SALOUCO PRIMEIRO
O desembarco «Xusto o lugar para un Tiburente!», o Contramestre berrou, desembarcando a tripulación con coidado; e por riba das ondas a cada un levou cun dedo no seu pelo entrelazado. «Xusto o lugar para un Tiburente! Dígoo máis unha vez, por se isto aguilloar a tripulación puidese. Xusto o lugar para un Tiburente! Dígovolo e xa van tres: pois verdade é o que dito está tres veces.» A tripulación era completa: incluía un Limpabotas e un fabricante de puchos e gorras. Tamén tiña un Avogado, traído para resolver liortas, e, para avaliar pertenzas, mesmo un Corredor de Bolsa. Un Apuntador de Billar, de habilidade inmensa dotado, que talvez gañase máis do que lle fora asignado de non ser por un Banqueiro, con enormes gastos contratado, que tiña o importe dos cartos todos controlado.
11
Había tamén un Castor percorrendo a cuberta ou sentado na proa a facer lazos, que, segundo o Contramestre, de desgrazas certas tíñaos salvado, por máis que os mariñeiros non coñecían un caso. Outro había famoso pola cantidade de cousas que deu en esquecer cando embarcara: o seu paraugas, o reloxo, os aneis e alfaias todas, e mesmo as roupas que para a viaxe mercara. Tiña corenta e dous baúis, todos ben cheos, co seu nome pintado claramente en cada tal; mais, como omitira mencionar o feito, foron atrás todos deixados, no areal. A perda das súas roupas ben pouco lle importou, pois tiña postos sete abrigos ao chegar, e mais tres pares de botas; aínda que o peor disto foi que esquecera por completo o seu nome real! Respondía a «ho!» ou a calquera outro dito, como «mala chispa me coma!», «até a perruca empeñado!», «como demo se chame!» ou «cal era o nome deste ghicho?», pero especialmente a «como sexa chamado»!
12
Se alguén prefería palabra máis vil tiña para isto repertorio atinado. Os seus íntimos chamábanlle «Cu de candil», e os seus inimigos, «Queixo afumado». «O seu aspecto é desaliñado, a súa intelixencia, cativa» (esta era do Contramestre a opinión máis frecuente). «Pero a súa afouteza é perfecta! E iso, en definitiva, é o que se precisa para o Tiburente.» Rebrincaba con hienas, devolvéndolles a mirada cun impúdico abaneo da cabeza; e unha vez do pezuño dun oso foi de camiñada. «É só para manter o ánimo», dixera. Chegou de Panadeiro e confesou moi tarde que el non sabía facer máis que torta nupcial, para a cal de ingredientes non había cantidade. Isto fixo ao Contramestre case tolear. O último da tripulación mención especial merece, por moito que parecese algo zoquete tiña unha soa cousa en mente: o Tiburente. Contratouno decontado o Contramestre.
13
Chegou como Carniceiro e con gran seriedade declarou, cando o barco xa levaba unha semana a navegar, que mataba apenas castores. O Contramestre semellou asustado, e mesmo aterrado de máis para falar. Ao cabo explicou, con trémula nota, que a bordo só había un Castor domesticado, pero que esta era a súa mascota e o seu sacrificio sería lamentado. O Castor, que escoitou esta historia casualmente, con lágrimas nos ollos botouse a protestar, dicindo que nin a éxtase de cazar o Tiburente podería tan deprimente sorpresa compensar. Con firmeza aconsellou que o Carniceiro debería ser levado a un barco á parte. Pero o Contramestre declarou que isto non ía cos plans que el fixera para a viaxe. Sempre foi a navegación arte complicada, mesmo cun barco só e unha campá. E temía que debía rexeitar a encarga dunha nave máis daquelas comandar.
14
A mellor solución era para o Castor procurar un abrigo usado a proba de dagas. Tal foi o que o Panadeiro propuxo aconsellar, e facer un seguro de vida nunha empresa acreditada. O Banqueiro propúxolle entón que comprase dúas pólizas excelentes contra estragos ou que por un módico prezo as alugase: unha para o fogo, outra para o pedrazo. Non obstante, desde aquel triste día, o Castor miraba a outro lado sempre que o Carniceiro aparecía e se mostraba enigmaticamente reservado.
16