mentres isto sucedía, en paralelo, Mao Zedong levaba a cabo súa idea de que «o problema campesiño era o problema central da revolución», alentando movementos populares nas provincias de Hunan, Hubei, Jiangxi e Henan. A organización dos campesiños representaba unha achega de especial significación nun proceso que ata entón ignorara o alcance e a repercusión da transformación no mundo rural. Na súa Análise das clases na sociedade chinesa, escrito en 1926, chegou á conclusión de que «distinguir os verdadeiros amigos dos inimigos é un problema de primeira importancia na revolución». E trazou o eixe medio, distanciado da idea de Chen Duxiu que perdía de vista os campesiños en favor da burguesía, e de Zhang Guotao, que primaba os obreiros, pero non tomaba en consideración os campesiños. A defensa do papel revolucionario do campesiñado ocupou un lugar relevante nas obras de Mao desta época. Criticando a quen dubidaban do seu compromiso coa revolución, enaltecía a transcendencia do campo para lograr o éxito do proceso auspiciado polo PCCh. Pero a maioría da dirección do partido non compartía os seus puntos de vista. As diverxencias no seo do PCCh foron en aumento a medida que se acentuaban as políticas represivas do KMT. Mentres a liña oficial, representada por Chen Duxiu co apoio
18
soviético, seguía apostando pola conciliación calquera que fose o prezo que había que pagar, Mao cualificaba esta actitude de «capitulacionista». Chiang Kai-shek, pola súa banda, multiplicaba o seu achegamento ás potencias occidentais, cada vez máis preocupadas polo incremento da actividade do PCCh e amosando a súa total disposición a fortalecer a posición de Chiang para contrarrestar aquela presenza. O asalto por sorpresa contra o PCCh desatouse o 12 de abril de 1927. A detención e o asasinato masivo de comunistas abarcou varias provincias. Li Dazhao, un dos principais fundadores do PCCh, foi executado en Beijing. Dos tres Gobernos existentes entón na China, en Beijing e en Nanjing, a cooperación entre o KMT e o PCCh liquidouse por completo, e permaneceu só en Wuhan. Polo momento, o PCCh, con Chen Duxiu aínda á fronte e co apoio da Internacional Comunista, seguiría aliñado con Wuhan. Nesta cidade tería lugar o V Congreso do PCCh, que reelixiu a Chen como secretario xeral (Mao foi excluído completamente da dirección do Congreso e non se lle permitiu sequera votar nas sesións). Uns meses máis tarde, ante a deterioración da situación, a Internacional Comunista ditaba unha instrución de reorganización da dirección central do PCCh, establecendo unha comisión permanente provisional en que non figuraba Chen Duxiu. A continuación, a primeira cooperación entre o KMT e o PCCh dábase por liquidada. A estratexia ideada para a China pola Internacional Comunista fracasara, precipitando o PCCh nun refluxo marcado por un sanguento ambiente de matanza do cal, con todo, soubo repoñerse a través da resistencia armada,
19
articulada sobre o pequeno exército que lograra controlar, e o impulso da revolución agraria, cos levantamentos de Nanchang, da Colleita de Outono e de Guangzhou. Con este último ansiaba lograr unha saída ao mar para recibir a axuda da Internacional Comunista. Iniciábase así un novo tempo no breve pero convulso discorrer histórico do PCCh, que estaría moi marcado polo nacemento dun exército popular dirixido polo propio partido. Nese proceso emerxería o forte liderado de figuras como Zhou Enlai, Zhu De, Chen Yi e, por suposto, Mao Zedong. Os asuntos militares pasarían a un primeiro plano, convencidos estes de que, como dixo Mao, «o poder político nace do fusil». A partir de entón, o PCCh abrazaría algunhas liñas de acción claves: aposta pola conformación dunha fronte única pero baixo a súa dirección, gañar o campesiñado como condición sine qua non para alcanzar a vitoria, ou a organización dun poderoso exército. Esa tríade sería a base do seu éxito. Coa nova ideoloxía reitora do PCCh, estimulando sublevacións ben articuladas por todas as partes e non só como un movemento social, senón tamén militar, a estratexia pasou da toma das grandes cidades á marcha cara ás zonas rurais. En Cantón chegou a conformarse un Goberno soviético e en ocasións as tácticas militares entraban en conflito coas instrucións da Internacional Comunista. Importantes operacións desembocaban en fracaso pola imposibilidade de defender as conquistas nas cidades. Pola contra, nas zonas afastadas dos centros urbanos baixo estrito dominio do KMT, a resistencia era un feito. O PCCh facíase forte nas zonas campesiñas. Se a derrota na primeira guerra civil revolucionaria (1921-1927) se debeu en gran medida á ignorancia
20
do problema campesiño, o rexurdir do movemento revolucionario consolidábase agora en virtude da participación nel do campesiñado. Boa parte das organizacións do partido trasladáronse ás zonas rurais, onde o KMT era débil. A Internacional Comunista (representada entón por Besso Lominadze) apoiaba a idea de organizar sublevacións en todas as partes e promoveu a tese dunha «revolución ininterrompida», cunha política de cadros moi esixente que derivou en non poucas traxedias. Novamente, Mao ou Zhou Enlai foron censurados por non compartir estes puntos de vista. En agosto de 1927, o PCCh realizou unha conferencia extraordinaria en Wuhan. Nela corrixiuse a orientación de Chen Duxiu, quen foi destituído. Non recoñeceu a súa derrota interna e xunto aos seus seguidores organizouse cos troskistas. A súa facción sería definitivamente expulsada do PCCh en 1929. Alternativamente, o partido duplicou os seus chamamentos ao campesiñado para organizar levantamentos populares. Mao encabezou algúns e formou un exército. O seu exemplo foi seguido por revoltas armadas en varias provincias chinesas, con figuras que serían claves nos anos seguintes: Zhu De, Chen Yi ou Lin Biao, entre outros. Estas tropas serían o embrión do Exército Vermello, o actual Exército Popular de Liberación (EPL), alicerce determinante do que se coñece como a segunda guerra civil revolucionaria (1927-1937). Durante varias semanas de xuño e xullo, o VI Congreso do PCCh realizouse en Moscova en 1928, coa axuda da Internacional Comunista. A súa influencia fixo posible que Xiang Zhongfa, a causa da súa orixe obreira, cuestión primada
21
na política de cadros, fose elixido presidente do partido. O conclave seguiu apostando maioritariamente polas cidades e desprezando o papel do campo na revolución chinesa. Pola súa banda, Mao insistía en desprazar ao medio rural as actividades revolucionarias e creou unha base de apoio nas montañas Jinggang, unha rexión de valor estratéxico nos límites das provincias de Hunan e Jiangxi, implementando aquí as súas ideas esenciais sobre o exército popular, inicialmente nutrido por campesiños e logo reforzado cos efectivos achegados por Zhu De. Esa unión Mao-Zhu tivo unha grande importancia para multiplicar as posibilidades de acción e de resistencia fronte ás tropas do KMT. Nas zonas baixo o seu control promovíase a transformación agraria, coa particularidade de remitir a propiedade da terra ao Goberno e non aos campesiños, que só tiñan dereito ao usufruto e aos que se lles prohibía a compravenda, eludindo así a distribución de terras ensaiada nalgúns lugares. Nese proceso, Mao Zedong, quen non estivo presente no congreso moscovita aínda que resultou elixido membro da súa dirección, foi significándose cada vez máis cunha estratexia orixinal: o camiño á revolución do PCCh consistía en utilizar as zonas rurais para cercar as cidades e conquistar o poder pola forza das armas. O campo debía converterse no centro de gravidade do proceso que había percorrer a revolución chinesa para o seu triunfo, e descartouse a idea predominante, por influxo soviético e da Internacional Comunista, de primeiro apoderarse das cidades para despois ocupar o campo. O VI Congreso liquidou a tendencia de Chen Duxiu e tamén o que se chamou o putschismo de esquerda, representado
22
por Qu Qiubai. Este último insistía en levar a cabo unha ofensiva revolucionaria ata as últimas consecuencias, negándose a admitir o importante desgaste producido polo activismo dos meses previos, que orixinou importantes perdas no PCCh. Nese tramo final dos anos vinte, a Internacional Comunista aínda exercía unha poderosa influencia sobre a organización e a definición da estratexia política do PCCh. Inspirándose nas súas orientacións e criterios, planificarase un programa de sublevacións armadas en todas as cidades máis importantes, con Wuhan e Nanjing como centros focais. O congreso puxo en primeiro termo a tarefa de fundar un Exército Vermello e establecer bases revolucionarias no campo. O obxectivo principal xa non era organizar revoltas un día si e outro tamén, senón sumar adeptos e atraer as masas. As tropas baixo o mando de diversos líderes revolucionarios, de Mao a Zhu De ou Peng Dehuai, foron converxendo e desenvolvéndose, organizándose á vez unidades do Exército Vermello e bases revolucionarias. Ese movemento constituíu o referente esencial deste período, afianzándose como a principal ameaza para o poder do KMT, que seguía sendo comparativamente moi forte nas cidades. O PCCh recoñecía así, na práctica, que non estaba en disposición de conquistar as urbes optando pola táctica descrita de cercar e logo apoderarse delas armando os distritos rurais. As dúas décadas seguintes confirmarían o certeiro desta estratexia. A guerra sería a principal forma de loita e o Exército a principal forma de organización na revolución chinesa, pero apoiándose firmemente nos campesiños.
23