Skip to main content

A cidade dos nenos Galego

Page 1

Análise dun malestar Antecedentes: antes tiñamos medo do monte Antes tiñamos medo do monte. Era o lugar do lobo, do ogro, da escuridade. Era o lugar onde nos podiamos perder. Cando os avós nos contaban contos, o monte era o lugar ideal para agochar inimigos, trampas e medos. Desde que o personaxe do conto entraba no monte, nós comezabamos a ter medo, sabiamos que algo podía acontecer, que algo sucedería. O relato facíase máis lento, a lectura máis grave e nós apertabámonos uns contra os outros para agardarmos o peor. O monte metía medo coas súas sombras, cos seus ruídos sinistros, co canto lúgubre do cuco e coas pólas que enredaban en nós de súpeto. Pola contra, sentiámonos seguros nas casas, na vila e no barrio. Este era o espazo onde quedabamos entre compañeiros, onde nos atopabamos para xogar xuntos. Alí estaban os nosos lugares para agochármonos, organizar a cuadrilla, xogar ás mamás e enterrar tesouros. Eran os lugares onde faciamos os xoguetes, imitando a maneira e o xeito dos adultos, aproveitando os recursos que o contorno ofrecía. Era o noso mundo. Á volta de poucas décadas cambiou todo. Houbo unha transformación brutal, rápida, xeral, como nunca se vira na nosa sociedade, ou polo menos na memoria da historia documentada. Por unha banda, a cidade perdeu o seu ser, volveuse perigosa e insegura; por outra, xurdiron os verdes, os ecoloxistas e os amigos dos animais para reivindicar o verde, o monte. O monte volveuse bonito e luminoso, un obxecto de soño e desexo; a cidade volveuse fea, gris, hostil, perigosa e monstruosa.

45


A cidade Nas últimas décadas, e de xeito extraordinario nos últimos cincuenta anos, a cidade, que nacera como lugar de encontro e de intercambio, descubriu o valor comercial do espazo e alterou todos os conceptos de equilibrio, benestar e convivencia para rexerse só baixo os ditados do beneficio e do interese. Ou sexa, vendeuse. Ata hai poucas décadas, os pobres e os ricos eran veciños uns dos outros. As súas casas eran evidentemente diferentes, unhas de pobres e outras de ricos, pero xurdían nos mesmos barrios. Logo déuselle un valor distinto ao terreo segundo a súa proximidade ao centro da cidade, e isto revolucionouno todo. Os pobres non puideron acondicionar as súas casiñas insalubres e sen servizos e «elixiron» vendelas para poder trasladarse á periferia, a casas todas igualiñas e semellantes ás que se vían na televisión. Os centros históricos convertéronse en oficinas, bancos, restaurantes de comida rápida, sedes institucionais e vivendas luxosas e sofisticadas. Ao caer a tarde o centro dalgunhas cidades baléirase e vólvese perigoso, a xente cóllelle medo a andar soa pola rúa; alí están os drogadictos, os ladróns e os delincuentes. Os centros históricos, tan variados e ricos, que xurdiran logo de séculos de historia e cultura grazas ao pracer polas cousas bonitas, e non só prácticas, deixaron de ser o centro do interese e das preocupacións dos seus habitantes. Os lugares residenciais máis fermosos do noso país están vetados ao xogo e ás andainas dos nenos, ao paseo e á memoria dos vellos. As periferias naceron en poucos anos, sen prazas, sen espazos verdes e sen monumentos. Os arrabaldes son iguais en todo o mundo (os mesmos bloques de pisos, as mesmas estradas anchas e rectas, o mesmo abandono) porque non xurdiron da lenta e constante preocupación dos seres humanos por dispor de lugares para vivir axei-

46


tados e cómodos para eles e para os seus descendentes, senón só grazas ao empuxe prepotente da especulación. A cidade xa non ten habitantes, non ten persoas que lles dean vida ás súas rúas e aos seus espazos: o centro é o lugar de traballo, das compras e das sedes administrativas, pero non é un lugar para vivir; a periferia non é o lugar onde vivimos, senón unicamente onde durmimos... A cidade perdeu a súa vida. A cidade converteuse no monte dos nosos contos. No medievo, o castelo era grande, forte, rico e pouco poboado, e estaba rodeado polas casuchas, polas chabolas do burgo, onde habitaban os labradores e os artesáns que vivían do traballo e da protección que lles proporcionaba o señor do castelo. Ao naceren as cidades, rompeu esta relación xerárquica e os cidadáns atopáronse nun territorio común e, aínda que se manteñen as clases sociais e as diferentes condicións, comparten o espazo. A praza convértese no símbolo da cidade, e cara á praza dan o pazo de goberno, a catedral, o cuartel militar e o mercado. A cidade é o lugar onde os cidadáns se atopan para vender e mercar, para defenderse, para rezar ou para administrar xustiza. Hoxe parece case coma se a cidade volvese ao modelo medieval: o centro histórico rico e pouco poboado, rodeado dunha periferia pobre e ás veces miserenta, que depende do centro rico para a súa subsistencia. A cidade renunciou a ser lugar de encontro e de intercambio e elixiu como novas claves de desenvolvemento a segregación e a especialización. Segregación e especialización dos espazos e das competencias: lugares diferenciados para persoas distintas e lugares diferenciados para funcións distintas. O centro histórico é para a banca, para os grandes negocios e mais para o lecer; a periferia, para

47


durmir. Logo están os lugares dos nenos: a escola infantil, o parque e a ludoteca; os lugares dos vellos: a residencia de anciáns e os centros de maiores; os lugares do coñecemento: desde a escola infantil ata a universidade; os lugares especializados para as compras: o supermercado ou o centro comercial. E logo está o hospital, o lugar destinado á enfermidade.

Un exemplo: a familia e a casa Houbo un tempo en que ir ao hospital era un acontecemento excepcional de todo, reservado para enfermidades graves ou traumas serios. A enfermidade era unha experiencia cotiá. Hoxe vaise ao hospital por calquera proba, por unha consulta ou por unha revisión: nacemos, padecemos a enfermidade e morremos case sempre fóra da casa, en lugares segregados e especializados. A familia perdeu a capacidade de xestionar experiencias moi ricas e intensas que, na felicidade e mais na dor, a poñían a proba, que lle requirían continuas adaptacións e que a reforzaban. Sabemos que o nacemento no hospital supuxo un seguro de vida para moitas mulleres e para moitos nenos, pero agora as condicións económicas, hixiénicas e sociais permitiríanlle á gran maioría das familias vivir na súa propia casa a extraordinaria experiencia do parto. Este cambio, que xa está acontecendo en moitos países do norte de Europa, garantiría un aforro económico e ofrecería a posibilidade de nacer dentro da familia, entre os brazos do pai e preto dos irmáns25. Pódese dicir o mesmo para a maioría dos casos de enfermidade e para a grande experiencia da morte. Daquela, que fica como experiencia familiar? Unicamente 25

Mumford (1945), que define os hospitais como «almacéns de enfermidade», ao referirse á situación americana, falaba xa daquela da necesidade de evitar o parto no hospital (véxase o Apéndice 3).

48


a rutina, o que se repite sen emoción nin mudanza cada día. Agora que tanto se fala da crise da familia, cumpriría axudarlle a vivir experiencias importantes coma estas para poñela en pé e para darlle forza. Evidentemente faría falta unha clara disposición e vontade de cambio, para avanzar cara a un modelo novo que tivese en conta as novas circunstancias. E xunto coa familia transformouse tamén a casa como resposta a estas novas necesidades. É unha casa sen nenos e sen vellos. Medrou en altura como reacción á especulación nas áreas urbanas e sen pensar en como poderá baixar a xogar cos amigos un neno de catro ou cinco anos, nin como poderá vivir alí sen tolear un vello que non poderá ver máis os seus lugares de sempre, pasear ou quedar cun amigo. É unha casa que xa non sabe como prever e aturar o balbordo dos nenos que xogan, e no entanto adaptouse ben ao ruído terrible das sirenas e ao estrondo desagradable das bucinas. E aínda así, as escaleiras sempre foron un lugar privilexiado para xogar, como tamén o foron os descansos e os patios; así mesmo, desde sempre, os adultos souberon aceptar e tolerar aquel barullo san, aínda que molesto, dos pequenos que xogan. Para estes pequenos e vellos reclusos inventaron os balcóns, un novo espazo segregado, afastado e ficticio.

Outro exemplo: o centro comercial A cidade como medio global (ou como ecosistema, en palabras dun ecoloxista) está a desaparecer e a converterse, cada vez máis, na suma de lugares especializados, autónomos e autosuficientes, todos con cadanseu aparcadoiro, restaurante, caixeiro automático, vixilante de seguridade... En pouco tempo cada lugar tende a ser unha pequena cidade. Houbo un tempo en que mercar significaba realizar un percorrido, entrar en distintos lugares e atoparse con varias persoas, todos os días coas mesmas, polo que se podía reto-

49


mar dun día para outro unha confidencia, un conto ou comentar a última nova. Hoxe para mercar facemos unha transferencia desde outra parte da cidade, onde se pode comprar de todo, quizais unha vez ao mes. Un exemplo típico é o do centro comercial, que está xurdindo nas marxes da cidade e que se ofrece como cidade pequena, autónoma, eficiente e agradable. Unha cidade sen coches, con rúas e praciñas, segura para os nenos, para os cales con frecuencia se proxectan espazos para eles e con coidadores. Trátase de lugares onde podemos comer, realizar operacións bancarias, ir ao salón de peiteado e, por suposto, comprar; comprar de todo. Para moitas familias é un sitio bonito onde programar unha saída para pasaren xuntos o sábado. A degradación torna a cidade inhabitable e nós defendémonos construíndo lugares seguros e protexidos onde pasar tranquilos o noso tempo de lecer. Esta é unha tendencia constante na cidade de hoxe, coherente coa lóxica da segregación e da especialización: crear servizos e estruturas cada vez máis independentes e autosuficientes. Así ocorre co hospital, co polideportivo, cos grandes museos e mais co campus universitario.

O paradoxo dos servizos A segregación destes espazos vitais produce seguramente incomodidade e malestar, causa nas persoas rupturas coas propias raíces, cos propios afectos, e obstaculiza a comunicación, o encontro e a solidariedade. Os gobernantes locais, responsables desta perversa transformación das condicións da vida urbana, deben dalgunha maneira recuperar o consenso da cidadanía e, antes ca nada, dos seus electores, aínda que isto implique a perda do poder. Na maioría dos casos estes gobernantes preferiron non asumir o descontento cidadán e conseguiron o consenso coa práctica inmoral de acordos caciquís (pero este non é o obxecto do noso discurso). Pola contra, noutros

50


casos as autoridades locais fixéronse cargo do malestar dos seus conveciños e, para compensar os prexuízos e garantir o consenso, desenvolveron unha política de servizos. Así pois, os servizos públicos convertéronse no símbolo e no orgullo da boa administración: «estás obrigado a vivir afastado do centro urbano, lonxe das oficinas, dos espazos de lecer e de cultura? Non te preocupes: poño ao teu dispor medios de transporte públicos cada vez máis rápidos, cada vez máis eficientes»26; «non sabes como facer cos teus pequenos, non tes posibilidade nin tempo para poder educalos? Non te preocupes: ábroche escolas infantís, centros socioculturais, ludotecas...»; «non sabes como atender os teus vellos, no teu pisiño do duodécimo andar, cos teus horarios de traballo? Non te preocupes: ofrézoche centros de maiores, viaxes, vacacións e residencias para eles». A especialización é o que caracteriza o servizo e compensa a segregación. Aos nenos e aos vellos non se lles permite, ou pónselles difícil, vivir coa súa familia, na súa propia casa, na súa cidade, pero ofréceselles o mellor que pode garantir a moderna psicoloxía, pedagoxía, pediatría, dietética e xeriatría. Mellor do que o podería facer a familia. O importante é que o cidadán que vota estea satisfeito, e que o estea no curto período do mandato electoral. Os tempos dos políticos son breves, deben superar as probas cada catro anos; os proxectos a longo prazo non lles compensan: non dan votos. En toda esta operación, que pode parecer razoable e mesmo meritoria, hai algo preocupante e perverso: a perda da esperanza e a re26

Atopei no aeroporto un home que volvía dunha viaxe ao Xapón, onde participara nunha feira de mostras. Hospedárano nun hotel a 150 km do lugar da feira e cada mañá «disparábano» nun tren desde o seu hotel ata as instalacións da feira en menos de media hora, o mesmo tempo que me leva a min percorrer en Roma a distancia que hai desde a miña casa ao meu centro de traballo. Un servizo moi eficiente, pero como pode resultar natural facer residir unha persona a 150 km da cidade en que traballa!

51


signación. A cidade dáse xa por perdida; os servizos –os mellores servizos– axudan a soportala, sen confiar que a vaian cambiar: «é o custo do progreso», «non se pode recuar». Parece que o progreso é un paquete con todo incluído: o coche e a lavadora, ademais de vantaxes, veñen necesariamente canda a contaminación, a droga, a violencia e o medo. Vén todo xunto; ou o collemos ou o deixamos.

Un acordo entre adultos Nesta situación, complicada para todos, o neno é o que máis sofre. Con el a compensación económica do dano non funciona. Os servizos, pensados para o adulto, non son bos para o neno. Se lle quitamos o pequeno espazo para xogar debaixo da casa e, segundo a lóxica da segregación e da especialización, llo devolvemos cen veces máis rico e máis grande a un quilómetro de distancia, en realidade estámosllo quitando, e punto. A un parque afastado pode ir soamente se un adulto o leva, polo tanto, acatando os horarios do adulto. Pode ir soamente no caso de que se mude, senón dános vergoña sacalo da casa; pero se se muda non se pode emporcar, e se non se pode emporcar non pode xogar. Quen o acompaña ten que esperar por el, e mentres está niso está a ter conta del, e baixo vixilancia non se pode xogar. Os parques infantís son un interesante exemplo de como os servizos foron pensados polos adultos e para os adultos, non para os nenos, aínda que estes son os seus destinatarios directos. Estes espazos para nenos son todos iguais, en todo o mundo, cando menos no mundo occidental: coidadosamente achandados, a miúdo valados e sempre dotados de tobogáns, bambáns e cabaliños. O primeiro aparello que entra en acción para a construción dun xardín ou dun parque infantil é a escavadora. A dicir dos adultos, case que parece que aos nenos lles guste xogar no chairo; pero non é: o espazo horizontal impídelles agocharse, que é unha parte im-

52


portante do xogo, pero asegura unha doada vixilancia. O neno debe xogar vixiado! Os adultos esquecemos axiña que o xogo está vencellado co pracer, e o pracer casa mal co control e coa vixilancia (pensemos nas nosas experiencias de pracer como adultos!). Un segundo aspecto preocupante é que son os adultos os que marcan os xogos que deben practicar os nenos nestes espazos. Os equipamentos están pensados para actividades repetitivas e sinxelas, como esvarar, arrandearse e dar voltas; deste xeito o neno semella máis un hámster27 ca un explorador, un investigador ou un descubridor. Son brinquedos para xogos específicos que deben ser usados como os adultos os idearon; e como os nenos se fartan de enseguida, para facelos distintos e novos intentan empregalos de xeito pouco ortodoxo, co que os fan máis perigosos: saltar desde os cabaliños en marcha, baixar polo tobogán de cabeza, arrandearse colgado por unha soa corda do bambán (coma os piratas nunha abordaxe) ou pendurados das dúas cordas do bambán coa cabeza para abaixo. Os parques infantís son todos iguais porque representan un estereotipo: a presenza de tobogáns, bambáns e cabaliños garanten que o adulto-pai se decate facilmente de que o adulto-político utilizou o diñeiro público para levar a cabo un servizo para o seu fillo. Que logo aos nenos lles guste ou non importa pouco. Tamén os outros servizos infantís están pensados para os adultos, e non para os nenos. «Queremos garderías para as nais traballadoras», dicíase nos anos 70. Na cidade, onde o emprego de man de obra feminina é elevado, as escolas infantís poden permanecer abertas ata 10 ou 12 horas por día, porque esta é a demanda social dos traballadores. Pero cal é a demanda dos nenos? Ben seguro, a de non 27

Xirar na roda, que normalmente decora a súa gaiola, non lles gusta nin sequera aos hámsters, que na súa vida na natureza (no Oriente Medio) poden vivir experiencias ben máis interesantes e aventureiras.

53


quedaren sós na casa, a de teren oportunidades para interactuar cos seus amiguiños. Pero... pode un neno de un ou dous anos resistir oito ou dez horas nun ambiente tan vasto, exposto a unha socialización forzada, ao ruído, a estímulos constantes, sen posibilidade de protexerse ou de fuxir? Isto non nolo formulamos, pero os adultos, os traballadores da escola infantil, para garantir o servizo si que organizan tres quendas, porque se considera que non poden sobrelevar unha carga de traballo maior de catro ou cinco horas por día! Vexamos outro exemplo máis cotián e, polo tanto, máis preocupante. Cando xorde un conflito polos horarios de traballo dos adultos e dos nenos –por exemplo, cando os adultos teñen que fichar ás oito e os nenos deben entrar na escola ás oito e media–, como reaccionamos? Sen ningunha vacilación, en todas as cidades, pedímoslles aos concellos que creen un novo servizo (coñecido como acollida temperá) para atender os pequenos desde as sete e media: cargamos sobre as costas dos nosos fillos unha hora máis de traballo. Poderiamos valorar distintas solucións, pero en calquera caso deberiamos evitar que o sufrisen os máis pequenos. Poderiamos terlles pedido aos nosos sindicatos que modificaran os contratos de traballo de xeito que, se nunha familia hai un neno que vai á escola, un dos pais poida flexibilizar o seu horario laboral e entrar despois do comezo da clase. Non sei se o teriamos conseguido, o que me preocupa é que nin sequera se nos ocorreu intentalo.

54


E daquela que facemos?

A cidade volveuse hostil, insolidaria e pouco acolledora para os seus propios cidadáns. O amo da cidade é agora o coche, que causa perigo, contaminación acústica e ambiental, vibracións e ocupación do solo público. As estradas son perigosas, pero temos que vivir nesta cidade e, sobre todo, quen ten fillos sente a necesidade e a urxencia de atopar unha solución.

A solución individual da defensa A solución que a nosa sociedade promove con máis forza a través dos seus medios de comunicación, da produción comercial e dos seus profesionais (psicólogos, educadores e asesores familiares) é individualista e propia do ámbito privado. É a que xustifica a situación actual como consecuencia necesaria e como prezo que pagamos polo progreso, e tamén a que lanza recomendacións como: «os pais deben estar máis cos seus fillos», «ninguén pode estar cos nenos coma os seus papás ou as súas mamás», «ten que xogar máis co seu fillo». Estas mensaxes crean obviamente un contraste ben evidente coa vida ás carreiras, coas horas de desprazamentos ou coa gana de relaxarse un pouco ao chegar á casa. Tamén se producen dolorosos sentimentos de culpa. Isto coloca os adultos nas mellores condicións para aproveitaren agradecidos os numerosos produtos comerciais que se lles ofrecen. De aí o dobre consello que a nosa sociedade lles manda hoxe aos seus cidadáns: protexédevos e consumide. Polo tanto, a vía da defensa está antes ca ningunha outra. Concíbese a casa como refuxio antinuclear: fóra está

55


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
A cidade dos nenos Galego by kalandraka.com - Issuu