Skip to main content

A memoria da árbore G - Tina Vallés

Page 1

AS CLONIÑAS

«Son coma dúas pingas de auga», di o avó cando miña nai e mais a avoa discuten. «Non discutimos, nós sempre falamos así», responden ambas se llelo botas na cara. E o mellor que podes facer é deixalas soas. Que son coma dúas pingas de auga quere dicir, ben sei, que son iguais, díxome meu avó e, deseguido, foise para o despacho dos meus pais e volveu cun álbum poeirento para ensinarme unhas fotos de cando a avoa tiña a idade de mamá: –Son clons! –dixen. Desde ese día, miña nai e mais a avoa son as cloniñas. Elas non o saben, é que meu avó e mais eu temos algúns segredos. Nunha das fotos, saía a avoa sentada no poio de diante da súa casa, co mandil posto, e miña nai facendo borranchos cun xiz no chan de cemento. Á beira había unha árbore debuxada, moi grande, case de dimensións reais. –O meu salgueiro chorón –díxome meu avó–, un día heiche falar del.

11


O NENO

–Joan, vai comprar o pan co neno. «O neno» son eu. Agora, sempre que mandan o avó a facer algún recado, eu vou de figurante. Ás veces, non teño ganas, porque estou xogando ou lendo, ou mesmo facendo os deberes. Pero acompañar o avó pasa por riba de todo desde hai unhas semanas. –Disque temos que comprar o pan, Jan. Cando saímos á rúa, meu avó agárrame da man con forza e faime ler o nome de todas as rúas. Quere que aprenda todos os camiños, di que xa son maior e axiña irei só polo mundo. E cando tal me di, fáltame un pouco o aire, porque pon uns ollos como de vidro que non lle coñezo. Mais fágolle caso, a meu avó sempre lle fago caso, e leo os indicadores: Urgell, Borrell, Tamarit, Viladomat… –Non te fíes dos comercios, que sempre mudan. O único que non muda son as rúas. –E mira para os indicadores de mármore branco con letras escuras, coma se para chegarmos á casa houbese que descifrar mensaxes secretas en cada chafrán.

12


TEU AVÓ

–Avisa a teu avó de que logo ceamos. Cando a avoa di «teu avó», actívansenos todas as alarmas. A avoa Caterina case sempre está de bo humor. Case, dixen. Cando non o está, quen as leva é o avó, o primeiro a quen lle deixa de falar. Os días divídense entre os «Meu rei, ceamos, avisa o neno» e os «Avisa a teu avó, que axiña imos cear». Hai máis dos primeiros que dos segundos. Había. Ultimamente, o «teu avó» escóitoo todas as noites. E as cloniñas discuten pouco, máis ben marmexan na cociña. Péchanse ben pechadas, coma cando mamá prepara sardiñas á grella ou cando meu pai teima en que cadra cear repolo. Pero non son os maos cheiros os que non poden saír de alí. Mentres a porta está pechada, o avó non arreda a vista do pecho, diría que nin pestanexa, que conta os segundos e, cantos máis pasan, máis se lle baleira a mirada. E sempre é a avoa quen primeiro aparece cando se abre a porta, e procura con présa os ollos do avó, que se enchen de luz ao toparen cos dela.

13


Á HORA

O avó Joan era reloxeiro. «Aínda son!», rosma. O reloxeiro da vila. Gústalle dicir que Vilaverd sempre estaba na hora certa grazas a el. E doulle creto. Doulle creto e pregúntome se, agora que os avós moran connosco, na vila son as cinco cando teñen que ser as cinco ou, minuto a minuto, van perdendo o tempo de vista. O avó ri. Asegura que xa non precisan del. Porén, non é verdade. Todos os días telefona alguén da vila preguntando por el e, mentres dura a conversa, miña nai e miña avoa deixan de facer o que facían e escóitano cunha atención que me pon un pouco nervioso. E cando colga, vén o interrogatorio: quen era? Que quería? Que che dixo? E ti que lle dixeches? E o avó responde cada vez máis devecido, máis pequeno nunha butaca enorme, até que volve ter os ollos de vidro e as cloniñas péchanse na cociña a marmexar.

14


DÚAS LETRAS

Cando o avó colle o xornal, xa non é o avó. É un señor maior que le as noticias. Pon unha cara que non lle recoñezo. E gústame espialo. Fítoo até que deixa de ser el. E, de súpeto, chega á páxina do encrucillado, ergue a vista do xornal e mírame en tanto busca o bolígrafo na mesiña. «Fixeches os deberes?», e volve ser o avó. As palabras cruzadas dúranlle ben pouco. Fainas á presa e sempre as dá rematado. Sempre as remataba. Agora hai uns días que demora un pouco máis e antonte faltáronlle dúas letras para concluílas. Foi meu pai quen reparou, cando colleu o xornal, á tardiña. –Sogro, fáltanlle dúas letras! –díxolle meu pai, erguendo a páxina do encrucillado. –Xa. O avó non dixo máis que iso, dúas letras. Meu pai tamén calou e miroume cos ollos de vidro do avó. Miña nai e mais a avoa estaban na cociña e, non sei por que, iso tranquilizoume.

15


SILENCIO

O avó, en silencio, asústame. O avó sempre facía ruído, coma os reloxos de antes, que non paraban nunca de facer tictac. Até que se estragaban. Agora, de socato, queda calado, e se estou con el a soas, boto a falar polos dous. Mais, se está mamá ou ben a avoa, o silencio pesa tanto que teño que respirar máis fondo para non afogar. Calan os tres e a min fáltame o aire. E, cando me oen inspirar ruidosamente, forzan un sorriso e todos tentan seguir co que facían. Porén, xa podo armar todo o ruído que queira, que o silencio fica alí un bo anaco, ao pé da butaca do avó, que diría que o vexo respirar, si, moi tranquilo, coma se, en verdade, non botase de menos o tictac.

16


MERENDAR

Agora merendo mellor. A avoa faime o bocadillo media hora antes de que saia do colexio, e o avó tráemo cando me vén buscar. Antes facíamo miña nai pola mañá e eu levábao na mochila o día todo, e amolecía. A merenda é o único que mellorou coa mudanza. O pan roxe, escollo o que lle quero dentro e cómoo acompañado polo avó, que parece un algo máis feliz a cada trabada que lle chanto. –Envexo a túa fame, Jan! –Pásame os dedos polo pelo e espelúxame, e eu sacudo a súa man da cabeza, sen deixar de mastigar. –Queres? –Non, non. Ese é o problema, que non quero. De maneira que acabo o bocadillo un par de rúas antes de chegarmos á casa, sen entender para que quere meu avó a miña fame, el que sempre di que de pequeno pasou tanta.

17


UNHA COUSA

Un día, meus pais viñeron ao meu cuarto mentres facía os deberes e miráronme con cara de estar a punto de me falaren unha cousa importante. Sentaron na miña cama. –Ven, senta aquí no medio, Jan, fillo. –Papá e mais eu temos que dicirche unha cousa. –Unha cousa boa. Non parecía que fose boa, polas caras que puñan. –O avó Joan e mais a avoa Caterina han vir vivir connosco a partir do mes que vén. Esperei a ver se sorrían, e non o fixeron. Para min era unha boa nova, digna dun «Viva!» e unha aperta como mínimo. O avó e mais a avoa na casa connosco, coma nas vacacións pero ao revés? –Podo pórme contento? –Claro, fillo. –E logo por que vós non o estades? –Temos que nos afacer á idea do cambio –dixo meu pai, mentres apertaba a man da miña nai.

18


Cando se foron, acabei de facer os deberes de Inglés cunha letra que non era mesmamente a miña, o «a» e o «o» devecéranme.

19


A CASA DOS AVÓS

Ao outro día tiña unha chea de preguntas sobre a mudanza, e non sei por que non llas quixen facer a miña nai. Agardei a ficar só co meu pai: –Mais o verán habémolo pasar en Vilaverd, coma sempre, non é? –Xa veremos. –«Xa veremos» quere dicir que non, certo? –Supoño… –Papá! –Creo que non, Jan, fillo. «Jan, fillo» desactívame, sempre me fai calar. «Jan, fillo» é un sinal de stop, de até aquí chegamos. Aínda non traspasei nunca «Jan, fillo» ningún. Non fixen máis preguntas. Non quería máis respostas.

20


JAN, FILLO

O día que tiñan que chegar os avós cargados de maletas e paquetes, mandáronme á casa de Moisès, un amigo do colexio. Deixáronme quedar a durmir, e iso debería alegrarme. –A que queres xogar? –Ao que ti queiras. Fixemos un castelo de pezas de Lego que ocupou todo o chan do cuarto de Moisès. Súa nai encargou unhas pizzas para cear e seu pai deixounos ver a metade dunha película de superheroes. Os tres esforzáronse tanto en pórme contento que me entristecín máis aínda. Á hora de deitarnos, a nai de Moisès sentou ao pé da miña cama encartábel e, mentres o pai nos contaba un conto, ela non parou de refregarme as pernas coa man. –Jan, fillo, tenta durmir –díxome, ao que me deu o bico de boa noite. E desactiveime.

21


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook