Skip to main content

A esfera celeste G - Olli Jalonen

Page 1

EU-QUE-VEÑO-SENDO-ANGUS-DA-ÁRBORE-MORTA estou sentado case sen mover un dedo na gallada dunha araucaria e arriba distingo as Montañas da Árbore da Col e abaixo, alén do Barranco de Rupert, as rochas fendidas da praia e mais o seo do mar aberto, que termina nun baleiro. Aínda non prendín a cabeza coa correa de coiro e por iso podo ver en todas as direccións e todos os cultivos verdes da chaira. Coa axuda dunha serra e dun coitelo grande, o señor Clarke foi cortando pólas e abriu entre elas un oco de anotar do tamaño que o señor Hawley lle ordenou, de dous cóbados de ancho e seis de alto. Como tarefa de día, o señor Hawley asignoume os paxaros. Estounos anotando todos os días con sementes de cabaza, con grans, cos de arroz e cos de trigo por separado, e cos chícharos secos. Por cada paxaro que pasa por diante do oco de anotar movendo as ás ruidosamente en arcos grandes, como as aves de pasteiro, as torcazas marróns e as pombas bravas, deixo caer na cunca de barro un gran de trigo. Polos que voan en picado como as andoriñas, os falcóns e de moi cando en cando un rabiforcado que o vento forza a internarse terra dentro dende

7


a costa, deixo caer unha semente de cabaza, ovalada coma os seus ollos. Polos que voan a choutos como as píllaras da chaira, deixo caer un gran de arroz. Para as especies estrañas que se extravían dende a espesura teño chícharos secos e duros no estoxo de coiro. Esa é a tarefa, a orde, a instrución e mais a lección. Como tarefa diúrna o señor Hawley asignoume os paxaros e como tarefa nocturna outra tarefa. A tarefa nocturna é máis importante aínda. As dúas son ordes para anotar e o señor Hawley ensinoume todo sobre elas. Dixéralle ao señor Clarke que as cousas tan sinxelas son doadas de realizar incluso para un parvo (e Angus non é parvo, un rapaz nunca é parvo, Clarke, senón que está baleiro e pódelo encher co que queiras, así que agardemos que este pequeno experimento sirva como ensaio sobre a mente humana). Chegaron xuntos os dous no barco Unity, o señor Clarke como axudante do señor Hawley. O señor Clarke é Clarke só para o señor Hawley (pero para ti e para todos vos aquí é o señor Clarke). De día anoto os paxaros que pasan por diante do oco de anotar. De noite anoto todo o que vexo no ceo coa cabeza presa na mesma postura e sempre á mesma hora. Non podo mirar mal porque hai unha correa de coiro fixada arredor do tronco e na correa un lazo apertado para a cabeza, da mesma tira de facer arneses. Cando gabeo á árbore sento no meu sitio e meto o lazo de coiro fixado con cravos no tronco arredor da fronte e ata as orellas, porque non me

8


baixa das orellas, así a postura sempre é a mesma e a correcta e entón un mira sempre na mesma dirección e ve as cousas do mesmo tamaño. É doado, non si? Preguntoume o señor Hawley. Pois si, xenial, nin ese pau de iñame vai ser quen de estragalo, respondeulle o señor Clarke. O señor Hawley beliscoume na orella e probou que o lazo estivese ben apertado, un belisco na orella non doe nada. O señor Hawley beliscara na casa tamén a mamá e á miña irmá, a ningunha das dúas lles doera, mamá botárase a rir e a mi­ña irmá virara a cabeza. Á noite asexo o ceo dende o furado coa cabeza presa dese xeito e vou marcando as posicións das estrelas cunha espiña de cacto sobre unha folla de áloe cortada moi fina. Na casa collo unha pluma, mólloa en tinta e deixo caer unha pinga sobre papel a través de cada burato da folla, e no calendario que me deixou escrito o señor Hawley anoto ao lado o número do día. No calendario os días aparecen uns detrás dos outros e non debo omitir ningunha noite entre eles. Se chove ou se hai néboa ou se o ceo está encapotado de todo, teño que facer un debuxo igual pero baleiro e sen as pingas de tinta, e ao lado teño que debuxar o número do día. Estas son as tarefas dun anotador, pero os días son máis ben para aprender, dixo o señor Hawley, e ensinoume como se poden adestrar os ollos apertándoos polos contornos para que vexan mellor aínda. Desa maneira, cun tempo despexado, son capaz de distinguir as galiñas contra a herba verde alén do val do Salgueiro Chorón.

9


O señor Hawley ensinoume a ser anotador nun ano. Escolleu os grans, os chícharos, as sementes e mais a cunca, e ensinoume cales e como, porque como as andoriñas ás veces pasan voando tan rápido por diante do oco de anotar aberto coa serra, non dá tempo a contar, pero si a deixar caer na cunca os ollos de cabaza.

10


É POR CULPA DAS MAINÁS, porque un día incluso ao mellor pode deixar esquecida a cunca de barro na gallada da araucaria, cando baixa da árbore antes de xantar, e entón seguro que ocorre que primeiro de súpeto unha mainá se pousa preto do lugar, voa para arriba asexando, anímase, comeza a rechouchiar e atrae as demais mainás das matogueiras. Cando chegan, póñense a peteirar decontado todo menos os chícharos, que están na cunca polos paxaros estraños e coloridos, porque os chícharos son duros e demasiado grandes para o peteiro dunha mainá e cheiran ao fume que se utiliza para secalos. Se cadra na India, de onde traen os paxaros nos barcos metidos en gaiolas ou de onde veñen por si sós na bodega toda a longa travesía, nunca viron chícharos. Por iso só a cantidade dos que son estraños e coloridos é correcta, pero unha parte dos que voan aos chimpos, dos que voan en picado e dos que pasan movendo as ás ruidosamente en arcos grandes non aparecen nas contas do final do día. (Voute educar na precisión e na sabedoría, e dese xeito algún día superaraste a ti mesmo. Serás un observador agudo e estudarás o ceo para fins máis notables. Primeiro aquí na illa, pero logo se cadra, e dependerá de ti, máis e máis lonxe, alén

11


do mar, nesa dirección, poida que te esperen grandes fazañas, pero agora debes ficar aquí e dar rendemento.) (Non mintas nunca. Non marques a posición das novas estrelas se non estás completamente seguro de que as ves. Non penses que sabes se non sabes.) (Non temas que che vaian pegar. O cabalo tampouco aprende a tirar do carro na cidade a base de facerlle correr o sangue polas ancas. Un cabalo aprende a tirar do carro xunguido a par doutro, pois non quere ser peor ca o outro.) Cando lembro que a cunca me quedou arriba, estou xa no eido da Casa da Árbore Morta. Mamá está a asar peixes na fogueira de fóra. Digo que non cumprín as ordes e a tarefa do señor Hawley, viro en redondo e vou correndo de volta aba arriba. As mainás rebuldan polas pólas, bérrolles e gabeo nun tris ata a gallada de anotar, agarro a cunca polo bordo e entón a última mainá levanta o voo cunha semente atravesada no peteiro. Un día así podería ser un día bo, pero nunca minto. Non apunto a cantidade de paxaros de hoxe, senón que deixo un espazo en branco a carón dos números do día 22 do iv de 1679. No calendario hai só un número correcto para cada día e de noite o número vén do día que xa esmoreceu. Non sei escribir, mais o señor Hawley ensinoume os números, de xeito que os coñezo todos, mesmo os máis altos que foron creados para este mundo. Hainos de dúas clases, os dos romanos e os nosos. Os nosos seinos ata os máis grandes, porque podes meter un tras do outro tantos como queiras. Os números dos romanos seinos tamén ata bastante arriba, pero quero aprender a escribir. Se sabes escribir, podes anotar ao lado por que está baleiro o espazo dese día.

12


Como ata agora non souben escribir, o señor Hawley ensinoume os símbolos da claridade do ceo. O arco grande significa un ceo profundo e o arco pequeno un ceo máis baixo. Tres pingas de auga ’’’ é néboa ou que as nubes non deixan ver. Se hai varias noites parecidas seguidas, podo debuxar ao lado o número. Agocho a cunca de barro dentro dun cesto forte ao pé da árbore. O cesto está enriba dunha laxe alta, e sobre a tapa do cesto e polos lados amoreo lousas para que as ratas e os paxaros non poidan entrar dentro. Logo corro á casa por segunda vez e xa no eido dígolle a mamá que quero aprender a escribir. Primeiro hai que aprender a ler, di mamá. Quero aprender a ler. Mamá levanta o bebé do chan porque ten terra na man e na boca. A ver se che axuda o reverendo. O señor Hawley era amigo do reverendo, di mamá mentres vai quitando terra e bechocos pequenos da boca do bebé. Se miras moi de preto a terra ou a area, podes ver nela toda clase de alimarias que se moven ou fican quedas. (Ata que punto pode existir dentro de algo pequeno algo máis pequeno aínda? A que profundidade podemos distinguir esas diferenzas? Ti que opinas, Clarke? Acaso existe un final en algures ou só hai un infinito? Así é como formularía eu a cuestión. A eternidade, di o señor Clarke. Non metas a Deus neste asunto, di o señor Hawley.)

13


PARA XANTAR agora somos cinco. O bebé da miña irmá parece moito máis pequeno ca o de mamá, aínda que só ten dous meses menos. Pero está tanto máis fraco e pequecho que en dous meses non vai medrar tanto coma para ser igual ca o outro e tampouco sabe andar ás gatiñas nin sentar tan ben coma o bebé de mamá. Co peixe comemos feixóns e puré quente de iñame. Os bebés non o comen porque non teñen dentes, pero poden lamber o iñame brando da punta do maimiño. Do resto maman. O da miña irmá ás veces tamén mama o leite de mamá. Os dous son coma os meus irmáns pequenos, pero non de todo, porque do bebé de mamá son irmán, mais para o da miña irmá son tío. Tamén para a miña irmá os dous son coma irmáns pequenos, pero só un é irmán; o outro é fillo. O de mamá é tío do da miña irmá. É moi complicado e Ann compréndeo aínda peor ca min. Gus, por que volviches ás carreiras ata a árbore de anotar? Fai mamá ao cabo a pregunta incómoda que non querería pero estou obrigado a contestar, porque sempre hai que contestar e nunca se debe mentir, pois mentir acaba por ser un costume e as trolas pódense comprobar.

14


Bótolles todas as culpas ás mainás. É a verdade. Falo sobre os grans e as sementes que comeron e que se perderon. Mamá empeza a escoitar asustada porque, aínda que sexa verdade, ao señor Hawley non lle vai gustar o que pasou. O señor Hawley foi moi xeneroso connosco, pero agora está do outro lado do mar. O señor Hawley é un home sabio e estudado que me ensinou todo o novo canto sei e moito máis. En aprender e no saber sempre hai algo novo e algo vello. O novo vaise acumulando sobre o vello. Os sabios úpanse sobre os ombreiros dos outros, dixéralle o señor Hawley ao señor Clarke. Os demais non chegan tan arriba na sabedoría porque os sabios coñecen primeiro todo o antigo e sobre iso aprenden todo o novo. Entón xa están máis arriba ca os demais no saber, porque dende os ombros dos demais se pode ver a maior distancia. Quero poñerme de pé sobre os ombros do señor Hawley. O señor Hawley viviu na nosa casa un ano. O señor Clarke viviu tamén. Nos calendarios de 1677 e 1678 anotados con estilográfica que o señor Hawley me deixou como modelo, pódese ler nas anotacións que días viviron na nosa casa. Estaban aloxados no cuarto, facían observacións do ceo e comían connosco case sempre que non tiñan ceas co gobernador na súa residencia ou nas mansións suntuosas dos demais señores do Val da Capela ou en Jamestown, ou cando non andaban con présas ou calquera outra cousa que lles impedise vir. Cando o señor Hawley e o señor Clarke regresaron a Inglaterra, cando o Golden Fleece estaba a ser preparado para levantar a áncora do peirao de Jamestown e se estaban a carrexar os baúis de viaxe e os trebellos de observación en barcas de remo, entón todo comezou a ser diferente e estraño. Caeu

15


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
A esfera celeste G - Olli Jalonen by kalandraka.com - Issuu