Skip to main content

A conxura dos necios

Page 1

A conxura dos necios


Título orixinal: A Confederacy of Dunces Copyright © 1980 by Thelma D. Toole © do texto orixinal: John Kennedy Toole © da tradución: Eva Almazán, 2008 © desta edición: Faktoría K de Libros, 2008 Urzaiz, 125 baixo – 36205 Vigo faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com Ilustración e deseño de portada: Marc Taeger Corrección: Laura Almazán Directores de colección: Xosé Ballesteros e Silvia Pérez Tato Primeira edición: decembro, 2008 Impreso en C/A Gráfica, Vigo ISBN: 978-84-96957-50-3 DL: PO 628-2008 Reservados todos os dereitos

Esta obra recibiu a axuda da Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, na convocatoria de axudas para o ano 2008.

Agradecémoslle ao doutor Bieito Arias Freixedo a súa colaboración á hora de presentarmos os versos da páxina 129 nun galego que trata de aproximarse ao estadio medieval da lingua.


A conxura dos necios John Kennedy Toole

Traducido por Eva Almazรกn


Cando no mundo aparece un verdadeiro xenio, podĂŠmolo recoĂąecer por este signo: que os necios se conxuran todos contra el. JONATHAN SWIFT Pensamentos sobre diversas materias, tanto morais coma amenas


LIMIAR

Talvez a mellor forma de presentar esta novela –que na terceira lectura me está a causar máis abraio aínda ca na primeira– é relatar como foi o meu primeiro contacto co texto. En 1976, sendo eu profesor da Universidade de Loiola, comecei a recibir chamadas telefónicas dunha señora que non coñecía de nada. O que me propoñía era un disparate. Non chamaba porque escribise un par de capítulos dunha novela e quixese participar nas miñas clases. O que pretendía era que eu lese unha novela, unha novela completa e longuísima, que a principios dos sesenta escribira o seu fillo, xa falecido. «E por que ía querer lela?», pregunteille. «Porque é boísima», respondeume ela. Tras anos de experiencia cheguei a ser moi hábil á hora de escapulirme dos compromisos que non quero cumprir. E se houbo algunha vez unha tarefa que non me apetecese era sen dúbida aquela: tratar coa nai dun novelista morto e, aínda peor, ter que ler un orixinal que ela cualificaba de boísimo e que resultou ser unha copia de carbón moi manchada e malamente lexible. Mais a señora era insistente e, cando me dei de conta, tíñaa no despacho co voluminoso orixinal na man. Non tiña forma de zafarme; só me quedaba unha esperanza: que tras ler unhas poucas páxinas descubrise que eran moi malas, o suficiente para poder interromper a lectura coa conciencia limpa. Polo xeral é o que fago. De feito, ás veces abonda con ler o primeiro parágrafo. O meu único temor era que aquel orixinal non fose tan malo, ou que incluso fose bastante bo, de maneira que tivese que seguir a ler.

9


Neste caso seguín a ler un pouco máis. E máis aínda. Primeiro coa impresión de que o material non era tan malo que me impelese a deixalo; logo cunha picada de interese; máis tarde con crecente entusiasmo; finalmente con total incredulidade: era imposible que a novela fose tan boa. Hei resistir a tentación de identificar a primeira pasaxe que me deixou coa boca aberta, que me fixo sorrir, rir ás gargalladas, darlle á cabeza con asombro. Prefiro que os lectores o descubran por si mesmos. O que si farei é presentarlles a Ignatius Reilly, sen proxenitor en ningunha das literaturas que coñezo –lacazán extraordinario, un Oliver Hardy demente, un Don Quixote gordo, un San Tomé de Aquino perverso, todo xunto–, quen, ataviado cun camisón de flanela, se revolve con violencia contra a era moderna en pleno desde a cama dun dormitorio sen vistas de Constantinople Street (Nova Orleáns), mentres entre accesos xigantescos de flatulencias e eructos enche ducias de bloques de papel da marca Big Chief coas súas diatribas. A nai cre que ten que poñerse a traballar. E ponse, en varios empregos sucesivos. Cada un deles transfórmase axiña nunha aventura disparatada, nunha catástrofe sen paliativos; todas elas, non obstante, posúen unha inquietante lóxica propia, coma as de Don Quixote. A moza, Myrna Minkoff, natural do Bronx, cre que el necesita sexo. O que pasa entre Myrna e Ignatius distínguese de todas as historias de «mozo coñece moza» de que teño noticia. Unha virtude en absoluto menor da novela de Toole é o seu retrato das particularidades dunha Nova Orleáns de ruelas escondidas, barrios retirados, discursos singulares, brancos de distintas procedencias étnicas... e un negro con quen Toole logrou o imposible, crear un maxistral personaxe cómico de inmenso enxeño e inesgotable inventiva sen recorrer nin unha soa vez á ridiculización racista e caricaturesca da tradición americana.

10


Mais o logro por excelencia de Toole é o Ignatius Reilly en por si, ese intelectual, ideólogo, folgazán, mangante e lambón que debería repugnar o lector coas súas enchentes gargantuescas, o seu desdén estrondoso e a súa guerra particular contra todo o que se move: Freud, os homosexuais, os heterosexuais, os protestantes e os variados excesos dos tempos modernos. Imaxinen un San Tomé de Aquino botado a perder e transportado a Nova Orleáns, desde onde emprende unha disparatada correría que, cruzando as marismas, o leva ata Baton Rouge e á súa Universidade Estatal da Luisiana; alí levaranlle a zamarra estando nos aseos de cabaleiros do profesorado, onde se refuxia cando o atacan uns problemas gastrointestinais de grao mastodóntico. A válvula pilórica péchaselle regularmente como reacción á ausencia no mundo moderno dunha xeometría e dunha teoloxía como Deus manda. Non me decido a falar de comedia –por máis que comedia sexa– porque o termo denota simplemente un libro divertido, cando esta novela é moito máis ca iso. Quedaría mellor descrita se a cualificase de gran farsa barulleira de dimensións falstaffianas; commedia achegaríaselle máis. Tamén ten un punto de tristeza. O lector nunca identifica de todo que é o que inspira esa tristeza, se é a traxedia que vive no cerne das arroutadas gasosas e das aventuras dementes de Ignatius ou a traxedia que comporta a historia do libro en por si. A traxedia do libro é a do seu autor, que se suicidou en 1969 á idade de trinta e dous anos. Non menor traxedia é o corpo textual que nos negou esta morte. É unha desgraza que John Kennedy Toole non estea hoxe connosco, dedicado a escribir. Mais o certo é que non está e que nós non temos que facerlle, á parte de asegurarnos de que esta traxicomedia humana, tumultuosa e gargantuesca, chegue cando menos ás mans de todo un universo de lectores. Walker Percy

11


Hai un acento propio de Nova Orleáns ... asociado co centro da cidade, en concreto co terceiro distrito xermano-irlandés, que se distingue con dificultade do acento de Hoboken (Jersey City) e Astoria (Long Island), onde atopou refuxio a inflexión de Al Smith, hoxe extinta en Manhattan. A razón disto, como poden supoñer, é que as mesmas liñaxes que trouxeron o acento a Manhattan o impuxeron tamén sobre Nova Orleáns.


«Niso ten razón. Somos mediterráneos. Eu nunca estiven en Grecia nin en Italia, pero cónstame que me había sentir na casa así que baixase o pé á terra». E seguramente así sería. Nova Orleáns imítalle a Xénova ou Marsella, a Beirut ou á Alexandría exipcia, máis ca a Nova York, malia que todos os portos de mar se parecen entre si máis do que se poden parecer a ningún sitio de interior. Coma a Habana ou Porto Príncipe, Nova Orleáns inscríbese na órbita dun mundo helenístico que xamais tocou o Atlántico Norte. O Mediterráneo, o Caribe e o Golfo de México forman un mar homoxéneo, por interrompido que estea. A. J. Liebling, O conde da Luisiana


CAPÍTULO 1

Unha gorra verde de cazador comprimía o cocote dunha cabeza gorda coma un globo. As orelleiras verdes –recheas de orellas grandes, cabelo sen cortar e os pelos finiños que crecían nas devanditas orellas– levantábanse para os flancos tal que bandeiriñas de xiro a indicaren dúas direccións simultáneas. Uns beizos carnosos e engurrados nunha carantoña sobresaían por debaixo do mesto bigote negro e ocultábanse nas comisuras en preguiñas cheas de desaprobación e migallas de patacas fritidas. Na sombra proxectada pola viseira verde da gorra, os desdeñosos ollos azuis e amarelos de Ignatius J. Reilly miraban por riba do ombro para as demais persoas que agardaban baixo o reloxo dos grandes almacéns D. H. Holmes, escrutando a multitude na procura de síntomas de mal gusto no vestir. Varios dos indumentos, reparou Ignatius, eran novos e caros abondo para merecer sen reparo a consideración de atentado contra o gusto e a decencia. A posesión de calquera artigo novo ou caro non era senón reflexo das carencias da persoa en cuestión en materia de teoloxía e xeometría; incluso podía proxectar sombras de dúbida respecto da súa alma. Ignatius, pola súa parte, ía vestido con comodidade e espírito práctico. A gorra de cazador previña as catarreiras. Os voluminosos pantalóns de tweed eran resistentes e facilitaban a deambulación ata extremos inusitados. As pregas e as dobreces con que se confeccionaran albergaban bolsas de aire quente e estancado que resultaba moi do gusto de Ignatius. A camisa de flanela con estampado de cadros permitía prescindir da chaqueta, mentres que a bufanda protexía a

17


pel que outramente quedaría exposta entre o colo da camisa e as orelleiras. O conxunto resistía calquera criterio teolóxico ou xeométrico, por abstruso que fose, e era suxestivo dunha rica vida interior. Pasando o peso do corpo dun cadril ao outro co seu paquidérmico carrouleo, Ignatius emitiu ondas dunha carne que tremeu por debaixo do tweed e da flanela, ondas que atacaron botóns e costuras. Recomposto deste xeito, reflexionou sobre o moito tempo que levaba a agardar pola súa nai. De maneira primordial meditou sobre a incomodidade que comezaba a sentir. Parecíalle que todo o seu ser estaba a piques de rebentarlle nas inchadas botas de campaña de pel de rebezo e, coma querendo comprobalo, Ignatius fixou os ollos singulares nos propios pés. Certamente se lle vían inchados. Dispúxose a lle presentar á nai a estampa daquelas botas infladas como proba da súa desconsideración. Ao levantar os ollos viu que o sol comezaba a poñerse sobre o Misisipi no fondo de Canal Street. Segundo o reloxo de Holmes case eran as cinco. Comezou xa a perfeccionar a expresión esmerada dunha serie de acusacións que compuxera para levar a súa nai ao arrepentimento ou, onde menos, á confusión. Tiña que a poñer no seu sitio con bastante frecuencia. Levárao canda ela ao centro da cidade no vello Plymouth; mentres ela visitaba o médico que a trataba da artrite, Ignatius adquirira en Werlein unhas partituras para a trompeta e unha corda nova para o laúde. Despois achegárase ata os salóns recreativos de Royal Street para comprobar se instalaran xogos novos. Levara unha desilusión ao comprobar que retiraran a maquiniña de minibéisbol. Talvez estaban a reparala, sen máis. A última vez que xogara, o bateador non lle funcionara; tras certa discusión, a dirección devolvéralle os cinco centavos, a pesar de que os señores dos recreativos tiveran a vileza de insinuar que o propio Ignatius derramara a maquiniña de béisbol ao darlle couces. Concentrado no destino da maquiniña de minibéisbol, Ignatius distanciou o seu ser da realidade física de Canal Street e da xente que o circundaba, o cal explicou que non reparase no par de ollos

18


que con avidez o axexaban desde detrás dun dos piares de D. H. Holmes, dous ollos tristes que brillaban coa esperanza e o afán. Sería posible reparar a máquina sen saír de Nova Orleáns? Probablemente. Así e todo, talvez cumpriría enviala a algures, como a Milwaukee, Chicago ou calquera outra cidade cuxo nome asociaba Ignatius co concepto de talleres de reparación de grande eficacia e fábricas en continuo fumegar. Ignatius esperaba que o xogo do béisbol fose tratado con precaución durante o traxecto; confiaba en que ningún xogador resultase esportelado nin mutilado polos brutáns dos empregados ferroviarios, decididos a causar a ruína definitiva do ferrocarril a poder de provocar que os consignadores de mercadorías interpuxesen continuas demandas por danos e prexuízos e que, tras causar esa ruína, se habían declarar en folga e acabar coa compañía ferroviaria Illinois Central. Mentres Ignatius reflexionaba sobre o deleite que aquel modesto xogo de béisbol lle deparaba á humanidade, o par de ollos tristes e ávidos avanzaron cara a el por entre a masa de xente, tal que torpedos dirixidos con puntería contra un enorme petroleiro dondo e mol. O policía agarrou a bolsa en que Ignatius levaba as partituras. –Ten algunha identificación, cabaleiro? –preguntou o policía, translucindo na voz a esperanza de que Ignatius estivese indocumentado. –Que? –Ignatius baixou a vista e fixouse na placa da gorra azul–. Quen é vostede? –Móstreme o permiso de condución. –Eu non conduzo. Prégolle que se retire. Estou a agardar pola miña nai. –Que é iso que lle sae da bolsa? –A vostede que lle parece, estúpido? É unha corda para o laúde. –O que? –o policía recuou un pouco–. É vostede veciño deste municipio? –Lístase entre as competencias do departamento de policía acosarme a min cando esta cidade é a flagrante capital do vicio do

19


mundo civilizado? –berrou Ignatius sobre a multitude que se congregaba na porta dos almacéns–. Esta cidade é famosa por acoller ludópatas, prostitutas, exhibicionistas, anticristos, alcohólicos, sodomitas, drogadictos, fetichistas, onanistas, pornógrafos, estafadores, meretrices, refugalleiros e lesbianas, todos eles perfectamente protexidos pola corruptela. Se dispón duns instantes, con gusto me prestarei a debater con vostede o problema da delincuencia, mais non cometa o erro de me vir importunar a min. O policía agarrou a Ignatius do brazo e levou un papelazo na gorra, propinado coas partituras. A corda do laúde, que colgaba por fóra da bolsa, tralloulle na orella. –Ei! –dixo o policía. –Tome! –exclamou Ignatius, decatándose de que estaba comezando a formarse un círculo de compradores curiosos. No interior do D. H. Holmes, a señora Reilly premía o seu busto de matrona contra unha vitrina de confeites da sección de panadería e pastelería. Cun dedo, rozado despois de moitos anos de fregar os mastodónticos calzóns amarelecidos do fillo, petou na vitrina para chamar pola dependenta. –Oia, señorita Inez –chamou a señora Reilly con ese acento que ao sur de Nova Jersey só se oe en Nova Orleáns, o Hoboken do Golfo de México–. Aquí, aquí, raíña. –Ei, que tal anda? –preguntou a señorita Inez–. Como vai indo, corazón? –Non moi alá –respondeu a señora Reilly con toda honradez. –Vaites! –a señorita Inez inclinouse sobre a vitrina e esqueceu os pasteliños–. Eu tampouco non ando moi católica. Non sabe como teño os pés. –Xesús, quen me dera a min esa sorte. Eu téñolle arturite no cóbado. –Ai, non! –dixo a señorita Inez con compaixón verdadeira–. Igualiño ca o coitado de meu pai. Metémolo na bañeira chea de auga a ferver.

20


–O caso é que eu teño o rapaz a aboiar na bañeira todo o santo día. Xa malamente podo entrar no baño da miña propia casa! –Ai, eu cría que o tiña xa casado, rula. –A quen, o Ignatius? Oh la la –dixo a señora Reilly con tristeza–. Mire, bonitiña, póñame aí dúas ducias deses de cores, así un pouco de todo. –E logo non me dixera vostede que estaba casado? –dixo a señorita Inez mentres ía colocando os pasteliños nunha caixa. –Se nin sequera ten nada en vistas! A mociña con quen andaba agarrou e liscou. –Muller, tempo ten. –E terá –dixo a señora Reilly sen moito interese–. Mire, e póñame tamén media ducia desoutros de viño, si? Ignatius pónseme que bufa se quedamos sen doce na casa. –Saíulle lambón o neno, eh? –Ai, Xesús, este cóbado acaba comigo –respondeu a señora Reilly. No centro da masa de xente que se congregara diante dos grandes almacéns, a gorra de cazador, o raio verde do círculo de miróns, aboiaba con violencia. –Penso dirixirme ao alcalde! –berraba Ignatius. –Deixa estar o raparigo –saíu unha voz de entre o xentío. –Vai vixiar as bailadoras de striptease de Bourbon Street –engadiu un vello–. Este é bo neno, que está a agardar pola mamá. –Grazas –dixo Ignatius con arrogancia–. Confío en que todos vostedes sexan testemuña desta ofensa. –Acompáñeme –díxolle o policía a Ignatius coa confianza algo minguada. O xentío estábase a converter en media turbamulta e non se vía garda de tránsito ningún por ningures–. Imos á comisaría. –Que pasa, que un rapaz decente non pode nin agardar pola nai diante do D. H. Holmes? –era outra vez o vello–. Miren o que lles digo, esta cidade non lles é o que era. É todo culpa dos comunistas. –Estame chamando comunista? –preguntoulle o policía ao vello ao mesmo tempo que facía por esquivar os xostregazos da corda do laúde–. Mire que o levo tamén a vostede, eh? Pense ben a quen lle chama comunista.

21


–A min non me pode levar detido –exclamou o vello–, que son membro do Club da Idade Dourada, financiado polo Departamento de Recreo do concello de Nova Orleáns! –Deixa en paz o vello, garda das silveiras! –berrou unha muller–. Non ves que ha de ter netos e todo? –Teño, teño –dixo o vello–. Seis netiños teño, estudando todos coas monxas. E ben listos que son. Por riba da xente Ignatius viu que súa nai saía do vestíbulo dos almacéns a paso lento, carreando os paquetes da pastelería coma se fosen caixas de cemento. –Mamá! –exclamou–. Xa eran horas. Déronme preso! Empurrando por entre a xente, a señora Reilly dixo: –Ignatius! Que pasa aquí? Que fixeches agora? Oia, quítemelle as mans de encima ao neno! –Non o estou nin tocando, señora –dixo o policía–. É fillo seu? A señora Reilly repenoulle da man a Ignatius a corda do laúde con que el seguía a trallar. –Desde logo que son fillo dela –dixo Ignatius–. Non percibe vostede o afecto que me profesa? –Vese que lle quere moito ao rapaz –dixo o vello. –Que lle quería facer vostede ao meu fillo, pobriño del? –preguntoulle a señora Reilly ao policía. Ignatius agarimoulle á nai, cunha das gadoupas enormes, o pelo tinguido con henna–. Ten boa perda vostede de andar a meterse cos filliños da xente, con toda a xentalla que hai pola cidade adiante. Agardando pola nai como estaba o pobre, e van e quéreno deter! –Este caso compete a Unión polas Liberdades Civís, fóra de toda dúbida –observou Ignatius ao tempo que apertaba coa gadoupa o ombro caído da súa nai–. Debemos contactar con Myrna Minkoff, o meu amor perdido. Ela sabe deses asuntos. –Élle todo culpa dos comunistas –interrompeuno o vello. –Que tempo ten? –preguntoulle o policía á señora Reilly. –Teño trinta anos –respondeu Ignatius en ton condescendente.

22


–Traballa? –Ignatius ten que axudar na casa –contestou a señora Reilly. Como lle comezaba a fraquear unha miga a coraxe inicial, púxose a enrolar a corda do laúde co laciño das caixas dos pasteis–. Eu estou perdida da arturite. –Limpo un pouco o po –díxolle Ignatius ao policía–. Súmeselle a iso que actualmente me acho en plena redacción dunha extensa diatriba contra este noso século. Naqueles momentos en que a miña mente se afasta, impresionada, dos meus labores literarios, preparo algunha que outra salsa de queixo. –Ignatius fai unhas salsas de queixo exquisitas –dixo a señora Reilly. –Mire que cousa máis boa –dixo o vello–. A maioría dos mozos pasan o día vadiando por aí. –Cale xa, faga favor! –díxolle o policía ao vello. –Ignatius –preguntou a señora Reilly cun fío de voz–, que fixeches, neno? –A ben da verdade, mamá, sospeito que empezou ese home de aí –Ignatius sinalou coa bolsa das partituras para o vello–. Eu non facía máis ca agardar por ti, aquí de pé, pregando por o médico che dar novas esperanzadoras. –Leve ese vello de aquí –díxolle a señora Reilly ao policía–, que é un armadanzas. É mágoa que teñan xente coma el a andar polas rúas. –Na policía son todos uns comunistas –dixo o vello. –Non lle acabo de dicir que cale a boca? –contestoulle o policía, irado. –Eu fíncome de xeonllos todas as noites para lle dar grazas a Deus de que teñamos quen nos protexa –díxolle a señora Reilly á xente–. De non ser pola policía, a estas horas estabamos todos mortos. Todiños deitados na cama coa gorxa aberta de orella a orella. –Aí falaches, nena –contestoulle unha muller desde o xentío. –Recen un rosario polo corpo de policía! –a señora Reilly dirixía os comentarios á marea de xente. Ignatius agarimáballe o ombreiro coma un tolo, mentres lle bisbaba frases de alento–. Va que ninguén querería rezar un rosario por un comunista?

23


–Non! –responderon varias voces afervoadas. Ao vello metéronlle un empurrón. –É certo, señora! –exclamou el–. Quíxolle levar detido o rapaz, igualiño ca en Rusia! Sonlle todos uns comunistas! –Andando –díxolle o policía ao vello. Agarrouno sen miramentos pola parte de atrás do abrigo. –Santo Deus! –dixo Ignatius, mentres observaba como o policía pequeneiro trataba de domear o vello–. Xa teño os nervios crispados por completo. –Auxilio! –pediulle o vello á xente–. Isto é un atropelo! Unha violación da Constitución! –Está tolo, Ignatius –dixo a señora Reilly–. Mellor será marcharmos de aquí, filliño –dirixiuse á concorrencia–. Corran, corran! Que igual nos mata a todos! Non sei se o comunista non o será el... –Non é mester esaxerares, mamá –dixo Ignatius mentres atravesaban con algunha empurrada a multitude xa en disolución e se botaban a andar a paso rápido por Canal Street abaixo. Ignatius mirou para atrás e viu que o vello e o peso galo do policía forcexaban debaixo do abeiro dos grandes almacéns–. Podes diminuír o ritmo? Creo que me está a dar un sopro cardíaco. –Boh, cala a boca. Como pensas que vou eu? Non debía andar con estas carreiras aos meus anos. –O corazón é importante a calquera idade, temo. –Ti tes o corazón perfectamente. –Como non afrouxemos un pouco, hei deixar de telo –os pantalóns de tweed inchábanse de aire arredor dos cadrís gargantuescos de Ignatius conforme corría con precipitación–. Tesme ti a corda do laúde? A señora Reilly turrou del para daren a esquina e colleren Bourbon Street; internáronse así no Barrio Francés. –E por que che foi enriba aquel policía, neno? –Non o saberei nunca. Iso non impide, porén, que probablemente saia en persecución nosa dentro duns instantes, así que teña reducido o vello fascista.

24


–Ti pensas? –preguntou a señora Reilly con nerviosismo. –Iso presumo. Parecía resolto a determe. Debe ter unha cota que cumprir ou algo similar. Verdadeiramente dubido que me permita subtraerme á detención con tanta facilidade. –Que espanto! Habías saír en todos os xornais, Ignatius. Que vergonza! Algo tiveches que facer mentres agardabas, Ignatius. Coñézote, neno. –Se houbo xamais unha persoa que se preocupase dos seus asuntos sen molestar a ninguén, ese son eu –arfou Ignatius–. Por favor. Temos que parar. Coido que vou sufrir unha hemorraxia. –A ver, veña –a señora Reilly observou a cara conxestionada do fillo e comprendeu que en calquera momento lle caía redondo aos pés, soamente para lle demostrar que tiña razón. Non sería a primeira vez. A última vez que o obrigara a ir canda ela á misa do domingo desmaiáraselle dúas veces de camiño á igrexa e aínda se volvera desmaiar outra vez no medio da homilía, que versaba sobre a preguiza; saíra do banco a cambalearse e causara unha interrupción moi embarazosa–. Imos entrar aquí e sentar un pouco. Apuxouno cunha das caixas dos pasteliños para metelo pola porta do Noite das Delicias. Nunha penumbra que cheiraba a bourbon e cabichas, sentaron en cadanseu tallo. Mentres a señora Reilly colocaba as caixas dos pasteis encol da barra, Ignatius dilatou as expansivas narinas e afirmou: –Santo Deus, mamá, como fede aquí. Estáseme a revolver o estómago. –Queres volver para a rúa? Queres que te leve preso o policía aquel? Ignatius non contestou; concentrábase en osmar aparatosamente e poñer caretas. Un camareiro, que estivera a observar a parella, dixo en ton burleiro desde as sombras: –Si? –Eu desexo un café –respondeu Ignatius, grandilocuente–. Café máis chicoria, co leite fervido.

25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
A conxura dos necios by kalandraka.com - Issuu