Skip to main content

A estrada

Page 1

A estrada


Título orixinal: The Road, 2006 Copyright © 2006 by Cormac McCarthy © da tradución: Eva Almazán, 2010 © desta edición: Kalandraka Editora, 2010 Italia, 37, of. 10 - 36162 Pontevedra Telf.: 986 860 276 faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com Ilustración e deseño de portada: Marc Taeger Corrección: Carme Pereiro Directores de colección: Xosé Ballesteros e Silvia Pérez Tato Faktoría K é un selo editorial de Kalandraka Primeira edición: xullo, 2010 ISBN: 978-84-96957-80-0 DL: PO 244-2010 Reservados todos os dereitos


A estrada Cormac McCarthy

Traduci贸n de Eva Almaz谩n


Este libro estรก dedicado a John Francis McCarthy


Cando acordou no monte no medio da escuridade e do frío da noite estendeu a man para apalpar o neno que durmía a son del. Noites máis negras ca a negrura mesma e os días máis grises ca a véspera. Coma a aparición dun glaucoma frío que ofuscaba o mundo. A man elevábaselle e descendía suavemente con cada alento precioso. Botou para atrás a lona plástica e ergueuse sobre as fedorentas roupas e mantas e mirou para o leste na procura dalgunha luz pero non había ningunha. No soño do cal espertara estaba a vagar polo interior dunha cova mentres o neno o levaba da man. A luz que portaban a brincar nas molladas paredes de coada. Como peregrinos nunha fábula engulidos e perdidos nas entrañas dunha besta granítica. Fondas chemineas de pedra onde a auga pingaba e cantaba. A tanguer no silencio os minutos da terra e as súas horas e os seus días e os seus anos sen cesar. Ata que deron nunha ampla cámara de pedra onde se abría un lago negro e vedraño. E na outra beira unha criatura que elevaba a boca pingante da poza de gour e fitaba a luz con ollos de branco morto e cego coma ovos de arañas. Abaixaba a cabeza sobre a auga coma querendo capturar o aroma do que non daba visto. Alí acazapada pálida e núa e translúcida, os ósos de alabastro proxectados en sombra sobre as rochas de detrás. Os intestinos, o corazón batente. O cerebro pulsátil dentro dunha campá de cristal mate. Arrandeou a cabeza de lado a lado e logo emitiu un xemido baixo e virou e marchou cun cambaleo súpeto e internouse con trote silencioso na escuridade.

9


Coa primeira luz gris ergueuse e deixou o neno a durmir e saíu á estrada e encrequenouse e estudou a parte meridional do país. Erma, muda, atea. Cría que era outubro pero non estaba seguro. Había anos que non levaba conta do calendario. Avanzaban cara ao sur. Onde estaban non habería forma de sobrevivir outro inverno. Cando houbo luz suficiente para usar os binoculares escudriñou o val de abaixo. Todo a palidecer na tebra. A cinsa leve a voar en remuíños frouxos cima do asfalto. Estudou o que alcanzaba a ver. Os segmentos de estrada aló embaixo entre as árbores mortas. Á procura de calquera cousa colorida. Calquera movemento. Calquera rastro de fume a elevarse. Baixou os prismáticos e apartou a máscara de algodón da cara e limpou o nariz co dorso do pulso e despois volveu escudriñar o país. Logo quedou alí sentado termando dos binoculares e mirando como a cinsenta luz do día se solidificaba sobre a terra. Só sabía que o neno era a súa xustificación. Dixo: Se el non é a palabra de Deus, Deus non falou nunca. Cando regresou o rapaz aínda estaba durmido. Quitou a lona plástica azul e pregouna e levouna para o carriño do supermercado e arrombouna e volveu cos pratos dos dous e uns moletes de millo nunha bolsa de plástico e un frasco de plástico de xarope. Estendeu a lona pequena que usaban de mesa no chan e dispúxoo todo enriba dela e tirou a pistola do cinto e pousouna no mantel e logo quedou sentado a mirar como durmía o rapaz. Quitara a máscara pola noite e quedáralle envurullada por algures nas mantas. Observou o rapaz e mirou por entre as árbores en dirección á estrada. Aquel lugar non era seguro. Podíanos ver desde a estrada porque xa era día. O rapaz rebuliu nas mantas. Logo abriu os ollos. Ola, papá, dixo. Estou aquí. Ben o sei. Unha hora despois estaban na estrada. Empurraba o carriño e tanto el coma o rapaz levaban mochila. Nas mochilas ía o impres-

10


cindible. Por se tiveren que abandonar o carriño e saír a correr. Enganchado ao guiador do carriño había un espello cromado de motocicleta que usaba como retrovisor. Subiu un pouco a mochila nos ombreiros e perdeu a vista no país devastado. A estrada estaba deserta. Embaixo na valga a queda serpentina gris dun río. Inmóbil e precisa. Na beira unha morea de xuncos mortos. Vas ben?, dixo. O rapaz asentiu. Logo botáronse a camiñar polo asfalto baixo a luz de chumbo, arrastrando os pés polo medio da cinsa, cada un o universo enteiro do outro. Atravesaron o río por unha ponte vella de formigón e uns quilómetros máis adiante chegaron a unha estación de servizo. Pararon na calzada e estudárona. Coido que deberiamos mirar, dixo o home. Botar unha ollada. As herbas que vadearon desintegrábanse ao seu paso. Cruzaron a plataforma de asfalto crebado e atoparon o depósito das bombas. Faltaba a tampa e o home deitouse de cóbados para cheirar o tubo pero o olor á gasolina era apenas un rumor, leve e rancio. Incorporouse e mirou para o edificio. As bombas ergueitas coas mangueiras aínda no seu lugar, estrañamente. As fiestras intactas. A porta do taller mecánico estaba aberta e o home entrou. Un armario metálico de ferramentas de pé contra unha parede. Revisou os caixóns pero non había nada que lle servise. Unhas boas chaves de vaso de centímetro e cuarto. Unha carraca. Mirou en volta no medio do taller. Un barril metálico cheo de lixo. Entrou na oficina. Po e cinsa por todas as partes. O rapaz quedou no limiar. Unha mesa de metal, unha caixa rexistradora. Varios manuais vellos de mecánica do automóbil, inchados e enchoupados. O linóleo estaba sucio e abarculaba por culpa das pingueiras do tellado. Achegouse á mesa e detívose diante dela. Logo descolgou o teléfono e marcou o número da casa que tiña o seu pai aló no pasado. O rapaz mirábao. Que fas?, dixo. A uns catrocentos metros detívose na estrada e mirou para atrás. Somos parvos, dixo. Temos que volver. Sacou o carriño da estrada e escorouno onde non se vise e deixaron as mochilas e regresaron á gasolineira. No taller arrastrou para fóra o barril de aceiro cheo de

11


lixo e envorcouno e separou todos os botellos plásticos de litro de aceite. Logo sentaron no piso a decantarlles un por un os restos que lles quedasen, poñendo os botellos de cabeza para abaixo sobre un cacharro ata que ao final xuntaron case medio litro de aceite de motor. Enroscou a tampa de plástico e limpou o botello cun trapo e ponderouno na man. Aceite para o candil feito cunha botella que alumaba os longos luscofuscos grises, as longas albas grises. Pódesme ler un conto, dixo o rapaz. Verdade que si, papá? Si, dixo el. Podo. No lado contrario do val fluvial a estrada atravesaba unha extensión queimada, núa e negra. Troncos calcinados e fanados a se estender a cada lado. Cinsa a moverse sobre a estrada e as mans caídas de arame cego penduradas desde os postes eléctricos a dar finas queixas no vento. Unha casa queimada nun clareiro e alén del unha extensión de terras pasteiras inhóspitas e grises e un banco nu de lama rubia cunha obra viaria abandonada. Máis aló había valos con anuncios de moteis. Todo coma antes só que esvaecido e gastado. No cumio do monte detivéronse ao frío e ao vento, a recobrar o resollo. Mirou para o rapaz. Vou ben, dixo o rapaz. O home púxolle a man no ombreiro e sinaloulle coa cabeza para o campo aberto perante eles. Tirou os binoculares do carriño e detívose na estrada e escudriñou a chaira inferior onde a silueta dunha cidade se alzaba na grisura coma un debuxo de carbón bosquexado na terra erma. Nada que ver. Non había fume. Déixasme ver?, dixo o rapaz. Si. Xaora que si. O rapaz apoiouse no carriño e axustou a rodiña. Que ves?, dixo o home. Nada. Baixou os prismáticos. Chove. Si, dixo o home. Xa o sei. Deixaron o carriño nunha cavarca tapado coa lona e ascenderon a ladeira polo medio das estacas escuras das árbores en pé ata onde vira unha sopena de rocha corrida e sentaron debaixo da pedra voada e miraron como as cortinas grises de choiva varrían o val. Ía moito frío. Aconchegáronse envolveitos en cadansúa manta por riba do abrigo e ao cabo parou de chover e só quedaron as pingueiras do bosque.

12


Cando delampou baixaron ao carriño e sacaron a lona e colleron as mantas e as cousas que necesitaban para a noite. Volveron subir a costa e acamparon na terra seca de debaixo das rochas e o home sentou a apertar o rapaz para que quecese. Envolveitos nas mantas, a miraren como a escuridade sen nome viña amortallalos. Ao chegar a noite a forma gris da cidade esvaeceuse coma unha aparición e o home prendeu a lampadiña e colocouna onde non ventaba. Logo saíron á estrada e colleu o rapaz da man e foron ao cumio do monte onte a estrada chegaba ao punto máis alto e desde onde dominaban o país que escurecía en dirección sur, de pé no vento, envolveitos nas mantas, á procura dalgún sinal de lume ou dunha lámpada. Non había nada. Nas rochas laterais do monte a lámpada era apenas unha partícula de luz e ao cabo volveron. Moi mollado todo para armar lume. Comeron fría a cea ruín e deitáronse nas mantas coa lámpada entre ambos os dous. Levara o libro do rapaz pero o rapaz ía moi canso para ler. Podemos deixar a lámpada ata que adormeza?, dixo. Si, claro que si. Tardaba moito en conciliar o sono. Ao cabo virouse e mirou para o home. A cara na luz tenue coas raias negras da choiva coma un tráxico do mundo antigo. Pódoche preguntar unha cousa?, dixo. Si, por suposto. Imos morrer? Algún día si. Polo de agora non. E seguimos indo ao sur. Si. Para non pasar frío. Si. Vale. Vale o que? Nada. Que vale. Durme. Vale. Vou apagar a lámpada. Paréceche? Paréceme.

13


E logo máis tarde na escuridade: Pódoche preguntar unha cousa? Si. Xaora que podes. Que farías ti se eu morrese? Se ti morreses eu tamén había querer morrer. Para poder estar comigo? Si. Para poder estar contigo. Vale. Quedou deitado a escoitar as pingueiras do bosque. Leito de rocha, este. O frío e o silencio. As cinsas do mundo anterior transportadas polos ventos sombríos e temporais de aquí para alá no baleiro. Levadas e espalladas e voltas a levar. Todo desesteado. Solto no aire cinsento. Sustentado por un alento, tremente e breve. Oxalá tivese o corazón de pedra. Acordou antes da alba e contemplou o raiar do día gris. Lento e semiopaco. Ergueuse mentres durmía o rapaz e puxo os zapatos e envolveito na manta entrou na fraga. Meteuse nunha físgoa da rocha e encrequenouse nela a tusir e tusir moito tempo. Logo quedou axeonllado nas cinsas. Elevou o rostro cara ao día palidecente. Estás aí?, bisbou. Heite ver por fin? Tes pescozo para que poida esganarte? Tes corazón? Maldito sexas eternamente, tes alma? Oh, Deus, bisbou. Oh, Deus. Atravesaron a cidade ás doce da mañá do outro día. Tiña a pistola á man na lona pregada no alto do carriño. Levaba o rapaz ben pegado a el. A cidade estaba calcinada na maior parte. Nin rastro de vida. Coches na rúa cunha grosa capa de cinsa, todo cuberto de cinsa e po. Rodeiras fosilizadas na lama reseca. Nun portal un cadáver curado. A facerlle unha careta ao día. Abeirou máis o rapaz. Recorda que as cousas que metes na cabeza quedan nela para sempre, dixo. Igual convén que o teñas en conta. Algunhas cousas esquécense, non si?

14


Si. Esqueces o que queres recordar e recordas o que queres esquecer. Había un lago a quilómetro e medio da granxa do tío onde el e o tío adoitaban ir apañar leña para o lar no outono. Sentado na traseira do bote de remos metía a man na esteira fría mentres o tío se inclinaba nos remos. Os pés do vello cos zapatos de pelica apuntalados contra os espeques. O sombreiro de palla. A cachimba de mazaroca entre os dentes e unha baba fina a arrandearse desde a cazoleta. Xirouse para ver a outra beira, os remos quedos no colo, a pipa sacada da boca para limpar o queixo co dorso da man. A beira estaba punteada de bidueiros que se levantaban con palidez ósea contra o fondo escuro da vexetación perenne. O bordo do lago era un coído de tocos retortos, grises e curtidos pola intemperie, as árbores abatidas por un furacán de anos atrás. As árbores en por si foran serradas para facer leña e levadas de aló había moito tempo. O tío virou o bote e levou os remos e deixáronse arrastrar pola corrente polo baixío areoso ata que o espello de popa rascou na area. Unha perca morta a aboiar de barriga para arriba na auga transparente. Follas amarelas. Deixaron os zapatos nas cálidas táboas pintadas e arrastraron o bote á praia e soltaron a áncora na fin da corda. Unha lata de unto chea de cemento e cun cáncamo no medio. Camiñaron pola beira mentres o tío estudaba os tocos das árbores, a fumegar na pipa, unha corda de abacá enrolada ao ombro. Apañou un e virárono, usando as raíces para facer panca, ata que medio flotase na auga. Os pantalóns refucidos ata os xeonllos e aínda así os mollaron. Ataron a corda a unha cornamusa da traseira do bote e volveron cruzar o lago a remos, o toco a saltar engorde tras deles. Para entón xa era avanzada a tarde. Só o trasquido e o movemento lento e periódico nos toletes. O lago vidro escuro e luces de fiestras a achegárense pola beira. Unha radio en algures. Ningún dos dous dera palabra. Fora o día perfecto da súa infancia. O patrón ouro dos seguintes. Seguiron a viaxe ao sur nos días e semanas posteriores. Silandeiros e obstinados. País montañoso e áspero. Casas de aluminio. Ás

15


veces albiscaban treitos da autoestrada interestatal aló embaixo por entre as formacións núas de bosque renoval. Friaxe e en aumento. Xusto alén da forca dos montes detivéronse a contemplar o gran golfo do sur onde o país estaba calcinado ata onde lles alcanzaba a vista, as formas ennegrecidas de rocha a destacaren entre os bancos de cinsa e nubes de cinsa a alzarse no aire e viaxar país abaixo por entre a devastación. O rastro do sol apagado a moverse invisible máis alá da tebra. Durante días vadearon aquel terreo cauterizado. O rapaz atopara uns lapis de cores e pintáralle uns cairos á máscara e avanzaba naquela marcha longa e dura sen dar queixa. Unha das rodas de diante do carriño andaba tola. Que facerlle? Nada. Onde todo o que vían quedara reducido a cinsas non había forma de prender lume e as noites eran máis longas e máis escuras e máis frías do que ata entón experimentaran. Un frío que regañaba as penas. Que quitaba a vida. Apertou contra el o rapaz aterecido e foi contando os precarios alentos na negrura. Acordou co ruído de tronos distantes e soergueuse. A luz tenue ao seu redor, vacilante e sen fonte, refractaba na choiva de feluxe suspendida. Acochou os dous corpos na lona e quedou deitado moito tempo a escoitar. Se se mollaban non habería lume para secarse. Se se mollaban seguramente morrerían. A negrura en que espertaba esas noites era cega e impenetrable. Unha negrura que mancaba os oídos ao escoitala. Moitas veces tiña que erguerse. O único ruído o do vento nas árbores núas e ennegrecidas. Incorporábase e quedaba a tremer no sitio naquela escuridade fría e autista cos brazos estendidos para se equilibrar mentres os cálculos vestibulares renxían a sacaren contas no interior do cranio. Unha crónica antiga. Buscar os rectos. Non hai caída que non preceda un declinar. Marchaba con grandes alancadas internándose na escuridade, contábaas para volver. Os ollos pechados, os brazos levados coma remos. Rectos en relación con que? Algo anónimo na

16


noite, vea ou matriz. Respecto do cal el e as estrelas eran satélite común. Coma un gran péndulo na súa rotonda a escribir ao longo do dilatado día movementos do universo dos cales pode afirmarse que nada sabe e mais ten que saber. Levou dous días atravesar aquela inmensidade borrallenta de rocha pelada. Alén dela a estrada discorría pola crista dunha cordilleira co monte vougo cortado a pique a ambos os lados. Está a nevar, dixo o rapaz. El mirou para o ceo. Unha única folerpa gris peneirada no aire. Apañouna e viuna expirar na súa man coma a derradeira hostia da cristiandade. Continuaron xuntos a pesada marcha gardados pola lona. As folerpas grises e molladas a colearen e caeren do nada. Neve lamacenta e gris nas marxes da estrada. Auga negra a discorrer desde debaixo das moutas de cinsa enchoupada. Nin unha fogueira xa nos cordais distantes. Pensou que as seitas sanguinarias deberan consumirse mutuamente. Ninguén percorría aquela estrada. Nin salteadores de camiños nin saqueadores. Ao cabo chegaron a unha estación de servizo e detivéronse ante a porta aberta e contemplaron os refachos de auganeve gris a baixaren das alturas. Xuntaron varias caixas vellas e armaron unha cacharela no chan e atoparon unhas ferramentas e baleiraron o carriño e sentaron a amañar a roda. Sacou a cavilla e furou a lamia cunha trade manual e regorneceuna cun anaco de tubo que cortara á medida cunha serra de arco. A seguir volveu fixar a cavilla e puxo o carriño de pé e deulle unhas voltas. Quedara bastante ben nivelado. O rapaz contemplábao todo sentado no chan. Pola mañá retomaron a marcha. País desolado. Un pelello de xabaril cravado na porta dun alpendre. Un galdrapo. O rabo coma un pabío. Dentro do alpendre tres corpos colgados das trabes, curados e poeirentos entre as franxas de luz frouxa. Igual hai algo por

17


aquí, dixo o rapaz. Igual hai un pouco millo ou algo. Vamos, dixo o home. Preocupábase sobre todo polo calzado. Por iso e polo alimento. Sempre o alimento. Nun vello afumadoiro coas paredes de listóns encontraron un xamón dependurado dun gancho fixo nun recanto do tellado. Parecía saído dunha tumba, de tan reseco e engruñado. Cravoulle a navalla. Carne granate e salgada. Nutritiva e boa. Frixírona esa noite no lume, en talladas grosas, e puxeron as talladas a guisar cunha lata de fabas. Despois acordou na escuridade e pareceulle que oíra tambores indios a retumbar nalgún punto dos montes baixos e escuros. Logo mudou o vento e só quedou o silencio. En soños a súa pálida esposa saía de debaixo dun dosel verde e frondoso e ía cara a el. As mamilas caolinadas e as costelas pintadas de branco. Levaba un vestido de gasa e o cabelo escuro recollido con peites de almafí, peites de cuncha. O seu sorriso, os seus ollos virados cara ao chan. Pola mañá volvía nevar. Doas de xeo pequeno e gris ensartadas no alto nos cables da luz. Desconfiaba de todas esas cousas. Dicía que os soños que debía ter un home en perigo eran soños de perigo e que todo o demais era a chamada da apatía e da morte. Durmía pouco e durmía mal. Soñaba que camiñaba por unha fraga florecente onde os paxaros voaban diante del e do neno e o ceo era tan azul que mancaba pero estaba aprendendo a se espertar de semellantes mundos de serea. Deitado na escuridade co inquietante gusto dun pexego recollido dalgún horto fantasma a esvaecérselle da boca. Pensaba que se se vivía para velo ao final o mundo acabaría por perderse enteiramente. Coma o mundo agonizante que habitan os que acaban de cegar, todo el a esvaecerse lentamente da memoria. Dos soños que tiña esperto na estrada non había forma de acordar. Seguía a avanzar con grande esforzo. Recordábao todo dela agás

18


o seu olor. Sentado nun teatro con ela ao seu carón inclinada cara adiante a escoitar a música. Apliques e arabescos dourados e as altas pregas columnares das cortinas a ambos os lados da escena. Ela tíñalle a man collida no colo e el notaba onde lle acababan as medias a través do tecido fino do vestido de verán. Conxela o fotograma. Agora maldí contra a escuridade e o frío e fódete. Colleu dúas vasoiras vellas que atopou e enganchounas ao carriño cuns arames para varrer de diante das rodas as pólas da estrada e montou o rapaz na cesta e subiu á barra traseira coma se levase unha zorra de cans e botáronse costa abaixo, guiando o carriño nas curvas coa forza do corpo coma no bobsleigh. Había moito tempo que non vía sorrir o rapaz. Na crista do monte había unha curva e unha bifurcación na estrada. Unha pista vella que se internaba na fraga. Saíron por ela e sentaron nun banco e contemplaron o val onde a terra se ondulaba ata desaparecer na brétema areosa. Un lago aló embaixo. Frío e gris e pesado na cunca rapinada do campo. Que é iso, papá? Un encoro. Para que vale? Para facer o lago. Antes de construíren o encoro aló embaixo só había un río. O encoro usaba a auga que corría por el para darlles voltas a uns muíños grandes que se chaman turbinas e xeraban electricidade. Para facer luz. Si. Para facer luz. Podemos baixar a velo? Está moi lonxe, coido. E o encoro durará aí moito tempo? Penso que si. É de formigón. Seguramente aguantará séculos. Mesmo milenios. Cres que igual haberá peixes no lago? Non. No lago non hai nada.

19


Naquel pasado tan distante un día vira por alí cerca como un falcón descendía polo longo muro azul da montaña e crebaba coa quilla do esterno a grúa central dunha bandada e a baixaba ao río feita un pingo todo desfeito e coa plumaxe solta e espenuxada arrastrada no quedo aire outonal. O aire granulado. O sabor nunca se che ía da boca. De pé á choiva coma gando. Logo continuaron, agarrando a lona por riba da cabeza na chuvisca roma. Tiñan os pés mollados e fríos e os zapatos desbaratados. Nas ladeiras cultivos vellos mortos e apouvigados. As ermas árbores cumieiras núas e negras na choiva. E os soños de cores tan ricas. Como senón chamaría por ti a morte? Acordas ao abrente frío e todo se volve cinsa nun instante. Como uns frescos antigos sepultados durante séculos e de repente expostos á luz do día. A choiva levantou e o frío e por fin entraron no ancho val fluvial de terras baixas, visibles aínda as partillas das terras de labranza, todo morto ata a raíz nas veigas ermas. Empurraban o carriño polo asfalto. Altas casas de madeira. Telladas con pranchas metálicas. Un alpendre de madeira nunha camposa cun anuncio en descoloridas letras de dous metros e medio de alto na auga do tellado. Visite Rock City. As sebes das marxes da estrada desapareceron e apareceron fileiras de silveiras negras e enmarañadas. Nin rastro de vida. Deixou o rapaz de pé na estrada termando da pistola para subir uns chanzos vellos de pedra calcaria e entrou na solaina da granxa e puxo as mans de viseira e espreitou polas fiestras. Accedeu pola porta da cociña. Lixo no piso, xornais vellos. Vaixela nun chineiro, cuncas penduradas de cadanseus ganchos. Foi polo corredor e detívose na porta do salón. Había un harmonio no recanto. Un televisor. Mobiliario tapizado barato xunto cun vello armario de portas e caixóns feito á man

20


en madeira de cerdeira. Subiu as escaleiras e percorreu os dormitorios. Todo cuberto de cinsa. Un cuarto infantil cun can de peluxe no peitoril a mirar para o xardín. Revisou os armarios. Desfixo as camas e colleu dúas boas mantas de la e volveu baixar. Na despensa había tres frascos de conserva caseira de tomate. Soproulles o po da tampa e estudounos. Alguén que pasara antes ca el receara deles e ao final el tamén e saíu coas mantas ao ombreiro e outra vez se puxeron a andar pola estrada. Nas aforas da cidade chegaron a un supermercado. Uns cantos automóbiles vellos no aparcadoiro estrado de lixo. Deixaron o carriño no aparcadoiro e revisaron os corredores sucios. Na sección de froitas e verduras no fondo das gabetas atoparon unhas poucas xudías antiquísimas e o que segundo parecía en tempos foran uns albaricoques, transformados desde había moito en secas e engurradas efixies de si mesmos. O rapaz ía detrás. Abríronse paso pola porta traseira. Na pasaxe de detrás da tenda uns cantos carriños, todos perdidos de ferruxe. Volveron revisar o súper na procura doutro carriño pero non os había. Onda a porta había dúas máquinas de refrescos que foran envorcadas no chan e abertas cunha panca. Moedas estradas pola cinsa. Sentou e pasou a man por dentro do mecanismo das máquinas destripadas e na segunda pechóuselle arredor dun frío cilindro metálico. Retirou a man devagar e encontrouse a mirar para unha coca-cola. Que é, papá? Unha larpeirada. Para ti. Que é? Toma. Senta. Afrouxoulle ao rapaz as cintas da mochila e pousou a carga no piso detrás del e meteu a unlla do polgar por debaixo do ariño de aluminio da parte superior da lata e abriuna. Achegou o nariz á tenue efervescencia que saía da lata e tendeulla ao rapaz. Veña, dixo. O rapaz colleu a lata. Tenche como burbullas, dixo. Bebe.

21


Mirou para o pai e logo inclinou a lata e bebeu dela. Quedou calado a meditalo. Que rica, dixo. Si, está. Bebe ti unha pouca, papá. Non, é para ti. Pois só un chisco. El colleu a lata e deulle un grolo e devolveulla. Bébea ti, dixo. Imos quedar aquí sentados un pouquiño. É porque non vou ter ocasión de beber outra máis nunca, verdade? Máis nunca é moito tempo. Vale, dixo o rapaz. Á tardiña do outro día estaban na cidade. As longas curvas de formigón dos nodos das autoestradas interestatais coma as ruínas dunha enorme casa dos espellos contra as tebras de lonxe. Levaba o revólver no cinto por diante e a parka coa cremalleira aberta. Os mortos momificados por todas as partes. A carne regañada ao longo dos ósos, os ligamentos secos coma cordas e tesos coma arames. Murchos e rechumidos coma modernas momias das turbeiras, a faciana de saba fervida, os valados amarelecidos do dentame. Estaban descalzos do primeiro ao último tal que peregrinos dunha orde común pois había tempo que lles levaran os zapatos todos. Seguían. El non deixaba de vixiar polo retrovisor. O único que se movía nas rúas era a cinsa que remexía o vento. Cruzaron a alta ponte de formigón que salvaba o río. Un peirao aló embaixo. Pequenas embarcacións de recreo medio afundidas na auga gris. Altas chemineas río abaixo indistintas na feluxe. Ao outro día varios quilómetros ao sur da cidade nunha curva da estrada e medio perdidos nas silveiras mortas chegaron a unha casa de estrutura antiga con chemineas e pinches e un muro de pedra. O home detívose. Despois meteu o carriño pola verea de entrada. E este sitio que é, papá?

22


A casa en que me criei. O rapaz quedou quieto a mirar para ela. Nas paredes de abaixo faltaba a maioría das descascadas táboas de madeira que quitaran para usar de leña e quedaban á vista os esteos e o illamento. A malla podre da solaina de atrás estaba tirada na terraza de cemento. Imos entrar? E logo? É que teño medo. Non queres ver onde vivía? Non. Non ha pasar nada. Igual hai alguén dentro. Non creo. E se hai? Tiña a vista elevada sobre o pinche do que fora o seu cuarto. Mirou para o rapaz. Queres agardar aquí? Non. Sempre dis o mesmo. Non me dou de conta. Ben o sei. Pero é verdade. Saíron de entre as cinchas das mochilas e deixáronas na terraza e abríronse paso a couces por entre o lixo da solaina e empurraron para entrar na cociña. O rapaz ía collido da súa man. Todo moi parecido a como o recordaba. Os cuartos baleiros. No cuartiño a que daba o comedor había un catre de ferro sen colchón, unha mesa metálica encartable. A mesma grella de ferro fundido na lareiriña. Faltaban os paneis de piñeiro das paredes e só quedaban os listóns de debaixo. Quedou parado. Apalpou co polgar na madeira pintada da cambota os furadiños das chatolas que prenderan medias corenta anos antes. Aquí celebrabamos o Nadal cando era cativo. Virouse e contemplou o patio estragado. Unha maraña de lilas mortas. A forma dunha sebe. As noites frías do inverno cando había temporal e marchaba a luz sentabamos aquí ao pé do lume, eu e as miñas irmás, a facermos os deberes. O rapaz miraba para el. Mirou

23


para as formas que o reclamaban pero que el non daba visto. Mellor imos indo, papá, dixo. Si, dixo o home. E mais non foi. Atravesaron o comedor onde os ladrillos refractarios do lar estaban tan amarelos coma o día en que os instalaran porque a nai non aturaba que negrexasen. O piso empenado pola choiva. Na sala de estar os ósos amoreados dun animaliño despezado. Posiblemente un gato. Un vaso de cristal onda a porta. O rapaz apertoulle a man. Subiron as escaleiras e xiraron e avanzaron polo corredor. Pequenos conos de xeso húmido no piso. Os soportes de madeira do teito á vista. Parou no limiar do seu dormitorio. Un exiguo espazo faiado. Aquí durmía eu. Tiña a cama contra esta parede. Nas noites contadas por milleiros soñar os soños das imaxinacións dun neno, mundos ricos ou pavorosos segundo cadrase pero nunca o que ía ser. Empurrou a porta do armario medio contando con atopar as súas cousas de pequeno. A luz do día fría e núa entraba polo tellado. Gris coma o seu corazón. Mellor marchamos, papá. Marchamos? Si, marchamos. Teño medo. Xa o sei. Perdoa. Teño medo de verdade. Tranquilo. Non debemos entrar. Tres noites despois nas faldras das montañas orientais espertou na escuridade co ruído de algo que se achegaba. Estaba deitado coas mans aos lados. O chan tremía. Ía en dirección a eles. Papá, dixo o rapaz. Papá. Chist. Non é nada. Que é iso, papá? Aproximouse, cada vez máis sonoro. Todo a tremer. Logo pasou por debaixo deles coma o metro e internouse na escuridade e marchou. O rapaz apertouse a el chorando, a cabeza enterrada no seu peito. Ala. Non foi nada. Teño moito medo.

24


Ben o sei. Non foi nada. Xa marchou. Que era, papá? Un terremoto. Xa pasou. Non nos fixo mal. Chist. Nos primeiros anos as estradas estaban ateigadas de refuxiados amortallados na propia roupa. Con máscara e anteollos protectores, sentados cos seus farrapos ao bordo da estrada coma aviadores arruinados. As carretas cargadas de trapallada. A turraren de vagóns ou remolques. Os ollos brillantes nas cuncas. Cascas descridas de homes a cambalearen polas calzadas coma emigrantes nunha terra febril. A fraxilidade de todo revelada por fin. Os asuntos preocupantes concluídos no nada e na noite. O último exemplar dunha cousa leva consigo a clase enteira. Apaga a luz e desaparece. Mira ao teu redor. Máis nunca é moito tempo. Pero o rapaz sabía o que sabía. Que máis nunca non é tempo ningún. Sentado xunta unha fiestra gris nunha casa abandonada á última hora da tarde lía xornais vellos mentres o rapaz durmía. As noticias curiosas. As cousas singulares. Ás oito péchase a herba de san Paulo. Mirou como durmía o rapaz. Serás capaz de facelo? Cando chegue o momento? Serás capaz? Encrequenados na estrada comeron arroz frío e xudías frías que coceran días antes. Xa empezaban a estar ácidas. Non había onde armar lume sen que se vise. Durmían aconchegados baixo os cobertores fedorentos na escuridade e no frío. Apertaba o rapaz contra el. Tan fraquiño. Meu corazón, dixo. Meu corazón. Pero sabía que se fose un bo pai ben podía ser igualmente como dixera ela. Que o rapaz fose o único que o separase da morte. Finais do ano. Non tiña idea do mes. Cría que tiñan comida abonda para atravesar as montañas pero non había forma de sabelo. O desfiladeiro da divisoria de augas estaba a mil cincocentos metros e ía facer moito frío. Dicía que todo dependía de alcanzaren

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
A estrada by kalandraka.com - Issuu