Skip to main content

A lenda do santo bebedor G - Joseph Roth

Page 1

I

Nun serán de primavera do ano 1934, un señor de idade madura baixaba os chanzos de pedra que levan desde unha das pontes sobre o Sena até as súas marxes. Alí é –feito este coñecido por case todo o mundo, pero aínda así merecedor de ser, nesta ocasión, traído á memoria das persoas– onde os vagabundos de París adoitan durmir ou, mellor dito: acampar. Pois ben, un destes vagabundos avanzou por casualidade cara ao señor de idade madura, quen, por certo, ía ben vestido e daba a impresión de ser un viaxeiro que tiña a intención de contemplar as curiosidades das cidades descoñecidas. Certamente, aquel vagabundo non semellaba

5


nin máis nin menos desleixado e digno de compaixón ca todos os demais con quen compartía a súa existencia, pero ao señor ben vestido e de idade madura pareceulle digno dunha atención particular; o porqué non o sabemos. Era xa, como quedou dito, no serán, e baixo as pontes nas marxes do río anoitecía máis intensamente que arriba, no peirao e nas pontes. O home vagabundo e visibelmente desleixado cambaleaba un pouco. Non parecía reparar no señor entrado en anos e ben vestido. Pero este, que non cambaleaba en absoluto, senón que dirixía os seus pasos segura e directamente cara ao cambaleante, xa reparara nel, polo visto, desde lonxe. O señor de idade madura cortoulle decididamente o camiño ao home desleixado. Ambos os dous quedaron parados fronte a fronte. –A onde vai, irmán? –preguntou o señor entrado en anos e ben vestido. O outro ollouno un momento e despois dixo: –Non sabía eu que tivese un irmán, e non sei a onde me leva o camiño. –Vou intentar mostrarlle o camiño –dixo o señor–. Pero non se me enfadará se lle pido que me faga un favor inusual.

6


–Estou disposto a prestar calquera servizo –contestou o desleixado. –Certamente vexo que vostede ten moitos defectos. Pero Deus púxoo no meu camiño. Seguro que necesita diñeiro; e non me tome a mal esta frase! Eu téñolle demasiado. Quere dicirme con franqueza canto necesita? Polo de agora, cando menos? O outro reflexionou un par de segundos e logo dixo: –Vinte francos. –Iso é, de certo, demasiado pouco –retrucou o señor–. Sen dúbida, vostede necesita douscentos. O desleixado recuou un paso e pareceu que non podería evitar caer, pero, con todo, ficou de pé, aínda que cambaleando. Logo dixo: –Certamente prefiro douscentos francos no canto de vinte, pero eu sonlle un home de honor. Vostede semella estar a xulgarme mal. Non podo aceptar o diñeiro que me ofrece, e iso polas seguintes razóns: en primeiro lugar, porque non teño o pracer de coñecelo; en segundo lugar, porque non sei como e cando llo ía poder devolver; e, en terceiro lugar, porque vostede tam-

7


pouco ten a posibilidade de mo reclamar. Pois eu non teño enderezo ningún. Habito case todos os días baixo unha ponte distinta do río. Aínda así, como xa subliñei unha vez, son un home de honor, aínda que sen enderezo. –Eu tampouco teño enderezo ningún –contestou o señor de idade madura–, eu tamén habito todos os días baixo unha ponte distinta, e aínda así lle rogo que teña a amabilidade de aceptar os douscentos francos; unha suma, por certo, irrisoria para un home coma vostede. Agora, no tocante ao reembolso, teño que estenderme máis para lle facer comprensíbel por que non lle podo indicar un banco onde podería devolver o diñeiro. Resulta que me convertín en cristián porque lin a historia da pequena santa Tareixa de Lisieux. E agora sinto unha especial veneración por aquela pequena estatua da santa que se atopa na capela de Sainte-Marie des Batignolles e que vostede recoñecerá doadamente. Así que, cando vostede teña os miserábeis douscentos francos e a súa conciencia o obrigue a non quedar a deber esta suma irrisoria, diríxase, por favor, a SainteMarie des Batignolles e deposite alí estes cartos nas mans do cura cando acabe de dicir misa. Se

8


hai alguén a quen llos debe, entón é á pequena santa Tareixa. Pero non o esqueza: en SainteMarie des Batignolles. –Vexo –dixo daquela o desleixado– que vostede nos comprendeu perfectamente, a min e a miña honorabilidade. Doulle a miña palabra de que manterei a miña palabra. Pero só podo ir á misa os domingos. –Un domingo, entón –dixo o señor entrado en anos. Tirou douscentos francos da carteira, deullos ao cambaleante e dixo: –Moitas grazas! –Foi un pracer –contestou este, e desapareceu coa mesma na profunda escuridade. Porque embaixo, entre tanto, escurecera, mentres arriba, nas pontes e nos peiraos, se acendían os farois prateados para anunciaren a alegre noite de París.

9


II

Tamén o señor ben vestido desapareceu na escuridade. A el, en efecto, tocáralle en sorte o milagre da conversión. E decidira guiar a vida dos máis pobres. E por iso habitaba baixo a ponte. Pero no tocante ao outro, tratábase dun bebedor, por non dicir: dun borrachón. Chamábase André. E vivía de azares, coma moitos bebedores. Había ben tempo que non posuía douscentos francos. E se cadra por haber tanto tempo diso, sacou un anaquiño de papel e mais o resto dun lapis á penosa luz dun dos escasos farois baixo unha das pontes e apuntou para si o enderezo da pequena santa Tareixa e mais a suma de douscentos francos que lle debía a partir daquel momento.

11


Subiu por unha das escaleiras que levan desde as marxes do Sena até os peiraos. Alí –iso sabíao– había un restaurante. E entrou, e comeu e bebeu con fartura, e gastou moitos cartos, e aínda levou unha botella enteira para a noite que pensaba pasar baixo a ponte, coma de costume. Si, mesmo recolleu aínda un xornal dunha papeleira. Pero non para ler nel, senón para taparse con el. Porque os xornais conservan a calor; isto é algo que saben todos os vagabundos.

12


III

Á mañá seguinte, André ergueuse antes do que adoitaba, xa que durmira inusualmente ben. Lembrou, tras unha longa reflexión, que a véspera lle acaecera un milagre; si, un milagre. E dado que aquela última noite cálida, tapado co xornal, cría que durmira particularmente ben, como non o facía desde había moito, decidiu tamén lavarse, cousa que non fixera desde había moitos meses, a saber: durante a estación máis fría do ano. Porén, antes de se espir volveu meter a man no bolso interior esquerdo da chaqueta, onde, segundo a súa memoria, debía atoparse o resto tanxíbel do milagre. Entón buscou un lugar especialmente afastado na ribada do Sena, para

13


lavar polo menos a cara e o pescozo. Pero como lle parecía que había persoas por todas as partes, xustamente persoas miserábeis do seu xénero (vidas a menos, como el mesmo lles chamou de repente para si), que poderían observar como se lavaba, renunciou finalmente ao seu propósito e conformouse con mergullar unicamente as mans na auga. Logo volveu vestir a chaqueta, volveu meter a man á procura do billete no bolso interior esquerdo e sentiuse completamente limpo e realmente transformado. Entrou no día, nun dos seus días que, desde tempos inmemoriais, estaba afeito a desperdiciar, decidido a dirixirse, aquel día tamén, coma de costume, á rue des Quatre-Vents, onde se atopaba o restaurante ruso-armenio Tari-Bari1 e onde investía en bebidas baratas os escasos cartos que lle deparaba o azar diario. Mais ao pasar por diante do primeiro quiosco de prensa quedou parado, atraído polas ilustracións 1

Posíbel transliteración do ruso Тары-бары, que significa «lerias inútiles», ou do hebreo ‫אירבו ירט‬, que significa «fresco e saudábel». No período de entreguerras, Roth tivo que coñecer en Berlín, na Nürnberger Strasse, un célebre restaurante xermano-ruso chamado precisamente Tary Bary. (N. do T.)

14


dalgúns semanarios, pero tamén repentinamente presa da curiosidade por saber o día que era, que data e que nome tiña aquel día. De modo que mercou un xornal e viu que era un xoves e recordou de súpeto que el nacera un xoves, e, sen fixarse na data, decidiu considerar aquel xoves precisamente o día do seu aniversario. E dado que estaba embargado por unha infantil alegría de día festivo, xa non dubidou nin un instante en entregarse a propósitos bos e mesmo nobres, e en non entrar no Tari-Bari, senón, co xornal na man, nunha taberna mellor, para tomar alí un café –iso si, regado con ron– e comer unha rebanda de pan con manteiga. De maneira que, altivo malia a súa indumentaria esfarrapada, entrou nun bistro burgués e sentou nunha mesa; el, que só estaba afeito, desde había tanto tempo, a estar na barra, é dicir: a apoiarse nela. De modo que sentou. E como fronte ao seu asento se atopaba un espello, non puido deixar de contemplar a súa face, e pareceulle coma se naquel momento estivese de novo trabando coñecemento consigo mesmo. Daquela, certamente, asustouse. Ao mesmo tempo tamén soubo por que, nos últimos anos, lles tivera tanto medo aos

15


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
A lenda do santo bebedor G - Joseph Roth by kalandraka.com - Issuu