I. A CREACIÓN ARTÍSTICA E A IMAXINACIÓN Chamamos actividade creadora a toda acción humana que xera algo novo, sen distinguir se o creado por ela é un obxecto do mundo externo ou unha determinada construción da mente ou do sentimento que existe e se manifesta soamente no interior do ser humano. Se observamos o comportamento humano, resulta doado decatarse da posibilidade de distinguir nel dous tipos principais de impulsos. Un deles podería chamarse reprodutor ou reprodutivo, e acostuma estar estreitamente vinculado coa nosa memoria. A súa esencia radica en que o ser humano reproduce ou repite os modelos de conduta creados e adquiridos con anterioridade, ou revive as pegadas de impresións previas. Cando rememoro a casa onde pasei a miña infancia ou os países afastados que unha vez visitei, estou reproducindo as pegadas de impresións vividas na infancia temperá ou durante esas viaxes. O mesmo acontece cando se debuxa do natural, se escribe ou se realiza algo tomando un exemplo para imitar. Nestes casos, estase a reproducir algo que se ten diante, ou aquilo que se adquiriu ou asimilou con anterioridade. O común nestes procesos é que a nosa actividade non crea nada novo e o seu fundamento céntrase en repetir con maior ou menor exactitude algo xa existente. 7
Resulta sinxelo comprender que, para a vida do ser humano, ten grande importancia o feito de conservar a súa experiencia anterior, e ata que punto isto facilita a súa adaptación ao mundo que o rodea, e lle permite crear e adquirir uns hábitos permanentes que se repiten en circunstancias idénticas. O principio orgánico desta actividade de reprodución ou de memorización é a plasticidade da nosa substancia nerviosa, entendendo por plasticidade a propiedade dunha substancia para se adaptar e conservar as pegadas dos seus cambios. Desde esta perspectiva diremos que a cera é máis plástica que a auga ou que o ferro, porque se presta con máis facilidade aos cambios que o ferro e porque conserva mellor que a auga a pegada destes cambios. Só estas dúas propiedades, no seu conxunto, forman parte da plasticidade da nosa substancia nerviosa. O noso cerebro e o noso sistema nervioso, que posúen unha enorme plasticidade, transforman con facilidade a súa finísima estrutura baixo a influencia de diversas forzas e manteñen a pegada destas modificacións, sempre e cando estes estímulos sexan bastante fortes ou se repitan con certa frecuencia. No cerebro acontece algo semellante ao que lle sucede a un folio de papel cando o dobramos pola metade: no lugar da dobrez queda a marca como resultado do cambio realizado, así como a predisposición á repetición desa modificación no futuro. Abonda con soprar sobre ese folio de papel para que volva dobrarse polo lugar exacto no que quedou a marca. O mesmo ocorre coa marca que deixa unha roda sobre a terra amolecida: fórmase unha rodeira que fixa os cambios producidos pola roda e facilita o seu paso no futuro. Deste xeito, os estímulos fortes ou repetidos con frecuencia abren camiños semellantes no noso cerebro. 8
Por conseguinte, o noso cerebro actúa como o órgano que conserva a nosa experiencia anterior e facilita a súa reprodución. Non obstante, se a actividade cerebral se limitase unicamente a conservar as experiencias anteriores, o ser humano só se adaptaría con preferencia a unhas condicións habituais e permanentes do medio. Todo cambio novo e inesperado nese medio que non existise na experiencia anterior do ser humano non podería, neste caso, provocar nel a debida reacción de adaptación. Xunto a esta función de conservación das experiencias pasadas, o cerebro posúe tamén outra función non menos importante, a denominada combinatoria ou creadora. Cando na miña imaxinación recreo unha escena do futuro, poñamos por exemplo, a vida do home no sistema socialista, ou algo do pasado remoto coma unha escena da vida e loita do home prehistórico, en ambos os casos estou a reproducir unhas impresións nunca experimentadas. Non é a renovación dunha simple pegada dos estímulos anteriores que chegaron ao meu cerebro, posto que, de feito, eu nunca vin nin ese pasado nin ese futuro; porén, podo formar a miña propia idea, representación e visión deles. Toda actividade humana que consiga crear novas imaxes ou novas accións, e non só reproduza impresións ou accións de experiencias anteriores, pertence ao segundo tipo de conduta: á creadora ou combinatoria. O cerebro é un órgano que, ademais de conservar e reproducir a nosa experiencia anterior, tamén posúe unha función combinatoria, xa que procesa e crea a partir de elementos da súa experiencia pasada novas teorías e un novo comportamento de maneira creativa. Se a actividade humana se limitase a reproducir unicamente o vello, entón o ser humano dirixiríase soamente cara ao pasado e só sería capaz de adaptarse 9
ao futuro na medida en que este reproducise o pasado. É precisamente a actividade creativa a que converte o home nun ser orientado cara ao futuro, capaz de crear ese futuro e, á vez, modificar o seu presente. Os psicólogos chaman imaxinación ou fantasía á actividade creadora baseada na capacidade que ten o noso cerebro para combinar. Polo xeral, no uso cotián, enténdese por imaxinación ou fantasía algo diferente da definición científica; consideramos imaxinación ou fantasía aquilo que non é real, que non se corresponde coa realidade e que, polo tanto, non ten ningunha importancia práctica seria. Mais o feito é que a imaxinación, ao ser a base de calquera actividade creadora, se manifesta por igual en todos os aspectos da vida cultural, e fai posible a creación artística, científica e técnica. Neste sentido, todo o que nos rodea así como o creado pola man do home, incluído o mundo da cultura, á diferenza do mundo da natureza, é produto da imaxinación e da creación humana baseado na imaxinación. Calquera invención –afirma Ribot–,1 grande ou pequena, antes de ser fixada e realizada, comezou por ser unha imaxinación, unha simple construción no cerebro e un conxunto de combinacións e de relacións novas. 1
Théodule-Armand Ribot (1839-1916) foi un destacado psicólogo no campo experimental e sensoempirista. Estudou a influencia psicolóxica da herdanza nas persoas. Traduciu The Principles of Psychology de H. Spencer ao francés. Entre as súas obras destacan: La Psychologie des sentiments, 1896 (trad. cast.: La psicología de los sentimientos, Madrid, 1900); L'évolution des idées genérales, 1897 (trad. cast.: La evolución de las ideas generales, Madrid: J. Pueyo, 1929); e Essai sur l'imagination créatrice, 1900 (trad. cast.: Ensayo acerca de la imaginación creadora, Madrid: Antonio Pérez y Cª, 1901). (N. do E.)
10
[...] A inmensa maioría das invencións foi creada por descoñecidos, conservamos tan só uns poucos nomes dos grandes inventores. Ben se manifeste de xeito persoal ou colectivo, a imaxinación é sempre imaxinación. Quen sabe a cantidade de imaxinación que foi precisa inverter para que o arado, que ao principio non era máis ca un sinxelo anaco de madeira endurecida polo lume e impulsado pola man do home, despois dunha longa serie de modificacións descritas en textos especializados, pasase de ser unha ferramenta manual moi rudimentaria a transformarse no que é na actualidade? Do mesmo modo, a débil chama dunha pequena póla dunha árbore resinosa, que servía de facho primitivo, condúcenos á iluminación de gas e á eléctrica a través dunha longa serie de invencións. Todos os obxectos da vida cotiá, sen excluír os máis simples e ordinarios, son, por dicilo dalgunha maneira, exemplos da «imaxinación cristalizada».
Así, podemos inferir con facilidade que a nosa idea habitual do proceso de creación tampouco se axusta na súa totalidade ao concepto científico da palabra. Segundo o concepto habitual, a creación é patrimonio duns poucos seres selectos: xenios e talentos que crearon grandes obras de arte, que levaron a cabo importantes descubrimentos científicos ou inventaron algún adianto no ámbito tecnolóxico. Aceptamos de bo grado e recoñecemos con facilidade o papel da creatividade na obra de Tolstoi, Edison ou Darwin, pero resúltanos normal presupoñer que tal acto de creación artística non existe en absoluto na vida dunha persoa corrente. Non obstante, como xa dixemos, este punto de vista é incorrecto. Parafraseando unha analoxía dun científico ruso, igual que a electricidade actúa e se manifesta non só alí onde se produce unha impoñente tempestade con raios e relampos cegadores, 11
senón tamén nunha pequena lámpada dunha lanterna de peto; do mesmo modo, a creación, en realidade, non só está presente cando se orixinan grandes obras históricas, senón tamén cando o ser humano é capaz de imaxinar, combinar, modificar e crear algo novo, aínda que ese acto novo semelle un gran de area en comparación coas obras dos xenios. Se a isto se lle engade a existencia da creación colectiva que engloba todas estas achegas da creación individual, frecuentemente insignificantes de por si, decatarémonos de que unha inmensa parte de todo o creado pola humanidade corresponde precisamente ao traballo creativo anónimo e colectivo de inventores descoñecidos. A maioría das invencións foi creada por descoñecidos, como correctamente afirma Ribot, e a comprensión científica desta cuestión obríganos a considerar a creación unha norma máis que unha excepción. Sen dúbida, as manifestacións máis excelsas da creación son, aínda hoxe en día, accesibles só a uns poucos xenios escollidos da humanidade; pero, na vida cotiá que nos rodea, a creación artística é unha condición indispensable para a existencia, e todo o que exceda os límites da rutina e conteña polo menos unha chisca de novidade debe a súa existencia ao proceso creador do ser humano. Se entendemos a creación artística deste modo, resulta doado decatarse de que os procesos creativos empezan a manifestarse con toda a súa forza desde a infancia máis temperá. Unha das cuestións máis importantes da psicoloxía e da pedagoxía infantil é a expresión artística nos nenos, o seu fomento e o valor do traballo artístico para o desenvolvemento xeral e a súa maduración. Desde os primeiros anos observamos nos nenos procesos de creación que se evidencian especialmente nos xogos: o neno 12
que cabalga un pau e se imaxina que monta un cabalo; a nena que xoga cunha boneca e se imaxina que é a súa nai; o neno que se converte en bandido, en soldado do Exército Vermello ou en mariñeiro durante o xogo. Todos eles amosan exemplos da creación artística máis auténtica e verdadeira. Certo é que nos seus xogos reproducen moito do que teñen visto, mais é ben sabido o gran papel que desempeña a imitación nos xogos dos nenos. Con frecuencia, son unicamente un eco daquilo que viron e escoitaron dos adultos; porén, os elementos da súa experiencia previa nunca se reproducen no xogo dunha maneira exacta a como aconteceron na realidade. O xogo infantil non é un simple recordo do vivido, senón que é unha reelaboración creativa das vivencias. O neno combínaas para construír unha realidade nova que responda ás súas propias necesidades e inclinacións. Do mesmo xeito que o xogo, o devezo dos nenos pola creación fantasiosa é un exemplo da súa actividade imaxinativa. Un neno de tres anos e medio –conta Ribot–, ao ver un home coxo que andaba pola rúa, exclamou: «Mamá, mira que perna ten ese pobre home!». A continuación empeza a inventarse unha historia: «O home montaba un cabalo alto, caeu sobre unha pedra grande e fíxose moito dano na perna; habería que atopar uns pos para curalo».
Neste caso, a actividade combinatoria da imaxinación preséntase dun modo totalmente evidente. Temos ante nós unha situación creada polo neno, na que os elementos son coñecidos por el grazas á súa experiencia anterior; de non ser así, non os podería crear. Non obstante, a combinación destes elementos constitúe agora algo novo, creativo, que pertence ao propio neno e non 13
se limita a reproducir simplemente o que el tivo ocasión de contemplar ou apreciar. Esta capacidade de crear unha construción cuns elementos dados, de poder combinar o vello en novas asociacións, constitúe, precisamente, a base da creación artística. Con toda a razón, moitos autores sinalan que podemos observar as raíces desta combinación creativa incluso nos xogos dos animais que, con frecuencia, representan tamén o produto da imaxinación motriz. Non obstante, os rudimentos da imaxinación creativa en animais, debido ás condicións nas que viven, non puideron acadar un desenvolvemento firme e estable, e soamente o home puido elevar esta forma de actividade ata a súa altura actual.
14
2. IMAXINACIÓN E REALIDADE Non obstante, cómpre preguntarse: como se produce esta actividade capaz de crear e de combinar? Como se orixina, a que está condicionada e a que leis se somete durante o seu desenvolvemento? A súa análise psicolóxica revela unha enorme complexidade. Non se orixina de repente, senón que encontra a súa propia forma de expresión artística en cada etapa de crecemento infantil, evoluciona con lentitude e paulatinamente desde as formas máis simples e elementais ata as máis complexas. Máis adiante, tampouco se manifesta de maneira illada no comportamento humano, senón que depende directamente doutras formas da nosa actividade, en particular, da acumulación de experiencia. Para comprender o mecanismo psicolóxico da imaxinación e da creación artística vinculada con ela, é preferible empezar por esclarecer a relación que existe entre fantasía e realidade no comportamento humano. Xa dixemos que o punto de vista habitual que separa a fantasía da realidade cunha liña infranqueable é incorrecto. Agora intentaremos presentar as catro formas principais que relacionan a actividade da imaxinación coa realidade. Esta explicación axudaranos a entender a imaxinación 15